Innovadores dunha tradición

----

Innovadores dunha tradición

Miguel Anxo Seixas Seoane traza as orixes e a xénese do proxecto do Seminario de Estudos Galegos.
Innovadores dunha tradición
O pobo galego creou unha lingua e unha cultura de seu que sempre estivo desasistida por parte das institucións asentadas en Galicia e do poder. Sobreviviu xa que logo só na oralidade dos seus falantes, que eran os seus únicos transmisores e creadores.

A partir de 1810 uns poucos intelectuais inician (máis ben continúan) un labor de rescate desa cultura como antano fixeran os ilustrados galegos. Son labores illados duns poucos, pero desta volta, unha vez iniciada esa actividade, xa non terá interrupción. Todos pretenden dignificar un pobo, a súa lingua e a súa cultura. Uns van sabendo dos outros e sumándose a ese labor de rescate e mesmo de cultivo por escrito desa literatura. Uns e outros dedícanse a recoller os froitos desa cultura popular antes de que se perda. Estes poucos letrados desde o castelán son os valedores desa cultura, e, asemade, os escritores en galego cultivan esa literatura.

Tras a desamortización vanse crear as comisións de monumentos en cada unha das catro provincias para tentar defender un patrimonio que se estaba deteriorando e perdendo. A Comisión de Pontevedra fórmase en 1854; a de Ourense, en 1855; a da Coruña, en 1867. Neste tempo, amais dos artigos e libros sobre temas galegos, xorden exposicións para dar a coñecer os logros dos galegos, como a de Santiago de Compostela en 1858, á que seguirán outras noutras cidades. Resultado desta inquedanza é a fundación en 1883 da Sociedad del Folklore Gallego na Coruña, a primeira tentativa grupal, que fracasará. De 1895 é o Museo de Ourense.

Amais da publicación na prensa de Galicia de temas galegos e de libros e folletos que recollen as nosas tradicións, edítase desde marzo de 1898 o Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense, que, con outro nome, rematará en 1960. A segunda tentativa grupal será a creación da Academia Galega na Coruña en 1905, que defenderá o galego desde o castelán e que estará limitada polo seu financiamento e pola falta de profesionais para o seu labor. Así e todo, a tradición de rescate feita polos membros desta institución e por outros non se interrompía e os novos escritores seguían a acrecentar co seu xenio, esforzo e xenerosidade a literatura galega.

Nese proxecto de rescate e defensa da cultura xorde a xeración de 1916: a das Irmandades da Fala, que fronte aos anteriores asume o compromiso coa lingua ao empregala na comunicación oral e escrita. Amais estes nacionalistas galegos son conscientes de que cómpre alcanzar o poder das institucións e tentar conseguir o Estatuto de autonomía para Galicia a fin de consagrar ese proxecto cultural e político. Por outra parte concedéuselle á Universidade a Sección de Filosofía e Letras en 1922. Con todo, a universidade galega nunca se implicara na defensa da lingua e da cultura galegas. Esta tentativa política da xeración de 1916 vaise interromper co golpe de Estado de Primo de Rivera en setembro de 1923. Coa ditadura e coa censura só lles quedaba un labor cultural pero restrinxido. Pola contra, en Cataluña, souberan valerse ata daquela das súas institucións como o Institut d'Estudis Catalans (1907) e a Mancomunitat (1914).

Neste contexto nove rapaces estudantes (Alberto Vidán Freiría, de 27 anos; Fermín Bouza Brey, de 22; Xosé Pena Pena, de 21; Xosé Magariños Negreira, de 19; Ramón Francisco Romero Lema, de 20; Wenceslao Requejo Buet, de 18; Xosé Filgueira Valverde, de 17; Lois Tobío Fernández, de 17, e Ramón Martínez López, de 16) de distintos cursos que coinciden na universidade en Santiago, coa complicidade do catedrático Armando Cotarelo Valledor, de fala e cultura galegas, deciden sumarse a ese proxecto de investigar e divulgar a cultura galega.

Esta xeración do 1923 ou do Seminario é consciente de que é seguidora dunha tradición. Cinco deles deciden o 12 de outubro de 1923 peregrinar de Compostela ata Ortoño, onde existía un castro (unha historia) e onde foi aleitada, entre febreiro e agosto de 1837, Rosalía de Castro, a escritora fundacional. O 21 de outubro en cas Cotarelo constitúese o Seminario de Estudos Galegos e o 27 é a primeira xuntanza na Universidade, na que aproban os Estatutos e onde Armando Cotarelo le o seu discurso de ingreso. Cotarelo será o seu primeiro presidente. Desde novembro outros lerán o seu discurso de ingreso en galego ou en castelán para ser socios. O esforzo destes intelectuais era enorme e os recursos, case inexistentes. Acoden á filantropía de Manuel Portela Valladares (1924) e ás doazóns de coleccións etnográficas e artísticas de Joaquín Arias Sanjurjo (1924). Logo virán outras achegas dos socios protectores.

Publican desde 1925. Nese ano elixen presidente a Salvador Cabeza de León. En marzo de 1926 inauguran o Museo Etnográfico Galego no pazo de San Clemente. Desde 1926 os artistas, para ingresar, han de presentar unha creación súa. Ese ano comeza a primeira xeira ou campaña de campo investigando a Terra de Lemos. Créanse as seguintes seccións en decembro: Bibliografía (Salvador Cabeza de León), Literatura (Armando Cotarelo Valledor), Ciencias (Luís Iglesias Iglesias), Prehistoria (Florentino López Alonso-Cuevillas), Paleografía (Juan Pérez Millán), Catalogación Iconográfica (Constantino Candeira), Etnografía (Vicente Martínez Risco), Historia (Salustiano Portela Pazos), Xeografía (Ramón Otero Pedrayo) e Socioloxía (Valeriano Villanueva). En 1927 parte dos socios levan a cabo unha campaña no Carballiño. Continúan co labor de catalogar e dótanse dun anuario denominado Arquivos. No labor de divulgación achéganse ata Pontevedra en 1928 e crean ese ano a Sección de Filoloxía, que dirixe Abelardo Moralejo. Ese ano ingresa a primeira muller, a pintora María Corredoira. No seu labor de catalogación iconográfica envían un cuestionario aos mestres para elaborar un inventario do patrimonio artístico de Galicia. En 1929 continúan os ingresos, as publicacións e as doazóns de obras, e créase a Sección de Fisioloxía, dirixida por José García Blanco. Neste ano comeza a primeira xeira da campaña de campo na Terra de Melide, e farán outras en Monforte de Lemos e no Saviñao; tamén ingresa cun discurso Sara Leirós Fernández. En 1930 créase a Comisión de Publicacións e a Universidade cédelle un local no colexio de Fonseca para instalarse co seu museo, arquivo e biblioteca. Neste ano o traballo de campo será no Deza. En 1931 elaboran o Anteproxecto de Estatuto de Galicia. Amais do intercambio de publicacións e do ingreso de galaicistas, reciben a visita de investigadores de Portugal, América do Norte, Alemaña etc.

Volven ao Deza en 1932 e deciden encargar manuais de temas galegos para editar. Vicente Fernández Hermida ingresa con seis maquetas de casas rurais. Filgueira imparte en 1933 na Universidade o primeiro curso de Literatura Galega en galego. Volven en 1934 ao Deza. En 1935 expón o pintor Colmeiro no seu local, participan na Semana Cultural Galega en Porto, en marzo-abril, e organizan en xullo e agosto o primeiro curso de extensión escolar en Pontevedra. O terceiro presidente do SEG será o científico Luís Iglesias Iglesias.

En 1936 xa van efectuados 112 ingresos e, en maio, elixen presidente a Ramón Otero Pedrayo. O 5 de xullo comezan a campaña de Fisterra, a súa oitava e derradeira misión. A sublevación militar interrompeu as publicacións en curso e as programadas e só sairá unha que xa estaba impresa: Parroquia de Velle.

O 31 de decembro de 1941 a biblioteca trasládase á biblioteca da Universidade.

Recomendamos: