Agustín Fernández Paz
Vilalba, 1947 - Vigo, 2016Autoría: Manuel Bragado Rodríguez
Autoría: Isabel Soto López
Escritor, mestre, activista, piar da literatura infantil e xuvenil galega
Agustín Antonio Fernández Paz nace o 29 de maio de 1947 no barrio das Fontiñas de Vilalba, o seu «centro do mundo», o escenario dunha infancia feliz. É o terceiro fillo de Antonia Paz Cascudo e Antonio Fernández Pillado, quen fixeron grandes esforzos para lles dar estudos a el e aos seus irmáns. É o pai, carpinteiro e trompetista da Orquesta Mato, quen lle transmite o vicio da lectura, pois fálalle das marabillas que encerran os escasos libros dos que dispón e apréndelle que a lingua que se fala na casa é a mesma na que están escritos Merlín e familia e Á lus do candil.
Fai os primeiros estudos na Escola Graduada, onde un dos seus mestres, o seu admirado don Félix Marín, alenta o seu gusto pola escrita e valora a súa imaxinación, alimentada polo seu entretemento preferido, os tebeos, afección que nunca abandonará. A súa educación sentimental complétase coas historias orais, os seriais da radio e os filmes do Cine Villalbés e do Cine Parroquial.
Con bos dotes para o estudo, ao rematar a escola prepara o bacharelato por libre e preséntase a unha proba de acceso á Universidade Laboral de Xixón, rexentada por xesuítas. Tres días despois do exame, prodúcese a morte repentina do seu irmán Luís, aos 18 anos, interno no Seminario de Mondoñedo dende 1954, unha traxedia familiar que pon un abrupto punto final a unha infancia marcada pola inocente sensación de liberdade.
Xixón: adolescencia e mocidade (1961-1968)
Pasa sete cursos interno na Laboral, o cal inflúe na súa formación e o seu carácter. Alí estuda Oficialía Industrial (rama de Metal, especialidade de Torneiro) e Peritaxe Industrial, titulación que acada en 1968 na Escola de Enxeñaría Técnica Industrial de Xixón.
Con catorce anos, publica en La Torre o texto premiado «El mundo en el año 2000», o primeiro de moitos, pois a partir de entón colabora nesa revista do centro de forma habitual.
Na adolescencia e a mocidade, comparte vivencias cos compañeiros e afonda na paixón polo cine e a lectura, grazas ás boas bibliotecas da Laboral e ao padre Gorrochátegui, outro mestre que deixa pegada nel, ao tempo que descobre os Beatles e outros grupos musicais populares.
Nos veráns en Vilalba, amígase con Rosa Prieto Crende, coa que se cartea con frecuencia, e imparte clases particulares. Cos cartos que obtén, merca os seus primeiros libros, algúns deles en galego.
Mergullado no catolicismo progresista, intégrase nos grupos da Vanguardia Obrera Juvenil, onde coñece a Aida, estudante de Maxisterio, coa que mantén unha relación. Porén, pronto cuestiona a omnipresenza da relixión na súa vida e experimenta unha fonda crise existencial e de fe reflectida nas cartas que intercambia co pai e unhas follas mecanografadas tituladas Meditacións de Celorio.
Este proceso cadra coas Milicias Universitarias no campamento de Monte La Reina (Zamora), onde coñece o estudante de Medicina compostelán Santiago Lois Mastach, que lle abre novos horizontes cos libros que lle empresta e sementa nel a dúbida sobre a súa verdadeira vocación. En 1969 completa o servizo militar coas prácticas no cuartel de Garabolos, en Lugo, onde accede a lecturas en galego.
Tras uns meses de transición en Vilalba, desorientado sobre que camiño tomar, en outubro de 1969 acorda marchar a Barcelona coa intención de principiar Ciencias da Educación.
Barcelona: tempo de liberdade (1969-1971)
Na capital catalá traballa como oficial torneiro na empresa de xoiaría mecánica Claudio Vidiella, onde a comezos de 1971 sofre un accidente laboral a resultas do cal perde a primeira falanxe de dous dedos da man esquerda.
Esta etapa ten unha grande importancia na súa formación literaria, cinematográfica e política. Frecuenta o Centro Galego, onde se fai amigo de Xesús González Gómez, daquela responsable da biblioteca, quen pon nas súas mans, entre outras obras, o Sempre en Galiza (1944) de Castelao. Asemade, comparte experiencias cunha cuadrilla de futuros intelectuais residentes na cidade.
Barcelona é para el un paraíso no que satisfai a súa paixón polo cine e a lectura. Os seus intereses amplíanse e, entre eles, gaña peso a pedagoxía.
Tras ver frustradas as esperanzas de cursar unha carreira, regresa a Vilalba e, en setembro de 1971, decide trasladarse á Coruña para comezar Maxisterio, escollendo así o mesmo camiño profesional ca a súa irmá maior Tita.
A Coruña: primeiros contactos co ensino (1971-1976)
Acomete con entusiasmo os estudos na Escola Normal, que rematará en xuño de 1974 como número 1 da súa promoción, o cal lle permitirá o acceso directo ao corpo de profesorado de EXB.
Coincide cun grupo de futuros docentes cos que comparte o desexo de democratizar o ensino. Inquieto e dinámico, colabora en A voz dos homes sen voz, o boletín da Escola; escribe ensaios sobre cine, literatura, cómic e pedagoxía; impáctao Punto cero, de José Ángel Valente, no que atopa un portavoz que o acompañará toda a vida, e convértese nun devoto cinéfilo grazas á súa participación na directiva do Cineclub da Coruña e na súa revista, canda Enrique Alonso Quintás e María Xesús Fernández.
A felicidade deste tempo vese enturbada pola morte do pai, aos 56 anos, o 14 de xullo de 1972.
No curso 1973-1974 realiza as prácticas no Fogar de Santa Margarida, onde ensaia unha orixinal actividade pedagóxica inspirada nas ideas do Plan Dalton, canda Xabier P. Docampo –o seu titor, co que axiña sintoniza– e outros profesores. No curso seguinte (1974-1975), en tanto non ten o primeiro destino provisional, continúa no Fogar, e logo exerce no Raquel Camacho, onde vive a morte de Franco, coñece o Manifesto dos ensinantes galegos e comeza a se interesar pola literatura infantil e xuvenil para seducir o alumnado. Xa en 1976 consegue o terceiro premio no IX Concurso de Contos infantís O Facho co relato «Ao mellor voltan tamén as anduriñas», o primeiro galardón da súa carreira literaria.
O 3 de xullo de 1976 casa na Coruña con Inmaculada Reino, á que coñecera en 1971 na Escola Normal.
Gernika: tempo de forzada emigración (1976-1978)
Destinado ao CEIP Allende Salazar de Gernika, pasa alí dous cursos, durante os cales asiste a clases de éuscaro e escribe algúns poemas. Contacta co colectivo pedagóxico Adarra, utiliza nas aulas as técnicas da escola moderna de Celestin Freinet e participa na mobilización promovida por unha coordinadora de mestres a modo de protesta polos concursos de traslados e os desprazamentos forzosos.
Nese tempo, abraia con Gramática da fantasía e Contos por teléfono, obras de Gianni Rodari que espertan a fascinación polo labor do italiano; e fórmase nun curso en Durango coa arxentina Ana M.ª Pelegrín. Participa tamén na creación do Cineclub Gernika e segue con atención os contidos das revistas Vindicación feminista e a galega Teima.
Mugardos: tempo de entusiasmo educativo (1978-1992)
En 1978 obtén praza definitiva no CEIP Unión Mugardesa, onde pon en práctica iniciativas innovadoras, chegando a recoñecer que rozou a utopía soñada. Tras se integrar no Movemento Cooperativo da Escola Popular Galega, dá a coñecer varios traballos na súa revista, As Roladas-2.
En Mugardos, ademais de ver nacer a súa filla Mariña en 1982, desenvolve un intenso labor que exemplifica a organización das Xornadas Municipais de Pedagoxía; a realización, con Inma, do programa de radio A Fervenza, na emisora municipal de Fene, sobre lingua e cultura galegas, ou a escrita, en colaboración con Bernardo Máiz, do guión do vídeo Xan de Xenaro: memoria de 32 anos (1985). A súa sona como docente lévao a impartir cursos de lingua e didáctica por toda Galicia.
Con todo, a súa traxectoria docente vese afectada por graves problemas a partir de 1983, logo dun conflito coa dirección do centro que deriva nun progresivo ambiente de deterioración. Chega a asumir o cargo de director, mais sofre o boicot do claustro cando tenta concretar o seu programa e acaba renunciando. O episodio ten consecuencias na súa saúde e arrástrao ao desánimo.
A partir de 1979, xunto cun grupo de mestres e mestras da bisbarra de Ferrol, crea o colectivo Avantar, co obxecto de compartir e elaborar materiais didácticos que renoven o ensino. A comezos de 1980, o colectivo acepta o convite de Xulián Maure, editor de Edicións Xerais de Galicia, de elaborar os libros de texto de Lingua e Literatura galegas e as súas propostas didácticas para EXB. Agustín, xunto con Xosé Lastra Muruais e César Martínez Yáñez, coordina e revisa os contidos e mesmo colabora na maquetaxe artesanal da serie «O Noso Galego». Este labor de editor e redactor de materiais didácticos continuará dende 1988, canda Xosé Lastra, con, entre outras, as series pioneiras «Canles» e a posterior «Labia» (1992). Un deses manuais, Canles 5, recibiu en 1990 o Premio Emilia Pardo Bazán para libros de textos non sexistas.
En 1983, na Facultade de Económicas de Compostela, participa no acto fundacional de Nova Escola Galega e, tres anos máis tarde, da Revista Galega de Educación –está no Consello de Redacción e asina a sección «Comicteca» e varios traballos baixo a epígrafe «O estado da lingua»–, amais de contribuír ao documento Un modelo de normalización lingüística para o sistema educativo galego (1989) e ás súas sucesivas actualizacións.
En 1987 licénciase na UNED en Filosofía e Ciencias da Educación, e durante os cursos 1988-1989 e 1989-1990 incorpórase ao acabado de constituír Gabinete de Estudos para a Reforma Educativa da Consellaría de Educación, labor que lle devolve os azos tras o vivido na Unión Mugardesa. Neste período asume a redacción de diversas achegas relacionadas co marco curricular e a lingua e literatura galegas.
Convértese ademais en sistematizador da literatura infantil e escribe ensaios relacionados coa lectura e a banda deseñada: Os libros infantís galegos, Ler en galego. Estratexias e libros para a animación á lectura dende as aulas (1990); Animación á lectura (1991), Facermos cómics (1991) e Os cómics nas aulas (1992). En recoñecemento aos seus estudos sobre o cómic e o seu emprego nas aulas, en 1992 recibe o Premio Ourense de Banda Deseñada.
A partir de 1988 promove e dirixe en Edicións Xerais, canda Xosé Lastra e Miguel Vázquez Freire, a colección «Merlín» de literatura infantil.
Dende xaneiro de 1991 fai un mestrado en coeducación dirixido por Mary Nash na Universidade de Barcelona, do que resulta como traballo final o ensaio «Estereotipos masculinos y femeninos en la Literatura infantil y juvenil».
En maio de 1992 trasládase a vivir a Pontedeume.
Nestes anos comeza a publicar literatura infantil, se ben xa fixera moitas achegas previas, entre elas, os textos sen asinar na serie de manuais «O Noso Galego»; os contos galardoados no Concurso do Facho («Ao mellor voltan tamén as anduriñas», en 1976, e «O rescate das palabras», en 1980) ou os incluídos na escolma de lecturas O libro de Merlín (1987), tanto o conto «A nube de cores» coma os guións das páxinas de banda deseñada, que ilustra Xan López Domínguez.
Porén, o seu primeiro libro é A cidade dos desexos (1989), integrado na colección «Merlín», unha historia sinxela de inspiración rodariana. En novembro dese ano obtén o Premio Merlín con As flores radiactivas (1990), ilustrado por Miguelanxo Prado, co que manterá unha fonda amizade. Recibe a nova internado na UVI do hospital de Ferrol por un problema coronario.
A seguir acada o Premio Lazarillo polo libro de relatos Contos por palabras (1991), a primeira vez que o galardón recoñece unha obra en galego. Rico en técnicas narrativas, continúa a senda rodariana, introducindo pinceladas de humor e crítica contra os aspectos que degradan a vida e derivan na perda da identidade, os costumes e a lingua. A obra obtén un grande éxito e inclúese na Lista de Honor do IBBY de 1992, motivo da súa primeira viaxe internacional, ao congreso do IBBY de Berlín, onde fala en nome dos premiados.
Este período péchase coa publicación de varios contos editados pola Consellaría de Cultura e os libros Lonxe de mar (1991) e O tesouro do dragón Smaug (1992), homenaxe implícita a Tolkien cos elementos do conto marabilloso.
Estas primeiras obras e os éxitos obtidos anímano a continuar escribindo, de maneira que se integra como creador e con brillantez nas filas da que chamamos «Xeración Lamote», que compartiu con Paco Martín e Xabier P. DoCampo, que xa tiñan publicados libros importantes.
Vigo: unha voz imprescindible (1992-2016)
A finais do verán de 1992, a familia instálase en Vigo. Agustín ten praza definitiva no CEP Igrexa-Valadares, se ben durante uns anos ocupará o posto de Coordinador Docente de Galego. En 1994 pasa ao Corpo de Profesores de Secundaria, cun primeiro destino provisional no IES San Tomé de Freixeiro que muda no curso 1999-2000 a definitivo no IES Os Rosais-2. Nel imparte Lingua Galega e Literatura até a súa xubilación en 2007.
Como voz autorizada en temas relacionados coa educación, a sociolingüística, a lectura ou a literatura infantil e xuvenil, reclámano en foros nacionais e internacionais.
Ao tempo, nestes anos desenvolve cun ritmo intenso a súa obra literaria, maiormente editada por Xerais, atendendo a diferentes franxas de idade, e recibe os máis destacados premios tanto dentro coma fóra de Galicia.
De 1994 son Rapazas e Fantasmas no corredor. Ese mesmo ano obtén o Premio Edebé Xuvenil con Trece anos de Branca, aos que seguen Avenida do Parque, 17 (SM, 1996), primeiro libro na colección Barco de Vapor, ou O laboratorio do doutor Nogueira (1997), mostra do seu rexistro humorístico.
Ao que denominou «lectorado de fronteira» destina a novela de terror Cartas de inverno (1995, Premio Rañolas), que se converterá no seu libro máis vendido –supera os 100.000 exemplares– e reeditado; Amor dos quince anos, Marilyn (1995), homenaxe ao centenario do nacemento do cinema; O centro do labirinto (1997), novela xuvenil de ciencia-ficción que, coma as mellores do xénero, presenta un mundo futuro que fai reflexionar sobre o presente, ou Cos pés no aire (1998), Premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña na súa primeira convocatoria, que aborda o tema da exclusión.
No cambio de século, publica importantes obras infantís para lectorado autónomo, nas que introduce o elemento fantástico: O soño do merlo branco (2000) e, en 2001, No corazón do bosque e Un tren cargado de misterios.
Tras se separar da súa parella, en xuño de 2002 atopa un novo lugar para a creación na rúa do Areal, onde escribe as súas obras literariamente máis ambiciosas, entre elas as xuvenís Aire negro (2000), incluída na Lista de Honra do IBBY; Noite de voraces sombras (2005) e Corredores de sombra (2006), dentro do ciclo que dedica á memoria histórica. E títulos infantís de gran calidade: O meu nome é Skywalker (2003, Premio O Barco de Vapor e White Ravens da Biblioteca de Múnic); A praia da esperanza (2003); A serea da Illa Negra (2003); Tres pasos polo misterio (2004); Raquel ten medo (2004); A escola dos piratas (2005, Premio Edebé Infantil); A fuxida do mar (2005) e Que medo, mamá Raquel! (2005).
En maio de 2006 falece a súa nai, o que pon fin a sete anos de constantes viaxes entre Vilalba e Vigo para coidala.
No mes de xuño de 2007 xubílase do seu labor docente. No acto de despedida, ante a promoción de Bacharelato, pronuncia o discurso «Cambiar o mundo e cambiar a vida».
O único que queda é o amor (2007, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil) e a nova homenaxe ao cinema Fantasmas de luz (2011, Premio da Crítica de Galicia) representan unha brillante madurez creativa. Ao público infantil e ao compromiso cos dereitos humanos dedica Lúa do Senegal (2009, Mellor libro de LIX do ano da Asociación de Escritores en Lingua Galega), Valados (2009) e o álbum A Dama da Luz (2009).
En O rastro que deixamos (2012) reúne escritos biográficos e sobre a paixón da escrita, espírito que comparte o póstumo Un mundo de palabras (2017), con textos sobre a lectura e o seu amor polos libros.
Non hai noite tan longa (2011) é a súa primeira novela na colección «Narrativa» de Xerais. Debedora das técnicas do xénero negro, ofrece unha minuciosa indagación moral e unha ácida ollada crítica sobre a nosa sociedade a finais da ditadura e comezos do século XXI. Amais do Premio Antón Losada Diéguez de Creación Literaria, recibiu outros recoñecementos como mellor libro dese ano.
A seguir, chegan A viaxe de Gagarin (2014), historia de amor marcada polas diferenzas de clase, Premio da Crítica Galicia de Creación Literaria, entre outros galardóns; A neve interminable (2015), unha obra de misterio que explora os medos esenciais do ser humano desde o principio dos tempos e aqueloutros orixinados pola desorde mundial do século XXI. E para o público infantil, Amizades secretas (2015) e O segredo da Illa Negra (2015). Postumamente editaranse a novela A casa do medo (2016) e O soño do merlo branco (2016).
Morre o 12 de xullo de 2016, collido das mans da súa filla e da súa dona, tras unha longa enfermidade contra a que loitou con enteireza e optimismo, permanecendo totalmente activo durante sete anos cun cancro metastático.
Ao día seguinte foi despedido nun multitudinario acto cívico no que o seu cadaleito foi cuberto coa bandeira galega. O seu corpo foi incinerado e os seus restos trasladados a Vilalba.
O seu labor foi recoñecido con múltiples homenaxes e distincións: Día das Letras Chairegas 2001 dos concellos da Terra Chá; Premio Irmandade do Libro 2003 da Federación de Libreiros de Galicia; «Mellor autor do ano» 2011 da Asociación Galega de Editores. Foi o candidato da OEPLI ao Astrid Lindgren Memorial Award de 2008 a 2015, e ao Premio Andersen de 2011 a 2015. A Fundación Manuel María dedícalle en 2008 o terceiro hectómetro literario do Paseo dos Soños, no vilalbés Muíño do Rañego. En Vilalba, en 2009, recibe «Letra E» da Asociación de Escritores en Lingua Galega, e pronuncia o discurso «Vilalba, o meu centro do mundo». Mantedor dos XXVI Premios Xerais (2009), le «Oito doas para San Simón», síntese memorable do seu pensamento literario e o seu compromiso co idioma. Nomeado «Lucense do Ano» pola Asociación da Prensa de Lugo, recibe en 2010 a homenaxe do Salón do Libro de Pontevedra.
A Xunta de Galicia concédelle en 2010 o Premio da Cultura Galega das Letras, que rexeita en protesta polas agresións contra a lingua e a cultura galegas do Goberno do Partido Popular.
En xuño de 2011 é homenaxeado pola Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística en Santiago polo seu labor precursor na normalización da lingua galega, e en abril de 2012 no Fogar de Santa Margarida. O 17 de maio dese ano le en Santiago o manifesto da plataforma cidadá Queremos Galego.
En xuño de 2012, Prolingua, plataforma cidadá apartidaria en defensa do galego, en cuxa creación colaborou en 2009 xunto a Xabier P. DoCampo, como resposta ao Decreto 79/2010 de Plurilingüismo, recoñece o seu compromiso profesional e vital nun acto multitudinario.
Entre as distincións á súa traxectoria cóntanse o Premio Ramón Piñeiro Facer País 2012 da Asociación Cultural Val de Láncara; socio de Honra de GÁLIX (2012) e de Nova Escola Galega (2013); Premio Trasalba 2014 da Fundación Otero Pedrayo, acto no que se presentou o volume Agustín Fernández Paz. Na casa da esperanza; o VII Premio Iberoamericano SM en 2011, entregado en México, na Feira Internacional do Libro de Guadalajara, onde leu o discurso «Leer para cambiar el mundo».
O 28 de xaneiro de 2013 é investido doutor honoris causa pola Universidade de Vigo, e en 2015 recibe o Premio dos Clubs de Lectura concedido pola Consellaría de Educación e Cultura como o autor galego máis lido no curso 2013-2014.
O 6 de xuño de 2016, o IES Basanta Silva de Vilalba ponlle o seu nome á biblioteca escolar. O saúdo por vídeo que envía ao centro constitúe a súa derradeira intervención pública.
Tras o seu falecemento, en febreiro de 2017 lémbrase a súa figura na homenaxe O rastro que deixamos, no Auditorio de Caranza (Ferrol). Ese mesmo ano, o IESCHA (Instituto de Estudos Chairegos), o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia crean na súa memoria o vixente Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade.
Como citar: Bragado Rodríguez, Manuel : Soto López, Isabel : Agustín Fernández Paz. Publicado o 29/5/2026 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1406. Recuperado o 07/06/2026
DOCUMENTACIÓN DE
Lémbrome. Ver Documento
Texto do autor sobre a súa vida.
Onde hai unha biblioteca hai unha luz. Ver Documento
Manifesto para o Día das Bibliotecas, elaborado por Agustín Fernández Paz en 2009.
Agua de beber. Ver Documento
Texto publicado en CLIJ. Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil, 171 (2004).
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Cronoloxía biobibliográfica de Agustín Fernández Paz, elaborada en 2026 por Manuel Bragado e Isabel Soto. Ver Documento
Ligazóns de interese
Agustín Fernández Paz en Galipedia
Fonte: Galipedia
https://gl.wikipedia.org/wiki/Agust%C3%ADn_Fern%C3%A1ndez_Paz [consulta: 2026-04-24]
Agustín Fernández Paz en Xerais
Fonte: Editorial Xerais
https://www.xerais.gal/autor/agustin-fernandez-paz/ [consulta: 2026-04-24]
Agustín Fernández Paz na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes
Fonte: Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. Universitat d´Alacant
https://www.cervantesvirtual.com/portales/fernandez_paz/ [consulta: 2026-04-24]
Agustín Fernández Paz: espazo multimedia
Fonte: páxina web de Agustín Fernández Paz
https://agustinfernandezpaz.gal/multimedia/ [2026-04-24]
Álbum de fotos de Agustín Fernández Paz na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes
Fonte: Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.Universitat d´Alacant
https://www.cervantesvirtual.com/portales/fernandez_paz/imagen_fotos/ [consulta: 2026-04-24]
Blog de Agustín Fernández Paz, «Un lector»
Fonte: sitio web de Agustín Fernández Paz
https://agustinfernandezpaz.gal/un-lector/ [consulta:2026-04-24]
Entrevistas con Agustín Fernández Paz
Fonte: Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. Universitat d´Alacant
https://www.cervantesvirtual.com/portales/fernandez_paz/estudios_entrevistas/ [consulta: 2026-04-24]
Análise de Cartas de inverno desde a perspectiva da crítica xenética
Fonte: Fernández Vázquez, Mar; Ferreira Boo, Carmen: «Apuntamentos de Crítica xenética sobre Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz», Moenia, 16 (2010), 437-450.
https://minerva.usc.gal/rest/api/core/bitstreams/91f03f19-0ac8-4e94-ab64-049ce3d88547/content [consulta: 2026-04-27]
Fototeca de Agustín Fernández Paz
Fonte: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
https://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/agustin-fernandez-paz/fototeca [consulta: 2026-04-27]
Entrevista de Norma Gutiérrez a Agustín Fernández Paz en 2011 para o xornal El Informador de México
Fonte: Gutiérrez, Norma: «Fernández Paz, sin estereotipos infantiles», El Informador (28 de novembro de 2011).
https://agustinfernandezpaz.gal/fernandez-paz-sin-estereotipos-infantiles-entrevista-de-norma-gutierrez-para-el-informador-de-mexico/ [consulta: 2026-04-27]
Entrevista con Agustín Fernández Paz publicada na revista La Página Escrita
Fonte: «Así escribe Agustín Fernández Paz», La Página Escrita, 9 (2014).
https://www.lapaginaescrita.com/revista/2014/09/#page/6 [consulta: 2026-04-27]
Número especial da revista Peonza dedicado á obra de Agustín Fernández Paz
Fonte: «Agustín Fernández Paz», Peonza. Revista de Literatura Infantil y Juvenil, 108 (marzo de 2014).
https://www.cervantesvirtual.com/portales/peonza/obra/num-108-marzo-2014/ [consulta: 2026-04-27]
Volume da revista Sarmiento que inclúe unha parte monográfica dedicada a Agustín Fernández Paz
A parte monográfica do volume é unha homenaxe ao escritor e profesor Agustín Fernández Paz, coordinada por Antón Costa Rico e Miguel Vázquez Freire.
Fonte: Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación, 20 (2016)
https://revistas.udc.es/index.php/sarmiento/issue/view/srgphe.2016.20.0 [consulta: 2026-04-28]
Sitio web de Agustín Fernández Paz
Fonte: https://agustinfernandezpaz.gal/ [consulta: 2026-04-28]
Videoteca de Agustín Fernández Paz
Fonte: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
https://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/agustin-fernandez-paz/videoteca [consulta: 2026-04-28]
Videos
Entrevista realizada por Henrique Monteagudo a Agustín Fernández Paz, para o proxecto documental Historia da normalización lingüística do galego (parte I) [1 h, 11´]
Fonte: Consello da Cultura Galega
https://www.youtube.com/watch?v=jRY0mAzKiVE [consulta: 2026-05-21]
Entrevista a Agustín Fernández Paz realizada polo xornal dixital Culturagalega.org en setembro de 2011 [6´ 03´´]
Fonte: Consello da Cultura Galega
https://www.youtube.com/watch?v=-M9dNAsQZqg [consulta: 2026-05-21]
Agustín Fernández Paz cóntanos por que comezou a escribir [1´ 32´´]
Fonte: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
https://www.youtube.com/watch?v=wbZtZ6ecUfc [consulta: 2026-05-21]
Discurso pronunciado por Agustín Fernández Paz no acto de recepción do Premio Iberoamericano de Literatura Infantil e Xuvenil SM. Guadalajara (México), o 29 de novembro de 2011 [13´ 08´´]
Gravación realizada por Xulio Abollo.
Fonte: canle de Youtube de Manuel Bragado
https://www.youtube.com/watch?v=aPLy5pTqc34 [consulta: 2026-05-21]
Intervención de Agustín Fernández Paz no acto de homenaxe que lle renderon os equipos de normalización lingüística dos centros de ensino en 2011 [17´ 52´´]
Fonte: Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística
https://www.youtube.com/watch?v=WMj-Busxh_U [consulta: 2026-05-21]
Entrevista realizada por Tati Mancebo a Agustín Fernández Paz na Biblioteca Nodal González Garcés da Coruña, 2007 [11´ 19´´]
Fonte: Alfredo J. Ferreiro Salgueiro
https://www.youtube.com/watch?v=8GIlaMOW7do [consulta: 2026-05-21]
Agustín Fernández Paz fala sobre O rastro que deixamos [3´ 09´´]
Gravación realizada por Alfredo Ferreiro, para Blogaliza TV, durante a celebración da Feira do Libro da Coruña en agosto do 2012.
Fonte: Blogaliza TV
https://www.youtube.com/watch?v=Y48H92cdNMQ&t=22s [consulta: 2026-05-21]
“A construción do lector / Agora entramos nós” [1 h, 22´ 07´´]
Conferencia de clausura de Agustín Fernádez Paz nos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, que tiveron lugar os días 7 e 8 de marzo de 2013 en Santiago de Compostela.
Fonte: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia
https://www.youtube.com/watch?v=dDOMAhqVn1A [consulta: 2026-05-21]
Participación de Agustín Fernández Paz no proxecto «21 Días co Galego», promovido polo EDLG do IES Pobra do Caramiñal, en febreiro de 2014 [11´ 53´´]
Fonte: Pilar Ponte - A Profa (IES Pobra do Caramiñal)
https://www.youtube.com/watch?v=YBIRoGuXftM [consulta: 2026-05-21]
Libros do ccg sobre Agustín Fernández Paz
A lingua galega, historia e actualidade (v. I).
2004 | Rosario Álvarez, Edición. Francisco Fernández Rei, Edición. Antón Santamarina, Edición.
Actas do I Congreso Internacional celebrado do 16 ó 20 de setembro de 1996 en Santiago de Compostela
O Proceso de normalización do idioma galego (1980-2000).
2002 | Xan Bouzada, Autoría. Xan Bouzada, Coordinación. Agustín Fernández Paz, Autoría. Henrique Monteagudo, Coordinación. Anxo M. Lorenzo Suárez, Autoría.
v. 2: Educación
Comunicación e cultura en tempos de redefinición.
2000 | Xosé López García, Coordinación. Xosé Antonio Neira Cruz, Coordinación.
Actas das Xornadas celebradas os días 11 e 12 de decembro de 1998 en Santiago de Compostela



























