María Miramontes Matos
Santa María de Guisamo, 6/ 4/1895 - Bos Aires, 17/9/1964Autoría: Encarna Otero
Unha das defensoras do Estatuto do 36
Con el casa en setembro de 1920, con el instálase no número 9 da Rúa Panadeiras e alí mesmo abren os dous en sociedade económica conxunta un pequeno comercio de venta de teas. Os ingresos cativos desta actividade fan que María se dedique tamén á súa profesión de modista mentres que Ánxel completa a economía con clases de francés e traducións. A parella non só mantén a súa vida en común senón que alimenta economicamente iniciativas múltiples do nacionalismo e da cultura de Galicia: as Irmandades da Fala, a editorial Lar, despois a editorial Nós e unha escola aberta e popular con ensino bilingüe e educación progresista e laica inspirada na Institución Libre de Enseñanza, para así facer que os nenos e nenas das clases traballadoras poidan aprender e formarse no coñecemento e amor por Galicia.
No ano 1927, María vai quedar marcada por un feito fisiolóxico, derivado da súa condición de muller, un aborto vaina deixar fisica e psiquicamente destruída, xa que non poderá ter máis fillos. Con valentía e tesón afronta esta situación e de novo o traballo como modista e a militancia fan dela a muller responsábel, cariñosa e valente que sempre foi.
A proclamación da República o 14 de abril de 1931 faille vivir, xunto con Ánxel, días de esperanza e de ilusión na cidade da Coruña. Aos poucos meses deciden trasladarse a Compostela por motivos económicos e políticos: estar máis preto do Seminario de Estudos Galegos, xa que a Editorial Nós publicaba todas as obras desta institución e talvez, cavilando que nos novos tempos, pensan que Santiago pasaría a ser a capital de Galicia. Cando no mes de decembro deste 1931 nace o Partido Galeguista, María, xunto a Genoveva Casal e outras mulleres, non moitas, traballa a prol de convencer ao pobo de Galicia, e moi especialmente ás mulleres, da necesidade que Galicia ten de dotarse dunha forza política propia.
Seguramente non foi doado para María atopar clientela para o seu traballo como modista xa reputada entre as damas da "boa sociedade compostelá", mais é ben certo que a súa habilidade coa agulla e a tesoira, a súa capacidade creativa cos patróns e as teas, van romper esa barreira e nos bailes do Casino, nos actos institucionais da sociedade compostelana, nos actos universitarios do Paraninfo, a roupa que crea María ten sona do bon facer.
A súa xornada laboral, case sen fin, compatibilízaa coa súa militancia política e coa súa participación nas tertulias da Editorial Nós, onde seguramente cose e fala ao mesmo tempo. Mais a súa preocupación está nas mulleres e no convencemento de que, dentro do Partido Galeguista, ten que haber unha organización propia feminina. Así, no ano 1933, nun 25 de xullo, Día da Patria, un grupo de mulleres militantes do Partido Galeguista, entre as que está María, asina un chamamento público dirixido a todas as mulleres para que tomen conciencia dos valores galegos. Esta sorte de manifesto verá a luz pública o 3 de agosto no xornal La Razón de Lalín e 3 días despois en A Nosa Terra. Coincidindo coa publicación deste chamamento, neste último xornal créase unha sección fixa dedicada ás mulleres, titulada "O recanto da muller".
María vai participar activamente na campaña de apoio ao Estatuto que se vai referendar o 26 de xuño de 1936. O 17 de xullo Ánxel Casal facía entrega do Estatuto de Galicia, xunto a toda a Comisión designada para esta función, ao Presidente das Cortes e ao Presidente da República. O 18 de xullo ten lugar a sublevación militar franquista. O día 20 de xullo, Ánxel Casal, que acababa chegar de Madrid, faise cargo da alcaldía e ponse ao fronte do Comité Republicano de Santiago. Ese mesmo día, ás 12 da noite, a autoridade militar obrígao a ceder o mando. María e Ánxel vanse a Vilantime (Arzúa), aldea da familia de Ánxel Casal. O martes 4 de agosto, tras ser delatado por un veciño, Ánxel foi detido e conducido á cadea de Santiago, "a falcona". Comeza así, para María, unha etapa de dor, de sufrimento. Intentará por todos os medios manter con vida a Ánxel Casal, mais el, como moitos homes e mulleres, vai ser brutalmente asasinado nunha gabia en Cacheiras na noite do 18 ao 19 de agosto. María vive unha curta temporada na Coruña na casa dos Casal arranxando os papeis para exiliarse e recompilando e gardando todos os obxectos persoais, fotografías e correspondencia que poden aínda conservar a lembranza, o amor e a complicidade de Ánxel.
No mes de novembro de 1936, como outras moitas mulleres, chea de dor e vestida de negro, embarca vía Lisboa, rumbo a Bos Aires, onde ten parte da súa familia emigrada. Cando chega alí consegue convivir co seu sufrimento e retomar a súa profesión, conservando así a súa independencia económica. Volve ser modista, mais a súa agulla e as súas teas nunca van ter a alegría e a ilusión da súa vida en Galicia. Algúns anos máis tarde casa cun curmán, Pedro Miramontes, que residía na mesma casa na que ela vivía. Mais as súas conversas e a súa vida estaban máis vinculadas á familia Seoane: con Rafael, con Maruxa e con Luís podía falar de Compostela, do Estatuto, da esperanza dun país novo cun pobo libre e, sobre todo, podía falar, evocar e chorar a memoria de Ánxel, home, compañeiro, amigo, amante que por sempre permaneceu no seu corazón.
María morreu o 17 de setembro de 1964 na capital porteña. Os seus ollos pecháronse, pero xa non tiñan luz desde aquel 18 de xullo de 1936 en que a barbarie e o sangue a deixaran cega.
O xornal A Nosa Terra de Bos Aires publicou en marzo de 1965 unha nota necrolóxica escrita por Maximino Brocos (pseudónimo de Luís Seoane). Mais a partir deste momento o silencio e o esquecemento fixeron de María Miramontes unha muller inxustamente invisibilizada.
Como citar: Otero, Encarna : María Miramontes Matos. Publicado o 1/1/2006 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2601. Recuperado o 30/04/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Chamamento ás mulleres publicado en xornais. Ver Documento
O 25 de xullo do 1933, un grupo de mulleres do Partido Galeguista, entre as que está María, asina este chamamento. Foi publicado o 3 de agosto no xornal La Razón de Lalín e o 6 do mesmo mes en A Nosa Terra.
Fonte: arquivo de Encarna Otero Cepeda
Manifesto da Sección Femenina das Irmandades da Fala. Ver Documento
Este manifesto da Sección Femenina das Irmandades da Fala, da que fai parte María Miramontes desde 1917, responde a outro publicado pola Asociación Nacional de Mujeres Españolas (ANME). Imprimiuse en 1918 na imprenta Valladares de A Coruña e remitiuse a todos os xornais do territorio español
Fonte: Arquivo familiar Varela Bao
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Power point elaborado por Lola Ferreiro sobre a modista, militante republicana e nacionalista e exiliada polo franquismo María Miramontes Mato. Ver Documento
FERREIRO DÍAZ, LOLA: María Miramontes (2017).
Fonte: CDIF
TORNA, Cilia: «María Miramontes, tecendo a patria cincuenta anos despois», Sermos Galiza (09/06/2014). Ver Documento
Fonte:http://www.sermosgaliza.gal/ [data de descarga: 11/12/2015]
Mulleres e memoria histórica, por Aurora Marco. Ver Documento
Elaborado con motivo da aprobación da Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura.
Bibliografia. Ver Documento
Unha bibliografia detallada sobre María Miramontes
Relación de Socias de Irmandade da fala.. Ver Documento
Datado en abril de 1928, o listado xeral das e dos membros da Irmandade da fala da Coruña comprende 90 nomes con idades e direccións. Neste documento recollense os nomes, idades e direccións das 16 mulleres do listado.
Fonte: VÁZQUEZ SOUZA, Ernesto: Ánxel Casal (1895-1936): biografía no seu contexto cultural, político e empresarial. Tese de doutoramento inédita, A Coruña, 2000.
Estatuto Galego de 1932. Ver Documento
Estatuto Galego de 1932 e refrendado o 28 de xuño de 1936
Recortable de María Miramontes. Ver Documento
Recortable de María Miramontes publicado no fanzine Galiza nación Cuir, Comisión de Sexo, Xénero, Diversidade de políticas LGTBQI da Galleira, nº1 (novembro 2016), p. 38.
Ligazóns de interese
María Miramontes Mato no web Nomes e voces
[última consulta: 30/06/2021]
María Miramontes en Andaina
[última consulta: 30/09/2021]
Rita Amparo López Jean no Álbum de Galicia
[última consulta: 30/06/2021]
Referencias bibliográficas
- ANXEL CASAL catálogo da exposición celebrada na galería Sargadelos no ano 2003
- DUBY, G., PERROT, M. (coord.), Historia de las mujeres. El Siglo XX. Tomo V, Madrid, Taurus. 1990.
- FREIRE LESTÓN, X.V., Lembranzas dun mundo esquecido. Muller, política e sociedade na Galiza Contemporánea, Santiago de Compostela, Laiovento. 1993.
- PEREIRA, D. (coord.), Os conquistadores modernos. Movemento obreiro na Galiza de anteguerra, Vigo, A Nosa Terra, 1992.
- PÉREZ LEIRA, L., “María Miramontes” , en Galegos na Arxentina. Unha ollada fotográfica, Vigo, FESGA, 2006, p. 89.