María Muñoz Portal
A Coruña, 1886 - A Habana, 1947Autoría: María Irene del Río
Pioneira dun novo período na cultura musical cubana
María Muñoz (A Coruña, 1886 A Habana, 1947), nacionalizada cubana en 1940, inaugura un novo período na cultura musical do país ao comezar e propiciar a consolidación dun movemento polifónico coral nos momentos do inicio e ascensión da música cubana aos xéneros maiores do sinfónico.
Estuda nos conservatorios de Cádiz e Madrid. Posteriormente é alumna particular de Manuel de Falla durante catro anos.
En 1919 María Muñoz Portal casa con Antonio Quevedo Sánchez, enxeñeiro que deveu co tempo nun importante especialista musical; viaxan a Cuba de lúa de mel e deciden instalarse na Illa. Na mesma viaxe coñeceron a Amadeo Roldán, co que mantiveron unha estreita amizade até a morte deste.
María ofrece o seu primeiro concerto de piano na Habana en 1920. No ano 1923 é directora do conservatorio Escuela Filarmónica Nacional, creado por Pedro Sanjuán. Xa en 1925 funda e dirixe o Conservatorio Bach, institución que acadou un alto nivel polos eventos artísticos realizados. No ano 1927 crea Musicalia, unha das mellores publicacións especializadas de América. María é a directora, Quevedo o editor. En 1930 inaugura e rexe a Sociedad Cubana de Música Contemporánea. Ao acto inaugural desta sociedade asiste Federico García Lorca. Convén salientar a formación en 1931 da Sociedad Coral de La Habana, o máis antigo organismo coral de Cuba, que divulgou a gran literatura coral europea e estimulou a creación da música coral cubana; deixou unha fecunda escola. María Muñoz inclúe no repertorio da Coral cancións galegas xa desde o seu concerto inaugural.
A partir de 1933 ofrece concertos sinfónico-corais en colaboración coa Orquesta Filarmónica, dirixida por Amadeo Roldán. No primeiro deles estrean en Cuba a IX Sinfonía de Beethoven. Participa en 1934 na inauguración da Sociedad Musical Universitaria. Colabora co Centro Galego e coas Sociedades Galegas, así o recolle o boletín do 25 de xullo de 1935 da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, dedicado á Fiesta de la Música Gallega, que inclúe, entre outros, os artigos "Música Popular Gallega" de García Acuña e "Música y Cantares de Galicia" de Carré Aldao. Co título Cantos populares vemos poemas de Rosalía de Castro e Curros Enríquez. O 25 de xullo de 1942 esta sociedade organiza unha gala coa participación da Coral e do coro infantil do cadro de persoal de Concepción Arenal. O padre José Rubinos ofreceu unha conferencia sobre a Real Academia Galega.
A nosa musicóloga prosegue o seu labor coa fundación dunhas Cantorías, que dotaron a Cuba de grupos corais escolares e universitarios. As Cantorías foron creadas anexas á antiga Casa de Beneficencia (1935), ao colexio das Dominicanas Francesas (1941), á Universidad de La Habana (1942), e ao Instituto Cívico-Militar (1939) do que recibira o nomeamento de directora do Departamento de Música en 1938 .
Entre os anos 1937 a 1939 mantén con Juan Ramón Jiménez unha grande amizade; este suxírelle que os alumnos do Conservatorio publicasen a revista Presencia. Dona María Muñoz é desde 1941 a 1945 profesora universitaria do curso de verán sobre Música Folklórica de Cuba, cuxa programación incluía as relacións da música cubana coa española e estudaba a galega en particular. Despois do seu pasamento a Coral inclúe no seu repertorio a panxoliña "El niño pobre", con arranxos de Erickson.
Directora, compositora, pianista, profesora, articulista, conferenciante, promotora cultural e colaboradora con importantes institucións e intelectuais, hai que salientar a súa colaboración con García Caturla.

Como citar: del Río, María Irene : María Muñoz Portal. Publicado o 1/1/2006 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2719. Recuperado o 20/06/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Obras estreadas pola «Sociedad Coral de La Habana».. Ver Documento
Unha lista parcial das obras galegas estreadas pola «Sociedad Coral de La Habana».
DOCUMENTACIÓN SOBRE
«As nosas mulleres: María Muñoz de Quevedo».. Ver Documento
Artigo de Irene del Río publicado nas Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos. Mulleres en Galicia e os outros pobos da Península, Ediciós do Castro, 2010
Nota de prensa dos Exames de piano no conservatorio Bach, dirixido por Carmen Muñoz Manzano. Ver Documento
Fonte: Arquivo da Emigración Galega. CCG
Ligazóns de interese
María Muñoz de Quevedo en Cuba debate
[última consulta: 29/07/2021]
María Muñoz Portal en A Coruña das mulleres
[última consulta: 29/07/2021]
María Muñoz Portal en EcuRed
[última consulta: 29/07/2021]
Referencias bibliográficas
- DEL TORO GONZÁLEZ, Fernando Ortiz y la Hispanocubana de Cultura Fundación Fernando Ortiz (1996)
- DOMINGO CUADRILLERO, J., Los Españoles en las Letras Cubanas durante el Siglo XX Editorial Renacimiento (2003)
- GARCÍA CATURLA, A., Correspondencia Editorial Arte y Literatura (1978)
- HENRÍQUEZ, M.A., Alejandro García Caturla Ediciones Unión (1998)
- MARTÍNEZ CARMENATE, U., García Lorca y Cuba: todas las aguas Editado polo Centro de Investigaciones y Desarrollo de la Cultura Cubana Juan Marinello (2002)
- OROVIO, H., Diccionario de la Música Cubana. Biográfico y Técnico Ed. Letras Cubanas (1992)