Joaquín Pintos
Vigo (Pontevedra), 4/ 3/1881 - Pontevedra, 16/10/1967Autoría: Vítor Vaqueiro
Unha vida dedicada á fotografía
A galería fotográfica da rúa Michelena debeu experimentar un novo ímpeto no ano 1906, cando Pintos lanzara publicamente un gabinete de gran luxo, con moblaxe adquirida en Alemaña e material e aparellos fotográficos igualmente arranxados no estranxeiro. Neste estudio exhibía de maneira permanente retratos de figuras pontevedresas renomeadas, que se mostraban ao público en ampliacións de grandes tamaños. É así como chegaron a nós as faces de intelectuais, escritores, políticos, actrices, músicos ou raíñas, personaxes entre as que se poderían salientar Xerardo Álvarez Limeses, Celso García de la Riega, Daniel Castelao, Montero Ríos e a súa dona Avelina Iglesias, Josefa e Carmen Ximénez de Sandoval —a primeira, protagonista do filme de José Gil Miss Ledya, fita inaugural da ficción galega—, Manuel Quiroga ou María Bertha de Rohan, segunda esposa de Carlos VII, fotografada na visita que rendeu á Galiza en 1925. Retratos estes en que, en xeral, se mostra un equilibrio entre as distintas tomas, alternando neles planos xerais, americano e medio curto, nalgúns casos con pegadas pictorialistas, manifestadas en cuestións técnicas, como o desenfoque —e a consecuente aparición do flou— ou a disposición dos suxeitos fotografados.
Alén desas pegadas técnicas, noutras ocasións, o influxo pictorialista —que coincide coa liquidación do movemento, no resto da Europa e dos Estados Unidos, no comezo da I Guerra Mundial— maniféstase na escolla dos temas e no estilo que adoptan e cuxos títulos xa son o suficientemente esclarecedores dos contidos. Fotografías como As Marías no sepulcro (ca. 1915) ou Fiandeira (ca. 1915) pertencen a este momento produtivo, definido pola utilización da alegoría, os procedementos simbólicos e a combinación de negativos e remiten a imaxes pictorialistas como Fading Away (1858), da autoría de Henry Peach Robinson, aínda que cun retraso de case sete décadas con respecto á obra do fotógrafo inglés e sen pór en xogo, coma este, unha obra de inmensa complexidade, caracterizada pola síntese de negativos distintos. O punto de vista fotográfico de Pintos —que é preciso encadrar no atraso vivido pola fotografía galega e española— ponse tamén de manifesto no traballo no que converte o poema de Curros Enríquez A Virxe do Cristal, nun relato visual. As dez partes de que consta o texto literario do poeta celanovés coordínanse con dezaseis fotografías, que levan ao pé delas fragmentos do poema. Para a súa realización, no ano 1922, Pintos deslocouse á propia Celanova e utilizou como modelos sectores da mocidade pontevedresa familiarizados con procedementos teatrais. O traballo atinxiu o Gran Premio de Honra no concurso —chamado Rexional— de Fotografía celebrado na Coruña e organizado pola Sociedad Fotográfica.
O texto no que se falla o concurso
rexionalé significativo, ao subliñar o suceso de Pintos
en la sección de figura y composición(son eu quen subliña), terminoloxía tirada directamente da pintura figurativa e que ilustra o nivel da perspectiva estética nos anos vinte cando a crítica avalía o xénero fotográfico. Sexa como for, a estratexia de fusión de texto e imaxe debeu ter un especial engado para Joaquín Pintos, xa que tres décadas despois do proxecto sobre A Virxe do Cristal recuncaría na mesma idea cos temas da Paixón e a cultura literaria española como pano de fundo. Efectivamente, en 1957, o fotógrafo habería realizar un conxunto de, novamente, dezaseis fotografías sobre dita temática relixiosa, onde cada imaxe viría acompañada de poemas de frei Luis de León, Lope de Vega e outros autores do Século de Ouro. O resultado, propio da Semana Santa e do nacional-catolicismo militante, correspondía a un mandado da Confraría do Espírito Santo de Alumnos e Exalumnos do Instituto e ficaba plasmado nun Viacrucis, cuxo contido literario se lía nas igrexas pontevedresas nesta época. Achamos importante salientar que o aceno pictorialista tamén se manifesta na fotomontaxe, iniciada no século XIX con autores como Oscar Gustav Rejlander, e utilizada nas primeiras tres décadas dos vinte por dadaístas e surrealistas, por fotomontaxistas procedentes da Revolución de Outubro ou por militantes do DKP, Partido Comunista Alemán, na loita contra o nazismo como John Heartfield/Helmut Herzfeld. Na esteira desta tendencia, Pintos realizou, por volta dos anos dez do século XX, fotomontaxes onde un único suxeito interpretaba dous papeis distintos, procedemento que o achega a contemporáneos como o portugués morador en Ourense José Pacheco ou o coruñés Manuel Chicharro.
Ao longo da súa vida, distintos medios escritos inseriron fotografías de Pintos e xa desde comezos do século XX, cando tan só tiña vinte anos, diferentes publicacións, moitas delas de incontestábel interese, nomeárano correspondente artístico. Así aconteceu con Vida Gallega, que lle outorgara dita acreditación en 1904 —mesmo cando a revista de Jaime Solá era só un proxecto—, co xornal ABC (1905) ou con Galicia Ilustrada (1910), aínda que a nómina de cabezallos se estende a outras como El Pueblo Gallego, Vida Gráfica, La Vanguardia, Mundo gráfico, Crónica, La Voz Médica ou Nuevo Mundo. Nestes medios mostraría a súa capacidade de interpretación da reportaxe, nunha acción transversal que desvenda as máis variadas estruturas e condutas sociais, como son o enterro do deputado Eduardo Vincenti e a actuación no acto fúnebre do orfeón Sociedade Artística, as terras alagadas de Sar, Caldas ou Pontevedra por culpa das cheas dos últimos meses de 1929, a estancia dos reis na capital provincial en 1927, as romarías tradicionais e a festa dos maios na cidade do Lérez por volta de 1930 ou as manifestacións obreiras e os mitins galeguistas en prol do Estatuto e outros actos do tempo republicano.
Ao pé destes eventos xornalísticos, o fotógrafo executou outros proxectos de natureza que hoxe designaríamos como documentarista, proxectos concibidos nun intervalo temporal demorado e que requiren unha visión unitaria e de maior capacidade analítica. Entre estes traballos sinalaranse tres. En primeiro lugar, en 1908, o rexistro da granxa, cos seus correspondentes hotel e balneario á beira do Lérez, Buenos Aires, no lugar de Monteporreiro, na parroquia pontevedresa de Mourente, cuxo resultado foi un álbum que o autor presentou na exposición galega de Compostela do ano 1909 e posteriormente comercializou como colección de postais.
Moitos anos despois, a década de 1940 rendeu dous importantes traballos: a análise fotográfica das minas de volframio no concello de Vila de Cruces e, o tantas veces nomeado, sobre os mercedarios de Poio. No primeiro, realizado moi pouco despois de terminada a guerra civil, Pintos combina tomadas parciais dos mineiros —entre os que se achaban presos políticos— nos labores concretos de condución do mineral por medio de bestas ou no traballo dos picadores tirando a materia prima, con fotografías de grupos numerosos que, por veces, a roupa que portan xerarquiza socialmente. A necesaria utilización de luz artificial, procedente das propias fontes empregadas polos mineiros, confire ás imaxes fortes contrastes, xerados pola característica unidireccional da luz. O produto obtido exhibe recordacións co tenebrismo barroco ou coa iluminación expresionista, incrementando así o dramatismo dunha realidade por ela mesma cruel. Pola súa banda, o proxecto sobre os freires mercedarios do mosteiro bieito de San Xoán de Poio constitúe unha impecábel mostra do rigor fotográfico de Pintos, que vai aproveitar esteticamente a austeridade cromática das roupas relixiosas. Combinando imaxes de referencia bíblica —Cristo e os seus discípulos— con outras procedentes da actividade laboral diaria —xantar, xogo— e da gravidade eclesiástica —oración— o fotógrafo estruturará, en moitas ocasións, relatos visuais onde converxen a rigorosa arquitectura do espazo monacal coa, non menos rigorosa, severidade da orde.
Foron moitos os recoñecementos públicos que Joaquín Pintos Amado colleitou durante a súa existencia. Ao, xa nomeado, Gran Premio de Honra de 1922, engadiríanse o I Premio da Exposición Rexional de Pontevedra e a súa proclamación, en 1949, como o mellor fotógrafo de España no concurso organizado pola revista Sombras, publicación da Real Sociedad Fotográfica de Madrid, fundada en 1944 e na que publicaran autores como Alfonso, Pla i Janini, Ortiz Echagüe ou Joaquín del Palacio,
Kindel. Esta aclamación reflectiuse con xenerosidade no seu país, coas homenaxes tributadas en Pontevedra, en 1950, con motivo do quincuaxésimo aniversario da súa actividade como fotógrafo e, en 1962, como unha despedida simbólica, con adhesións de todo tipo procedentes dos máis variados sectores culturais e como posta do ramo da II Semana da Fotografía. Desta maneira, a Galiza honraba a quen fora un dos esteos chave do erguemento da súa fotografía nacional.
Bibliografía e fontes documentais
Acuña, X. E.: Pintos, unha vida na fotografía. Pontevedra: Xunta de Galicia, Deputación Provincial, 1985.
Castelao, C.: As orixes da fotografía en Galicia. Estudios composteláns do século XIX. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago, Alvarellos Editora, 2018.
Curros Enríquez, M.: Obra poética completa. Edición bilingüe preparada por Celso Emilio Ferreiro. Madrid: Editora Nacional, 1977.
Huete, A.; Pérez, M. ; Ruiz, M.ª J.; Vaqueiro, V: Mentindo con mestría. Montaxes fotográficas de Augusto Pacheco (1948-1973). Ribadavia: Museo Etnolóxico, Xunta de Galicia, 2023.
Sánchez Vigil, J. M.: Del daguerrotipo a la Instamatic. Autores, tendencias, instituciones. Gijón: Trea, 2007.
Revistas e xornais
Diversos exemplares de El Diario de Pontevedra (1905, 1906, 1910, 1929), El Ideal Gallego (1950), El Pueblo Gallego (1924, 1957, 1962), El Progreso, semanario independiente (1922), Galicia, revista semanal ilustrada (1922), La Correspondencia Gallega (1910), La Libertad (1908), La Noche (1949), La Región (1910), Noticiero de Vigo (1906), Vida Gallega (1929)
Recursos en internet
The Met Museum: Collections / Photographs
https://www.museocarlistademadrid.com
Acceso a The Met Museum: Collections / Photographs
Museo Carlista de Madrid
https://www.museocarlistademadrid.com
Acceso á páxina web do Museo Carlista de Madrid
Como citar: Vaqueiro, Vítor : Joaquín Pintos. Publicado o 25/9/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27449. Recuperado o 17/11/2025
DOCUMENTACIÓN DE
A Virxe do Cristal, reportaxe fotográfica na que Pintos converte o poema de Curros Enríquez nun relato visual. Ver Documento. Artigo
Pintos, Joaquín: «A Virxe do Cristal: Unha reportaxe fotográfica do 1922 de J. Pintos», Raigame: revista de arte, cultura e tradicións populares, 38 (2015), 25-35.
Fonte: Raigame: revista de arte, cultura e tradicións populares / Dialnet.
https://dialnet.unirioja.es/
Fotografía de Joaquín Pintos comentada por Jaime Solá en Vida gallega. Ver Documento. Fragmento de publicación impresa
J. [Jaime Solá]: «Nuestas ciudades: Pontevedra. La ciudad arrullo», Vida gallega: ilustración regional, 437 (30 de xaneiro de 1930), 19.
Fonte: Biblioteca Dixital de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Carta de Joaquín Pintos a El Diario de Pontevedra, na que explica as bases da Exposición de Fotografías organizada en Pontevedra, pola Deputación Provincial, no verán de 1926. Ver Documento. Fragmento de publicación impresa
Pintos, Joaquín: «La Exposición de Fotografías: un remitido», El Diario de Pontevedra: periódico liberal, 2477 (20 de agosto de 1926), 2.
Fonte: Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de Miriam Miguélez González no que menciona a Joaquín Pintos como fotógrafo colaborador da Misión Biolóxica de Galicia. Ver Documento. Artigo
Miguélez González, Miriam: «Tras las huellas documentales de la Misión Biológica de Galicia (MBG): una historia de películas», Enredadera: revista de la Red de Bibliotecas y Archivos del CSIC, 38 (decembro de 2022), 47-58.
Fonte: http://hdl.handle.net/10261/284832
Nota informativa sobre o pasamento do fotógrafo Joaquín Pintos Amado. Ver Documento. Noticia
«Tres fallecimientos sentidos», El pueblo gallego: rotativo de la mañana, [s.n.] (17 de outubro de 1967), 14.
Fonte: Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Información no xornal La noche sobre a homenaxe a Joaquín Pintos celebrada durante a Semana Fotográfica de Pontevedra en maio de 1962. Ver Documento. Noticia
«Homenaje al fotógrafo Pintos», La Noche: único diario de la tarde en Galicia, 12526 (15 de maio de 1962), 4.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Eloxio de Joaquín Pintos en Vida gallega, por F.P.P.. Ver Documento. Artigo
F.P.P.: «Valores olvidados: Joaquín Pintos, fotógrafo-artista», Vida gallega: ilustración regional, 691 (30 de novembro de 1937), 12.
Fonte: Biblioteca Dixital de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Artigo de Julio Madriñán sobre a Guía de Pontevedra, de Xosé Filgueira Valverde, na que participou como fotógrafo Joaquín Pintos. Ver Documento. Artigo
Madriñán, Julio: «Pontevedra en su libro: Una guía de Filgueira Valverde», El pueblo gallego: rotativo de la mañana, 2292 (9 de agosto de 1931), 12.
Fonte: Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Joaquín Pintos na serie «Nuestros grandes fotógrafos» da revista Vida gallega. Ver Documento. Artigo
«Nuestros grandes fotógrafos: Joaquín Pintos»,Vida gallega: ilustración regional, 441 (28 de febreiro de 1930), 9.
Fonte: Biblioteca Dixital de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Nova publicada na revista Galicia sobre a exposición de fotografías de Joaquín Pintos que representan a obra A Virxe do Cristal de Curros Enríquez. Ver Documento. Noticia
«Miscelánea: A Virxe do Cristal», Galicia: revista semanal ilustrada, 37 (9 de setembro de 1922), 16.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Nova sobre as reformas realizadas no estudio fotográfico de Joaquín Pintos na rúa Michelena, en Pontevedra. Ver Documento. Noticia
«La fotografía en Pontevedra: una exposición», El Progreso: semanario independiente, 26134 (30 de marzo de 1918), 1.
Fonte: Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Ligazóns de interese
Fotografías de Joaquín Pintos no repositorio atoPo da Deputación Provincial de Pontevedra. As obras forman parte do fondo fotográfico do Museo de Pontevedra
Fonte: Museo de Pontevedra. Deputación Provincial. https://atopo.depo.gal/
Biobibliografía de Joaquín Pintos no Diccionario biográfico da Real Academia de la Historia, realizada por María Reyes Camiña Castro
Fonte: Real Academia de la Historia.
https://dbe.rah.es/
Acceso en liña ás fotos Actos diversos de los nacionales en Pontevedra, que inclúe fotos de Joaquín Pintos, Maky-Marin, José Bruno Schweiger. [1936-1939]
Fonte: Biblioteca Dixital Hispánica. Biblioteca Nacional.
https://bdh-rd.bne.es/
O fotógrafo Pintos no Almanaque das Irmandades
Fonte: Fundación Cultural Alexandre Bóveda e Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
https://almanaquedasirmandades.gal
«Milleiros de fotografías e documentos históricos da cidade de Pontevedra, dispoñibles para a súa consulta na rede», artigo sobre a creación do repositorio atoPo da Deputación de Pontevedra, publicado en Praza Pública, (21 de outubro de 2022)
Fonte: Praza Pública.
https://praza.gal/
O blog Caldas de Reis y los hermanos Salgado recupera as figuras de fotógrafos como Francisco Zagala, F. Prieto Losada, Elías Diez Altable, Varela, Joaquín Pintos, Pacheco, Ksado, Solá , etc.
Fonte: Blog Caldas de Reis y Salgado.
https://caldasdereisysalgado.wordpress.com
«O cego de Mazaricos e a súa zanfona», artigo publicado en Que pasa na costa, (13 de outubro de 2018)
Fonte: Que pasa na costa.
https://www.quepasanacosta.gal/
«Una foto con la muerte», artigo de E. Vasconcellos publicado na edición dixital de El mundo, (20 de maio de 2015)
Fonte: El mundo.
https://www.elmundo.es/
«Arredor do mar. Fondos fotográficos do Museo de Pontevedra», información na web culturagalega.gal sobre a exposición celebrada no Museo do Mar de Vigo (11 de outubro de 2012 a 06 de xaneiro de 2013). Entre os fotógrafos figura Joaquín Pintos
Fonte: Consello da Cultura Galega. Culturagalega.gal.
https://culturagalega.gal
«Paseo por la ciudad con las postales de Pintos», artigo de Chelo Lago publicado en La Voz de Galicia, (8 de marzo de 2011)
Fonte: La Voz de Galicia
https://www.lavozdegalicia.es
«Dando fe da vida en Pontevedra», información de Belén López na edición dixital de Diario de Pontevedra, (7 de marzo de 2011)
Fonte: Diario de Pontevedra
https://www.diariodepontevedra.es/
Acceso á tese de doutoramento de Virginia de la Cruz Lichet sobre os retratos post-morten en Galicia
Cruz Lichet, Virginia de la: Retratos fotográficos post-mortem en Galicia (siglos XIX y XX). Tese de Doutoramento da Universidade Complutense de Madrid, Facultade de Xeografía e Historia, Departamento de Historia da Arte III (Contemporánea), dirixida por Estrella de Diego e lida o 22 de xaneiro de 2010.
Fonte: https://eprints.ucm.es/id/eprint/11072/ [Consulta: 2023-02-06]
O fotógrafo Joaquín Pintos en PARES (Portal de Archivos Españoles)
Fonte: Portal de Archivos Españoles (PARES)
https://pares.mcu.es/
Espazo web dedicado ao fotógrafo Joaquín Pintos na web Academia Colecciones
Fonte: Real Academia de Bellas Artes de San Fernando.
https://www.academiacolecciones.com
«Joaquín Pintos, el notario gráfico de Pontevedra», entrada de Jose María Rey Gorís no blog GaZeta: historias moi nosas, ((21 de outubro de 2019)
Fonte: Gazeta: historias moi nosas
https://gazeta.gal/blog/joaquin-pintos-el-notario-grafico-de-pontevedra/




![<cite>Galicia, Pontevedra. Gira por el Río Lérez</cite>. Fotografía de Joaquín Pintos [1881-1967]](../../mediateca/extras/CCG_adg_Joaquin_Pintos_004.jpg)
![Tarxeta postal <cite>Marín. Banda del Río</cite>. Fotografía de Joaquín Pintos. [Pontevedra]: [Foto Pintos], [1899-1965]](../../mediateca/extras/CCG_adg_Joaquin_Pintos_005.jpg)
![Tarxeta postal <cite>Aguas minerales <q>Lérez</q>. Parque e Invernaderos: Pontevedra (España)</cite>. Fotografía de Joaquín Pintos [1899-1965]](../../mediateca/extras/CCG_adg_Joaquin_Pintos_003.jpg)













