Xabier P. DoCampo
Rábade, 5/ 4/1946 - A Coruña, 26/6/2018Autoría: Manuel Bragado Rodríguez
Escritor, mestre e contador, activista do esencial, membro da Xeración Lamote
Unha infancia chairega
Francisco Xabier Puente Docampo (Xabier P. DoCampo, nome literario) naceu en Rábade o 5 de abril de 1946 e morreu na Coruña o 26 de xuño de 2018. Fillo de Raimundo da Granda e Teresa Docampo, ambos os dous chairegos. O seu nacemento na vila de Rábade sucedeu porque os seus pais colleran en traspaso o Café Español, coñecido como o café de Valeriano. Cando o pequeno tiña apenas sete meses, deixaron o bar e marcharon para Castro, onde Raimundo se fixo cargo do muíño, o único que había na parroquia. Alí comezaría a infancia consciente de Xabier, que lembra o nacemento da súa única irmá, Maruxa, ademais da cociña daquela casa, chea de xente, mentres escoitaban a Raimundo contar sucedidos.
Ingresou na escola de Castro antes do tempo de escolarización, onde axiña aprendeu a ler de corrido. En Castro recibiu a lingua, que ganduxaba a súa nai Teresa e a palabra triga branca do seu pai Raimundo, dono e señor do máis rico léxico que nunca atoparía. Días de infancia que foron tamén cando alicerzou o seu oficio de narrador oral, como afirmou en Catro cartas na súa máis celebre frase: «o acto de amor máis sublime que coñezo é contar unha historia».
Mestre renovador, comprometido coa lingua e a lectura
No comezo da adolescencia, a familia enteira trasladouse a vivir a Lugo. Ingresou no seminario da cidade (1956), onde pasou dous cursos cheos de penalidades, sobre todo, pola condición de galegofalante. Con dez anos escribía un conto todas as noites, que á mañá seguinte lían os seus mellores amigos.
Tras aprobar o bacharelato superior, iniciou no curso 1962-1963 o primeiro curso de Maxisterio na Escola Normal da Coruña, nunha clase de dezanove alumnos.
Unha vez rematado Maxisterio, axiña comezou a traballar como mestre no Colexio Peñarredonda, de onde é despedido polas súas ideas, sendo contratado axiña no Fogar de Santa Margarida, onde como profesor de Matemáticas da segunda etapa chegou a ser titor de prácticas de Agustín Fernández Paz, dende o 14 de outubro de 1973, día no que se coñeceron, iniciando unha amizade de corenta e tres anos. Nese tempo, vinculouse aos grupos de mestres que na década de 1970 intentaron a renovación das metodoloxías e a incorporación do ensino do galego e do ensino en galego.
Durante oito cursos participou no programa Preescolar na casa, programa socioeducativo de educación familiar, promovido por Cáritas diocesana de Lugo, que contaba co soporte de Antonio Gandoy, o crego da bicicleta. Comezará a súa actividade de elaboración de materiais didácticos en galego dirixidos ás familias e ás crianzas, entre eles gravacións radiofónicas emitidas por Radio Nacional de España.
Integrouse en Nova Escola Galega dende a súa creación, en 1983, atendendo de forma especial a formación do profesorado en lingua e literatura galega. Actividades como formador que o levaron a viaxar en diversas ocasións a América Latina. En 1986 incorporouse ao consello de redacción da Revista Galega de Educación, ao tempo que formaba parte do equipo de autores que elaborou os libros de texto de lingua e literatura galega de Xerais do ciclo medio de EGB e máis tarde de 2º e 3º ciclos de Educación Primaria. Tras exercer como mestre en centros públicos de Malpica e Ferrol, rematou a súa actividade docente no Colexio Público de Cambre.
Escritor das súas propias historias
Como consecuencia da paixón pola lectura e polo devezo de contar historias naceu en Xabier o desexo de escribir as súas propias narracións e facelo en galego. O primeiro texto que publicou foi O misterio das badaladas (1986), que contaría co prólogo de Agustín Fernández Paz, abrindo o camiño da novela para lectorado na fronteira imprecisa da adolescencia, que até entón non existía en galego.
Dende entón publicou 35 libros de literatura infantil e xuvenil en galego, traducidos na súa maior parte ao castelán e en menor medida ao catalán, éuscaro, portugués, asturiano e inglés.
Obra que conformou un catálogo literario diverso nos temas e nos subxéneros, cunha forte presencia do conto oral, da ilustración, da lectura e da reivindicación do valor dos clásicos.
N´O misterio das badaladas aparecen xa algúns dos que serán trazos característicos da súa obra infantil: nenos e nenas protagonistas valentes, decididos e autónomos; escasa presenza e participación das persoas adultas, e cando a teñen adoitan ser persoas raras ou marxinais dentro da comunidade; indagacións colectivas arredor dun conflito artístico ou cultural que se converten nunha aventura de coñecemento onde participan os libros e os membros da comunidade de Eiranova e Eiravella.
Continuou o xénero de aventuras en O pazo baleiro (1997) e n’ A casa da luz (2002), ilustrada por Xosé Cobas, e da que Carlos Amil fixo unha película homónima en 2011.
Outra das liñas do catálogo literario de Docampo é o dos contos de medo, misterio e do marabilloso, iniciada por Cando petan na porta pola noite (1994), probablemente, o seu libro máis coñecido, polo que obtivo o Premio Rañolas ao mellor libro de lix (1995), o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (1996), incluído na lista White Ravens e seleccionado pola Fundación Germán Sánchez Ruipérez en xuño de 2000 como unha das cen obras da lix española do século XX. A crítica salientou desta obra a habilidade para transmitir un ton de oralidade que sitúa ao lector no clima dunha pequena comunidade, reunida para escoitar aos vellos narradores.
Docampo abordou o terror de forma moi orixinal n’ O país durminte (1992; 2ª ed. 2012 como O país dormente), obra de ficción científica, onde o medo a morrer dos seus habitantes consegue que non vivan. Como o conto marabilloso n´ Un conto de tres noites (2001), onde expresa a súa identidade chairega e a súa señardade do mar. Libros debedores todos os tres do Docampo narrador oral, que contou en España e Portugal e atravesou o Atlántico para actuar en Valparaíso e nas Feiras do Libro de Bos Aires, a Habana e na Fil de Guadalajara.
Iniciou a súa produción para o primeiro lectorado, outro dos apartados máis importantes do seu catálogo, Cun ollo aberto e outro sen cerrar (1986), aos que seguiron O armario novo de Rubén (1989), Roxelio e a couza (1991), Adelaida, Henrique e demais familia (1996), A decisión de Valerio (Xerais 2005), entre outros. Textos breves sobre temas cotiáns, concibidos para ser ilustrados, con moito humor, xeralmente de carácter fantástico, onde non faltan os toques surrealistas e sorprendentes finais.
Textos para álbum onde teceu unha relación creativa e de amizade moi intensa co ilustrador Xosé Cobas, co que estableceu un diálogo tan detallado que texto e ilustración interfiren até conseguir o significante final. Colaboración iniciada con A nena de auga e o príncipe do lume (1990), continuada con títulos como O home que inventou unha maneira de andar (1998), Nube de neve (2000; 2017) e De cores e amores (2005). Pertence a esta serie Bolboretas (2004), libro excepcional, premio White Ravens da Biblioteca de Múnic, quizais a máis fermosa representación do amor xuvenil. Xabier mantén outro diálogo creativo interesante coas fotografías de DNL, Daniel Puente Bello, o seu fillo, nun libro poético fermoso Mans (Everest 2011) e no libro xa póstumo Contos de obxectos (2021).
Xaora, adquire o seu punto culminante como autor literario con O libro das viaxes imaxinarias (2008), un caderno de viaxes no que o viaxeiro deixa constancia dos sorprendentes lugares polos que transita. Coincidindo coa publicación deste libro comunicou aos seus editores habituais que dende ese título o seu nome literario sería Xabier P. DoCampo. A seguir publicou A illa de todas as illas (2013), onde sintetiza moitas das súas querenzas: o amor pola literatura, a paixón por contar historias, o atractivo dos misterios, a relación entre texto icónico e o narrativo e mesmo a admiración polos libros de aventuras.
Xabier Docampo como escritor cultivou o ensaio en Falar e escoitar (1992), traballo sobre a abordaxe didáctica da oralidade e en E serei unha cerdeira (panfleto) (2013), texto extraordinario, que leu como mantedor literario dos Premios Xerais 2013, onde recolleu a súa poética do conto e da lectura.
En Catro cartas (2000), o seu libro máis persoal, utilizou o xénero epistolar para revelar as razóns que o levaron a converterse en escritor.
A relevancia da obra literaria infantil e xuvenil de Docampo non se podería entender sen A nena do abrigo de astracán (Xerais 2017), a novela longa, dirixida a público adulto, na que traballou durante os quince últimos anos da súa vida e editou cando xa sufría as penalidades do cancro, que obtivo o Premio da Crítica de Galicia de Creación Literaria 2018 e o Premio Gala do Libro de 2018.
Novela chairega e cinematográfica por excelencia, retrata a vila de Ribadeínsua, reflexo de Castro de Ribeiras de Lea, en 1948, década miserenta de atmosfera atafegante. A trama desenvólvese nos argumentos das películas que ve Susana no cine e que lle conta a súa madriña, mentres se suceden tres mortes na vila.
Obra recibida con enorme entusiasmo pola súa capacidade para botar luz sobre unha época marcada polas tebras, que coincide case co nacemento do autor. A presenza recorrente do sobrenatural, sexa no fondo do espello ou no misterio dos faiados, realidade hostil que funciona coma contrapunto do relatado nas películas.
Tras o seu pasamento, o 26 de xuño de 2018, publicáronse dúas obras póstumas, o álbum O pintor cego (Kalandraka 2020), o seu derradeiro traballo con Xosé Cobas e Contos de obxectos (Xerais 2021), ilustrado por DNL e prologado por Fina Casalderrey.
Outras formas de contar
Non se pode entender a obra artística e a traxectoria vital de Docampo sen a súa paixón por outras formas de contar, máis aínda cando se formou nunha cultura de tradición oral, marcada polo paso das estacións, onde non existía aínda a radio nin a televisión. Herdeiro desa cultura, soubo aproveitar as posibilidades creativas doutras formas de contar, xa que aí residía a pulsión vital: a de contar o vivido e de vivir o contado.
Sería a radio, canle para comunicar oralmente, o medio que utilizaría con máis frecuencia. Colaborou durante sete anos na delegación de Radio Nacional de España en Galicia como guionista e director de programas de diverso tipo e formato. Nos últimos anos da súa vida colaborou no programa «Un día por diante» da Radio Galega, no que recomendaba lecturas, con especial fincapé nos clásicos da literatura infantil e xuvenil.
Utilizou tamén o teatro, tanto amador como profesional, así como o cine e a televisión que, á fin e ao cabo para el constituían canles para contar historias.
O crítico e seu amigo Martin Pawley estudou a súa cinefilia, que encontrou a súa expresión definitiva n’A nena do abrigo de astracán, novela que fai das películas un abrigo que a nena protagonista encontra contra a crueza da Galiza da posguerra.
O 6 de decembro, dentro das actividades do Culturgal 2015, estreou a súa curtametraxe Na outra beira das augas grandes (Trailer), proxecto cinematográfico iniciado en 1982, cando se daban os primeiros pasos no cinema galego, mais en ausencia total de filmes dirixidos aos máis novos.
Activista dos libros e da lectura
Xabier Docampo foi editor da revista Bloc de literatura infantil e xuvenil, outra das súas tantas experiencias altruístas. Fundador en 1989 de Galix, Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, da que foi presidente durante dous anos e cinco como membro de diferentes xuntas directivas. Amante das librarías mantiña faladoiro os sábados á mañá na libraría Lume e frecuentaba AZETA, a do seu barrio. Participou como pregoeiro en diversas feiras do libro.
Docampo foi activista dos libros fermosos, da lectura e das bibliotecas e das escolas nas que se lía e se escribía. Defendía, ademais, que nos libros «hai que procurar máis o que me contan, o que hai de min alí, entre as súas follas», como deixou escrito no discurso E serei unha cerdeira (2013).
Xeración Lamote
Membro da Xeración Lamote, tres mestres e escritores chairegos e galeguistas unidos pola amizade incondicional, Agustín Fernández Paz, Paco Martín e el mesmo, como os chamei diante da foto que lles tirou xuntos os tres Xurxo Lobato, na carballeira de Santa Isabel en Outeiro de Rei, o día do enterro de Manuel María. Adscrición xeracional que ten que ver co personaxe creado por Paco Martín, Ramón Lamote Miñato, creado en 1985, profesor de chairego de 61 anos, debuxante de soños de encarga, cargado de retranca, comprometido e amable coa xente, que está perdendo capacidade para soñar.
«Xeración Lamote» é o sintagma utilizado para referirse a que os tres eran escritores chairegos, os tres premiados co nacional de lix, os tres mestres galeguistas das pombas e mazás, os tres pacifistas de Nova Escola Galega, os tres trabes das letras chairegas universalmente galegas. O feito de pertencer á Xeración Lamote, termo que se podería ampliar ás compañeiras e compañeiros de viaxe, como o tradutor Xavier Senín, a crítica María Xesús Fernández ou a escritora e académica Fina Casalderrey, ten que ver co papel de Manuel María, o poeta chairego que axudou a que os Lamote se identificasen coa Terra Chá como espazo e referencia literaria.
Activista da patria da lingua
Docampo participou na vida pública, como articulista de Xornal de Galicia, remitente de cartas abertas ou anotacións no seu blog, que eran as súas formas de intervención pública de grande agudeza. Participou en diversas iniciativas políticas como Somos nós e Pola Unión en 2015.
Foi Xabier Docampo o primeiro promotor e activista de Prolingua, plataforma apartidaria de defensa e promoción da lingua galega, xunto ao seu amigo Agustín Fernández Paz. Proxecto no que puxo en 2009 toda a ilusión e empeño para responder ao regresivo Decreto 79/2010 do Plurilingüismo. Escritor monolingüe, profesor comprometido co emprego do galego nas aulas, foi consciente de formar parte dunha xeración á que lle correspondeu traballar arreo para a dignificación social da nosa lingua e elaborar propostas que fixeran posible vivir en galego no marco da pluralidade lingüística.
E serei unha cerdeira (manda testamentaria)
Cando en 2014 foi homenaxeado coa letra E de AELG, Xabier lembrou que na casa de Castro había unha cerdeira enorme que pousaba as súas ramas no lousado, razón pola que quixo plantar unha cerdeira xunto ao monólito onde quedou gravado parte da súa manda testamentaria incluída no texto E serei unha cerdeira, do ano anterior:
E ti, amada miña,
tráeme aquí no día derradeiro
e déitame neste chao.
Serei unha cerdeira.
Xabier Puente Docampo foi enterrado na Coruña o 27 de xuño de 2018 nun acto civil no que o seu cadaleito foi cuberto coa bandeira galega que cubriu o do seu amigo da Xeración Lamote, Agustín Fernández Paz, co que compartiu azos e angueiras sinaladas.
Dende 2024, cando se constituíu a Iniciativa Polavila Docampo, por parte das súas amizades, contando co apoio da AELG, Galix e Prolingua, coincidindo co 5 de abril, día do seu aniversario, lévanse celebrado na Coruña (2024), Lugo (2025) e Vilalba (2026), actividades didácticas e literarias diversas arredor da lectura e da literatura oral en homenaxe do escritor chairego.
Como citar: Bragado Rodríguez, Manuel : Xabier P. DoCampo. Publicado o 23/6/2026 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2882. Recuperado o 23/06/2026
DOCUMENTACIÓN DE
Eu teño medo a.... (1994). Ver Documento. Poema
Poema co que Xabier P. DoCampo pecha o seu libro Cando petan na porta pola noite (Xerais, Merlín 1994).
Os meus primeiros recordos (2004). Ver Documento
Fragmento da autobiografía que Xabier P. Docampo escribiu en febreiro de 2004.
Carta cerna de Prolingua (2011). Ver Documento
Carta que Prolingua envía en 2011 ao presidente da Xunta de Galicia solicitando que non se modifique a Lei de Normalización Lingüística. Xabier P. Docampo, como integrante da cerna de Prolingua, participou na súa elaboración.
E serei unha cerdeira (manda testamentaria) (2013). Ver Documento
Manda testamentaria coa que remata o texto «E serei unha cerdeira», que Xabier P. DoCampo leu en 2013 nos Premios Xerais na illa de San Simón, acto no que actuou como mantedor.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Xabier P. DoCampo: cronoloxía literaria. Ver Documento
Cronoloxía literaria do autor elaborada en 2026 por Manuel Bragado.
Bragado, Manuel (2026): Xabier P. DoCampo. Escritor, mestre e contador, activista do esencial, membro da Xeración Lamote. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. DOI: 10.17075/adg.0.24436.ext. Ver Documento
Biobibliografía de Xabier P. DoCampo, elaborada por Manuel Bragado en 2026 para o Álbum de Galicia. Versión longa do texto publicado na páxina inicial desta entrada.
Ligazóns de interese
Autobiografía elaborada en febreiro de 2004
Fonte: Biblioteca Virtual Galega (UDC)
https://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=xabpuent1&alias=xabier+p.+docampo [consulta: 2026-04-15]
Blog de Xabier P. DoCampo
Fonte: Archive.org (2016)
https://web.archive.org/web/20160801024616/http:/xabier-docampo.net/blog/29_blog.php [consulta: 2026-04-15]
Fototeca de Xabier P. DoCampo
Fonte: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
https://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/xabier-p-docampo/fototeca [consulta: 2026-04-15]
Videoteca de Xabier P. DoCampo
Fonte: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
https://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/xabier-p-docampo/videoteca [consulta: 2026-04-15]
Artigos de Xabier P. DoCampo
Fonte: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
https://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/xabier-p-docampo/paratextos [consulta: 2026-04-15]
8 vídeos para lembrar a Xabier P. Docampo
Fonte: Praza Pública (2018)
https://praza.gal/cultura/8-videos-para-lembrar-a-xabier-p-docampo [consulta: 2026-04-15]
Artigo de Martin Pawley sobre O libro das viaxes imaxinarias
Fonte: Pawley, Martin: «O libro das viaxes imaxinarias», Acto de primavera (2015)
Artigo publicado orixinalmente no suplemento «Protexta» da revista Tempos Novos, 8 (outono 2008)
https://actodeprimavera.blogspot.com/2015/02/o-libro-das-viaxes-imaxinarias.html [consulta: 2026-04-15]
Artigo de Martin Pawley sobre O pintor cego
Fonte: Pawley, Martin: «O pintor cego», Acto de primavera (2020)
https://actodeprimavera.blogspot.com/2020/06/o-pintor-cego.html [consulta: 2026-04-15]
Artigo de Martin Pawley sobre a influencia do cinema na obra de Xabier P. DoCampo e Agustín Fernández Paz
Fonte: Pawley, Martin: «Xabier e Agustín, cinéfilos», Acto de primavera (2024)
Artigo publicado orixinalmente no Nós Diario (9 de abril de 2024)
https://actodeprimavera.blogspot.com/2024/05/xabier-e-agustin-cinefilos.html [consulta: 2026-04-15]
Gravacións sonoras da Gala Polavila Docampo 2024
Fonte: Polavila Docampo (2024)
https://polaviladocampo.blogspot.com/2024/04/gravacions-sonoras-da-gala-polavila.html
Polavila Docampo. Blog de homenaxe ao escritor Xabier P. DoCampo
Fonte: Polavila Docampo
https://polaviladocampo.blogspot.com/ [consulta: 2026-04-15]
Ficha do autor na editorial Xerais
Fonte: Editorial Xerais
https://www.xerais.gal/autor/xabier-p-docampo/ [consulta: 2026-04-15]
Entrada de Xabier P. DoCampo na Galipedia
Fonte: Galipedia
https://gl.wikipedia.org/wiki/Xabier_P._DoCampo [consulta: 2026-04-15]
Videos
Por que comecei a escribir? [38´´]
Fonte: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (2007).
https://youtu.be/Vq3O3y1LrOA?si=pDvfE0J0DmC2qNeM [consulta: 2026-04-15]
Xabier P. DoCampo fala da súa obra no Culturgal 2008 [3´ 04´´]
Fonte: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (2008)
https://www.youtube.com/watch?v=YDbGU3MGsDw [consulta: 2026-04-15]
Xabier P. DoCampo no Lendo Contigo, de Espazo Lectura o 30 de maio de 2009 [58´´]
Fonte: Espazo Lectura (2009)
https://youtu.be/8V0lerW03xg?si=dcCwuINIxDV6qhnW [consulta: 2026-04-15]
Xabier P. DoCampo fala d'A nena do abrigo de astracán [9´ 48´´]
Fonte: Acto de Primavera (2017)
https://www.youtube.com/watch?v=eJ5NDHFtH1Q [consulta: 2026-04-15]
Xabier P. DoCampo fala sobre o cinema d'A nena do abrigo de astracán [10´ 56´´]
Fonte: Acto de Primavera (2017)
https://www.youtube.com/watch?v=tBHPE94VSoE [2026-04-15]
Xabier P. DoCampo fala da súa vida [5´ 26´´]
Fonte: Pixifilms, fotos e audio (2019).
https://www.youtube.com/watch?v=-4uNIAGq4Mg [consulta: 2026-04-15]
Xabier P. Docampo le un fragmento de Contos de tres noites [1´ 06´´]
Fonte: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (2019)
https://www.youtube.com/watch?v=RONQu-eHKvc [consulta: 2026-04-15]
Xabier P. DoCampo na voz da amizade [1 h 55´]
Homenaxe a Xabier P. DoCampo organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Asociación Alexandre Bóveda o 29 de maio de 2020 no Teatro Rosalía Castro da Coruña.
Fonte: Asociación Cultural Alexandre Bóveda (2020)
https://www.youtube.com/watch?v=G128U0Znx0I [consulta: 2026-04-15]
Xabier P. DoCampo le un fragmento de O libro das viaxes imaxinarias [1´ 10´´]
Fonte: Acto de Primavera (2015)
https://actodeprimavera.blogspot.com/2015/02/o-libro-das-viaxes-imaxinarias.html [consulta: 2026-04-15]




















