Avelino Cachafeiro Bugallo
Soutelo de Montes, Pontevedra, 26/ 5/1899 - , 13/4/1972Autoría: Rubén Troitiño García
Músico e artista polifacético, coñecido como O Gaiteiro de Soutelo
Medrou nunha contorna na que a música era fundamental na vida diaria. O seu avó, Juan Cachafeiro, e o seu pai, Fermín Cachafeiro, eran gaiteiros recoñecidos na comarca. Para Fermín, a gaita era vital, xa que representaba a súa fonte de ingresos; chegaba a cobrar 6 pesetas por actuación e non quería que Avelino correse o risco de danar o instrumento. Segundo o relato de Rivas Troitiño nunha das súas entrevistas con Isabel, Avelino adoitaba coller a gaita de xeito clandestino e marchar ao monte para practicar. Foi nese momento que Fermín o escoitou e se deu de conta do potencial que tiña para se converter nun excelente gaiteiro. Así, decidiu regalarlle a gaita. Co apoio incondicional do seu pai e xunto aos seus irmáns Víctor Castor e Bautista, fundaron Os Gaiteiros de Soutelo, un grupo que marcou un punto de inflexión na historia da música galega.
Aínda que Avelino é lembrado principalmente como un icónico gaiteiro, a súa vida e traxectoria abranguen moito máis. Foi un empresario e un creador versátil, interesado en disciplinas como a poesía, a pintura e a escultura, que reflectían o seu espírito artístico e polifacético.
Na súa autobiografía, relata que de mozo tamén se dedicou a traballos de ferreiro, oficio que aprendeu en Carballás. Posteriormente, pasou dous anos en Asturias, onde ampliou a súa experiencia traballando en varios talleres, como os de La Baña, La Encarnada e Sotrondio. Durante ese período tamén traballou nas fundicións da ponte das minas de Santa Bárbara.
Os Gaiteiros de Soutelo naceron arredor de 1919, coincidindo co regreso de Avelino de Asturias, pouco despois da Primeira Guerra Mundial. Nos primeiros anos da década de 1920, o cuarteto xa se consolidara como unha das formacións que cambiarían a historia da gaita galega. Na súa formación, incluía a Avelino e Castor tocando as gaitas, Bautista no tambor e Fermín no bombo. Esta agrupación achegou un estilo distintivo ao integrar dúas gaitas de xeito simultáneo. Unha das fotografías máis antigas do cuarteto mostra a Castor tocando un frautín, moito antes de que se unise a Avelino coa gaita.
Cando se fala d’Os Gaiteiros de Soutelo, a imaxe máis recorrente é a dos tres irmáns xunto ao seu pai, Fermín, que constituían o cuarteto orixinal de dúas gaitas, tambor e bombo. Pero ao longo da súa breve carreira, o grupo tamén contou coa colaboración doutros músicos. Entre estes, destaca Andresa, coñecida como a “tía Andresa”, unha tocadora de pandeiro da aldea de Sanguñedo, preto de Soutelo de Montes. Andresa era unha presenza vital para a tradición musical local e, segundo as fontes xornalísticas da época, superaba os 90 anos.
Os Gaiteiros de Soutelo participaron moi activamente coa Sociedad Artística de Pontevedra. De feito, o 25 de xullo de 1924, Avelino foi honrado co título de socio honorario como gaiteiro do “Coro Gallego" dentro desta sociedade.
O 28 de xullo de 1924, Avelino participou no concurso de gaiteiros solistas que se celebrou durante as Festas do Apóstolo. A súa interpretación levouno a gañar o primeiro premio, valorado en 150 pesetas, e sería nomeado como o mellor gaiteiro de Galicia. O certame tivo lugar na Praza da Quintana. Dos nove gaiteiros inicialmente rexistrados, seis participaron finalmente, sendo avaliados por un xurado composto por José Gómez Curros, Esteban Mariño Caldelas e Ricardo Fernández Carreira, o director da Banda Municipal de Santiago. Entre as pezas obrigatorias estaba a Alborada de Veiga, xunto a outra de libre elección. Ao día seguinte, varios xornais destacaron o triunfo de Avelino, seguido por Celestino López de Santiago, quen gañou o segundo premio de 100 pesetas, e polo propio irmán de Avelino, Castor Cachafeiro, que obtivo o terceiro premio de 75 pesetas.
O 10 de agosto, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao dedicoulle a Avelino Cachafeiro un eloxioso artigo en Galicia: diario de Vigo, onde non só destacou a súa destreza musical, senón que tamén deixou para a posteridade un debuxo que capturaba a esencia da súa arte. Castelao expresou o espírito do gaiteiro co seguinte verso:
Toca, gaiteiriño, toca
meniñas, correi a vel-o
qu’é moita gaita a gaitiña
do gaiteiro de Soutelo.
En marzo de 1928, a traxectoria de Avelino e dos seus irmáns viu un cambio importante tras o falecemento do seu pai, Fermín. Coa perda, os tres irmáns precisaron buscar un novo membro, elección que recaeu en Antonio Ferro, coñecido como “Charrone,” quen xa era parte da Sociedade Artística de Pontevedra.
Ese mesmo ano, Os Gaiteiros de Soutelo gravaron seis discos para a Casa Regal no Teatro Principal de Ourense, aínda que algúns rexistros suxiren que esta gravación puido ter lugar en 1929. Fermín, porén, non participou na gravación, pois, segundo as datas, xa falecera. En total, rexistraron doce pezas, dúas por cada disco. No catálogo oficial da Casa Regal figuran os seguintes títulos: «Foliada de Barro de Areu», «La Alfonsina», «Eicho de dar queridiña», «A volta da festa», «Estroupeles-troupele», «Rianxeira (Foliada das Rías Baixas)», «Fandango de Pontevedra», «Muiñeira de Chantada», «Foliada de Luxán», «Foliada de Tenorio», «Alborada de Rosalía de Castro» e «Farruquiña, chaman a porta. É relevante anotar que o título «Foliada de Barro de Areu» é incorrecto, xa que se refire a un lugar do concello de Cerdedo-Cotobade. O nome apropiado debería ser «Foliada de Barro de Arén».
Volvendo ao ámbito persoal, a vida de Avelino tamén experimentou cambios significativos durante este período. En marzo de 1929 contraeu matrimonio con Josefa Cortizo Nogueira, filla do secretario do Concello de Forcarei. A cerimonia tivo lugar na parroquia de Conxo, en Santiago de Compostela. Da súa unión nacería un fillo, mais, lamentablemente, faleceu a unha idade temperá.
A finais de 1929, Os Gaiteiros de Soutelo embarcaron nunha viaxe cara a América. Partiron de Vigo a bordo do Sierra Córdoba con destino a Bos Aires. Esta xira, que se prolongou durante varios meses, levou os irmáns a actuar en diferentes escenarios, comezando a súa andaina no Teatro Avenida de Bos Aires o venres 29 de novembro. O éxito foi rotundo, atraendo numerosos galegos emigrantes. O grupo despediuse do seu público o 28 de febreiro de 1930 no mesmo Teatro Avenida, deixando un legado que perduraría na memoria das comunidades galegas na diáspora.
Para a preparación desta xira, Os Gaiteiros de Soutelo contaron coa colaboración do destacado escenógrafo e pintor galego Camilo Díaz Baliño, quen, por recomendación de Castelao, aceptou pintar varios panos que resaltaban elementos paisaxísticos e culturais de Galicia. Este traballo formaba parte dun proxecto máis amplo promovido pola Deputación Provincial de Pontevedra, co obxectivo de fomentar o turismo galego no estranxeiro, utilizando a arte de Díaz Baliño como medio de intercambio cultural. Estas pezas escenográficas non só enriquecían as actuacións dos gaiteiros, senón que tamén actuaban como símbolos visuais que reforzaban a conexión coa identidade e a paisaxe de Galicia para as comunidades emigrantes, fortalecendo así o vínculo co seu país de orixe.
No ano 1933, o cuarteto sufriu outra perda significativa coa morte de Bautista Cachafeiro, un membro fundamental do grupo desde os seus inicios. Para cubrir esta baixa, a agrupación incorporou a Francisco Viéitez Fírvida, un veciño de Soutelo de Montes, que se uniu ao grupo para ocupar o posto deixado por Bautista.
A Guerra Civil Española suporía unha interrupción definitiva na traxectoria do grupo. Segundo relata Avelino na súa autobiografía, en 1936 o grupo tiña proxectado representar a Galicia na Olimpíada Popular de Barcelona, evento que finalmente non se chegou a celebrar debido ao estalido do conflito bélico.
Avelino Cachafeiro enfróntase a un duro golpe en 1956 co falecemento da súa esposa, Josefa. No libro de Rivas Troitiño inclúese un capítulo titulado «O silencio», que destaca o momento no que o gaiteiro de Soutelo deixa de tocar. Esta etapa representa un dos episodios máis significativos da súa vida, especialmente tras a disolución do cuarteto, xa que Avelino cesaría na práctica da súa verdadeira paixón. O capítulo, cargado de emoción, describe a conexión profunda entre Avelino e Josefa, retratando o artista e a súa musa.
Avelino non só destacou como empresario, senón que tamén foi un artista polifacético, explorando diferentes disciplinas como a pintura, a escultura e a poesía. No ámbito empresarial, Avelino tiña un surtidor de gasolina en Soutelo e tamén abriu unha sala de baile chamada Changüí, que funcionaba como un cine comunitario onde se proxectaban películas. Ademais, Avelino posuía unha funeraria, o que evidencia a súa capacidade para se diversificar en distintos sectores.
En 1969, deu un paso importante na súa faceta artística ao publicar un libro de poemas titulado Voando cas aas da vida, que incluía corenta e dúas composicións poéticas, un prólogo de Ramón Otero Pedrayo e unha cuberta deseñada por Lugrís.
Avelino Cachafeiro Bugallo faleceu o 13 de abril de 1972 en Soutelo, despois de loitar contra un cancro de recto.
Páxina web de referencia
Espazo web dedicado a Avelino Cachafeiro en Múiscas da Terra de Montes
Bibliografía
Cachafeiro Bugallo, Avelino (1969): Voando cas aas da vida. Vigo: Artes Gráficas de Faro de Vigo.
Carrere, Emilio (1929): ): «La gira artística de los gaiteros de Soutelo», Céltiga, 117 (10 de novembro), 14.
Castelao, (1924): «O Gaiteiro de Soutelo», Galicia: Diario de Vigo, 582 (10 de agosto), 1.
Gómez Tato, Santiago (1930): «Los Gaiteros de Sotelo, en Buenos Aires», Mundo Gráfico, 988 (8 de outubro).
Molares del Val, Manoel (1970): «Hai que levar a gaita á Universidá, díxolle Castelao ó gaiteiro de Soutelo», Chan, 33 (setembro), 38-39.
Rivas Troitiño, Xosé Manuel (1974): «O Gaiteiro de Soutelo de Montes», Triunfo, 599 (23 de marzo), 31-33.
Rivas Troitiño, Xosé Manuel (1977): O Gaiteiro de Soutelo. A Coruña: Imprenta de El Ideal Gallego.
Rivas Troitiño, Xosé Manuel (2000): O Gaiteiro de Soutelo. Ourense: Imp. DIO, S.L.
Troitiño García, Rubén (2023): «1924-2024 | Avelino Cachafeiro, cen anos do nomeamento coma mellor gaiteiro de Galicia», Cousas de…, 20 (30 de agosto), 42-45.
Troitiño García, Rubén (2024): «Avelino Cachafeiro, cen anos dun gaiteiro de lenda», Faro de Vigo, 60989 (30 de agosto), 9.
Troitiño García, Rubén (2024): «No recordo do Gaiteiro de Soutelo», Faro de Vigo, 60850 (13 de abril), 14.
Como citar: Troitiño García, Rubén : Avelino Cachafeiro Bugallo. Publicado o 14/1/2025 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=30361. Recuperado o 02/02/2026
DOCUMENTACIÓN DE
Entrevista de Manoel Molares do Val a Avelino Cachafeiro publicada na revista Chan. Ver Documento. Entrevista
Molares do Val, Manoel: «Hai que levar a gaita á Universidá, díxolle Castelao ó gaiteiro de Soutelo», Chan: la revista de los gallegos, 33 (setembro de 1970), 38-39.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Entrevista a Avelino Cachafeiro en La Región. Ver Documento. Entrevista
«Avelino Cachafeiro Bugallo, o Gaiteiro de Soutelo», La Región: diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos, 16496 (27 de xaneiro de 1963), 6.
Fonte: Biblioteca da Deputación de Ourense / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Entrevista aos Gaiteiros de Soutelo de Montes ao seu regreso da estadía en Bos Aires. Ver Documento. Entrevista
«La vuelta de los juglares modernos», Vida gallega: ilustración regional, 445 (10 de abril de 1930), 12-13.
Fonte: Biblioteca Dixital de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Entrevista a Avelino Cachafeiro publicada en Vida gallega con motivo da viaxe d'Os Gaiteiros de Soutelo a Bos Aires en 1929. Ver Documento. Entrevista
El hombre de la montaña: «Avelino Chacafeiro dice... Los Gaiteiros de Soutelo: Una visita romántica a los hermanos de América», Vida gallega, 425 (20 de setembro de 1929), 10-11.
Fonte: Biblioteca Dixital de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Texto do pregón lido por Rosario Álvarez na XLV Festa do Gaiteiro. Soutelo de Montes, 31 de agosto de 2024. Ver Documento
Álvarez, Rosario: XLV Festa do Gaiteiro. Pregón. Soutelo de Montes, 31 de agosto de 2024. [Mecanoscristo]
Fonte: Rosario Álvarez.
Artigo de Margarita Viso sobre o poema de Avelino Cachafeiro «Rosalía abriu a fiestra», musicado por Xoán Antón Vázquez Casas. Ver Documento. Artigo
Viso Soto, Margarita: «Rosalía abriu a fiestra», Follas novas: revista de estudos rosalianos, Padrón, 6 (2021), 212-221.
Fonte: Fundación Rosalía de Castro.
https://follasnovas.rosalia.gal/
Pregón de Carme Hermida Gulías, na XL Festa do Gaiteiro, en lembranza de Avelino Cachafeiro. Ver Documento
Hermida Gulías, Carme: Polos vieiros do pensamento con Avelino Cachafeiro na lembranza: pregón para a XL Festa do Gaiteiro. Soutelo de Montes, 24 de agosto de 2019. [Edición dixital]
Fonte: Tabeirós Montes
https://www.tabeirosmontes.com/
Acceso á publicación O Gaiteiro de Soutelo de Rivas Troitiño, edción promovida polo Concello de Forcarei. Ver Documento. Libro
Rivas Troitiño, Xosé Manuel: O Gaiteiro de Soutelo. Forrcarei: Concello, 2000.
Fonte: Arquivo Virtual Músicas da Terra de Montes
Artigo de Fernando Mon sobre música popular no que menciona Os Gaiteiros de Soutelo e, especialmente, a Avelino Cachafeiro, como músico e poeta rural. Ver Documento. Artigo
Mon, Fernando: «La música del pueblo», Correo de Galicia, 225 (maio de 1978), 6.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Información sobre a estadía d'Os Gaiteiros de Soutelo en Bos Aires, asinada en Rosario (A Arxentina) por Santiago Gómez Tato. Ver Documento. Artigo
Gómez Tato, Santiago: «Los gaiteros de Sotelo, en Buenos Aires», Mundo gráfico: revista popular ilustrada, Madrid, 988 (8 de outubro de 1930), 50.
Fonte: Biblioteca Nacional / Hemeroteca Dixital Hisipánica.
https://hemerotecadigital.bne.es/
Manuel García Barros,
Ken Keirades, escribe sobre Os Gaiteiros de Soutelo nunha colaboración no xornal estradense El emigrado. Ver Documento. ArtigoGarcía Barros, Manuel: «Os Gaiteiros de Soutelo», El Emigrado: periódico galleguista: órgano de las Sociedade de Emigrados y de Agricultores, A Estrada, 314 (30 de setembro de 1929), 1.
Fonte: Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Artigo e retrato de Avelino Cachafeiro publicados por Castelao en Galicia: Diario de Vigo. Ver Documento. Páxina de prensa
Castelao: «O Gaiteiro de Soutelo», Galicia: Diario de Vigo, 582 (10 de agosto de 1924), 1.
Fonte: Biblioteca Dixital de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Ligazóns de interese
Espazo web dedicado a Avelino Cachafeiro Bugallo en Músicas da Terra de Montes
Fonte: Músicas da Terra de Montes.
https://www.musicasdaterrademontes.com/
«Redescubrindo aos gaiteiros de Soutelo», na web de Rubén Troitiño
Fonte: Rubén Troitiño.
https://www.rubentroitino.com/
«Andresa Cachafeiro Viéitez», artigo de Rubén Troitiño García publicado en Musicas de Terra de Montes
Fonte: Músicas da Terra de Montes.
https://www.musicasdaterrademontes.com
«Bautista Cachafeiro Bugallo», artigo de Rubén Troitiño García publicado en Músicas de Terra de Montes
Fonte: Músicas da Terra de Montes.
https://www.musicasdaterrademontes.com
«Fermín Cachafeiro Balado», artigo de Rubén Troitiño García publicado en Músicas de Terra de Montes
Fonte: Músicas da Terra de Montes.
https://www.musicasdaterrademontes.com
«Casa Regal e Columbia. Os gaiteiros de Soutelo», artigo de Rubén Troitiño García publicado en Músicas de Terra de Montes
Fonte: Músicas da Terra de Montes.
https://www.musicasdaterrademontes.com
«Os Gaiteiros de Soutelo», artigo de Rubén Troitiño García publicado en Músicas de Terra de Montes
Fonte: Músicas da Terra de Montes.
https://www.musicasdaterrademontes.com
«Victor Castor Cachafeiro Bugallo», artigo de Rubén Troitiño García publicado en Músicas de Terra de Montes
Fonte: Músicas da Terra de Montes.
https://www.musicasdaterrademontes.com
Os Gaiteiros de Soutelo no xornal dixital Tabeirós Montes
Fonte: Tabeirós Montes
https://www.tabeirosmontes.com
«Redescubrindo a figura de Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo», xornada organizada polo Consello da Cultura Galega. Santiago de Compostela, CCG, 16 de xaneiro de 2025
Fonte: Consello da Cultura Galega.
https://consellodacultura.gal
«Os mestres atesouran libros, e Memoria», artigo de Carlos Solla no que o autor menciona a Avelino Cachafeiro e di que o
o rostro inerte de Rosalía de Castro se acocha entre os brazos do repoludo gaiteirorostroArtigo
Fonte: NR: Periodismo alternativo
https://nuevarevolucion.es/
Videos
Homenaxe a Avelino Cachafeiro no programa Luar da TVG, coa participación de Rubén Troitiño e Alberto Costas
Fonte: Músicas da Terra de Montes / YouTube.com
Carlos Nuñez e The Chieftains Muiñeira interpretan a «Muiñeira de Chantada» de Avelino Cachafeiro
Fonte: YouTube.com







![Os gaiteiros de Soutelo de Montes en Marín, fotografía incluída no álbum <cite>Las bellezas de Galicia</cite>. [Oviedo: Juan Gil Cañellas, 1930?]](../../mediateca/extras/CCG_adg_Avelino_Cachafeiro_003.jpg)



![Lousa coas pezas «Foliada de Barros de Areu» (cara A) e «La Alfonsiña: muiñeira» (cara B) interpretadas polos Gaiteiros de Soutelo de Montes. <br>A Arxentina: Columbia, [ca. 1929]](../../mediateca/extras/CCG_adg_Avelino_Cachafeiro_011.jpg)
![Lousa coas gravacións «Estroupeles, troupele: muiñeira» (cara A) e «Rianxeira: foliada Rías Baixas» (cara B) interpretadas polos Gaiteiros de Soutelo de Montes. <br>España: Regal, [ca. 1929]](../../mediateca/extras/CCG_adg_Avelino_Cachafeiro_012.jpg)




