Mili Porta
A Coruña, 18/ 2/1918 - Madrid, 9/11/1971Autoría: María del Carmen Lorenzo Vizcaíno
A primeira muller directora de orquestra española do século XX
a miña vocación foi sempre a música.
Con once anos empezou a presentarse por libre aos exames no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid onde, entre 1929 e 1932, foi aprobando diversos cursos de solfexo, piano, acompañamento, harmonía, estética e historia da música. Nunca deixou de querer aprender máis: xa sendo profesora neste mesmo conservatorio (e nai de catro fillos), seguiu cursando as especialidades de órgano, canto, contrapunto e composición. Entre os seus profesores estiveron algúns dos compositores máis importantes do panorama español de principios e mediados do século XX: Jesús Guridi (órgano), García de Paredes (harmonía) ou Conrado del Campo (composición).
Desde moi nova participou activamente na vida musical coruñesa. Xa atopamos mencións de Mili en xaneiro de 1934 formando parte da agrupación recentemente creada “Ofelia Nieto”, cantando o papel de Rosita na zarzuela Luisa Fernanda; ademais de participar como cantante nesta agrupación, tamén foi a súa pianista acompañante. Representou asemade un piar importante da coruñesa “Unión de Artistas Líricos”. Nos anos previos á Guerra Civil a súa presenza na vida musical coruñesa foi máis que habitual, desenvolvendo todo tipo de facetas musicais, como a de cantante, pianista acompañante ou cantante de coro, ata chegar a dirixir a orquestra da cidade. É importante ter en conta que naquela época esta orquestra estaba formada case na súa totalidade por homes (só nos constan dúas mulleres violinistas nese momento), así que podemos imaxinar a excepcionalidade de ser dirixidos por unha rapaza desa idade. Foi nesta etapa cando coñeceu ao barítono Fernando Navarrete, co que casaría no ano 1938 e con quen tivo catro fillos.
O 21 de setembro de 1934, con só dezaseis anos, debutou como directora de orquestra no Teatro Rosalía de Castro dirixindo a zarzuela La virgen de la aldea. Ela mesma expresou, nunha entrevista de 1961, que foi a primeira muller en España que dirixiu una orquestra, e que para poder facelo tivo que pedir un permiso especial ás autoridades; fixéronse eco de tal fazaña diversos medios da prensa da época, tanto galega como nacional. Seguiu dirixindo outras moitas zarzuelas (como La fama del tartanero ou Molinos de viento) así como diversas corais e outras orquestras. Foi en 1950 cando dirixiu a Orquesta de Cámara Española, á vez que tocaba como solista o seu Impromptu para piano y orquesta (que se estreaba ese día) no Ateneo madrileño; tamén dirixiu en 1946 a membros da Orquesta Sinfónica e da Filarmónica madrileñas no Teatro Calderón de Madrid. Enrique Fernández Arbós tivo ocasión de coñecela cando deu na Coruña un concerto coa súa orquestra madrileña, e sentiu dende o primeiro momento unha gran simpatía por ela, en quen viu a gran promesa na que se convertería. De feito, Mili chegaría a gañar o premio de dirección de orquestra que creou este mestre.
En 1943 instalouse en Madrid coa súa familia, e en este mesmo ano estreou unha opereta infantil titulada Malibú, los cerditos y tú no Teatro Español, con música da propia Mili e textos de Fernando Navarrete. Pronto foi nomeada profesora auxiliar interina de solfexo do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid (1945) e, logo de diversas oposicións, ocupou os postos de profesora especial (1949) e finalmente catedrática (1962). Deuse a situación de que Mili Porta chegou a compartir claustro con dous membros da súa familia: coa súa filla Ana María, que foi profesora de solfexo (a mesma especialidade que a da súa nai), e co seu marido, que era catedrático de canto.
Pese a marchar de Galicia tan nova, sempre mantivo a ligazón coa súa terra. Foi un membro moi activo, xunto co seu marido, da colectividade galega en Madrid. Alí creou as corais Alalá de Veiga, Anaquiños d’a Terra (do Centro Gallego de Madrid) e o coro de voces brancas Iria Flavia, con que daría a coñecer as cantigas de Martín Códax e as de Afonso X O Sabio. Ademais da súa frenética actividade concertística e de xiras con estas corais, tamén creou, xunto con Navarrete, o Grupo de Ópera de Madrid.
Tamén foi toda unha personalidade na pedagoxía musical española. Foi membro da Sociedad Didáctico Musical, onde participou no seu famoso tratado de solfexo El progreso musical co que renovou os criterios didácticos; e no ano 1963, xa sendo catedrática, obtivo unha bolsa da Fundación Juan March para viaxar aos conservatorios de París, Bruxelas e Berlín e investigar como se impartía o solfexo noutros países. Incluso chegou a ser convidada en 1952 polo decano da Universidade de Santo Tomás de Manila para impartir alá un curso, pero non o fixo finalmente porque lle supoñía estar nove meses lonxe da súa familia.
Un apartado especial merece a concesión da Gran Cruz de Alfonso X El Sabio en 1952 con só trinta e catro anos. Este premio concédese polos méritos contraídos nos campos da educación, a ciencia, a cultura, a docencia e a investigación tanto en España como no ámbito internacional. Foi a quinta muller en obter a Gran Cruz e a primeira no eido da música. Anteriormente, en música, concedéraselle este galardón a compositores da categoría de Manuel de Falla (1940), Conrado del Campo (1946), José Iturbi (1948) e Joaquín Turina (1942).
Desgraciadamente deixounos o 9 de novembro de 1971 en Madrid con só cincuenta e tres anos. Foron innumerables as homenaxes que recibiu en vida, xunto co seu marido, e tamén as que tiveron lugar logo da súa morte, tanto en Madrid como en Galicia. No conservatorio madrileño, onde traballou tantos anos, dedicáronlle unha aula co seu nome, e aínda a día de hoxe consérvase un busto dela.
Entre o seu catálogo de composicións atopamos unha opereta infantil, unha zarzuela, unha obra para piano solista e orquestra e numerosas cancións, tanto para voz e piano como para coro. Entre elas están: Pazo de Veiga, El mozo que me ronda, ¡Padrón!, ¡Padrón, Mexunxe ou Imos chegando. Tamén deixou inacabado un poema sinfónico dedicado a Valle Inclán e Julio Camba. Especial atención merece esa zarzuela: La represa y el río. Esta obra foi composta por Mili (a parte musical) e Antón Santiago “Nito” (libreto) na Coruña durante os anos da guerra, pero non se estrearía ata 1983; os autores deixaron só a partitura de canto e piano co texto en español, así que houbo que orquestrala para a estrea e, ademais, Fernando Navarrete decidiu traducila ao galego e recortar varios números para alixeirar a súa duración.
Como acabamos de ver, nada se lle resistiu a esta muller tan polifacética musicalmente (directora de orquestra e coros, compositora, pedagoga, crítica musical) a pesar do pouco tempo que a tivemos entre nós. A música impregnou todas as facetas da súa vida, formando unha parella artística co seu marido Fernando Navarrete, e deixando numeroso alumnado que baseou a carreira nas primeiras ensinanzas desta gran pedagoga.
Como citar: Lorenzo Vizcaíno, María del Carmen : Mili Porta. Publicado o 29/3/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=31550. Recuperado o 20/03/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Entrevista a Mili Porta e a Fernando Navarrete. Ver Documento. Entrevista
«5 minutos de charla. Con Mili Porta y Fernando Navarrete», La Voz de Galicia, (2 de setembro de 1952), 8
Fonte: Hemeroteca de La Voz de Galicia
Artigo de Mili Porta en La Voz de Galicia. Ver Documento. Artigo
Porta, Mili: «Nuestro folklore», La Voz de Galicia, (17 de maio de 1950), 6
Fonte: Hemeroteca de La Voz de Galicia
Mili Porta escribe sobre o músico Pierino Gamba. Ver Documento. Noticia
Porta, Mili: «Pierino Gamba», La Voz de Galicia, (29 de decembro de 1948), 3
Fonte: La Voz de Galicia, (29 de decembro de 1948), 3
Entrevista a Mili Porta na Revista Estampa. Ver Documento. Artigo
Quílez Vicente, José: «La primera directora de orquesta de España», Estampa: revista gráfica, (8 de agosto de 1936), 38-39
Fonte: Biblioteca Nacional. Hemeroteca Digital
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Programa de man do concerto da coral "Iria Flavia". Ver Documento. Programación
Programa de man do concerto da «Coral Iria Flavia», Teatro Rojas (Madrid), (26 de marzo de 1956)
Fonte: Propiedade do Archivo Municipal de Toledo.
Programa de man do concerto celebrado no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. 1936. Ver Documento. Programación
«Programa de mano concierto de La Unión de Artistas Líricos», (9 de junio de 1936)
Fonte: Arquivo familiar de Ana Navarrete Porta
Concerto da "Agrupación Ofelia Nieto" no Teatro Rosalía de Castro da Coruña: programa de man. 1934. Ver Documento. Programación
Programa de man da actuación da «Agrupación Artística Coruñesa Ofelia Nieto» no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, (31 de maio de 1934)
Fonte: Arquivo familiar de Ana Navarrete Porta
Ligazóns de interese
A primeira directora de orquestra de España en Mundiario
Goás, Cristina: «Mili Porta Siso, la primera directora de Orquesta de España», Mundiario, (13 de marzo de 2021)
Fonte: https://www.mundiario.com/articulo/cultura/mili-porta-siso-primera-directora-orquesta-espana/20210313121508214365.html [Consulta: 2022-03-22]
Homenaxe da asociación cultural Tres por Cuatro a Mili Porta. 11 de abril de 2020
Fonte: https://tresporcuatro.gal/2020/04/homenaje-a-milagros-porta-siso/ [Consulta: 2022-03-21]
Concerto As mulleres na música galega. Milagros Porta Siso. Auditorio da Fundación Barrié (15 de decembro de 2018)
Notas: Fundación Barrié.
https://fundacionbarrie.org/concerto-mili-porta [Consulta: 2022-03-21]
Julia Dopico Vale escribe sobre a directora Mili Porta en Galicia Ártabra
Dopico Vale, Julia María: «La mujer en la música gallega», Galicia Ártabra, (16 de decembro de 2017)
Fonte: http://www.galiciaartabradigital.com/archivos/170230 [Consulta: 2022-03-22]
Mili Porta formou parte da agrupación Ofelia Nieto, xurdida na homenaxe dedicada á soprano compostelá tras o seu pasamento
Santiago, Antón de: «Unha galega no olimpo do bel canto», Álbum de Galicia, (21 de novembro de 2017). DOI: 10.17075/adg.2017.22673
Fonte: Álbum de Galicia. Consello da Cultura Galega [Consulta: 2022-03-22]
Artigo sobre Mili Porta publicado en El País
Valdés, Isabel: «La mujer que aprendió a tocar el piano sin piano», El País, (22 de decemrbo de 2022)
Fonte: https://elpais.com/elpais/2016/12/12/mujeres/1481568512_034423.html [Consulta: 2022-03-22]
Conferencia e concerto en homenaxe a Mili Porta no auditorio Afundación, A Coruña, 2016
«As mulleres na música galega. Homenaxe a Mili Porta». Auditorio Afundación (A Coruña), vernes 16 de decemebro de 2016. Participan: Ana María Navarrete Porta, Grupo Vocal EntreElas e mais o pianista Maurizio Polsinelli.
Fonte: https://www.afundacion.org/es/agenda/evento/conferencia_concierto_milagros_porta_siso_mulleres_na_musica_galega [Consulta: 2022-03-29]
Videos
Tríptico, composición de Mili Porta sobre poemas de Celso Emilio Ferreiro
Tríptico. Textos: Celso Emilio Ferreiro; música: Mili Porta; soprano: Clara Panas; piano: Margarita Viso.
Galegas Compositoras. Irmandade da Música Galega. Real Academia Galega de Belas Artes
A Coruña, 14-II-2020
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=ylNw6d0egsw&ab_channel=MargaritaVisoSoto [consulta: 2022-12-30]
Fragmento da película Sabela de Cambados (1949) no que aparece o coro Anaquiños d'a Terra que dirixían Mili Porta e Fernando Navarrete
Sabela de Cambados, 1949. Película dirixida por Ramón Torrado, a partir dunha historia de Adolfo Torrado. No reparto figuran Margarita Alexandre, Rafael Bardem, Xan das Bolas, Amparo Rivelles, Jorge Mistral, Fernando Rey, Juana Mansó, etc. Mili Porta, nunha entrevista publicada en La Voz de Galicia o 15 de agosto de 1948 di que
el coro tiene amplia intervención en la película que está rodando Ramón Torrado, Sabela de Cambados, sobre un guion de su hermano Adolfo.
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=ko3k3aSsdUE [Descarga: 2022-03-28]
Audios
Zarzuela A represa e o río, con música de Mili Porta e libreto de Antón Santiago (Nito), estreada en 1983. 1ª parte
Zarzuela A represa e o río, con música de Mili Porta e libreto de Antón Santiago (Nito), estreada en 1983. 2ª parte
«Ave María de Schubert», do disco Ave María. 1959
«Ave María de Gounod», do disco Ave María. 1959
«Negra sombra», do disco Airiños. Vieux chants galiciens, dirixido por Mili Porta
«Unha noite na eira do trigo», do disco Airiños. Vieux chants galiciens, dirixido por Mili Porta
«Muiñeira», do single Airiños: viejos cantares de Galicia, dirixido por Mili Porta
«Un adiós a Mariquiña», do single Airiños: viejos cantares de Galicia, dirixido por Mili Porta