Cruz Comesaña
Vigo (Pontevedra), 3/ 5/1960 - Madrid, 12/2/1989Autoría: Ana Abad de Larriva
Actriz de teatro de intensa carreira nos anos 80 do século XX
No ano 1982 presentouse ás probas de acceso á RESAD, superándoas e iniciando os tres anos de estudos, que rematou en 1985. Ese ano participou en varias montaxes da Compañía de Teatro Popular de la Villa de Madrid: unha que combinou a posta en escena das pezas La enamorada del Rey e La rosa de papel, de Ramón María del Valle Inclán, e outra a partir do texto Tres sombreros de copa, de Miguel Mihura, baixo a dirección, nas dúas, de Antonio Guirau.
Ademais da interpretación, a Cruz, que tiña unha sólida formación teatral, interesábanlle tamén outras áreas relacionadas coa creación escénica e a docencia, e neses anos deu clases de teatro en asociacións e desenvolveu proxectos de dirección, como, en 1985, a das pezas que formaron parte da mostra teatral Nigrán Art, organizada polo grupo Gaelit Teatro. O programa incluía a adaptación de Cruz de tres pezas de Tennessee Williams: O cuarto escuro, O caso da petunias pateadas e A marquesa da augardente. A súa irmá Elvira, que participaba como actriz nas dúas primeiras (e que uns anos máis tarde, en 1991, formaría parte do elenco da montaxe de Así é, se vos parece, do Centro Dramático Galego, baixo a dirección de Maximino Queizán), destacaba o moito que lle gustaba a Cruz dirixir e
o marabillosamente ben que o facía, sabendo sacar o mellor de cada actor ou actriz. Cruz estaba a explorar ese campo, sen deixar de cultivar a súa vocación de actriz. Por iso, nesa mesma mostra incorporou unha cuarta peza, As mans limpas, a partir do texto do dramaturgo e xornalista valisoletano Ángel García Pintado, interpretado por ela e por Antón Lamapereira. Nesa época, Cruz puxo rostro tamén a unha campaña de normalización lingüística posta en marcha polo Concello de Redondela.
No ano 1986 participou na posta en escena d’A noite vai coma un río, de Álvaro Cunqueiro, baixo a dirección de Xulio Lago, para o Centro Dramático Galego. Uns meses despois, formou parte do elenco da montaxe Da Vinci levaba razón, de Roland Topor, posta en escena pola compañía O Moucho Clerc, en coprodución co CDG, e estreada en xaneiro de 1987. A peza estaba dirixida por Xoán Cejudo, quen a seleccionou para protagonizar, uns meses despois, a produción do CDG A pousadeira, de Carlo Goldoni, que tamén dirixiría el e que se estrearía en maio. Nela, Cruz destacaba especialmente no seu papel de Mirandolina, a pousadeira, definida polo seu director como
a personaxe teatral feminina máis sorprendente e moderna do século dezaoito; e moitos anos despois a prensa aínda recollía o xeito en que esta fora
magnificamente encarnadapola actriz. Ese mesmo ano, actuara tamén na montaxe d’A cena, de Manuel Pombal, dirixida por el e producida pola Asemblea de Actores, Directores e Técnicos do Teatro Galego, que fora estreada en febreiro no Centro Cultural da Caixa de Aforros de Vigo, cun amplo elenco do que Cruz formaba parte.
No seguinte ano seguiu desenvolvendo proxectos teatrais que a levaban a desprazarse continuamente entre Galicia e Madrid e foi na capital española onde faleceu, o 12 de febreiro de 1989, un par de meses antes de cumprir os 29 anos de idade, nun accidente doméstico que lle causou unha intoxicación por monóxido de carbono, e que se debeu ao mal funcionamento dun quentador de gas. A súa calidade humana, a súa incesante actividade, sempre chea de proxectos e ilusións, froito do seu fondo amor polo teatro e pola vida, e a súa incipiente pero xa intensa carreira que despuntaba e que a estaba a situar como unha actriz destacada, son lembradas aínda por persoas que compartiron a súa vida, os seus proxectos teatrais e os seus soños.
Agradecementos
A Elvira González Comesaña, Quico Cadaval, María Bouzas, Carlos Alonso, Antón Lamapereira e Manuel F. Vieites, pola súa xenerosidade á hora de compartir comigo algúns dos seus fermosos recordos sobre Cruz, incluídas imaxes e outra documentación.
Páxinas web de referencia
Web do Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música: https://www.teatro.es/profesionales/mari-cruz-gonzalez-comesa%C3%B1a-2754/estrenos
Web do Centro Dramático Galego: http://centrodramatico.xunta.gal/cdg/
Fontes
Elvira González Comesaña, Quico Cadaval, María Bouzas, Carlos Alonso, Antón Lamapereira, Manuel F. Vieites, secretaría da Real Escuela Superior de Arte Dramático (RESAD) de Madrid, CDG.
Bibliografía
Avendaño, Alberto: «Epatar e coñecer, sen embargo», A Nosa Terra, (29 de xaneiro de 1987), 21.
Luca de Tena, Gustavo. «Topor y el discreto encanto de la represión», El Público, (febreiro de 1987), 24-25.
Vietes, Manuel F. (coord.): Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. Vigo: Xunta de Galicia e Editorial Galaxia, 2007.
Como citar: Abad de Larriva, Ana : Cruz Comesaña. Publicado o 20/3/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=35081. Recuperado o 14/05/2025
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de Manuel F. Vieites de lembranza a Cruz Comesaña publicado no xa extinto blog Maderne o 28 de abril de 2010. Ver Documento. Artigo
Fonte: maderne.blogspot.com
«Bicentenario de Goldoni». Artigo sobre o bicentenario de Carlo Goldoni que incluía unha imaxe da montaxe d’A pousadeira do CDG de 1987, na que aparece Cruz Comesaña, así como unha referencia a ela, no periódico semanal A Nosa Terra do 21 de xaneiro de 1993, na páxina 21. Ver Documento. Artigo
Fonte: A Nosa Terra
«Epatar e coñecer, sen embargo». Crítica de Da Vinci levaba razón feita por Alberto Avendaño para o periódico semanal A Nosa Terra do 29 de xaneiro de 1989, na páxina 21. Ver Documento. Artigo
Fonte: Consello da Cultura Galega.
«Topor y el discreto encanto de la represión». Crítica de Da Vinci levaba razón feita por Gustavo Luca de Tena para a revista El Público, en febreiro de 1987, nas páxinas 24 e 25, acompañada dunha fotografía da montaxe na que aparece Cruz Comesaña. Ver Documento. Artigo
Fonte: Teatro.es
Programa de man da mostra de teatro Nigrán Art, organizada por Gaelit Teatro, con pezas dirixidas por Cruz Comesaña, quen tamén actuaba nunha delas: As mans limpas, de Ángel García Pintado, celebrada o 20 de decembro de 1985 en Nigrán. Ver Documento
Fonte: Elvira González Comesaña.
Ficha d’A pousadeira, de Carlo Goldoni, dirixida por Xoán Cejudo, na que Cruz Comesaña interpretaba o papel da protagonista, Mirandolina, a pousadeira, para o CDG, no ano 1987. Ver Documento
«A pousadeira de Carlo Goldoni». En: Centro Dramático Galego: 20 anos, 1984-2004. Santiago de Compostela: Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais IGAEM, 2004.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
Ligazóns de interese
Páxina web do CDG onde aparece a listaxe de producións do CDG ao longo da súa historia.
Fonte: CDG
https://centrodramatico.xunta.gal
Información sobre Mari Cruz González Comesaña na páxina web do Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música
Fonte: Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música.
https://www.teatro.es/
A pousadeira, na Galipedia. Recolle a adaptación en galego estreada polo Centro Dramático Galego no Teatro Principal de Pontevedra o 16 de maio de 1987, na que actuou Cruz Comesaña
Fonte: https://gl.wikipedia.org