María Xosé Rouco Lamela
Vilalba (Lugo), 6/ 4/1952 - Lugo, 5/1/2020Autoría: Luz Darriba
Unha pioneira na defensa dos dereitos das mulleres
Dinos Maribel Lugilde, unha das súas máis próximas amigas:
Eu coñecín a Pepa con once anos, os que ambas tiñamos cando ela chegou coa nai de Vilalba e coincidimos no colexio das Josefinas, de Lugo (As Pepas). Dende entón andamos camiños comúns, agás o momento de encarar unha educación superior, no que eu fun para Santiago e ela para A Coruña a estudar Empresariais, e, entón, vímonos algo menos; así até que ela morreu en 2020.
María Xosé Rouco comezou a súa infancia na contraditoria Vilalba de Fraga Iribarne e Rouco Varela, que era tamén o berce dos Chao, entre eles o coñecido Manu, co que compartía xogos de grupo nos veráns dos que tamén participaba a sobriña de
monseñor, e rematou na capital da provincia, Lugo, que medraba percorrendo as contradicións propias dos tempos que se aveciñaban.
A pequena María Xosé, bastante
trasto, como a describen as amigas que a coñeceron na nenez, herdara, ao parecer, o carácter alegre e faladeiro do seu pai, así como a súa extrema xenerosidade; andaba moito en bicicleta, rubía ás árbores, encantáballe ir a Martiñán, localidade natal da súa nai (o seu pai procedía de Samarugo) nas festas, unha aldea pouco poboada na que a familia tiña una casa de recreo.
En Vilalba fixo a primaria até o que nesa época se coñecía como o
ingreso, que tocaba aos dez anos, para acceder logo á seguinte etapa: o bacharelato elemental, a ponte cara ao bacharelato superior previsto para os catorce anos de vida do estudantado (segundo unha lei do franquismo en 1953), que viña ser a antesala do preuniversitario (PREU), para quen quixese e puidese, claro está, continuar estudos universitarios. Estamos a falar dos primeiros anos da década de 1960.
Con dez anos, cóntanos Maribel Lugilde,
tiñas que facer unha proba de ingreso para entrar ao bacharelato elemental. Esa proba podíase facer no instituto ou “nas monxas”, e evidentemente nas monxas era moito máis fácil que no instituto, porque querían xente, entendes? No instituto había que render un exame escrito para comprobar o coñecemento que tiña o alumnado. Nas monxas, en calquera dos colexios, a cousa era moito máis doada.
Cando Pepa, a única muller, no medio de dous irmáns (Moncho e Euloxio) tiña once anos, foi coa súa nai a vivir a Lugo co propósito de ampliar na cidade a empresa familiar que levaban adiante na Terra Chá: una zapataría. Dado que as viaxes de Vilalba a Lugo eran incesantes, non dispuñan dunha vivenda fixa, polo que Pepa tivo que vivir arredor dun ano nunha residencia de monxas en Santo Domingo. Viviron nun principio de alugueiro na rúa Quiroga Ballesteros e logo foron para a rúa da Raíña, onde estiveron moito tempo. Na planta baixa dese edificio atopábase Calzados Camba, que rexentaron durante moitos anos. Parécenos oportuno subliñar que esta zapataría estaba bastante lonxe do concepto actual de calzado (o pai de María Xosé comezou fabricando zocas), maiormente importado da China e de mala calidade. Calzados Camba distribuía e comercializaba un calzado excelente fabricado na península, na zona de Levante, con deseños, acabados e materiais de primeira.
No ano 1962, María Xosé e Maribel coinciden nas famosas
Pepase comezan unha amizade que duraría para sempre. Dinos Maribel que María Xosé era unha alumna
normal, nin moi boa nin especialmente mala, á que lle encantaba ler.
Leu sempre, canto lle caía nas mans. Cando faciamos exercicios espirituais e había que ler as vidas de santos e cousas así, ela cambiaba as cubertas dos libros e puña dentro outras historias que, por suposto, non tiñan nada a ver coas prescritas polas monxas, cousa que sempre me facía pasar medo de que a descubrisen. Lembra Maribel Lugilde que María Xosé lía avidamente daquela as novelas de Frank Yerby, un escritor norteamericano mestizo que chegou a ser supervendas con historias do sur profundo, e que rematou casando cunha española e vivindo en Madrid até a súa morte. Tamén nos di que María Xosé, malia ser ben baixiña, era boísima xogando ao baloncesto e en todos os deportes que se lle ocorría practicar.
En cuarto de bacharelato as amigas sepáranse; a primeira vai á Escola de Comercio (a outra, a Compostela) e logo á Coruña a facer Empresariais, que en Lugo aínda non se podía. Ao rematar, ou non, Empresariais (Maribel non ten certeza disto) María Xosé volveu para Lugo para traballar coa súa nai na xa célebre zapataría Camba da rúa da Raíña, onde, ademais, no segundo andar, nun amplo piso, dispuñan da súa vivenda. Alí viviu até finais dos oitenta. Despois a súa nai, Delia Lamela, marchou para Vilalba a coidar do seu home, José Rouco, enfermo de Alzheimer, e ela quedou á fronte da tenda á que lle fixera unha gran reforma (
moi impresionante para Lugo e moito máis vangardista do que Lugo estaba acostumado, dinos Maribel Lugilde) e mudouse enfronte, na mesma rúa, á que sería a súa definitiva casa.
Cando eu coñecín a María Xosé Rouco, no verán do ano 1990, Calzados Camba, na rúa da Raíña, contiña, ademais, unha fermosa e moi contemporánea galería de arte, que ela instalara no entresollado. Daquela, albergaba unha mostra de esculturas do enorme e sempre recordado amigo Paco Pestana.
Pepa Rouco e Maribel Lugilde crearon, xunto a outras compañeiras, en novembro de 1977, a que sería unha das primeiras organizacións feministas do país: a Asociación Democrática da Muller Galega. A dita asociación, nese tempo que se chamou
da transición, veu lembrarnos que as mulleres eramos suxeitos de dereito e que xa ía sendo hora de sermos recoñecidas como tales. As actuacións deste grupo tiveron lugar durante varios anos, opinaron nos medios sobre a que sería a tan discutida e desexada
lei do divorcioe outras cuestións que atinxían ás mulleres, como solicitar que a Xunta crease unha Secretaría da Muller. Cando un grupo de mulleres creamos en Lugo en 1997 a asociación feminista Donas de nós, implantamos o costume de parar o tráfico en Santo Domingo cada vez que era asasinada unha muller en calquera recuncho do Estado. Repartiamos panfletos para alertar sobre a violencia contra as mulleres e lembrabamos a asasinada. A enorme pancarta morada coa que atravesabamos a rúa para impedir o trafico quedaba gardada en Calzados Camba, daquela en Santo Domingo. Tamén nos reuniamos alí.
María Xosé Rouco Lamela tamén foi a fundadora da Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo (AELU), no ano 1988, e presidiu a asociación dende entón até 2004, sendo, ao tempo, vogal da directiva da Cámara de Comercio de Lugo. É importante subliñar que con esta asociación tamén se estaban a resgardar os dereitos das mulleres, neste caso os das mulleres empresarias, donas xeralmente de pequenos negocios que contribuían enormemente á economía local da cidade.
Unha das miñas últimas aventuras compartidas con Pepiña, en 2017, lévame a unha xornada na que ía eu andando polo centro de Lugo. Non lembro o que estaba a facer, e ela, coma tantas veces, saíu da súa casa na rúa da Raíña e convidoume, como facía con todo o mundo, a tomar algo:
Que andas facendo?Eu:
Rematando unha novela da cal unha parte ocorre en Muxía (Abril), tería que ir alí un par de días pero (coma sempre) non teño un can…Ela:
Que tes que facer esta tarde?E antes de que eu tivese tempo de pensar:
Vámonos pra Muxía. E aló fomos, e canto me alegro de deixarme seducir por aquela súa vitalidade, unha fermosa e inesquecíbel viaxe, malia que entre as dúas non tiñamos nin para pagar un prato de mexillóns compartido. A vida, en definitiva, é iso.
Teresa Veiga López, outras das súas amigas e compañeira de viaxes e aventuras, dinos que María Xosé levou até o derradeiro momento a súa doenza cunha dignidade exemplar:
Era ela quen nos acougaba e confortaba. Ela preocupábase de que nosoutras non nos preocupásemos… Ela coidaba a xente que quería, e coidaba a cada quen dun xeito diferente, da maneira que cada unha de nós precisaba ser coidada. Un día chegou correndo a unha xuntanza que tiñamos e axitadísima preguntou se coñeciamos un electricista: Luz (esa era eu) non ten luz na casa, precisa un electricista. Así era ela.
Lola Solana, membro da directiva da AELU e compañeira de María Xosé en infinidade de eventos, cóntanos esta historia que revela ese carácter extraordinario de Pepa Rouco, que hoxe lembramos:
Estabamos en Alacante, hai anos, un día de moi mal tempo. Acabaramos de chegar e Pepa quería meterse no mar, malia que non prestaba en absoluto. Estaba a bandeira vermella, á que ela non fixo nin caso. Meteuse no mar, nunha praia case deserta, e o socorrista dende a súa atalaia comezou a dar fortísimos asubíos polo pito. Parece que a estou a ver, eu berráballe que saíse, que a multa era ben gorda e que, ademais, podía afogar. Ela a facer que non co dedo índice, até que o socorrista chegou onde estabamos e non tivo máis remedio que deixar o baño. Logo, aínda se encargou de convencer o home, para eludir a multa, de que chegara de Galicia onde non podía meterse na auga porque ía moi fría e non tivera forza para evitar o desexo de bañarse no mar. Todo un carácter.
A súa tamén amiga Carmen Salvadores non quere deixar de lembrarnos que:
María Xosé Rouco, a muller máis diversa en toda a súa traxectoria, pagou en ocasións, en demasiadas ocasións, un altísimo prezo pola súa honestidade, sinceridade e pensamento propio. O que nos ocorre á maioría de nosoutras.
As amigas de María Xosé Rouco, Pepiña, lembrámola coma unha persoa que amaba profundamente a vida: gustáballe con paixón descubrir lugares descoñecidos, viaxar a destinos insólitos sempre con xente querida, percorrer o mundo que se abría coma un abano fronte a unha moza nada en Vilalba na década de 1950. María Xosé Rouco, a nosa Pepiña, era, esencialmente, unha moi boa persoa, dona dunha enorme e proverbial xenerosidade, comprometida coas cousas importantes que podían modificar para ben os destinos doutra xente, cunha habilidade incríbel para nadar entre quenllas, ou en mares tempestuosos, e acadar aqueles obxectivos de carácter social que ela consideraba importantes e que en realidade o eran. Cando algunhas das súas amigas nos xuntamos para falar dela, só podemos dicir cousas boas, só podemos compartir recordos persoais nos que ela está instalada nun espazo de honra: aquel que as humanas e os humanos reservamos para as boas persoas. En definitiva, coido que triunfar, triunfar de verdade, é que as demais persoas te lembren deste xeito, co corazón cheo de gratitude por terte atopado neste mundo tantas veces detestábel. As mulleres que coñecemos e queremos (o amor xamais é vencido pola morte) botámola en falta todo o tempo, unha sensación que, co paso dos anos, no canto de diminuír, medra exponencialmente. Moito hai aínda que lembrar e valorar da súa memoria.
Como citar: Darriba, Luz : María Xosé Rouco Lamela. Publicado o 3/4/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=35090. Recuperado o 21/01/2026
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Memoria de investigación de Raquel Fernández Reguera sobre o movemento feminista en Galicia entre 1975 e 1983. Máster Interuniversitario en Historia Contemporánea da USC. Ver Documento
Fernández Reguera, Raquel: O movemento feminista organizado en Galicia (1975-1983). Santiago de Compostela: USC, Facultade de Xeografía e Historia, 22 de xullo de 2021.
Fonte: https://www.valedordopobo.gal
Artigo de Maríam Mariño costales sobre «Movemento feminista e educación en Galiza: 1970-1990» no que a autora recolle a creación da Asociación Democrática da Muller Galega (ADMG). Ver Documento. Artigo
Mariño Costales, Mariám: «Movemento feminista e educación en Galiza: 1970-1990», Sarmiento, 17 (2013), 37-54.
Fonte: Universidade da Coruña. http://revistas.udc.es
Reportaxe coordinada por Antón Lopo e Montse Dopico sobre a historia do feminismo galego, publicada en Revista das Letras do xornal Galicia Hoxe. Ver Documento. Artigo
López, A.R.; Dopico, M. (coord.): «Historia do feminismo galego», Galicia Hoxe: Revista das Letras, 806 (28 de xaneiro de 2010), 1-8.
Fonte: Arquivo de poéticas contemporáneas na cultura.
http://www.poesiagalega.org
Entrevista na revista Irimia a compoñentes da coordinadora feminista Donas de Nós, da que formou parte Pepa Rouco. Ver Documento. Artigo
Raposo, Clara; Ledo, Tereixa: «Mulleres: Donas de Nós», Irimia: revista quincenal de crentes galegos, 622 (17 de marzo de 2022), 8-10.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Fondos documentais.
https://consellodacultura.gal/
Programa da Asociación Democrática da Muller Galega. Ver Documento
Fonte: Consello da Cultura Galega. CDIF
Bases para un Proyecto-Ley de Divorcio da Federación de Organizaciones Feministas. Ver Documento
Federación de Organizaciones Feministas: Bases para un Proyecto-Ley de Divorcio. [S.l.]: Edita Asociación Democrática da Muller Galega Concepción Arenal, 1977.
Fonte: Consello da Cultura Galega. CDIF.
Voandeira Por unha lei de divorcio xusta e non discriminatoria prá muller, da Federación de Organizacións Feministas. Difunde en Galicia Asociación Democrática da Muller Galega Concepción Arenal. Ver Documento
Federación de Organizaciones Feministas: Por unha lei de divorcio xusta e non discriminatoria prá muller. [S.l.]: Asociación Democrática da Muller Galega Concepción Arenal, 1977.
Fonte: Consello da Cultura Galega. CDIF.
Ligazóns de interese
«Aquellos años: Calzados Camba se inaugura en la calle de la Reina en 1963», breve información sobre a apertura de Calzados Camba, entre outras noticias
Fonte: Onda Cero
https://www.ondacero.es/
«Fallece a los 67 años María José Rouco, expresidenta de la Asociación de Empresarias de Lugo», na edición dixital de El Progreso, (5 de xaneiro de 2020)
Fonte: El Progreso
https://www.elprogreso.es/
«Rouco Lamela presidirá por cuatro años más a las mujeres empresarias», en La Voz de Galicia, (4 de xullo de 2001)
Fonte: La Voz de Galicia
https://www.lavozdegalicia.es
«La Asociación de Empresarias busca afianzarse en Monforte», artigo na edición dixital de La Voz de Galicia, sobre a xuntanza celebrada en Monforte e presidida por María Xosé Rouco Lamela. (4 de outubro de 2020)
Espazo web da Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo (AELU), creada en 1988 por María Xosé Rouco Lamela
Fonte: https://www.empresariaslugo.org/
«Presentación da Asociación Democrática da Muller Galega de Lugo no local social da Caixa de Aforros da cidade», no espazo web Memorias Vivas do grupo de investigación HISPONA da USC
Fonte: USC. Grupo de Investigación HISPONA. Memorias Vivas.
https://memoriasvivas.es/
A Asociación Democrática da Muller Galega (ADMD) nos fondos documentais do Consello da Cultura Galega. CDIF
Fonte: Consello da Cultura Galega. CDIF.
«Aurora Carro y María José Rouco pedían una Secretaría da Muller: sucedió en 1979», na edición dixital de La Voz de Galicia, (26 de xaneiro de 2004)
Fonte: La Voz de Galicia
«Feminismo galego: cambios sociais e dereitos das mulleres», exposición organizada pola Fundación Galiza Sempre (2009-2010)
Fonte: Observatorio da Mariña pola Igualdade.
https://observatorioigualdade.org/














