Fotografía Llanos
Vigo, 1885 - Vigo, 2012Autoría: Vítor Vaqueiro
Saga familiar formada por Francisco Llanos Mas, Francisco Llanos Trápaga e Ángel Llanos González
compañía de fantochesou
liliputienses mecánicos. Esta actividade partillábase, como se dixo, con traballos estritamente fotográficos, como o rexistro de traxedias pesqueiras, dos que sería un exemplo a ocorrida como consecuencia do estouro do canoneiro Cóndor, onde Llanos fotografou o casco do barco e a condución dos cadáveres que a desfeita produciu, ou acontecementos deportivos, como fotografías do velódromo un día de carreiras.
En 1902, Llanos Mas achábase establecido no último andar do número 28 da rúa de Elduayen de Vigo, onde anunciaba unha ampla oferta de traballos: ampliacións de variados formatos, retratos múltiples e
planotipias, un procedemento que William Willis desenvolvera en 1892 e que foi empregado polo movemento fotográfico pictorialista. Llanos Mas anunciaría igualmente a realización de retratos Boer, un tipo de fotografía que tomara o nome do pictorialista holandés Adriaan Boer (Rotterdam, 1875-Bloemendaal, 1940), un fotógrafo que tivera unha produción de interese nos campos do retrato, paisaxe, interiores, naturezas mortas e publicidade, cuxas copias realizaba usando as chamadas impresións nobres como bromóleos ou gomas bicromatadas. A utilización dos métodos de Willis e Boer reforzan a hipótese de traballo de estaren os fotógrafos galegos inseridos en certas correntes da contemporaneidade, polo menos no que atinxía á vertente técnica e menos nas cuestións estilísticas e estéticas.
Nos primeiros meses do ano 1908, tense xa constancia de Llanos Mas encontrarse instalado nun novo estudio na rúa Policarpo Sanz, 19, aínda que mantendo durante algúns anos a propiedade, e probabelmente o uso, da galería de Elduayen, que sufriu un incendio como consecuencia dunha forte treboada, con notábel produción eléctrica, que batera sobre a cidade. Aínda que o sinistro non fora de grandes dimensións, o lume causara avarías no gabinete, alén de se estragaren fotografías, moblaría de estudio e outros efectos. En canto isto ocorría, no estudio de Policarpo Sanz xerábase unha actividade fotográfica notábel que abranguía diferentes ámbitos: festas de entroido, actos militares, despedida de tropas con destino á guerra de Marrocos, fotografías nocturnas, reunións políticas de membros do Partido Liberal e paisaxes urbanas. Algunhas destas reportaxes situábanse fora do cotián, como o caso de seren retratados 26 homes —12 deles galegos— de suposta filiación anarquista que, expulsados da Arxentina, aportaban a Vigo, sendo conducidos por membros da policía e da garda civil á galería de Llanos para enriqueceren os arquivos policiais. Muitas imaxes do conxunto de traballos nomeados estaban destinadas a publicacións periódicas locais, como Faro de Vigo, cuxa impresión se realizaría mediante un gravado ou debuxo previo que tomaba como referente a imaxe fotográfica.
Como tantos outros especialistas da fotografía, debeu ser profunda a inserción de Llanos Mas no tecido cultural, asociativo e político da cidade viguesa. De feito, no comezo da segunda década do século XX, é un dos constituíntes da Xunta Municipal de Vigo, xunto co correspondente grupo de concelleiros que debateran a aprobación dos orzamentos correspondentes ao seguinte ano 1911. É tamén nestes momentos cando se fai presente o segundo membro da estirpe dos Llanos: no derradeiro mes do ano 1910, na igrexa de Santa María de Vigo, o
xove fotógrafoMiguel Llanos Trápaga, de 22 anos, casa con Ángeles González Iglesias. Miguel —en realidade Francisco Miguel— pasaría a ser coñecido como Francisco Llanos e será o continuador da saga familiar, primeiro, en compañía do seu pai e, após da morte deste, en 1928, en solitario até a incorporación do seu fillo Ángel Llanos González, xa na década de 1930 e con especial protagonismo, como se verá, a partir do sanguento confronto xerado polos militares golpistas de 1936.
É posíbel que a instalación como fotógrafo de Llanos Trápaga libertase o seu pai de certas áreas de traballo fotográfico, permitíndolle acaroarse a inquietudes ligadas ao teatro e á escrita xornalística. No primeiro caso sinalaríase a construción dun pavillón que finalmente se inauguraría como
teatrillo de fantochesna veciñanza do que hoxe é a Praza de Compostela. Dita actividade, que, como se ten sinalado, insire os primeiros tempos da fotografía na bohemia parece aínda presente en Llanos Mas que mesmo levaba o seu teatro de fantoches a outros lugares como o teatro Jofre de Ferrol. No segundo, satisfacendo a antedita vertente literaria persoal, citaríase a fundación no ano 1909 dunha revista ilustrada, Alegría, na que probabelmente colaboraría o editor e fotógrafo José Cao Moure, P.P.K.O.
O período comprendido, grosso modo, entre a perda do imperio colonial español e o tempo republicano deitou un amplo grupo de fotografías que permiten albiscar o traballo de gabinete e exteriores. O retrato de estudio Francisco Llanos Trápaga e a súa dona Ángeles González Iglesias, pódese considerar unha mostra estimábel que permite xulgar a mestura dos vectores de realidade e ficción que daquela constituían os eixos da galería fotográfica. A imaxe que estamos a considerar explana un conxunto de significados que pescudan na situación do retrato naquel tempo. A roupa, as actitudes perante a cámara, as poses, a contorna de finxidos xardíns poboados por árbores exóticas, as expresións faciais nas que aniña un grao ben patente de deleitación, a corporalidade, a orientación da luz responsábel de modelar as faces, os ollares dos protagonistas para o fora de campo, a asignación de posicións relativas de ambos membros, en resumo, a construción de identidades, fornecen un achegamento á sociedade burguesa que empregaba o retrato como forma de se representar para si mesma e o exterior. Ao pé dela Francisco Llanos Trápaga e a súa dona Ángeles González Iglesias coa súa radical economía de medios obriga a que a mensaxe relixiosa e o seu campo semántico reduzan o panorama polisémico que toda imaxe exhibe.
No que atinxe á fotografía de exteriores, o falecemento de Llanos Mas no verán de 1928, xunto co feito de, nesta mesma data, ser Ángel Llanos aínda un raparigo de apenas 12 anos, son os factores que configuran o protagonismo total de Llanos Trápega na condución de Estudios Llanos. Sería el, polo tanto, o responsábel de rexistrar, no ano 1927, aspectos industriais, como a botadura do primeiro buque con casco de aceiro fabricado na ría de Vigo, a reportaxe feita para Matadeiros Rurais Cooperativos de Galicia-MARUCOGA, ao redor do ano 1930, ou a documentación dun retrato en exteriores no que un grupo de 24 traballadores da empresa conserveira Albo, xunto cunha crianza, exhiben unha faixa na que se manifesta que os empregados de dita casa están
a celebrar o santo do seu xefe. Entre os membros do grupo, como se desexasen inserir nel unha inequívoca pegada nacional, áchanse un gaiteiro e un home cun bombo. A fotografía, realizada nos anos da Segunda República, especifica, ademais, un tipo de relacións laborais presididas polo paternalismo e pola, aparente, simetría das relacións entre os sectores empresariais e operarios.
Na mesma data —1915— que Francisco Llanos Trápaga facía 27 anos, viña ao mundo o seu fillo, terceiro membro da liñaxe, Ángel Llanos González que, se acreditarmos nalgunhas fontes, á idade de 12 anos xa exercía o oficio de fotógrafo. Sexa como for, independentemente da súa actividade achamos que para el sería, fotograficamente falando, 1936 o instante decisivo. Xustamente en febreiro deste ano, aos vinte da súa idade, Ángel Llanos era chamado a filas e, só 24 días após os xenerais africanistas perpetraren o golpe de estado, outórgaselle a cartilla militar. En novembro dese ano fatídico, Ángel Llanos era un dos solicitantes de madriña de guerra e, ás ordes do xeneral Aranda, pasaba a formar parte dunha estrutura, dependente da Delegación de Prensa e Propaganda franquista, coñecida como Gabinete Fotográfico do Corpo do Exército de Galicia, corpo composto polos fotógrafos Mario Blanco Fuentes, José Lombardía Burgos, José Longueira, Faustino López e Jaime de Sousa Avalle, fillo de Jaime Pacheco. Da contenda ficarán testemuños gráficos de edificios estragados pola artillaría, exposición de armas tomadas polos sublevados, incautación de comidas, levadas a cabo por grupos sediciosos en aldeas desarmadas, cidades fantasmais na noite ou homes mortos no campo de batalla.
A partir de 1956, data de falecemento de Francisco LLanos Trápaga, o seu fillo Ángel collía sobre as súas costas o estudio que, desde os comezos do ano 1935, ocupaba un novo local na rúa de Colón, 34, 1º. A mudanza, obrigada pola adquisición por parte do Banco de España da zona de Policarpo Sanz onde se achaba o gabinete, conduciu ao resultado dunha galería, mellorada cun novo sistema de iluminación, que anunciaba publicamente —como era costume nos xornais da época— a posibilidade de tirar fotografías a calquera momento
do día ou da noite, alén de progresos doutra natureza. A inauguración, que acontecera o domingo 6 de xaneiro de 1935, contara coa presenza, entre outros, dun dos grandes fotógrafos daquel tempo, o portugués Jaime Pacheco, cualificado na noticia como
colaborador artístico.
Alén do traballo de estudio, Ángel Llanos había de se converter, até xa entrado o século XXI, nun rexistrador eficaz de acontecementos. No longo período que conduciu destes anos de ditadura ao actual sistema de liberdades formais publicou os seus retratos e reportaxes en Faro de Vigo, El Pueblo Gallego, La Noche, Hoja Oficial del Lunes, La Región, El Correo Gallego, o lisboeta Jornal da Marinha Mercante e La Voz de Galicia, ou no Anuario de Vigo, onde aparece ás veces como autor da fotografía de capa. Certamente, unha gran parte desa fotografía
de choquecarece de interese ao rexistrar feitos corriqueiros, redundantes, fotografados unha e outra vez e cuxa única razón é fornecer un espazo sen texto ou
ilustrarunha noticia. Existen, porén, reportaxes que mostran considerábel relevancia, como a serie realizada na praia da Congorza, en Darbo-Cangas, na empresa baleeira de Massó, na que se evidencia o escuartexamento dun cetáceo. Igualmente en Conservas Massó, analizando o proceso de envasado da conserva ou en diversos traballos en fábricas de salgado, o último dos Llanos mostra unhas capacidades expresivas de orixinalidade, sobranceando a utilización de diagonais que outorgan ás imaxes unha notoria profundidade, como ocorre igualmente no tratamento de certas fotografías de tema arquitectónico.
A análise social nas súas vertentes máis dramáticas maniféstase na reportaxe de nove fotografías publicadas en La Hoja Oficial del Lunes dando conta da desgraza do afundimento do sardiñeiro Centoleira perante a costa de Bouzas que deita un resultado de 17 mortos e no que Llanos emprega, entre outros, o recurso de fotografar superviventes no seu leito en período de convalecencia, acompañados da súa compañeira vital, imaxe que trae á lembranza a coñecida estampa de Castelao, pertencente ao álbum Nós, que leva por título «Eu non quería morrer alá, ¿Sabe, miña nai?». Desexamos mencionar igualmente unha reportaxe non habitual como a que documenta a excursión espeleolóxica de varios días de duración, organizada polo Clube Montañeiros Celtas, á cova do Rei Cintolo, en Mondoñedo, na que participaron renomeados especialistas como Gamallo Fierros e Parga Pondal. Na exploración da cova, Llanos realizou un amplo traballo, do que se chegaron a publicar 15 fotografías, de maneira continuada en diferentes números de Faro de Vigo entre o 21 de agosto e o 26 de setembro de 1954. Precisamente con esta serie fotográfica, Llanos participaría no IX Concurso Nacional de Fotografía Artística no ano 1955, un certame que se insería na práctica fotográfica da época, marcada polo salonismo e pola dinámica das Agrupacións Fotográficas, unha actividade que acabou por conducir a fotografía a un camiño sen saída. Para findar estas liñas, débese sinalar que, até onde sabemos, na obra que chegou até nós non se albiscan, por parte da dinastía Llanos, outras estratexias que non sexan de feitío estritamente realista. Porén, neste ámbito da foto-reportaxe e do documento chegaron a construír unha das coleccións máis amplas —por enriba das 13 000 imaxes— das que hoxe dispón o patrimonio fotográfico histórico galego.
Bibliografía e fontes documentais
Estudo feito sobre unha mostra de 5200 fotografías pertencentes aos tres membros da liñaxe dos Llanos.
Monografías e artigos
Freund, G. (1974): Photographie et société. Paris, Editions du Seuil. [La fotografía como documento social. Barcelona: Gustavo Gili, 1976].
Garea, Aquiles (2023): «El Cóndor, el cañonero que acabó sus días en la Costa da Morte», La Voz de Galicia, (28 de xaneiro de 2023).
González Martín, X. (2010): Ángel Llanos, fotógrafo. Vigo: Galaxia.
Hannavy, John (ed.) (2008): Encyclopedia of nineteenth-century photography. Nova York: Routledge, Taylor & Francis Group.
Leira-Castiñeira, F.J. (2021): Soldados forzosos. Vigo: Galaxia.
Sánchez-Vigil, Juan Miguel (2007): Del daguerrotipo a la Instamatic. Gijon: Trea.
Xornais, boletíns, revistas
Diversos números de: Anuario de Vigo (anos 1956, 1957, 1961), El Correo de Galicia (1910), El Correo Gallego (1901, 1912), El Diario de Pontevedra (1913), El Miño (1900), El Regional (1901), El Pueblo Gallego (1936, 1956), Faro de Vigo (1902, 1908, 1909, 1910, 1911, 1933, 1935, 1936, 1954, 1958), Hoja Oficial del Lunes (1964), La Correspondencia Gallega (1910), La Noche (1956), Noticiero de Vigo (1913), Vida Gallega (1910).
Recursos de internet
https://bibliotecamunicipal.cm-ilhavo.pt
Acceso á páxina web da da Biblioteca Municipal de Ilhavo. Portugal
Como citar: Vaqueiro, Vítor : Fotografía Llanos . Publicado o 11/6/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=35353. Recuperado o 22/01/2026
DOCUMENTACIÓN DE
Dous momentos fotografados por Foto LLanos do partido Racing-Celta, celebrado en Vigo o domingo 24 de outubro de 1926. Ver Documento. Fragmento de publicación impresa
Foto Llanos: «Deportes: nota gráfica deportiva», El Ideal gallego: diario católico, regionalista e independiente, 2624 (27 de outubro de 1926), 3.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Estudo de Gerardo González Martín sobre os primeiros anos da fotografía en Vigo. Ver Documento. Artigo
González Martín, Gerardo: «Más de medio siglo de fotografía en Vigo (1882-1936)», Glaucopis: Boletín del Insituto de Estudios Vigueses, 17 (2012), 107-182.
Fonte: Instituto de Estudios Viguesas / Dialnet
Reportaxe fotográfica de Ángel Llanos publicada en La Hoja Oficial del Lunes dando conta da desgraza do afundimento do sardiñeiro
Centoleira. Ver Documento. Artigo«El bou
Fonte: Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.Puente de San Andrésabordó al sardineroCentoleira, que se hundió rapidamente», Hoja oficial del lunes: al servicio de España, 1445 (6 de xaneiro de 1964), 1 e 8.
Nota informativa sobre o recurso presentado por Francisco Llanos Trápaga, entre outras persoas, contra a resolución do concello de Vigo que ordena a clausura dos seus comercios na rúa Reconquista. Ver Documento. Noticia
«Tribunal contencioso», El Progreso: semanario independiente, 10198 (22 de decembro de 1929), 2.
Fonte: Biblioteca Pública de PontevedraAntonio Odriozola/ Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Páxina do xornal El pueblo gallego dedicado á prensa viguesa. Entre os xornais citados aparece a publicación Alegría, dirixida por Francisco Llanos. Ver Documento. Artigo
«Prensa viguesa: periódicos y periodistas», El pueblo gallego: rotativo de la mañana, 1391 (5 de agosto de 1928), 7.
Fonte: Biblioteca Pública de PontevedraAntonio Odriozola/ Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Información en Noticiero de Vigo sobre o principio de incendio no estudio de fotografía de Francisco Llanos na rúa Elduayen, 28. Ver Documento. Artigo
«Crónica de Vigo: un conato de incendio», Noticiero de Vigo: diario independiente de la mañana, 11562 (19 de outubro de 1929), 1.
Fonte: Biblioteca Pública de PontevedraAntonio Odriozola/ Galiciana. Hemeroteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
O 19 outubro de 1913 un raio provoca un inicio de incendio na galería fotográfica de Francisco Llanos, fillo, na rúa Elduayen 28 . Ver Documento. Noticia
Fonte: Biblioteca Pública de PontevedraAntonio Odriozola/ Galiciana. Hemeroteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Noticia sobre a representación no Teatro Jofre do boceto dramático El collar nunha adaptación de Francisco Llanos Mas. Ver Documento. Noticia
«Teatro Jofre», El Correo gallego: diario político de la mañana, 11529 (30 de decembro de 1912), 1.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Noticiero de Vigo informa sobre a solicitude realizada ao concello por Francisco Llanos Mas para establecer na zona do
Rellenoun teatro infantil de guiñol. Ver Documento. Noticia«Teatro infantil», Noticiero de Vigo: diario independiente de la mañana, 10944 (8 de xuño de 1911), 3.
Fonte: Biblioteca Pública de PontevedraAntonio Odriozola/ Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
Primeiro número da publicación viguesa Alegría: revista quincenal, humorística e ilustrada..., dirixida por Francisco Llanos. Ver Documento. Publicación impresa
Alegría: revista quincenal, humorística e ilustrada: defensora imparcial de los intereses de la localidad, Vigo, 1 (17 de outubro de 1909), 8 p.
Fonte: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios (Vigo) / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Nova no xornal El Miño sobre a actuación en Vigo da compañía de monicreques dirixida por Francisco Llanos Mas. Ver Documento. Noticia
«Como habíamos anunciado en nuestro último número...», El Miño: diario liberal, 375 (26 de xaneiro de 1900), 2.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana. Hemeroteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Ligazóns de interese
Espazo web dedicado ao Arquivo Llanos no Museo Etnolóxico de Ribadavia
Fonte: Museo Etnolóxico de Ribadavia.
https://museoetnoloxicoribadavia.xunta.gal/
Colección de fotografías do Arquivo Llanos, do Museo Etnolóxico de Ribadavia (Ourense), publicadas en Ceres: Rede Dixital de Coleccións de Museos de España
Fonte: Museo Etnolóxico de Ribadavia. Arquivo Llanos / Ceres: Red Dixital de Coleccións de Museos de España.
https://ceres.mcu.es/
«El Cóndor, el cañonero que acabó sus días en la Costa da Morte», artigo de Aquiles Garea publicado na edición dixital de La Voz de Galicia, (28 de xaneiro de 2023).
Fonte: La Voz de Galicia
https://www.lavozdegalicia.es/
Espazo web dedicado a Fotografía Llanos en Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/gl
Francisco Llanos Mas na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/
Francisco Llanos Trápaga na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/
Ángel Llanos González na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/
«Un libro de Galaxia escolma os fitos do arquivo fotográfico de Ángel Llanos», artigo publicado na edición dixital de El Correo Gallego sobre a saga de fotógrafos iniciada por Francisco Llanos Mas
Fonte: El Correo Gallego
https://www.elcorreogallego.es
«La saga de los Llanos y Faro: Desde que la familia se instaló en Vigo, a finales del siglo XIX, fue una constante la colaboración gráfica con el periódico», información publicada por J.M. en Faro de Vigo, (17de outubro de 2012)
Fonte: Faro de Vigo
https://www.farodevigo.es/
«Archivo Llanos, la marca de fotografía de Vigo más antigua», artigo de Ana Baena na edición dixital do xornal Atlántico, (10 de febreiro de 2014)
Fonte: Atlántico
https://www.atlantico.net/
Videos
Ángel Llanos: historia gráfica de Vigo. Un percorrido pola obra do último representante da dinastía que formou Francisco Llanos Mas. 17 de outubro de 2012
Fonte: inesvigo / YouTube.com
https://youtu.be/
Panorámica xeral da fotografía en Galiza, conferencia de Vítor Vaqueiro nas xornadas A fotografía nas coleccións locais. Auditorio A Fábrica (Concello de Oleiros), 11 e 12 de novembro de 2022
Fonte: XIV Xornadas A fotografía nas coleccións locais da Deputación da Coruña / YouTube.com












![«Muelle del Comercio», tarxeta portal. Vigo, [entre 1906 e 1918]](../../mediateca/extras/CCG_adg_Francisco_Llanos_Mas_011.jpg)










