Benita Silva Hermo
A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 1951 - Santiago de Compostela (A Coruña), 24/8/2022Autoría: Francisco Díaz-Fierros Viqueira
Pioneira europea no estudo dos monumentos graníticos
Realiza os estudos primarios na escola de O Campiño e o bachelerato elemental no Pósito de Pescadores da súa vila natal, marcha despois á Coruña para completar os estudos secundarios no Instituto Eusebio da Guarda e finalmente a Santiago para comezar a carreira de Ciencias Químicas, na que se licencia en 1974. Pouco despois entra a traballar, coa finalidade de realizar a tese de doutoramento, na cátedra de edafoloxía da facultade de Farmacia dirixida daquela por Francisco Guitián Ojea que, ademais, impartía docencia de xeoloxía e edafoloxía da recentemente creada facultade de Bioloxía. Nesta cátedra comezaría a súa actividade docente no curso 1976-77 e realizaría as súas primeras investigacións sobre os solos das Mariñas coruñesas, así como os relativos aos horizontes B dos solos galegos que constituirían finalmente o tema central da súa tese de doutoramento, que defendería en 1982 con sobresaliente cum laude (Estudio de las transformaciones químicas, mineralógicas y estructurales de la formación de los horizontes B en suelos de Galicia)
Docente, investigadora e xestora
Comezou a súa actividade docente como Axudante de Clases Prácticas no Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, en 1984 foi nomeada Profesora Titular acadando finalmente a acreditación á cátedra no ano 2013. Impartiu clases de edafoloxía e xeoloxía e dotras materias nas facultades de Farmacia e Bioloxía. Ademais foi profesora invitada en mestrados e cursos de especialización das universidades de A Coruña, Vigo e Navarra.
O seu labor de investigación nos solos galegos comezou baixo a dirección de Felipe Macías en relación, sobre todo, coa caracterización das rochas e materiais de partida que coa súa alteración orixinaban os solos das Mariñas coruñesas e que foron recollidos, desde o ano 1980, en diversos traballos. A partir de 1982 amplía o seu campo de estudo, sempre desde os seus coñecementos nos procesos de alteración das rocha nos que xa era unha especialista recoñecida, a outros tipos de solos galegos (podsois, andosois, etc.) que se recollen en diversos traballos en revistas nacionais e estranxeiras. Neste período, pon a punto e aplica aos procesos de alteración de rochas e outros procesos edafoxenéticos as importantes técnicas micromorfolóxicas que ata ese momento non se tiñan empregado no estudo dos solos galegos.
A partir de 1985, e agora baixo a orientación do profesor Francisco Guitián Ojea e o patrocinio da Deputación de A Coruña, dirixe os seus coñecementos sobre alteración de rochas cara ao estudo dos procesos de deterioración ambiental dos monumentos construídos con granito, liña de traballo que continuaría e ampliaría a outros materiais e no que chegaría a ser, ademais de pioneira, unha das máis recoñecidas especialistas europeas. A primeira etapa destes estudos foi dirixida a caracterizar os procesos fundamentais de alteración dos monumentos graníticos de Galicia, así como á identificación das formas e os factores máis importantes deste desgaste. O papel nesta alteración das propiedades físicas da rocha e dos organismos vivos colonizadores, especialmente os liques, foron o seu obxecto de estudo na década de 1990. Así mesmo e a finais dela, e partindo do coñecemento xa acadado, abre unha vía de investigación máis dirixida a valorar a eficacia de determinadas técnicas de protección dos materiais construtivos como a hidrofugación.
Co novo século e cun equipo de traballo xa consolidado abre dúas movas liñas de traballo, unha relacionada cos efectos dos sales mariños sobre a alteración dos granitos de monumentos en áreas costeiras ou mesmo noutras non tan achegadas ao mar, como Santiago de Compostela. E outra, que tiña un carácter pioneiro no país, sobre as alteracións das pinturas murais e rupestres de Galicia, nas que habería que destacar o amplo estudo dedicado ás pinturas murais da Ribeira Sacra.
A proxección destes traballos era xa notable, con moitas publicacións nas revistas máis difundidas destas materias o que, á súa vez, lle permitiu ter acceso a importantes proxectos de ámbito empresarial, autonómico, nacional e mesmo europeo. Puido mellorar amplamente a dotación instrumental do seu equipo, o que lle facilitaría o poder aplicar novas técnicas entre as que se destacarían o material portátil e non destrutivo que permitía valorar directamente sobre a superficie estudada o seu estado de conservación. E así mesmo, serían de salientar os estudos previos para poder poñer en práctica os métodos de conservación máis anovadores do momento, como os derivados da utilización de nanomateriais.
Froito do seu interese en que os coñecementos acadados sobre as alteracións dos materias graniticos chegasen á sociedade en forma de medidas prácticas, foron os seus estudos sobre a bioreceptividade das rochas ornamentais e a elaboración dun índice sinxelo que lles permitise aos profesionais do sector da construción seleccionar os materiais de acordo coa súa sensibilidade á deterioración ambiental. E comezaba a dar os primeiros pasos no estudo da influencia do cambio climático sobre as alteracións ambientais dos materias construtivos graníticos, cando a sorprendeu a cruel enfermidade que remataría por crebar a súa vizosa e prometedora carreira científica.
Este labor investigador concretouse en máis dun cento de publicacións, moitas delas en revistas de ámbito internacional, tres libros, doce proxectos de investigación (tres deles europeos) e sete teses de doutoramento. Era coordinadora do Grupo de Estudos Medioambientais Aplicados ao Patrimonio Cultural e Natural da USC.
Ademais do seu labor docente e investigador foi notable tamén a súa contribución na xestión da USC co seu nomeamento como vicerrectora de Responsabilidade Social e Calidade (2010-2014) e presidenta da Asociación de Antigos Alumnos da USC desde o ano 2015, cargo no que desenvolveu unha actividade moi singular coa promoción de novos proxectos e actividades. En 2022 foi nomeada Presidenta de Honra desta institución, destacándose na acta correspondente á súa designación que
o seu compromiso extraordinario e xenerosidade proxectou a Alumni USC a un rango superior.
Valoracion da súa traxectoria profesional
O estudo da alteración ambiental dos materiais graníticos de uso monumental cando Benita Silva inicia os seus primeiros traballos, era moi escaso a nivel mundial. Segundo Delgado Rodrigues (1979) as publicacións que se lle dedicaban aos granitos representaban só o 8% do total das que trataban temas de alteración e conservación de monumentos en xeral, posiblemente pola limitada presenza dos materiais graníticos entre eles. En España eran inexistentes e a nivel europeo prácticamente testemuñais. No caso de Galicia onde o granito era o material escollido de preferencia para as construcións prehistóricas, relixiosas e os grandes edficiós civís, estes estudos amosábanse como unha perentoria necesidade. Este contexto de ausencia de antecedentes próximos resaltaba, sen dúbidas, a dificultade destes primeiros traballos, pero de todas maneiras habería que sinalar tamén que nas tres décadas de actividade que levaba xa o estudo dos solos galegos se acumulara un significativo nivel de coñecementos dos procesos de alteración das rochas como factores da formación e diferenciación dos solos. A partir de aí foi posible dar o paso da súa aplicación á investigación da alteración das rochas graníticas empregadas na construción, papel que xogou con indiscutible acerto a nosa investigadora e do que xurdiu todo un novo coñecemento, metodolóxico e conceptual, das
patoloxías da pedragalegas. O seu evidente valor demóstrase polo interese das empresas restauradoras diante destes estudos así como a renovada face que están a mostrar nos últimos tempos os máis representativos monumentos pétreos deste país sometidos a estes tratamentos.
Bibliografía
Carballas, T.; Díaz-Fierros, F.; Macías, F. (200·): 50 Aniversario de la Edafología en Galicia. Santiago de Compostela: Universidade.
Silva Hermo, B. (2024): La piedra de los monumentos. Formas de alteración y procesos de deterioro. Vigo: Universidade.
Como citar: Díaz-Fierros Viqueira, Francisco : Benita Silva Hermo. Publicado o 6/11/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=35709. Recuperado o 16/01/2026
DOCUMENTACIÓN DE
«Es importante mantener la conexión entre la ciudad y la Universidade», entrevista de Carlos Rey a Benita Rivas en La Voz de Santiago, (25 de xullo de 2016). Ver Documento
Fonte: La Voz de Galicia
«Queremos conectar el talento que hay dentro y fuera de la USC», entrevista de Juan Capeáns a Benita Silva en La Voz de Galicia, (7 de marzo de 2015). Ver Documento. Artigo
Fonte: La Voz de Galicia
«Análise dos factores de deterioración do castro de Viladonga», estudo de Benita María Silva Hermo, Beatriz Prieto Lamas, Lucía Pereira Pardo na revista CROA. Ver Documento. Artigo
Silva Hermo, Benita María; Prieto Lamas, Beatriz e Pereira Pardo, Lucía: «Análise dos factores de deterioración do castro de Viladonga», CROA: boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga, 18 (2008), 14-19.
Fonte: Dialnet. Universidad de la Rioja.
https://dialnet.unirioja.es/
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Benita Silva Hermo na obra
Fonte: Asociación Cultural Barbantia.Nós-Outras: encontro de creadoras no Barbanza, publicada en 2025 pola Asociación Cultural Barbantia. Ver Documento
https://www.barbantia.es
Ligazóns de interese
Espazo web de Benita Silva Hermo no Portal da Investigación da USC
Fonte: Usc. Portal da Investigación.
https://investigacion.usc.gal
Relación de publicacións de Benita María Silva Hermo no portal Dialner da Universiade da Rioxa
Fonte: Dialnet. Universidad de la Rioja.
https://dialnet.unirioja.es/
«Hondo pesar por el fallecimiento de la docente Benita Silva, ex presidenta de Alumni USC», información publicada na edición dixital de El Correo Gallego, (25 de agosto de 2022)
Fonte: El Corrego Gallego
https://www.elcorreogallego.es
«Pasamento de Benita Silva, nosa presidenta de honra», acceso á información publicada na web Alumni USC
Fonte: Alumni USC.
https://www.alumniusc.gal
«O seu compromiso extraordinario e xenerosidade proxectaron a Alumni USC a un rango superior», nova sobre a elección de presidenta de Benita Silva pola Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (Alumni USC), publicada na edición dixital de La Voz de Galicia, (19 de abril de 2022)
Fonte: La Voz de Galicia.
https://www.lavozdegalicia.es/
«La asociación es idónea para conectar universidad y sociedad», entrevista a Benita Silva en La Voz de Galicia, (1 de abril de 2018)
Fonte: La Voz de Galicia.
https://www.lavozdegalicia.es
«A USC sensibiliza sobre o emprendemento feminino coa mostra
Fonte: USC. Xornal.Con nome de muller, aberta en Veterinaria», publicación no xornal en liña da USC
https://www.usc.gal/gl
Videos
Programa Feminino plural de El Coreo Gallego emitido o 19 de xaneiro de 2018 e no que participan Benita Silva, Elena Vázquez e mais Elena López
Fonte: El Correo Gallego / YouYube.com
Audios
«El compostelano en RadioVoz (28): Entrevista a Benita Silva Hermo, presidenta de Alumni USC»











