Aurora Sampedro Piñeiro
San Pedro de Benquerencia, Barreiros (Lugo), 15/ 1/1913 - San Pedro de Benquerencia, Barreiros (Lugo), 23/9/1996Autoría: Manuel Rivero Pérez
A científica da Mariña adiantada ao seu tempo
No Canteiro, as aulas do ensino estaban situadas no segundo andar do edificio do Centro de Instrucción y Recreo de Benquerencia, institución creada por iniciativa do Centro de Benquerencia, Sociedad de Instrucción y Recreo de la Habana. O edificio, de estilo colonial de dous andares, aínda a día de hoxe causa admiración pola súa harmonía, beleza, equilibro e impacto visual. Foi construído no ano 1906, grazas ao esforzo económico dos emigrantes en Cuba, en mostra de agradecemento á súa terra e á súa xente, convencidos de que ía ser o motor do cambio económico, educativo, cultural e social.
A persoa que descubriu o talento e as potencialidades de Aurora, foi a súa mestra, dona Juanita, e así llo fixo saber aos seus pais, cando tiña a idade de dez ou once anos. Ela mesma ocupouse de preparar a Aurora para os exames de bacharelato elemental por libre no Instituto de Lugo. La Voz de la Verdad, do día 30 de maio de 1930, xunto co expediente académico do Instituto de Lugo, confírmannos o aproveitamento por parte de Aurora das ensinanzas da súa mestra, muller visionaria, comprometida e altruísta:
Tras brillantes ejercicios ha terminado el Bachillerato elemental con nota de sobresaliente en los cuatro grupos que le faltaban, la Sta. Aurora Sampedro Piñeiro, a la que enviamos nuestra enhorabuena.
Residencia de Señoritas, bacharelato universitario, licenciatura e doutoramento
Con dezasete anos, Aurora comeza unha nova etapa de formación e estudo, lonxe da súa terra, na que vai ter múltiples oportunidades para potenciar o seu talento, ao confluír tres variables determinantes: Residencia de Estudantes; Instituto Cervantes e a Universidade Central.
A versión feminina da Residencia de Estudantes foi a Residencia de Señoritas, fundada no ano 1915. A súa misión era a de impulsar de forma real a plena igualdade da muller co home, a través da educación, a formación, a investigación, a ciencia e os deportes. A Residencia de Señoritas foi o fogar de Aurora, dende os dezasete ata os vinte e tres anos, nun momento clave de desenvolvemento, aprendizaxe e madurez, que de forma parella ían medrando e fortalecéndose. Compartiu ese espazo plural, creativo e innovador durante cinco anos (1930-1935), que tanto ía influír na súa traxectoria académica, profesional, investigadora e persoal.
Nos cursos académicos 1930-31 e 1931-32, Aurora realizou o Bacharelato Universitario no Instituto Nacional de Segunda Ensinanza “Cervantes”, finalizando os estudos o día 31 de maio de 1932. O título foille expedido o día 22 de xullo dese mesmo ano.
No curso académico 1931-32, ademais das materias do bacharelato, Aurora aprobou por libre na convocatoria de xuño, catro do primeiro ano da licenciatura de Ciencias Químicas: Matemáticas especiais 1º; Química experimental; Xeoloxía e Bioloxía. Continuou cos seus estudos na Universidade Central os cursos académicos: 1932-33; 1933-34 e 1934-35. A materia de debuxo lineal, cursouna na Escuela de Artes y Oficios de Madrid e foille validada no curso 1932-33.
O día 10 de outubro de 1935, Aurora solicitou o traslado do seu expediente académico desde a Universidade Central de Madrid á Facultade de Ciencias Químicas de Oviedo, onde se matriculou no curso 1935-36. O intervalo de tempo que durou a Guerra Civil (1936-39), privouna de continuar cos estudos, que reiniciou no curso académico 1939-40 e finalizou no seguinte. Conseguiu o título de Licenciada en Ciencias Químicas, coa nota de sobresaliente o día 25 de xuño de 1941. Unha vez obtida a licenciatura en Oviedo, volveu á Universidade Central de Madrid para realizar os estudos de doutoramento no curso académico 1941-42, no que superou as tres materias académicas: Análise química especial; Química biolóxica e Mecánica química, que precisaba para iniciar o traballo de investigación da tese de doutoramento.
Estadías e Boal e Vegadeo
A información oral facilitada por dona Francisca Díaz Sampedro (Paquita), sobriña de Aurora, axúdanos a completar a súa actividade entre a finalización da licenciatura na Universidade de Oviedo (1940-41) e os cursos de doutoramento na Universidade Central (1941-42), ata o curso 1944-45, no que comeza a investigación práctica, no Instituto de Física-Química “Gregorio Rocasolano” do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC):
Aurora unha vez finalizada a carreira deu clases en Boal e en Vegadeo, un período curto de tempo, sería un ano en cada sitio.
Da estancia en Boal, non conseguín máis información, en cambio, da de Vegadeo recollín a testemuña de don Emilio Pérez Fernández, de noventa anos, alumno do Liceo Asturiano, que cando iniciou os estudos, con nove ou dez anos, lembra que:
en el piso de arriba impartía clases a los mayores doña Aurora.
Non se conserva o arquivo, cos nomes dos profesores, dos anos que supoñemos que impartiu clase Aurora, polos nosos cálculos debeu de ser no curso 1942-43 en Boal e no 1943-44 en Vegadeo. Temos documentado que, no curso 1944-45, estaba de novo en Madrid, no Instituto de Física-Química “Gregorio Rocasolano”.
Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC)
Aurora comezou a traballar no Instituto de Física-Química “Gregorio Rocasolano”, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), na sección de Espectroquímica, no curso académico 1944-45. Neste curso inicia o traballo práctico da súa tese de doutoramento: Oligoelementos en alimentos españoles de origen animal, dirixida polo Dr. Ángel Santos Ruíz da Facultade de Farmacia e o Dr. Juan Manuel López Azcona do Instituto de Física-Química “Gregorio Rocasolano”. Os estudos sobre oligoelementos continuaron durante os cursos 1945-46 e 1946-47. Aurora, consegue o título de Doutora en Ciencias (Sección Químicas) pola Universidade Complutense o día 16 de febreiro de 1948.
As súas investigacións achegaron valor ao estudo dos oligoelementos, minerais de orixe animal: calcio, ferro, magnesio, potasio e zinc, todos eles indispensables no noso organismo para un funcionamento equilibrado e harmónico.
A partir da década de 1970, a investigación científica sobre os oligoelementos de orixe animal centrou o interese de numerosos laboratorios, de aí a proliferación de suplementos alimenticios de venda en farmacias, parafarmacias, tendas de dietética e cadeas de alimentación, con diferentes compostos, formatos e marcas comerciais.
Aurora representou ao CSIC en nuyerosos congresos de Química, dos que temos identificado os seguinte: Reunión Científica Conmemorativa de las Bodas de Oro de la Real Sociedad de Física-Química, celebrada en Madrid en abril de 1953, coa comunicación titulada «Estudio espectroquímico de los precipitados de Sulfato de Plomo en la determinación del Plomo en metales antifricción»; XV Congreso Internacional de Química Pura y Aplicada, celebrado en setembro de 1956 en Lisboa, presentando a comunicación científica titulada «Valoración espectroquímica de aleaciones antifricción»; VII Bienal de la Real Sociedad Española de Química (RSEQ), celebrada en Santiago de Compostela en outubro de 1957; VII Colloquium Spectroscopicum Internationale, celebrado en setembro de 1958 en Liexa (Bélxica), presentando a comunicación científica titulada «Aleaciones ternarias de Plomo, análisis espectrográfico e influencia del historial térmico»; IX Bienal de la Sociedad Española de Física y Química, celebrada en maio de 1959 en Granada, coa comunicación científica «Análisis espectroquímico del antimonio para concentraciones 0,3-15% en las aleaciones de base de Plomo»; XVII Inter. Congress for Reine U. Angewandte Cheime. 1959. Munchen. As datas de celebración foron do 30 de agosto ao 6 de setembro; XVIII Congrés du Groupement pour l`Avancement des Methodes d´Analyse Spectrographique des Produits Metallurgiques (G.A.M.S.), celebrado en xuño 1960 en París, coa comunicación «Análisis espectroquímico sobre aleaciones a base de estaño»; XXIII Congrés du Groupement pour l`Avancement des Methodes d´Analyse Spectrographique des Produits Metallurgiques (G.A.M.S.), coa comunicación «Análisis espectroquímico sobre aleaciones a base de plomo y estaño»; Colloquium Spectroscopicum Internationale. Madrid 26-30 de mayo de 1969, coa comunicación «Análisis espectroquímico del plomo en los aceros de fácil mecanización»; «Determinación espectroquímica del Ti en los aceros inoxidables». Traballo presentado á IV Reunión Nacional de Espectroscopía celebrado en Granada en setembro de 1974. Publicación: Revista de Metalurgia, 1975, 11 (1): 13-18; «Determinación espectroquímica del Fe en aleaciones Cu-Ni resistentes a la corrosión». Comunicación presentada na V Reunión Nacional de Espectroscopía. Palma de Mallorca, 19-24 setembro de 1976. Publicación: Revista de Metalurgia, 1977, 13 (4): 226-231.
Escuela Normal del Magisterio Primario n.º 2 de Madrid
Durante o curso académico 1946-47, Aurora, compatibilizou os estudos da tese de doutoramento no Instituto de Física-Química “Gregorio Rocasolano”, cos estudos de Maxisterio.
No arquivo da Universidade Central [Agucm 66-00-475], consérvase o expediente n.º 2027 de Sampedro Piñeiro, Aurora, con seis documentos que acreditan os estudos de Maxisterio, que seguramente finalizou, dado que están incorporadas a acta de nacemento e o certificado médico.
Laboratorio Central de RENFE
A incorporación de Aurora ao Laboratorio Central de Renfe, por oposición, como doutora en químicas, a finais dos anos corenta ou principio dos cincuenta do século pasado (1949-1952), foi clave para o seu desenvolvemento profesional, laboral, académico e investigador. Ese novo escenario facilitoulle a estabilidade económica e ampliou as súas posibilidades de investigación, ao contar con medios materiais modernos e con persoal especializado.
Aurora encontrou o clima adecuado para potenciar o talento, crear sinerxias, achegar valor á súa empresa, á sociedade e á ciencia. Ampliou o campo da análise e da investigación, ao poder correlacionar a teoría coa práctica.
Xunto co Laboratorio Central, contaba con medios móbiles, para investigar o comportamento, resistencia e fatiga das aliaxes con diferentes metais, ben de forma directa ou a base de simulacións en tempo real, modo e forma.
De forma paralela, unha vez defendida a súa tese de doutoramento Oligoelementos en alimentos españoles de origen animal, Aurora abriu novas liñas de investigación, centradas nas aliaxes de materiais, coas que conseguiu excelentes resultados, que deu a coñecer en congresos, tanto nacionais como internacionais de Química, aos que ía representando ao CSIC e en publicacións especializadas, das que temos identificadas as seguintes: Revista de Ciencia Aplicada; Revue Universale des Mines, Revista de Metalurgia, Revista Española de Fisiología e Anales de la Real Sociedad Española de Física y Química. Serie B-Química.
[Xúntase en Documentos a relación de publicacións científicas de Aurora Sampedro].
A traxectoria investigadora de Aurora Sampedro estivo vinculada durante toda a súa vida académica e profesional a catro Centros de referencia: IQF Gregorio de Rocasolano; Esteban Terradas (INTA), Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial; Juan de la Cierva e o Laboratorio Central de Renfe.
Fundación Juan March
No ano 1961, conseguiu a prestixiosa bolsa de investigación da Fundación Juan March, co proxecto «Control industrial de las aleaciones utilizadas en la fabricación de baterías eléctricas y cojinetes de plomo». Foi un reto moi importante, que Aurora superou a base de traballo, disciplina, constancia, rigor, madurez investigadora, formación e publicacións científicas.
De forma resumida expoñíao na memoria da solicitude:
La autora del presente proyecto de investigación ha tenido el honor de concurrir a convocatorias anteriores para Becas de la Fundación Juan March, sin que en ninguna de ellas el trabajo presentado fuese seleccionado por el jurado correspondiente. A pesar de ello, trabajó sin desaliento llevando, en parte, a feliz término las investigaciones previstas, y presentando en Congresos de la especialidad, en el extranjero, los resultados de las mismas.
O 16 de febreiro de 1977, foi nomeada membro correspondente de Ciencias Experimentais pola Real Academia de Doctores de España. Así quedou recollido na acta da RADE:
Por sus aportaciones a la ciencia en los campos de la nutrición y de la automoción, la Sección 5ª - Ciencias Experimentales, el día 16 de febrero de 1977, la Real Academia de Doctores de España nombra a Aurora Sampedro Correspondiente de Ciencias Experimentales.
Cosmopolita, curiosa e inquieta
Desde moi nova, tivo o privilexio de viaxar polos cinco continentes, con mente aberta, lixeira de equipaxe, sen presuposicións nin prexuízos. Estas experiencias, permitíronlle ampliar as fronteiras do coñecemento, da curiosidade e da aprendizaxe. As numerosas fotos e cartas postais, que se conservan nos arquivos familiares, son unha pequena testemuña da Aurora cosmopolita, curiosa e inquieta.
Eses documentos gráficos achégannos información fiable, que engadida a que coñecíamos e publicamos no libro Universo Aurora Sampedro Piñeiro, permítenos achegarnos ao seu perfil desde diferentes ángulos, modos, tempos e perspectivas.
Viaxeira incansable, do norte ao sur e do leste ao oeste: China, Xapón, Exipto, Grecia, Canadá, Illas Maldivas, Arxentina, Brasil, Terra Santa, Italia, Alemaña, Hungría, Bélxica, Francia, Portugal, Austria, Polonia, Rusia e Estados Unidos. Na realidade viaxou por toda Europa e América, gran parte de África de Asia e de Oceanía.
Visualizar a personalidade desa gran muller, que ademais de culta e familiar era prudente, libre e valente, transmite a sensación de estar fluíndo, nos múltiples escenarios nos que se desenvolvía e interactuaba, xa fose expoñendo os seus avances nun congreso científico; formando parte dos xurados dos concursos de belenistas; nadando nas praias de Benquerencia; subindo ao planalto do monte Comado; visitando unha exposición de pintura; asistindo a conferencias, concertos de música clásica e obras de teatro; conversando cos seus veciños ou axudando nun comedor social.
A polímata Aurora Sampedro
Aurora, ao máis puro estilo clásico, gozaba ao máximo dos mínimos medios. Muller do Renacemento tardío, de mente aberta, flexible, curiosa e austera, a que podemos definir pola súa sabedoría multidisciplinar, como unha polímata da segunda metade do século XX.
Muller adiantada ao seu tempo, dentro do universo STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics), de forma sutil, incorporaba as artes, que ofrecían flexibilidade cognitiva e pensamento crítico, dúas das variables que abren a senda da correlación, modelación, innovación e creatividade. Con corenta anos de anticipación, estaba a cartografar o paradigma STEAM (Science, Technology, Engineering, Mathematics and Arts), en simbiose perfecta co paradigma STEM.
Fontes
Os documentos e testemuñas orais, que me permitiron realizar este estudo diacrónico da vida e da obra de Aurora, a través do tempo, foron os seguintes:
• Universidade Central, Madrid (actual Complutense): Arquivos: Sampedro Piñeiro, Aurora. Agucm 59-99-199; Agucm 66-00-475 e Agcm -504 (2).
• Fundación Juan March. Expediente Aurora Sampedro Piñeiro.
• Instituto Cervantes (Infanta Beatriz): expediente número 379 de Aurora Sampedro Piñeiro.
• Lucus Augusti: arquivo AHLA, Caixa 484. Aurora Sampedro Piñeiro.
• Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC): Instituto Rocasolano. Arquivo: Aurora Sampedro Piñeiro.
• Arquivos das familias: Sampedro-Piñeiro e Sampedro-Fuente.
• Fondo / Colección del AHF - Laboratorio Central de RENFE.
• Fundación Ortega-Marañon (FOM).
• International Institute for Girls in Spain
• Arquivio Escola Habanera de Santaballa.
• Libro Universo Aurora Sampedro Piñeiro.
• Memoria oral da súa tía Faustina Sampedro Fuente, das súas curmás: Gabriela, Lidia e Benedicta Fuente Sampedro e das súas sobriñas: Esther Sampedro e Francisca Díaz Sampedro
Como citar: Rivero Pérez, Manuel : Aurora Sampedro Piñeiro. Publicado o 19/12/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=35751. Recuperado o 20/07/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Expediente académico de Aurora Sampedro Piñeiro do Instituto Nacional de 2ª Enseñanza de Lugo. Ver Documento
Fonte: Arquivo Histórico. Expedientes de antigos alumnos e alumnas / Patrimonio Histórico do Lucus.
http://patrimonio.ieslucus.gal/
Relación de publicacións de Aurora Sampedro Piñeiro elaborada por Manuel Rivero Pérez. Ver Documento
Rivero Pérez, M.: «Publicacións científicas de Aurora Sampedro Piñeiro». En Álbum de Galicia. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega,2024.
Fonte: Manuel Rivero Pérez
DOCUMENTACIÓN SOBRE
O Calendario Científico Escolar para o ano 2025 dedícalle o día 15 de xaneiro á científica Aurora Sampedro Piñeiro. Ver Documento
Fonte: CSIC. Evento Ciencia.
https://eventociencia.es/
«Aurora Sampedro Piñeiro: Fractales, nanopartículas e Física Cuántica», artigo de Manuel Rivero Pérez en Galicia Digital. Ver Documento. Artigo
Rivero Pérez, Manuel: «Aurora Sampedro Piñeiro: Fractales, nanopartículas e Física Cuántica», Galicia Digital, (17 de decembro de 2024).
Fonte: Galicia Digital
https://www.galiciadigital.com/
Aurora Sampedro viviu na Residencia de Señoritas de Madrid, entre 1930 e 1935. O seu nome figura na páxina 106 do artigo «Mulleres galegas na Residencia de Señoritas de Madrid,
cando van, van como rosas...», de Raquel Vázquez Ramil. Ver Documento. ArtigoVázquez Ramil, Raquel: «Mulleres galegas na Residencia de Señoritas de Madrid,
Fonte: https://doi.org/10.17979/srgphe.2012.16.0.4097cando van, van como rosas...», Sarmiento, 16 (2012), 101-120.
O xornal La Voz de la Verdad recolle o sobresaliente obtido por Aurora Sampedro ao rematar o Bacharelato elemntel. Ver Documento. Noticia
Freire, Paulo: «De Ribadeo», La voz de la verdad: diario católico con censura eclesiástica, 6894 (28 de maio de 1930), 1.
Fonte: Biblioteca Pública de Lugo / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Ligazóns de interese
«Aurora Sampedro Piñeiro, pionera de la química española», artigo de Marta Macho-Stadler publicado en Campusa: Noticias de la Universidad de Pais Vasco, (2 de outurbo de 2024)
Fonte: Campusa: Noticias de la Universidad de Pais Vasco
https://www.ehu.eus
«A apaixonante historia da galega Aurora Sampedro Piñeiro, pioneira da química en España», artigo de Marta Macho-Stadler publicado en GCiencia
Fonte: GCiencia: Xornalismo + Divulgación.
https://www.gciencia.com/
Aurora Sampedro en Mujeres con ciencia
Fonte: Mujeres con ciencia
https://mujeresconciencia.com/
Aurora Sampedro Piñeiro na web
Fonte: Pioneiras de ciencias de Lugo.Pionerias de ciencias de Lugo
https://pioneirasdecienciasdelugo.gal
«Aurora Sampedro se quedó a un paso de ganar el Nobel de Física o Química». Entrevista de Pablo Yáñez a Manuel Rivero, autor da biografía da científica luguesa, publicada na edición dixital de El Progreso
Fonte: El Progreso.
https://www.elprogreso.es
«Aurora Sampedro Piñeiro: A Científica adiantada ao seu tempo (2)», artigo de Manuel Rivero publicado en Galicia Digital, (13 de novembro de 2013)
Fonte: Galicia Digital
https://www.galiciadigital.com
«Aurora Sampedro Piñeiro, científica de Barreiros adelantada a su tiempo a quien postulan para dedicarle el Día da Ciencia de Galicia», nova publicada na edición dixital de La Voz de Galicia
Fonte: La Voz de Galicia.
https://www.lavozdegalicia.es/
«Aurora Sampedro Piñeiro, científica de raíces maragatas adelantada a su tiempo», artigo de Manuel Rivero Pérez publicado no diario dixiital Astorga Redacción>/cite>
Fonte: Astorga Redacción
https://astorgaredaccion.com/
«Aurora Sampedro Piñeiro: Muller de Ciencia adiantada ao seu tempo (1)», artigo de Manuel Rivero en Galicia Digital, (6 de novembro de 2013)
Fonte: Galicia Digital
https://www.galiciadigital.com
Biobibliografía de Aurora Sampedro na Galipedia
Fonte: Wikipedia.
https://gl.wikipedia.org/
Bolsas de Aurora Sampedro na Fundación Juan March
Fonte: Fundación Juan March.
https://www.march.es/es/
«Barreiros acollerá este venres, 27 de setembro, a entrega dos primeiros premios Bítere de Honra Aurora Sampedro», nova publicada en Faro Ocio Norte
Fonte: Faro Ocio Norte.
https://www.faroocionorte.com/
Videos
Presentación do libro Aurora Sampedro. A científica da Mariña, adiantada ao seu tempo. UNED (Lugo), 24 de outurbo de 2014
Fonte: UNED (Lugo) / YouTube.com
https://www.youtube.com/