Coordinadora Feminista Donicela
Vigo (Pontevedra), 1992 - Vigo (Pontevedra), 2006Autoría: A Coordinadora Feminista Donicela Facendo Historia
Continuidade e unión na loita feminista en Vigo: 14 anos de feminismo de base.
A CFD nace das reflexións e debates sobre o pasado, presente e futuro da loita feminista e, máis en particular, do feminismo autónomo defendido por organizacións que, coma nós, puñan o acento na autonomía a respecto de organizacións sindicais, políticas e das institucións. Nós escollemos ser un feminismo de base, de acción social e política na rúa.
Son debates e reflexións que se daban no activismo feminista desde a segunda metade da década de 1980 e comúns ao conxunto do Estado. Estabamos nunha sociedade na que desde a segunda metade dos anos 70 convivían colectivos e coordinadoras feministas autónomas, como a nosa, con outras organizacións de partido e sindicais das esquerdas e do nacionalismo que, en Galicia e na altura de 1992, grazas ao pulo das mulleres militantes, xa contaban con estruturas de mulleres con ideario feminista. En Vigo, ademais, había mulleres feministas organizadas nas vogalías das asociacións veciñais, e emerxeran tamén outras organizacións sectoriais de mulleres que non sempre se autodefinían como feministas.
Pola súa banda, o goberno do Estado e outras institucións como o Concello de Vigo, xa promovían a inicios dos 90 actividades en prol da igualdade. Mais desde a óptica da CFD estas instrumentalizaban e pretendían diluír a loita feminista en beneficio dos seus propios intereses. Con todo isto eramos moi críticas as militantes do feminismo autónomo.
En 1992, cando confluímos na Coordinadora Feminista Donicela (CFD), a CFV contaba con doce anos de actividade e daquela estaba formada por activistas feministas, non por grupos. Pola súa parte, o CMFD contaba con seis ou sete anos de actividade. Xuntas deseñamos as liñas de pensamento e acción a desenvolver como Coordinadora Feminista Donicela. Sucedía isto nunha cidade na que o activismo feminista e de mulleres aprendera a confluír a pesar das diferenzas. A finais da década de 1990, coa repunta de activismos feministas organizados e confluencias varias, a CFD respondemos á chamada internacional da Marcha Mundial de Mulleres 2000 razóns para marchar. Ao pórmos tantas enerxías na organización da Marcha Mundial das Mulleres non fomos quen de manter o noso traballo propio e en 2006 disolvémonos como grupo organizado.
As activistas da CFD centramos os nosos esforzos e propostas específicas na cidade de Vigo e a súa contorna. Mais, é importante lembrar tamén que a CFD, ao igual que as súas organizacións matrices, desde a orixe, fixo parte da Coordinadora Feminista Galega (CFG), integrada á súa vez na Coordinadora de Organizacións Feministas do Estado Español (COOFFEE). Isto quere dicir que a CFD comparte as liñas de acción, debates, reflexións, actividades e campañas organizadas no ámbito galego e estatal, e asume unha parte importante do peso organizativo da asistencia de Vigo e arredores ás citas anuais que cada 8 de marzo convocaba a CFG e tamén aos encontros estatais promovidos pola COOFFEE, como as xornadas Xuntas e a por todas (1993), nas que a transexualidade se incorpora aos debates feministas; ou as celebradas en Córdoba en 2000 co lema Feminismo. é… e será.
Canto ao modo de funcionamento da CFD sempre fomos asemblearias, sen directiva, sen xerarquías e sen actas. Os recursos económicos dos que dispuñamos procedían sobre todo das cotas das militantes e simpatizantes. Isto non quer dicir que o pago destas fose definitorio da pertenza á organización. A Coordinadora Feminista Donicela
era de quen se sentía parte dela. Outra fonte de recursos procedía da venda de material de propaganda feminista: colantes, imáns, camisetas, bolsos, abanos ou os CD musicais Mullerío I e II. Tamén organizabamos ceas e festas para recadar fondos en forma de bonos axuda, que ademais eran para nós momentos importantes de encontro, autoafirmación, lecer e apertura a novas mulleres que se nos achegaban.
No que toca á participación das activistas da CFD e das organizacións das que proceden
foi moi variada, houbo unhas incombustíbeis que estiveron activas durante todo o tempo de existencia do colectivo, as que durante un tempo estiveron a tope, as que estaban aí para cando fose preciso... Decenas de mulleres, con distintos graos de compromiso. Eramos mulleres de procedencias e profesións variadas: traballadoras da sanidade, do ensino, dos servizos sociais e ONGs, da hostalaría, da universidade, sindicalistas, paradas e estudantes... E isto daba para o debate e a amplitude de análises. No ámbito interno:
Fomos un lugar onde facerse forte fronte a unha sociedade moi hostil ao feminismo e proporcionamos o espazo para todos os debates teóricos que se vía necesario ter. Na nosa razón de ser estivo o prestar apoio a todas aquelas mulleres que nolo pedisen, cando eran obxecto de violencia explícita ou de calquera outro xeito de discriminación.
No que ás institucións se refire, a CFD rexeitaba traballar mediante a sinatura de convenios coas institucións de goberno locais, galegas ou estatais. Solicitabamos, no caso de consideralo conveniente, subvencións para levar adiante actividades concretas deseñadas por nós mesmas, como foi o Ciclo Mulleres no Cine que organizamos cunha grande acollida, ao pouco de nos constituír, no teatro García Barbón, ou como a investigación Aínda que a mona se vista de seda… Que? Discursos e prácticas das adolescentes de Vigo sobre a imaxe corporal, que desenvolvemos en colaboración coa socióloga María Bruquetas, entre marzo de 1999 e marzo do ano 2000.
A CFD fixo públicas protestas polos criterios segundo os que o goberno local distribuía os cartos destinados a apoiar accións a prol da igualdade. Denunciabamos que o feminismo autónomo que representabamos estaba sendo discriminado e invisibilizado. Considerabamos ademais que isto tamén estaba a suceder nos medios de comunicación que visibilizaban maioritariamente as organizacións afíns ás liñas marcadas polos gobernos de quenda. Ao mesmo tempo, non deixabamos de interpelar as institucións para que incrementasen as accións e recursos en prol da fin da discriminación ás mulleres. Neste sentido xuntamos forzas con outras organizacións activas na cidade de Vigo para que o concello contase co Consello Municipal da Muller de Vigo a partir de 1993, coa Casa de Acollida para Mulleres a partir de 1997, e coa Casa das Mulleres e o Centro de Información Municipal desde 2003. Tamén demandamos como moi necesaria unha Biblioteca e Centro de Documentación da Muller. Fomos moi activas na loita pola demanda destes recursos para nós tan importantes e, na cidade, convertémonos nunha referencia para cubrir o que as administracións non proporcionaban. Eramos un punto de información cando non os había, ofrecendo axuda para abortar ou responder ás agresións, entre outras demandas urxentes das mulleres.
Canto ás actividades en espazos públicos, rúas, prazas e locais diversos, foron constantes e moi variadas ao longo dos anos. Isto levounos á elaboración de pancartas, pintadas, grandes murais, colantes, panfletos, folletos... Cada ano implicabámonos totalmente na organización conxunta das mobilizacións do 8 de marzo en Vigo e tamén na nacional cando a había. Traballabamos na convocatoria e pegada de carteis, comunicados, elaboración dos folletos... Tamén das consignas da nosa autoría que levabamos ás manifestacións, moitas delas animadas con rimas e músicas extraídas do noso cancioneiro tradicional ou das cancións máis populares, adaptando as letras ás reivindicacións feministas do momento. Era moi noso este xeito de facer a loita feminista festiva e alegre. Por outra banda, van ser moi importantes e constantes no noso tempo de actividade as campañas de denuncia contra as violencias sexistas das que somos obxecto as mulleres: acoso, violacións, agresións.
Todos os espazos eran os nosos espazos, o noso local e as nosas casas tamén. Así que sen axuda económica organizamos ao longo dos anos unha serie de videofórums, que daban para moito debater. No ano 1992 logramos a colaboración de espazos como o café Negra Sombra para a nosa Tertulia de Mulleres, falando sobre dependencias afectivas, acoso sexual, etc. Outros locais senlleiros de Vigo acolleron as nosas actividades como o bar Plaff, A Cova dos Ratos ou o Trincheira. Tamén conseguimos a colaboración da libraría de mulleres A Caixa de Pandora, de asociacións veciñais e das ondas da Radio Piratona e de Radio Ecca.
Démoslle continuidade á loita contra os abusos da xustiza patriarcal que seguía a criminalizar as vítimas e a penalizar a resposta feminista a esta inxustiza. De feito, no noso colectivo militaban dúas mulleres, Menchu Baqueiro e Pili Olalla, que foran detidas e condenadas por denunciar esta situación.
Continuamos tamén na loita por un aborto libre e gratuíto na sanidade pública, porque a lei de supostos aprobada en 1985 amosábase insuficiente e discriminatoria para as que carecían de recursos económicos, e seguíanse a dar casos de detidas e condenadas por abortar. Así mesmo continuaban a se producir detencións e procesos nos que o persoal médico implicado en abortos, era detido e condenado. A CFD participaba en actos de solidariedade co persoal médico e traballaba en campañas específicas para a consecución de melloras na lei de aborto. Moitas das compañeiras viñan de participar nas autoinculpacións de ter abortado para conseguir que o aborto deixase de ser un delito.
Outra das nosas constantes preocupacións foi o traballo doméstico, tanto no referido a compartir o traballo na casa como ás condicións laborais e legais das traballadoras do servizo doméstico. Sobre esta problemática fixemos varias campañas.
Foi tamén unha liña importante na nosa traxectoria a preocupación pola situación das mulleres novas, e así demos en organizar charlas e obradoiros nos centros de ensino medio. Interesábanos o seu dereito a unha boa sexualidade e a liberdade para decidir sobre os seus corpos. Así, en 1999 organizamos o obradoiro para mozas ¡Tira porque che toca!, coas monitoras Noemí Díaz Feijoo e Patricia Porto Paderne no Instituto Santa Irene, para traballar o corpo, os mitos, as relacións persoais, a sexualidade, a autoestima ou os preservativos. Desenvolvemos o proxecto Que non te metan en cintura!, como parte da nosa denuncia da presión social por un corpo
perfecto. Demos charlas sobre diferentes temas a demanda en institutos de Chapela e Baiona. Tamén, xunto coas mulleres do CAEF da Universidade de Vigo, puxemos en marcha o foro Comportamento sexual a debate na primavera do 2000. Fomos así mesmo solicitadas polos Grupos de Mulleres da Universidade de Compostela, na Facultade de Ciencias da Comunicación, para o visionamento e debate da película Orlando (Sally Potter, 1993) en 2000. Na mesma liña, pensando nas mozas e no traballo nos centros de ensino, propuxemos o Proxecto Sibila, artellado entre finais de 1999 e principios de 2000. Era un proxecto moi ambicioso destinado a visibilizar as achegas das mulleres desde tempos pasados ata o presente nos campos da arte e das ciencias, e que finalmente quedou truncado pola continua falta de financiamento. Outra das nosas teimas era a oposición a modelos educativos e sociais que afondaban no patriarcado, polo que editamos folletos e unha guía titulada Era unha vez unha nena..., cunha listaxe de libros non sexistas para nenas e nenos seleccionados por nós. Na mesma liña impartimos obradoiros de construción de xoguetes non sexistas en diferentes asociacións veciñais da cidade conducidos por Rosa Estévez Gantes, Asun Veloso Peaguda e Xulia Rodríguez Bravo.
No plano formativo estabamos moi interesadas na procura de fórmulas para responder ás agresións das que son obxecto mozas e adultas. Na década dos noventa organizamos durante varios anos, en polideportivos da cidade, Obradoiros de Autodefensa para Mulleres, contactando con mulleres expertas de Barcelona, Santiago de Compostela, Zaragoza e Vigo, e despois formando monitoras. Cabe destacar un curso específico para mozas realizado en 1995.
Promovemos tamén dous Cursos de Coñecemento e Expresión Corporal para Mulleres e un Obradoiro de Escritura Creativa e Autocoñecemento en 1994 a cargo da experta Mercè Solé i Prado. En 2003, coa Asociación Lilith, organizamos un Obradoiro de Habilidades Sociais e Participación Social. Demos tamén, charlas sobre feminismo a demanda en localidades como Redondela e Cambados.
Outra das nosas preocupacións na CFD tiña que ver coa visibilización das mulleres para a memoria historiográfica, polo que buscamos estratexias e formación para encher este baleiro. Comezamos a principios dos 90 o proxecto As nosas historias son historia. Entrevistamos a un grupo de mulleres en loita polos seus postos de traballo no comercio vigués Karina. A partir desta experiencia procuramos formación da man da antropóloga Beatriz Ruiz que nos impartiu o obradoiro Da Biografía á Historia. A metodoloxía cualitativa e a vida das mulleres, que, malia non ter continuidade, permitiu familiarizármonos co método biográfico en investigación social.
En sucesivos 8 de marzo denunciamos a inmensa escaseza de rúas dedicadas a mulleres na nosa cidade, cunha acción de protesta consistente na substitucións de nomes de rúas principais por cartelas con biografías de mulleres viguesas e galegas. Estas accións foron sen dúbida un punto de partida no camiño da igualdade nos nomes das rúas de Vigo.
No ano 2000 fixemos a mesa redonda Transexualidade a debate, na libraría Caixa de Pandora de Vigo, coas relatoras Mariám Mariño, antropóloga, e Laura Bugallo, do colectivo Transgaliza. Agora somos conscientes de sermos en moitos aspectos pioneiras.
Na CFD sempre estivemos moi atentas ás campañas contra a feminización da pobreza, e tamén ao longo dos anos coas loitas e protestas antimilitaristas. Como as organizadas pola Plataforma Contra a Guerra, que en 1993 mobilizounos en solidariedade coas mulleres da ex Iugoslavia, ou a charla Desobediencia en Israel: Xentes e voces deconstruíndo unha sociedade militarizada que organizamos en Vigo, en outubro do 2003, impartida pola activista Tal Harán, de New Profile, Movemento pola civil-ización da sociedade israelí. Tamén estivemos coas organizacións ecoloxistas e na plataforma Nunca Máis.
A CFD desenvolvemos tamén dous proxectos editoriais de publicacións periódicas. O primeiro deles entre 1995 e 1996, cando publicamos, respectivamente, os números 0 e 1 de Donicela. Revista das mulleres de Vigo,
coa arela de que fose a revista de todas as mulleres de Vigo. Nela abordamos cuestións como a violencia contra as mulleres, o acoso sexual, a necesidade da autodefensa ou do antimilitarismo. Informamos e reflexionamos sobre a Conferencia Mundial da Muller celebrada en Pequín en 1995. Ocupámonos das mulleres no movemento veciñal de Vigo e mais doutras organizacións de mulleres activas na cidade. Demos conta das actividades culturais promovidas por e para as mulleres. Fixemos memoria do feminismo organizado e, no mesmo sentido, recuperamos biografías de mulleres para a historia.
O segundo proxecto editorial comeza en 2000 coa idea de conseguir unha publicación áxil e fácil de distribuír, tipo fanzine, de baixo custo e enviada de balde por correo postal á nosa rede. Démoslle o nome de Mullerío. A boletina da Coordinadora feminista Donicela. Editamos sete números entre abril de 2000 e novembro de 2003. Tratamos moitos e variados temas nun formato sinxelo mais atractivo. Mullerío era un espazo de reflexión, de información e de convocatoria. Agora sérvenos para dar idea do que eramos e da intensa actividade que tiñamos, aínda que só documenta unha pequena fracción dos nosos catorce anos de actividade. Neste sentido, a nosa concentración de esforzos na Coordinadora local da Marcha Mundial das Mulleres aparece documentada no último número, onde destacamos á promoción do encontro europeo da MMM que se había de celebrar no 2004 en Vigo co lema Diferentes si, desiguais non, en Vigo cabemos todas. Co mesmo obxectivo fixemos o programa Pé de muller na rúa na Radio Piratona.
Case rematando a nosa historia non podemos deixar de observar que o feito de non asinar convenios, a nosa independencia das institucións, levounos moitas veces á precariedade económica. Que o noso xeito de traballar antixerárquico e espontáneo, centrado na acción, levounos a pór pouco coidado en documentar a nosa actividade. Tiñamos moito traballo e non nos preocupabamos pola autopromoción; tampouco entrabamos en competencias nin liderados no terreo mediático, polo cal quizais non soubemos transmitir axeitadamente a autoría das nosas accións e propostas.
En relación co impacto que tivemos na cidade e nos medios, aínda que para nada eramos o feminismo máis compracente co poder político e mediático, non deixabamos de estar presentes porque non podía ser doutro xeito. Tivemos impacto durante anos nas mulleres da nosa contorna e nas nosas relacións persoais. Influímos sen dúbida na vida da cidade co noso activismo. Témolo de certo, aínda que a bibliografía sobre o Movemento Feminista nos ignore notoriamente.
Para nós quedaron a aprendizaxe e o crecemento persoal, o espazo que creamos e que nos acolleu. Quedou a sororidade e a loita compartida, o cuestionamento do patriarcado, o enriquecemento no debate, na teoría e na práctica. Ficou todo o que nos definiu como grupo: o que nosoutras compartimos e que nos fixo as mulleres que hoxe somos.
Quen eramos a Coordinadora Feminista Donicela? Contamos o que ficou na nosa memoria porque non tivemos nunca libro de socias. Desculpade se algún nome nos quedou no tinteiro.
Ao longo dos anos xuntámonos: Asun Veloso Peagudo, Begoña Caldas Rodríguez, Belén Gómez Álvarez, Carmen Doval Outeda, Charo, Charo Baamonde, Che Araujo, Elvira Verea López de Guereñu, Fon García Congil, Gaëlle de Carlo, Iria Salvande Lorenzo, Isa Suárez Cabaleiro, Laura Pérez Durán, Marga Rodríguez Holguín, Menchu Baqueiro, Mercé Pérez Pérez, Mercè Solé i Prado, Minda Lusquiños Garrido, Noemí Díez Feijoo, Olga Sánchez Fachado, Pilar Fandiño, Pilar Olalla Rodríguez, Reme, Rosa Chantada Abollo, Rosa Soriano Martíns, Sensi Castilla Ariza, Sesé Mateo García, Vitoria Iglesias Molares e Xulia Rodríguez Bravo. E estiveron connosco en moitos dos nosos saraos: África Veloso Peagudo, Aurora Caride Pereira, Aurora Maya, Carmen Segurana, Chus Facal Rodríguez, Eva Aguado, Eva Castro Orosa, Feli Balboa, Irene Paz Johnstone (Rani), Isabel Sieiro Otero, Karina Mouriño Espiñeira, Kiti Rodríguez Caldas, Lucía Calvo, Luz Tilve, Mámer Santos García, Marga Maderal Cal, Mari Rodríguez Prieto, María Diéguez Álvarez, Maribel, Mavi Pérez González, Nieves, Nuria González Rodríguez, Paz Rodríguez Caldas, Ra Bernárdez, Raquel Vizcaya López e Victoria Quivén Puente. Fixemos historia, e na nosa sempre estará a lembranza das nosas queridas compañeiras Sesé Mateo García, Xulia Rodríguez Bravo, Marga Maderal Cal, María Diéguez Álvarez e Reme.
Este texto biográfico xorde da proposta no ano 2024 do Consello da Cultura Galega ás mulleres vinculadas coa Coordinadora Feminista Donicela, para que narrásemos a nosa historia como colectivo. Moitas continuabamos en contacto, e fomos quen de tecer o grupo de traballo Facendo Historia no que compartimos a proposta e comezamos a explorar as nosas memorias e a nosa documentación. Moita ledicia nos deu compartir as nosas andainas de anos atrás. Tamén explicar que foi difícil delimitar ese período porque o feminismo organizado nas nosas vidas ás veces comezara antes do inicio deste colectivo e ás veces continuaba alén del.
Botar a mirada a un tempo no que comunicar era complicado marabillounos do capaces que somos cando a motivación é tan forte.
[Redactamos este texto Begoña Caldas Rodríguez, Laura Pérez Durán, Marga Rodríguez Holguín e Olga Sánchez Fachado na Cas Laura, A Pateira, Vigo.]
Dedicatoria
A Vitoria Iglesias Molares, Vito, polo seu traballo a prol do feminismo.
Como citar: , A Coordinadora Feminista Donicela Facendo Historia : Coordinadora Feminista Donicela. Publicado o 7/3/2025 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=35803. Recuperado o 21/01/2026
DOCUMENTACIÓN DE
Facendo historia desde as nosas historias. Vivencias dalgunhas de nós que nos representan a todas. Ver Documento
Documento elaborado para o Álbum de Galicia (08/03/2025)
Fonte: A Coordinadora Feminista Donicela Facendo Historia
2000 Razóns para marchar contra a pobreza e a violencia de xénero. Ver Documento
Díptico da Coordenadora local de Vigo da Marcha Mundial de Mulleres na que está integrada, entre outras, a Coordinadora Feminista Donicela que comparte local coa primeira. Vigo, 2001.
Fonte: A Coordinadora Feminista Donicela Facendo Historia
Que non te metan en cintura. Desfruta do teu corpo non o xulgues. Ver Documento
Bocexo do mural deseñado por Margarita Rodríguez Holguín, realizado pola Coordinadora Feminista Donicela, na zona das Travesas. Vigo 2001.
Fonte: A Coordinadora Feminista Donicela Facendo Historia
Feminismo e… e será. Boletín de inscrición para as xornadas feministas de ámbito estatal celebradas en Córdoba entre o 7 e o 10 de decembro de 2000. Ver Documento
Emitido pola Coordinadora Feminista Donicela, entidade encargada de organizar as participantes do encontro de Vigo e arredores.
Fonte: Fondo MFOG - CDIF. Consello da Cultura Galega
Cea-festa da Coordinadora Feminista Donicela. Ver Documento
Borrador do bono axuda en formato folla voandeira da actividade organizada no verán do 2000 en Vigo
Fonte: A Coordinadora Feminista Donicela Facendo Historia
8 de marzo. Día das mulleres. Enterramos o machismo. Ver Documento
Cancioneiro feminista da Coordinadora Feminista Donicela para o 8 de marzo. Vigo, 2000.
Fonte: A Coordinadora Feminista Donicela Facendo Historia
Somos malas pero podemos ser peores. Ver Documento
Bocexo do mural deseñado por Margarita Rodríguez Holguín, realizado por activistas da Coordinadora Feminista Donicela no Areal. Vigo, principios da década de 2000.
Fonte: A Coordinadora Feminista Donicela Facendo Historia
Informe de investigación sobre as adolescentes viguesas e a súa imaxe corporal. Ver Documento
Bruquetas Callejo, María: Aunque la mona se vista de seda… ¿Qué?. Discursos y prácticas de las adolescentes de Vigo en torno a la imagen corporal. Informe de investigación, 1999-2000.
Fonte: A Coordinadora Feminista Donicela Facendo Historia
Cea-festa primavera Rasca o peto Marilús. Ver Documento
Díptico publicitario da actividade lúdica para recadar fondos da Coordinadora Feminista Donicela, 21 de maio de 1999
Fonte: A Coordinadora Feminista Donicela Facendo Historia
Tira porque che toca. Obradoiro para mozas. Ver Documento
Díptico publicitario/boletín de inscrición da actividade que a Coordinadora Feminista Donicela realizou contando coa participación das monitoras Noemí Díaz Feijoo e Patricia Porto Paderne, para traballar o corpo, os mitos, as relacións persoais, a sexualidade, a autoestima ou os presenvativos. Vigo, IES Santa Irene. 5 de marzo de 1999.
Fonte: A Coordinadora Feminista Donicela Facendo Historia
Feminización do ensino. Ver Documento
Proxecto de intervención educativa elaborado pola Coordinadora Feminista Donicela. Vigo, 1999.
Fonte: A Coordinadora Feminista Donicela Facendo Historia
Carautas dos volumes I e II de Mullerío. . Ver Documento
CDs Editados pola Coordinadora Feminista Donicela finais da década de 1990.
Fonte: Fondo MFOG - CDIF. Consello da Cultura Galega
Era unha vez unha nena.... Ver Documento
Guía de libros non sexistas para crianzas elaborada pola Coordenadora Feminista Donicela. Vigo, segunda metade da década de 1990.
Fonte: A Coordinadora Feminista Donicela Facendo Historia
Non máis condenas por aborto!!. As mulleres galegas en solidariedade cos médicos condenados por aborto. Ver Documento
Denuncia publicada en La Voz de Galicia por organizacións e colectivos feministas e de mulleres con actividade en Galicia, entre outras, a Coordinadora Feminista Donicela
Fonte: Fondo MFOG - CDIF. Consello da Cultura Galega
Non limites a súa vida. Non limites os seus xogos. Ver Documento
Pequena guía sobre xogos e xoguetes non sexistas en formato tríptico da Coordinadora Feminista Donicela. Vigo, segunda metade da década de 1990.
Fonte: A Coordinadora Feminista Donicela Facendo Historia
Da biografía á historia. A metodoloxía cualitativa e a vida das mulleres. Ver Documento
Materiais de traballo da Coordinadora Feminista Donicela Vigo, segunda metade da década de 1990.
Fonte: A Coordinadora Feminista Donicela Facendo Historia
Curso de autocoñecemento e expresión corporal para mulleres. Ver Documento
Tríptico/boletín de inscrición da Coordinadora Feminista Donicela. Pavillón Municipal de Coia. Vigo, 1996.
Fonte: Fondo MFOG - CDIF. Consello da Cultura Galega
Cursiño de autodefensa para mulleres. Ver Documento
Tríptico/boletín de inscrición da Coordinadora Feminista Donicela. Centro Deportivo Municipal das Travesas. Vigo, década de 1990.
Fonte: Fondo MFOG - CDIF. Consello da Cultura Galega
Taller de escritura creativa e autocoñecemento organizado pola Coordinadora Feminista Donicela e impartido por Mercè Solé i Prado. Vigo, 1994. Ver Documento
Portada da carpeta deseñada por Margarita Rodríguez Holguín
Fonte: A Coordinadora Feminista Donicela Facendo Historia
Juntas y a por todas. Jornadas Feministas celebradas en Madrid os días 4, 5 e 6 de decembro de 1993. Ver Documento
Cartel da Federación de Organizaciones Feministas del Estado Español na que está integrada a Coordinadora Feminista Donicela.
Fonte: Fondo MFOG - CDIF. Consello da Cultura Galega
Olga María Sánchez Fachado, da Coordinadora Feminista Donicela, firma unha carta á dirección de La Voz de Galicia sobre un anteproxecto do Código Penal que despenaliza un novo suposto de aborto. Ver Documento
Sánchez Fachado, Olga María (Coordinadora Feminista Donicela): «Nós parimos, nós decidimos», La Voz de Galicia, (01 de febreiro de 1993).
Fonte: Fondo MFOG - CDIF. Consello da Cultura Galega
Ciclo mulleres no cine. Ver Documento
Tríptico publicitario da actividade organizada pola Coordinadora Feminista Donicela entre os días 21 e 29 de decembro de 1992 no Centro Cultural Caixavigo.
Fonte: Fondo MFOG - CDIF. Consello da Cultura Galega
Muller, no teu traballo se te acosan, denuncia. Se te despiden mobilízate. Ver Documento
Díptico da convocatoria conxunta de grupos e colectivos feministas e de mulleres, Coordinadora Feminista Donicela entre eles, da manifestación celebrada polo 8 de marzo de 1992 en Vigo.
Fonte: Fondo MFOG - CDIF. Consello da Cultura Galega
Travesía do primeiro trimestre do 92. Ver Documento
Informe de carácter interno da Coordinadora Feminista Donicela. Deixa constancia do alto nivel de actividade que a organización está a desenvolver no ámbito local e galego.
Fonte: A Coordinadora Feminista Donicela Facendo Historia
Traballo doméstico ao 50% . Ver Documento
Cartel de campaña articulada a nivel nacional por Organizacións Feministas Galegas, Coordinadora Feminista Donicela incluída.
Fonte: Fondo MFOG - CDIF. Consello da Cultura Galega
Curso de autodefensa para mozas. Ver Documento
Díptico publicitario da actividade que a Coordinadora Feminista Donicela promoveu na década de 1990 en Vigo.
Fonte: CDIF. Fondo MFOG. CFD
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Noticia en Faro de Vigo sobre un curso de autodefensa organizado por Donicela. Ver Documento
a.s.: «La asociación de mujeres Donicela organiza un curso de autodefensa para jóvenes», Faro de Vigo, (12 de novembro de 1999)
Fonte: Fondo MFOG - CDIF. Consello da Cultura Galega
Nova publicada en Faro de Vigo sobre o curso de autodefensa organizado pola Coordinadora Feminista Donicela. Ver Documento
«Feministas viguesas organizan un curso de autodefensa física», Faro de Vigo, (16 de xuño de 1992).
Fonte: Fondo MFOG - CDIF. Consello da Cultura Galega
Ligazóns de interese
Entrada biobibliográfica de Sesé Mateo, activista da Coordinadora Feminista Donicela, no Álbum de Galicia
[última consulta: 04/03/2025]
Ver: «Coordinadora Feminista Donicela», perfil publicado na páxina 10 do n.11 da segunda época de cite>Andaina
[última consulta: 04/03/2025]
Andaina, revista do movimento feminista galego, 11 (1994), 10.























