Mercedes Mariño González
Monforte de Lemos (Lugo), 1909 - Santiago de Compostela (A Coruña), 5/6/1995Autoría: Montse Fajardo Pérez
A primeira actriz e cantante galega que se converteu nunha estrela en Estados Unidos
Nacida o 10 de maio de 1909, Mercedes era moi nova cando quedou orfa de pai. Conta no seu blog a súa sobriña, a tamén actriz Yolanda Farr –nome artístico de Yolanda Mariño- que Salvador Mariño foi asasinado polo cacique para o que traballaba e a súa viúva, Gloria González, viuse obrigada a abandonar as súas terras e regresar á casa do pai, que era mestre. Axiña o fillo maior, Arsenio, coouse de polisón nun barco a Cuba e con catorce anos traballou duro para pagar as pasaxes da nai e as tres irmás pequenas: Carmen, Mercedes e Olimpia. Escribe Acuña en Estrela e eclipse de Mercedes Mariño que unha vez alá a familia contactou co tecido asociativo creado pola diáspora galega e ao seu abeiro instruíronse as nenas. Axiña ficou patente que a mediana tiña especiais dotes para o escenario. Cando aínda non cumprira os 17 anos debuta na obra teatral Al rugir el león da coruñesa Pilar Millán Astray, irmá maior do futuro golpista, actúa na Sociedad Beethoven de La Habana con outras compañeiras das súas clases de piano e inicia o contacto coa Agrupación Artística Gallega para axiña dar o salto ao Teatro Nacional e converterse por vez primeira, pero non última, na dona Inés de Zorrilla.
Esa capacidade para compaxinar música, teatro, e mesmo varias obras á vez será unha constante na traxectoria de Mercedes Mariño, que en 1928 inicia unha xira internacional que a converte na primeira galega que protagoniza obras en Nova York. Alí chega a actuar ata con tres compañías distintas, entre elas a de Narciso Ibáñez Menta, que será a súa parella artística en varias montaxes. Algunhas, subliña Acuña, con gran repercusión social como Los cuatro jinetes del Apocalipsis de Blasco Ibáñez ou Electra de Pérez Galdós. Un ano despois gravará a súa primeira película, El veneno de un beso, xunto ao galán cubano Antonio Perdices, e nos días previos á estrea, que tivo lugar o 3 de outubro de 1929 nun Teatro Martí abarrotado de público, debutará tamén na cadea 2MG. Alí recitará o poema «Monfortina» que o seu irmán Arsenio publicara en 1917 en El Eco de Galicia. Malia ter deixado a Terra con apenas cinco anos, Mercedes nunca esquecerá as orixes e mesmo naquel 1929 en que amoreou estreas, ofreceu á colectividade emigrada comedias como Airiños da miña terra, amén de axudar repetidamente a recadar fondos para as familias galegas máis necesitadas.
Do seu periplo radiofónico, o seu biógrafo destaca a interpretación do fox trot Sueño chino:
Mediante esta interpretación precursora todo indica que Mercedes Mariño é a primeira galega que canta cadencias propias dun jazz que emerxía con forza. Será tamén pioneira nos seriais radiofónicos tras sumarse ao elenco que os radia na emisora cubana CMK.
Farao un mes após a proclamación da II República española, que a leva a devecer volver á Terra. Antes agradecerá o agarimo da patria de acollida con numerosas actuacións de despedida.
Madrid ou Barcelona –explica Acuña- convértense no único destino posible. Nestas dúas grandes cidades residían os mellores autores, asentaban os máis monumentais e prestixiosos teatros e, nas dúas, tiñan o seu centro de operacións os actores e actrices de maior recoñecemento e sona.
Escollerá Madrid e o seu debut será coa compañía do prestixioso director Cipriano Rivas Cherif que porá en escena no Teatro Beatriz a obra A.M.D.G., La vida es un colegio de jesuitas, adaptación teatral dunha novela na que Ramón Pérez de Ayala denunciaba a corrupción económica e os delitos sexuais da orde relixiosa. A estrea é boicoteada por xente que a considera un ataque á igrexa pero tanto o xornal republicano Ahora como El Heraldo de Madrid van destacar nas súas crónicas o valente da postura de Mercedes ante a algarada.
Como pasara no periplo cubano, compaxinará teatro, música e, a finais de marzo de 1932, tamén debutará na programación nocturna de Unión Radio. Mostra do recoñecemento acadado no Estado é o feito de que a revista Estampa a inclúa nunha enquisa sobre os ministerios que as mulleres poderían liderar no tempo republicano, xunto a voces como a da deputada Margarita Nelken ou a tamén actriz Eugenia Zuffoli. Acuña acolle a súa resposta como exemplo dun pensamento claramente feminista, moi por riba da postura da propia Nelken. Mentres a deputada avogaba pola carteira de Traballo, Mercedes defendía que
el mundo no estaría bien regido hasta que el gobierno lo formen hombres y mujeres, en igual proporción. Y, de haber mayoría en él, que esta fuese femenina. No hemos de tardar mucho en comprobar tan saludables resultados. Por desgraza para ela e para todas as mulleres, o golpe de Estado vai retrasar durante décadas esa incorporación plena da muller á vida política.
No tempo republicano a monfortina convértese na primeira actriz da Compañía dramática de Arte Moderno que, de novo Rivas Cherif, establecerá no Cervantes. Con ela porá en escena obras como Crimen y castigo ou unha versión da Le cocu magnifique, texto con certa dose de erotismo que publicará a Revista de Occidente por desexo expreso de Ortega y Gasset.
Son, conta Acuña, tempos felices, tamén no persoal co inicio do noivado con Manuel García Leyra, un estudante galego que se formaba como médico en Madrid, con quen casará e terá a única filla: Olimpia. A chegada da gravidez coincide coa primeira baixa de Mercedes na escena. Volve ao teatro en setembro de 1934 para interpretar, entre outras obras, Cuando los hijos de Eva no son los hijos de Adán de Jacinto Benavente, e tamén a Unión Radio onde, xunto a un amplo catálogo de música caribeña e afroamericana, ofrecerá pezas en galego. Tras iso chega outro ano de silencio, roto no outono de 1935 coa interpretación no Teatro Eslava do papel protagonista de Don Cascabeles. Un manicomio entre a escenografía parece unha cruel premonición da tolemia que se ía desatar no Estado tras o golpe franquista e na propia vida da actriz.
Mentres o marido e mais e o seu irmán Arsenio se suman, primeiro ás milicias galegas e logo ao bando republicano onde Manuel é nomeado xefe de sanidade do III Corpo do Exército da República, Mercedes loita polos valores que esta encarna recitando poesía revolucionaria nos escenarios do Teatro del Pueblo, compañía que desde unha Madrid asediada polos golpistas amosa un férreo apoio ao goberno democrático. Que o conflito conclúa con vitoria golpista provoca o ingreso nun campo de concentración de Arsenio e Manuel. Cando obtén a liberdade, e tras afrontar tamén un expediente de responsabilidades políticas, o home de Mercedes decide volver á Galiza separándose dela e da súa filla que naquela altura viven en Ciudad Real. Segundo Acuña, Mercedes fica profundamente afectada e na súa biografía inclúe unha foto que lle dedica á familia de Arsenio en 1944, na que lles recoñece estar sumida nunha eclipse de anos.
Será, nun paradoxo, o falanxista Carlos Serrano de Osma quen a leve de volta ao cine co papel de Antonia na película Abel Sánchez, baseada nunha obra de Unamuno. A súa estrea será o 26 de novembro de 1946, o mesmo ano en que decide volver á Galiza para instalarse na Coruña. Moi preto, en Mugardos, vivía Manuel cunha nova parella coa que chegará a ter tres criaturas. Das necesidades, mesmo económicas, da súa primeira filla, apenas se ocupará cando a falta de oportunidades laborais da nai as empurre a situacións de suma precariedade.
A de Abel Sánchez será a súa última aparición na gran pantalla. Eran malos tempos para unha muller que criaba soa unha nena, que deixara patentes moitas veces as súas ideas republicanas e que, para máis inri, tiña un pasado como actriz de cintas incompatíbeis coa casposa e hipócrita moral nacionalcatólica. Acuña destaca que aínda terá ocasión de converterse na primeira galega que dirixe unha compañía de teatro independente: a do Cuadro Filodramático del Centro Cultural de Santa Lucía, que logo se chamará Vocación. Mais, de novo fica patente que é unha adiantada ao seu tempo, e a súa montaxe do texto Del brazo y por la calle, do chileno Armando Mook, vai provocar ásperas críticas:
Desde el punto de vista moral, a nosotros, españoles, nos repugna. Choca ásperamente contra nuestro concepto del honor, del amor y del alma femenina, sentenciou unha das críticas que recolle Acuña. Así, malia que o seu papel como actriz protagonista foi laureado, o pano caeu definitivamente e con el fundiuse a escuro tamén a biografía de Mercedes, que empezou a acumular estadías en hospitais psiquiátricos.
Polos expedientes que conserva o Arquivo de Galiza sabemos que o 11 de febreiro de 1971 ingresou en Conxo e que alí morreu o 5 de xuño de 1995, aos 86 anos. Máis dunha vez repetiu que fóra unha estrela do panorama artístico mundial e máis dunha vez creron que deliraba. O que é difícil de crer hoxe é que unha biografía como a dela fique tan descoñecida.
Bibliografía e documentación consultada
Arquivo de Galicia: Expediente 12.097 do Arquivo de Conxo.
Acuña, Xosé Enrique: Estrela e eclipse de Mercedes Mariño. O Carballiño: Concello, Xociviga, 2017.
Farr, Yolanda: Blog, dispoñíbel en https://www.blogger.com/profile/14027806348452288137
Partida de defunción de Mercedes Mariño González cedida por José Luís Dopico Orjais.
Como citar: Fajardo Pérez, Montse : Mercedes Mariño González. Publicado o 19/3/2025 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=35876. Recuperado o 23/05/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Conversa de Mercedes Mariño co xornalista José Gallardo Rimbau, durante a estadía da artista na Coruña e a propósito do éxito da película Historia de una pasión. Ver Documento. Entrevista
Gallardo Rimbau, José: «Reportajes coruñeses: Mercedes Mariño habla para La Noche», La Noche: único diario de la tarde en Galicia, 7920 (20 de setembro de 1946 setembro), 2.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Enquisa da revista Estampa:
que carteira daría vostede á muller e por que?<7q>, na que participou Mercedes Mariño. Ver Documento. Artigo«Preguntas de Estampa: ¿Qué cartera daría usted a la mujer? ¿Por qué?», Estampa, (2 de xullo de 1932), 10-11.
Fonte: Biblioteca Nacional. Hemeroteca Dixital.
https://hemerotecadigital.bne.es/
Breve entrevista a Mercedes Mariño en El Heraldo de Madrid sobre os altercados producidos na estrea da obra A.M.D.G. de Pérez de Ayala. Ver Documento. Entrevista
c.r.: «Mercedes Mariño, la actriz que con su arte privilegiado triunfó hasta de los
Fonte: Hemeroteca Dixital. Biblioteca Nacional de España.reventadoresasalariados, asegura que ni un momento la intimidó la actitud cerril de aquéllos», El Heraldo de Madrid, 14280 (7 de novembro de 1931), 5.
https://hemerotecadigital.bne.es/
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Información sobre a obra La sombra de Darío Niccodemi, na que participou a actriz Mercedes Mariño. Ver Documento. Artigo
M.L.: «Constituyó un gran éxito la función del Centro Cultural y Deportivo de Santa Lucía», El Ideal gallego: diario católico, regionalista e independiente, 8907 (1 de febreiro de 1946), 2.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Crítica da obra El cornudo estupendo da que formou parte Mercedes Mariño. Ver Documento. Artigo
«Información teatral: Estreno de El cornudo estupendo ( Le cocu inagnifique) en el teatro Cervantes», Ahora, 652 (15 de xaneiro de 1933), 34.
Fonte: Hemeroteca Dixital. Biblioteca Nacional de España.
https://hemerotecadigital.bne.es/
Desmentido sobre a estrea no teatro Principal de Santiago dunha obra de Pérez de Ayala pola compañía Villagómez, da que forma parte Mercedes Mariño. Ver Documento. Artigo
«Desmintiendo un falso rumor», El Compostelano: diario independiente, 3528 (29 de xaneiro de 1932), 1.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Información en El Heraldo de Madrid sobre os altercados producidos na estrea da obra A.M.D.G. de Pérez de Ayala. Mercedes Mariño formaba parte do elenco da obra. Ver Documento. Artigo
«En medio de un formidable escándalo, provocado y mantenido por
Fonte: Hemeroteca Dixital. Biblioteca Nacional de España.jesuitas'yluises, que duró cuatro horas, triunfó plenamente la escenificación de la novela A.M.D.G., de Pérez de Ayala», El Heraldo de Madrid, 14280 (7 de novembro de 1931), 5-6.
https://hemerotecadigital.bne.es/
Comentario sobre a actuación de Mercedes Mariño na Función do Aguinaldo da Beneficencia Galega de Cuba. Ver Documento. Artigo
«La Función del Aguinaldo de La Beneficencia Gallega», Heraldo de Galicia: periódico consagrado a los intereses del pueblo galiciano y paladín de la colonia gallega en Cuba, 44 (20 de decembro de 1930), 6.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Programa da celebración da
diadagalega en Cuba, celebrada o 25 de xullo de 1930 e no que figura a actriz e cantante Mercedes Mariño. Ver Documento. Artigo«La Diada Galega, la Beneficencia y el Día de Santiago», Eco de Galicia: revista ilustrada y de información de la colonia gallega en Cuba, 360 (25 de xullo de 1930), 13.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Poema de Arsenio Mariño recitado pola súa irmá Mercedes na cadea da de radio 2MG en outubro de 1929. Ver Documento. Poema
Mariño, Arxenio: «Monfortina», Eco de Galicia: revista ilustrada y de información de la colonia gallega en Cuba, 16 (21 de outubro de 1917), 13-14.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Mercedes Mariño é entrevistada en Nova York por Pierre de Ramos. Ver Documento. Entrevista
Ramos, Pierre de: «Motivos de Nueva York: Mercedes Mariño, la dulce enamorada del arte», Ideal gallego: paladín de la cultura, defensor de la colonia gallega de Cuba y órgano oficial del Comité Representativo de Sociedades Gallegas de Instrucción, 71 (31 de marzo de 1929), 21-23
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana.
:
https://biblioteca.galiciana.gal
Ligazóns de interese
«Mercedes Mariño, la primera gallega que protagonizó una película en América», artigo de Martín Fernández.
Fonte: La Voz de Galicia.
La Voz de Galicia, (21 de novembro de 2022)
https://www.lavozdegalicia.es
«O investigador Xosé Enrique Acuña recupera a figura da galega Mercedes Mariño, unha actriz pioneira».
Fonte: Cultua de Galicia.
Cultura de Galicia, (1 de agosto de 2017)
https://www.cultura.gal
«La olvidada actriz Mercedes Mariño», artigo de Miguel Anxo Fernández.
Fonte: La Voz de Galicia.
La Voz de Galicia, (20 de xullo de 2017)
https://www.lavozdegalicia.es
«Álbum de los lucenses: Mercedes Mariño», artigo de José de Cora.
Fonte: El progreso, edición dixital.
El progreso, (18 de outubro de 2020)
https://www.elprogreso.es/
Mercedes mariño en FilmAffinity
Fonte: FilmAffinity
https://www.filmaffinity.com
Videos
Documental dirixido por Rubén A. de los Santos sobre El veneno de un beso (1929), primeira película na que actuou Mercedes Mariño
Fonte: Rubén Cine Silente / YouTube.com
El veneno de un beso: fragmentos da película orixinal de 1929
Fonte: Rubén Cine Silente / YouTube.com