Concha do Canizo
O Canizo, A Gudiña, Ourense, 4/ 12/1920 - O Canizo, A Gudiña, Ourense, 18/1/2015Autoría: Xulia Feixoo
Unha das grandes tocadoras de pandeiro cadrado de Galicia
Chámome Concepción Luís Seoane, nacín na parroquia de Santa María do Canizo, o día cuatro de
diciembre de 1920, ayuntamiento da Gudiña. Pero eu sempre… nas canciois puxen sempre Concha.
Concha Luís Seoane. Vivín alí hasta ahora que tuven que desprazarme. A miña vida foi sempre alí.
Miña mamá foi nacida no Canizo, e o meu papá tamén.
Con estas palabras preséntase Concha Luís Seoane, coñecida como Tía Concha de Faustino ou Concha do Canizo, tocadora de pandeiro.
É filla do matrimonio formado por Josefa Seoane Pérez «do Abrente», nacida o 18 de abril de 1890, e de Faustino Luís, nado o 14 de maio de 1889 e coñecido como Luís dos Fateiros. Ambos construíron o ámbito familiar no que medrou Concha xunto coa súa irmá biolóxica Manuela, o seu irmán biolóxico Faustino e outras catro crianzas acollidas polo matrimonio: Faustino, Marcelina, María e José Luis.
A nai sostivo boa parte da vida doméstica arredor do tear e dos labores da casa. O pai dedicábase ao agro e emigrou en tres ocasións ao Brasil. Cos cartos que enviaba dende as Américas, sabiamente administrados por Josefa, o matrimonio fixo un bo capital, o suficiente como para se converter nunha das casas fortes da aldea; un fogar de certa folgura, froito de moito esforzo. Como dicía Concha: «Traballabamos muto, pero non pasamos fame». E isto propiciou o desenvolvemento dun ambiente entregado á lectura e á festa:
O papá e a miña mamá eran moi alegres, sempre foron mui divertidos, amigos de facer así
charangadas e iso todo. A mamá estaba traballando no tear e, cuando viñan as comparsas
do Carnaval, ela pousaba as súas cousiñas encima da tea, salía pra fóra a cantar e a tocar ó par
de todos. Era así a vida. Despois de mutos traballos, pasabámolo mui divertido.
Pero ao millor había casas que o pasaban mal, que non tiñan muto que comer
e tiñan mutos fillos, entonces… era outra cousa.
Concha axiña demostrou ser unha rapaza espelida, pois tiña boa man para todo. Mais de entre todas as súas habilidades, a que máis lle tiraba era a música. A querenza por tocar e cantar víñalle de familia, pois na casa facíase con especial habelencia. Ela aprendeu a arte da pandeira e do pandeiro nas pandeiradas do inverno e no baile, xunto coas vellas do lugar e súa nai. Con esta última formou un dúo de tal categoría que ficou na memoria da veciñanza do Canizo, onde eran coñecidas como «as do pandeiro», mais quedaron tamén rexistradas tocando xuntas na gravadora de Alan Lomax aquel 8 de decembro de 1952.
Xa moza feita, casou con Avelino Ramos. Tiveron un fillo, Avelino, e mais dúas fillas, Josefina e Conchita. Naquel tempo, a pandeirada no Canizo comezaba a esmorecer, mais isto nunca ocorreu na cabeza nin nas mans de Concha.
Dende 1952 até 2015, moita xente foi xunta ela: Lomax e Janette Bell en 1952, Ramón López (da A.C. Candaira), Xabier Díaz en 1998, o holandés Rogier Kappers en 2001, Javier «Xisco» Feijoó en 2003 e Leni Pérez dende o comezo do ano 2000, con quen trabou unha fonda amizade.
O tocar do pandeiro de Concha é virtuoso e certamente excepcional. O seu estilo vén determinado pola tipoloxía de pandeiros cadrados propia da Terra das Frieiras. Trátase de instrumentos pequenos –de arredor de 30 centímetros de lado– e moi anchos –de aproximadamente 6 centímetros de alto–, cun gran número de bordóns –entre 7 e 11. A tipoloxía das Frieiras ofrece ás intérpretes pandeiros cunha gran caixa de resonancia e un son poderoso, intenso pero seco. Esta circunstancia favorece, ou vén determinada por un xeito de tanxer o pandeiro no que non é necesario tocar extremadamente forte para que o instrumento responda e teña potencia sonora abonda como para facer o baile. Da mesma maneira, o feito de que o son proxectado non sexa rico en harmónicos provoca que os golpes percutidos non teñan demasiada cola, o que permite tocar células rítmicas moi figuradas. É dicir, o instrumento ten unha resposta rápida que lle ofrece á intérprete moita definición.
Concha termaba do instrumento cun dos seus ángulos apoiado no abdome, tocaba de esquina, repartindo comodamente o peso do pandeiro entre o abdome e o arco que se forma entre o polgar e a parte anterior da man esquerda, coa man dereita totalmente libre para percutir sobre o parche. Ademais, deixaba quedar o pandeiro lixeiramente ergueito e ladeado contra a man dereita. Esta posición vén condicionada polo ancho notable do marco, que provoca que agarrar coa man esquerda resulte máis cómodo canto máis ergueito permaneza o pandeiro e, ao mesmo tempo, tal colocación resulta óptima para a técnica de golpeo empregada por Concha, que alterna na man dereita golpes percutidos coa parte anterior –índice, corazón, anular e maimiño– e a posterior –polgar.
O seu estilo ten como elemento clave a alternancia entre golpes percutidos coa parte anterior e a parte posterior da man. Este xesto técnico pode acadarse unicamente deixando a man dereita próxima ao parche, o que fai que Concha se mova sobre a extensión da pelica con rapidez, control e precisión. Xa que logo, a principal característica do seu estilo é a sutileza dos seus movementos e o virtuosismo dos ritmos que interpreta. Ambos están favorecidos por unha superficie de pandeiro moi tensa que aumenta a resposta da pelica e por un son seco, pobre en harmónicos, que permite que se entendan con claridade as figuracións rítmicas. A todo isto temos que lle engadir un lixeiro vaivén do pandeiro dende a súa posición orixinal contra o chan, que fai rebulir os arouxos incorporados ao instrumento.
Concha finou o 18 de xaneiro de 2015. No obituario do Anuario da Gaita recórdase como un referente da música do Canizo. Isto é ben certo. A súa intelixencia, alegría e sabedoría quedaron no recordo da súa veciñanza e tamén das persoas que apreciamos o patrimonio inmaterial do noso país. Grazas á súa paixón polos saberes do Canizo, o pandeiro cadrado e a tradición musical asociada ao instrumento non se extinguiron na Galiza. Ademais, Concha non foi só unha gardiá da memoria senón tamén unha intérprete excepcional, unha auténtica virtuosa do pandeiro. A través da súa historia e do relato dos que a coñeceron puiden reconstruír unha parte ben importante do universo musical deste instrumento senlleiro.
Como citar: Feixoo, Xulia : Concha do Canizo. Publicado o 6/4/2026 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=35937. Recuperado o 27/04/2026
Ligazóns de interese
Tanxedoras: Valse do Canizo
Tanxedoras, grupo de pandeireteiras composto por Leni Pérez, María Silva e Margó Gayoso e formado no 2003, parten das gravacións de campo realizadas a Concha Luis Seoane, Concha do Canizo, a comezos do século XXI e propoñen este arranxo do Valse do Canizo.
Rodrigo Romaní trío: Pasacalle de Entrudio do Canizo e Muiñeira Do Piñeiro Da Igrexa
Versión do Pasacalles de Entrudio do Canizo realizada polo arpista Rodrigo Romaní no seu cuarto disco en solitario Fíos de Ouro no Ar, acompañado por Beatríz Martínez (arpa), Xulia Feixoo (percusión) e coa colaboración de Guillerme Ignacio (voz).
Videos
Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre: Muiñeira do Canizo
Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, a partir dunha gravación de campo realiozada polo primeiro en 1998, interpretan a icónica Muiñeira do Canizo.
Audios
Cantar da arada. Intérprete Concha do Canizo (2012)
Si pasas el puente. Xota interpretada por Concha do Canizo (2004)
As pombinhas da Catrina. Rumba interpretada por Concha do Canizo (2004)
Cantar da sega. Intérprete Concha do Canizo (2004)
Muiñeira. Intérprete Concha do Canizo (2003)
Para qué dices que no la quieres. Valse interpretado por Concha do Canizo (2003)
Concha do Canizo interpreta Cantar de sega.










