Prudencio Piñeiro
San Sebastián, 1838 - Ferrol, 2/12/1919Autoría: Nilo García Armas
Un gran pianista e dinamizador da cultura galega
Prudencio era o maior de cinco irmáns. O seu pai, Francisco Piñeiro residiu en varias cidades, entre elas Donostia. Segundo López Acuña, en 1841 atopábase en Salamanca, porque era músico maior do provincial de Oviedo. Sábese que a súa irmá Clara nacería arredor de 1849 na cidade salmantina. Non se sabe con exactitude en que data regresaron a Galicia, pero si que, en maio de 1851, Francisco Piñeiro e a súa familia residían en Vigo, por unha noticia da estrea dunha misa composta polo propio Francisco nunha función que se celebraba por mor do aniversario da Reconquista da cidade, na que o propio autor dirixiu a orquestra.
As noticias que se coñeceron sobre os comezos musicais de Prudencio Piñeiro son escasas, pero seguramente as súas primeiras nocións foron impartidas polo seu pai Francisco Piñeiro, que era profesor de música e aparece na correspondencia de Canuto Berea Rodríguez en Ferrol. López Acuña facilita unha crónica de 1863 dun diario de Pontevedra, sen especificar a data, que citaba a súa limpeza ao tocar o piano, así como as dotes musicais do pai.
En 1863, representouse en Vigo La presentación en el templo, zarzuela-sacra nun acto con letra de Domingo Camino e música do profesor Prudencio Piñeiro. Un ano máis tarde, publicouse a poesía Pesca nocturna. Barcarola, dedicada a Prudencio Piñeiro por Benigno de la Iglesia; a música desta barcarola foi composta polo propio Piñeiro. En 1865 trasladouse a Pontevedra, e nese mesmo ano nas festas da Peregrina cantouse unha misa do seu pai, e Prudencio participou nas festas que tiveron lugar no Liceo-Casino, acompañando ao piano aos cantantes e instrumentistas no baile da dita sociedade. En 1866 compuxo a música do apropósito en tres actos e en verso de Emilio Álvarez Giménez, titulado A bordo de la Numancia, función para a que pintou os decorados Federico de Guisasola. Outro labor importante en Pontevedra foi a súa vocación pedagóxica, e fundou a súa academia de música, na rúa do Comercio, na que impartía clases de solfexo, a nenos e nenas, separadamente, todos os días, agás festivos, por 30 reais mensuais.
Outras referencias documentais atopadas datan de 1867 e recollen que, durante a última semana do ano, un grupo de afeccionados pontevedreses celebrou unha función da que só se sabe que foi organizada por Prudencio Piñeiro. A súa estancia en Pontevedra foi feliz, lembrado polas súas composicións no Entroido, onde colaboraba con Andrés Muruais, poeta, de avanzadas ideas progresistas que tivo un papel importante como protector dos orfeóns pontevedreses. Froito da colaboración dos dous autores, ademais de cancións e apropósitos, foi a zarzuela titulada Doña Hermenegilda, estreada na cidade do Lérez. En 1875 faleceu a súa muller, Eloísa, aos poucos meses de casar. O seu talento como pianista era recoñecido, como se pode aprezar na mostra dun concerto celebrado en Santiago en decembro de 1878 xunto a músicos de renome como Hilario Courtier, Eduardo Dorado, Santiago Tafall e Manuel Valverde.
Prudencio Piñeiro valorara a idea de recibir clases na Coruña baixo a protección de Canuto Berea. Na correspondencia de Canuto Berea Rodríguez atopouse algunha carta con Prudencio Piñeiro, de Pontevedra, como unha de 1877, na que Canuto presentaba un frautín por 63 reais de vellón (15,75 pesetas). Piñeiro Latierro foi pianista do Liceo-Casino e director do Orfeón Pontevedrés, e a súa relación coa tenda de Canuto Berea debeuse a que Berea non dispoñía de sucursal en Pontevedra e Prudencio vixiaba a liquidación de pianos e harmonios entre 1874 e 1879, e mesmo seleccionaba algún piano, como para Manuel Agrelo de Baiona. O mesmo sucedeu cando se desprazou á cidade de Vigo en 1880, onde fundou un orfeón e reanudou as súas clases na Sociedade do Recreo Artístico e mesmo un coro acompañado por orquestra, baixo a dirección de Piñeiro, amenizáballes a noite de Reis aos veciños. O Orfeón Vigués, que el dirixiu durante un tempo con éxito, debutou despois de só un mes de preparación. Tamén creou unha academia de música e seguiu en comunicación con Berea ata 1884. Nese ano publicou La Gallegada, adicada a Rosalía de Castro, en versión de canto e piano, que foi a súa composición orfeónica máis coñecida, que se interpretaba en Pontevedra en diferentes recitais. Aínda que xa residía en Vigo, onde organizou una orquestra para os actos da Colexiata, ademais de amenizar os paseos, os martes e venres, na rúa Príncipe. En agosto de 1882, casou por segunda vez coa viguesa Rafaela Menacho, coa que tivo catro fillos. Localízase na hemeroteca algunha crónica que dá idea da súa importancia, coma o titular que informa de que o profesor Piñeiro non abandona Vigo, alá polo ano 1883.
A finais de 1884 participou nunha velada literario-musical acompañando ao piano ao violinista Andrés Gaos. En xaneiro de 1885, estreouse no Teatro-Circo Tamberlik El Lazareto de Valença: apropósito cómico-lírico hispano-portugués, con letra de Hipólito León e música de Prudencio Piñeiro. Un fito salientable en 1886 foi a celebración do Certame Galego Literario-Musical nas festas da Peregrina, en Pontevedra, promovido polo semanario O Galiciano, onde Prudencio Piñeiro foi premiado pola composición para orfeón titulada ¿Qué ten o mozo?, con texto de Rosalía de Castro. A dita obra foi de interpretación obrigada nun certame musical celebrado en Ourense en 1887.
Tamén foi premiado no certame musical celebrado en Vigo en 1888, presidido por Jesús Monasterio, no que obtivo un accésit pola composición Vaite. Nese ano faleceu a súa nai, Concepción Latierro, en Ferrol.
En marzo de 1890 Prudencio Piñeiro abandonou Vigo para establecerse en Braga, onde se fixo cargo do Club Musical desa cidade, e onde se estreou unha zarzuela titulada Don Ramón, con música da su autoría, regresando a Vigo, despois de sete anos, en agosto de 1897. De volta á cidade olívica, estivo como músico contratado para dar concertos diariamente no café Méndez Núñez, co violinista Ulibarry, e nos festivais que se celebraban no Teatro Tamberlick, onde se estrearon composicións como Un lauro y una flor ou Elvira, para coro; un vals de salón para canto, ambas con letra de Nicolás Taboada. A súa composición ¿Qué ten o mozo? volveu ser obra obrigada, para orfeóns, no certame de Ponteareas de 1897. En 1900 foi nomeado membro do xurado do certame musical de Pontevedra, con Fernández Bordas; nese mesmo ano son estreadas dúas composicións relixiosas súas: Himno a la Inmaculada e o Himno ¡Gloria a Escoto!. En 1901 o Liceo-Gimnasio de Pontevedra encargoulle a música para os coros do entroido con letra do poeta Labarta. Nese ano tamén compuxo para canto e piano Como chove mihudiño, con letra de Rosalía de Castro, e a polca Rosa de chá. En maio dese mesmo ano, Prudencio Piñeiro aceptou a presidencia dos Xogos Florais de Ourense, feito que coincidiu coa noticia da morte do seu pai, Francisco de Paula Piñeiro. Días despois, Prudencio Piñeiro foi nomeado organista da igrexa parroquial castrense de San Francisco de Ferrol.
No Arquivo Canuto Berea, na correspondencia que mantivo Prudencio Piñeiro coa editorial Canuto Berea, atópanse unhas misivas nos primeiros anos do século XX, nas que músico e editor conversan sobre as negociacións para que a dita editorial publicase a súa melodía Vaite, unha romanza galega con redución para piano con letra.
Na súa vida en Ferrol ocupábase do seu posto de organista, ás veces tamén dirixía unha pequena orquestra para as funcións relixiosas solemnes, interpretando algunha composición súa como o Ave María, dedicada ao cantante Enrico Tamberlick. En 1903 presentouse ao concurso celebrado polo diario El Heraldo de Madrid para premiar a mellor tanda de valses, concurso no que obtivo mención honorífica. En maio de 1905, tivo lugar un tráxico suceso, por un incendio na súa vivenda que devorou totalmente a súa biblioteca musical e o piano.
En 1908 presentouse ao certame de composición de Vigo, sendo premiada a súa obra titulada Melodía gallega, escrita para canto e piano. En 1911 a prensa recollía a noticia de que o compositor acababa de escribir dúas obras, Un repoludo gaiteiro e Moucho con letras de Rosalía de Castro. En 1916 volveu a presentarse a outro concurso promovido pola revista iberoamericana Arte Musical, coa composición titulada Transcripción sobre una melodía italiana, á que se lle concedeu unha mención honorífica e que o editor da revista, o Sr. Alier, xulgaba digna de publicación.
Prudencio Piñeiro Latierro faleceu na súa casa de Ferrol, na rúa Dolores número 64, o 2 de decembro de 1919 con 81 anos de idade.
Fontes primarias
Biblioteca da Deputación Provincial da Coruña (bdpc). Arquivo Berea, Caixa 1, libro 1, 5-I-1875, f. 456, carta a Prudencio Piñeiro (Pontevedra); Arquivo Berea, Caixa 1, libro 3, 11-I-1877, f. 367, carta a Prudencio Piñeiro (Pontevedra); Arquivo Berea, Caixa 1, libro 1, 19-X-1874, f. 271, carta a Manuel Agrelo (Baiona; Arquivo Berea, Caixa 1, libro 1, 13-IX-1874, f. 195; Caixa 2, libro 4, 26-I-1879, f. 49, cartas a Prudencio Piñeiro (Pontevedra); Arquivo Berea, Caixa 4, libro 10, 10-III-1882, f. 28; Caixa 4, libro 12, 18-II-1884, f. 481, cartas a Prudencio Piñeiro (Vigo); Arquivo Berea, Caixa 53, Correspondencia entre 1898-1904.
Arquivo histórico de Ferrol. Censo de 1897.
Fontes hemerográficas
Faro de Vigo, (10 de abril de 1883).
Crónica de Pontevedra, 273 (5 de abril de 1887), 2.
Crónica de Pontevedra, 775 (13 de decembro de 1888).
Bibliografía
Barros Presas, Nuria (2015): La vida musical en la ciudad de Pontevedra: (1878-1903. Oviedo: Universidad.
García Armas, Nilo Jesús (2022): Obras gallegas en el Archivo Berea. La aportación a la vida musical coruñesa desde la segunda mitad del siglo XIX hasta las primeras décadas del siglo XX y el patrimonio musical gallego de la saga Berea. A Coruña: RUC.
González Martín, Gerardo (2011). «1876-1895: Dos décadas muy musicales en Vigo», Glaucopis: Boletín del Instituto de Estudios Vigueses, 16, 101-112.
López Acuña, Fernando: Apuntes sobre Prudencio Piñeiro (obra non publicada)
Ruibal Outes, Tomás (1998). La vida escénica en Pontevedra en la segunda mitad del siglo XIX. Madrid: Universidad Nacional de Educación a Distancia.
Como citar: García Armas, Nilo : Prudencio Piñeiro. Publicado o 8/7/2025 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=36073. Recuperado o 21/01/2026
DOCUMENTACIÓN DE
Partitura e partichelas manuscritas da obra Que ten o mozo?, composición de Prudencio Piñeiro sobre poema de Rosalía de Castro. Ver Documento. Partitura
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia.
https://arquivo.galiciana.gal
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de Margarita Viso sobre Prudencio Piñeiro e a composición Qué ten ó mozo?. Ver Documento. Artigo
Viso Soto, Margarita: «Qué ten ó mozo?, de Prudencio Piñeiro», Follas novas: revista de estudos rosalianos, 8 (2023), 144-151.
Fonte: Fundación Rosalía de Castro.
https://follasnovas.rosalia.gal
O estudo Os soños da memoria: documentación musical en Galicia: metodoloxías para o estudio, inclúe a obra de, entre outros compositores, Prudencio Piñeiro. Ver Documento. Libro
Capeáns, Montserrat et al. (ed.): Os soños da memoria: documentación musical en Galicia: metodoloxías para o estudio. Pontevedra: Deputación; Santiago de Compostela: Universidade, 2013.
Fonte: Grupo Organistrum.
https://grupo-organistrum.com
Artigo de Gerardo González Marín no que lembra, entre outros músicos, a figura de Prudencio Piñeiro. Ver Documento. Artigo
González Martín, Gerardo: «1876-1895: Dos décadas muy musicales en Vigo», Glaucopis: Boletín do Insituto de Estudos Vigueses, 16 (2011), 101-112.
Fonte: Instituto de Estudos Vigueses.
/https://www.ievigueses.com
Canciones con poesía de Rosalía de Castro, investigación de Zulema Martínez Meis.
Prudencio Piñeiro figura entre os compositores que musicaron a obra de Rosalía. Ver Documento. LibroMartínez Meis, Zulema: Canciones con poesía de Rosalía de Castro>/cite>. Oviedo: Universidad, 2004. [Traballo de find e grao]
Fonte: Univesidad de Oviedo.
https://digibuo.uniovi.es
Tese de doutoramento de Tomás Ruibal Outes na que se estuda a vida escénica en Pontevedra na segunda metada do século XIX, e na que ten unha importante presenza o compositor Prudencio Piñeiro. Ver Documento. Libro
Ruibal Outes, Tomás: La vida escénica en Pontevedra en la segunda mitad del siglo XIX. Madrid: Universidad Nacional de Educación a Distancia, 1997. (Tese de doutoramento).
Fonte: Universidade Nacional de Educación a Distancia.
https://www.uned.es
Lembranza do apropósito cómico-lírico hispano-portugués, El Lazareto de Valença, con música de Prudencio Piñeiro. Ver Documento. Artigo
A.B.L.: «Cosas del Vigo viejo: El Lazareto del Valença», Anuario de Vigo, 16 (1954-1955), 59.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Poema dedicado ao compositor e pianista Prudencio Piñeiro na sección «Figuras contemporáneas» de Ilustración gallega. Ver Documento. Artigo
«Figuras contemporáneas: D. Prudencio Piñeiro», Ilustración gallega: revista de literatura, ciencias, artes y salones, 5 (5 de xuño de 1911), 9.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
En 1911 a prensa recollía a noticia de que o compositor acababa de escribir dúas obras, Un repoludo gaiteiro e Moucho con letra de Rosalía de Castro. Ver Documento. Artigo
Arias Miranda, Joaquín: «Nuestros músicos: Prudencio Piñeiro», El correo gallego: diario político de la mañana,11034 (23 de maio de 1911), 1.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Prudencio Piñeiro inicia na música galega á cantante de zarzuela Lucrecia Arana. Ver Documento. Noticia
«Música gallega: Lucrecia Arana y el maestro Piñeiro», El correo gallego: diario político de la mañan, 7100 (24 de xullo de 1899), 1.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Páxina do periódico El buscapié na que se anuncia a estrea do apropósito A bordo de la Numancia, con música de Prudencio Piñeiro. Ver Documento. Fragmento de publicación impresa
«Teatro», El Buscapié: periódico satírico de noticias y anuncios, 10 (8 de xullo de 1866), 1.
Fonte: Biblioteca do Museo de Pontevedra / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Ligazóns de interese
El Lazareto de Valença: apropósito cómico-lírico hispano-portugués, letra de Hipólito León e música de Prudencio Piñeiro.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
Vigo: [s.n.], 1885 (Est. tipográfico de Lema e hijos)
https://biblioteca.galiciana.gal
Acceso en liña á partitura da obra Melodía italiana, transcrición por Prudencio Piñeiro.
Fonte: Biblioteca Nacional.
Madrid: Ildefonso Alier, ca. 1916 (Barcelona: Taller de grabado y estampación de música A. Boileau y Bernasconi)
https://bdh.bne.es
Arquivo Canuto Berea. Biblioteca da Deputación Provincial da Coruña
Fonte: Biblioteca da Deputación Provincial da Coruña.
https://www.dacoruna.gal/biblioteca
Obras de Prudencio Piñeiro na BNE
Fonte: BNE. Datos.
https://datos.bne.es
«El Lazareto de Valença e a canción do bicho... humor fronte a epidemia», artigo de Rafael Sánchez Bargiela no blog Tudensia: Notas e noticias sobre Tui e os tudenses, (24 de abril de 2020)
Fonte: Tudensia
https://tudensia.blogspot.com
«Compositores vigueses en el olvido», artigo de Ana Baena publicado na edición dixital de Atlántico, (24 de abril de 2022)
Fonte: Atlántico.
https://www.atlantico.net
Obras gallegas en el Archivo Berea: la aportación a la vida musical coruñesa desde la segunda mitad del siglo XIX hasta las primeras décadas del siglo XX y el patrimonio musical gallego de la saga Berea, tese de doutoramento de Nilo Jesús García Armas.
Fonte: Universidade da Coruña. Repoisitorio RUC.
A Coruña: Universidade. 2022.
http://hdl.handle.net/2183/31080
Centenario de Manuel Murguía. Nas ás do canto: música e identidade no Rexurdimento
Fonte: Consello da Cultura Galega.
Videos
Melodía italiana, de Prudencio Piñeiro, interpretada ao piano por Javier Ares Espiño
Fonte: Javier Ares Espiño / YouTube.com
Rosa de Chá, polka (1901), de Prudencio Piñeiro, interpretada ao piano por Alejo Amoedo
Fonte: Alejo Amoedo / YouTube.com
Vaite, poema de Rosalía de Castro con música de Prudencio Piñeiro. Interpretado por María José Ladra (mezzosoprano) e Margarita Viso (piano)
Fonte: Margarita Viso Soto / YouTube.com
Que ten o mozo?, poema de Rosalía de Castro musicado por Prudencio Piñeiro. Intérpretes: María José Ladra, mezzosoprano; Margarita Viso, piano
Fonte: Margarita Soto Viso / YouTube.com
Como chove miudiño, poema de Rosalía de Castro musicado por Prudencio Piñeiro. Intérpretes: María José Ladra, mezzosoprano; Margarita Viso, piano
Ecos del Valle, composición de Prudencio Piñeiro interpretada ao piano por Javier Ares Espiño







![Cuberta de <cite>El Lazareto de Valença: apropósito cómico-lírico hispano-portugués</cite>, letra de Hipólito León e música de Prudencio Piñeiro.<br>Vigo: [s.n.], 1885 (Est. tipográfico de Lema e hijos)](../../mediateca/extras/CCG_adg_Prudencio_Pinheiro_010.jpg)



![Cuberta da partitura de <cite>Melodía italiana [Música notada]</cite>, de Prudencio Piñeiro.<br>Madrid : Ildefonso Alier, ca. 1916 (Barcelona: Taller de grabado y estampación de música A. Boileau y Bernasconi)](../../mediateca/extras/CCG_adg_Prudencio_Pinheiro_009.jpg)
