Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto
Galicia, 5/2013 - Galicia, 2016Autoría: Margarida Corral Sánchez
Aborto libre e gratuíto. As mulleres decidimos!...
A loita continúa
O PP é un partido político de carácter liberal-conservador que, desde os seus inicios en 1976, ten un lugar, ás veces maioritario, na formación dos sucesivos gobernos estatais e autonómicos, e móstrase contrario ao dereito a decidir sobre a capacidade reprodutiva e a que as mulleres sexan donas de si e de seu. Promove diversas iniciativas dirixidas á criminalización e ilegalización do dereito á interrupción voluntaria do embarazo, que foron e son denunciadas polos feminismos en movemento mediante unha morea de mobilizacións, producións divulgativas, xornadas de intercambio e reflexión, publicacións e performances, das que se pode ampliar a información nas ligazóns de interese desta entrada.
A comezos dos oitenta, as convocatorias feministas contaron cunha multitudinaria asistencia ata o 5 de xullo, cando é aprobada a Lei orgánica 9/1985 de despenalización do aborto en determinados supostos por un Parlamento con maioría do Partido Socialista Obrero Español (PSOE) e cos votos en contra do PP. Esta lei foi considerada polos feminismos como un pequeno avance pero insuficiente para a consecución dos obxectivos. Isto explica as continuas peticións de reforma que se sucederon co paso dos anos e a masiva resposta acadada pola PGDA nos seus anos de actividade. Os feminismos en movemento sempre atopan resistencias que xustifican a continuidade na loita.
A Lei orgánica de 2010 mencionada ao comezo aprobárase o 3 de marzo a pesar dos votos en contra do PP. Este partido retomara o Goberno da Xunta de Galicia baixo a presidencia de Alberto Núñez Feijóo a mediados do ano anterior e tamén o Goberno do Estado, en decembro de 2011; neste caso con Mariano Rajoy como presidente e Alberto Ruiz-Gallardón como ministro de Xustiza. Forman parte dun goberno que axiña busca reformar a lei do aborto aprobada meses atrás, para establecer fórmulas máis restritivas que as propostas na lei de 1985, ao eliminar o suposto das malformacións e ao impor que fosen necesarios dous informes que avalasen que parir suporía un dano físico e psíquico para a muller e o feto.
Ao tempo, na mesma liña de acción, o Goberno galego propón e aproba a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia en Galicia. Esta lei, feita á medida das propostas ultraconservadoras do Foro Español de la Familia, vén acompañada de suculentas subvencións a entidades antiabortistas, como a Red Madre ou a organización Hazte Oír, e pon en marcha unha serie de protocolos dirixidos a exercer presión sobre as mulleres para que sigan adiante con embarazos non desexados. Trátase de propostas que avanzan cara á consideración do aborto como un delito e explican que as accións a favor do aborto libre e gratuíto ocupen un lugar predominante. Varios colectivos feministas do país deciden organizar unha resposta colectiva, conscientes de que a aplicación da lei estaba a dificultar —e mesmo a impedir— o acceso a métodos anticonceptivos de urxencia nas farmacias e a empeorar, mediante recortes, a dotación de materiais e persoal nos Centros de Orientación Familiar (COF) e nos Centros Quérote.
A proposta culmina nunha mobilización nacional o día 11 de marzo de 2012 en Santiago de Compostela, convocada baixo o lema MULLERES GALEGAS EN LOITA POLOS NOSOS DEREITOS por parte dos seguintes colectivos: Adiante, Asemblea da Mocidade Independentista, Andaina, Anova-IN, Área da Muller de Esquerda Unida (EU), Asamblea Aberta de Compostela, Asamblea de Mulleres Aguilhoar, Asemblea de Mulheres do Condado, Asemblea de Mulleres do Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino Galego (STEG), Bloque Nacionalista Galego (BNG), Briga, Central Unitaria de Traballadoras (CUT), Feminismos Compostela, Foro Galego de Inmigración, Fronte Popular Galega (FPG), Isca!, Marcha Mundial das Mulleres (MMM), Nós mesmas, NÓS-Unidade Popular, Observatorio Feminista de Saúde da Coruña, Rede Feminista Galega, Secretaría da Muller da Confederación Intersindical Galega (CIG) e Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego (SLG).
A nivel estatal, tamén como resposta aos ataques conservadores, créase o 4 de xuño de 2012 a Plataforma Estatal en Defensa de los Derechos Sexuales y Reproductivos. Decidir nos hace libres, composta por organizacións tanto de profesionais da sanidade, educación e xustiza, como de partidos políticos e sindicatos do Estado, que convocan o 28 de setembro de 2012 unha rolda de prensa na que dan a coñecer o nacemento dunha unidade da plataforma en Galicia, que apenas tivo percorrido. Non manteñen contactos previos coa meirande parte dos colectivos feministas que meses antes artellaran a mobilización nacional, e estes sitúanse máis na liña de establecer alianzas cando sexa necesario que na de crear dependencias das dinámicas político-reivindicativas de dimensión estatal.
Desde o dito posicionamento, organizacións e colectivos feministas como a MMM ou Acción Feminista Vigo, entre outras, promoven, en réxime de autoconvocatoria, unha reunión para a constitución dunha plataforma galega con entidade propia. Formúlana coa intención de que participen colectivos, organizacións feministas, de profesionais da saúde e sindicais, partidos políticos, asociacións e entidades locais e comarcais, contrarios ás contrarreformas propostas polo PP. Centran as denuncias e reivindicacións na situación da interrupción dos embarazos en Galicia.
Logo de encontros e desencontros, tras unha reunión desenvolvida en Santiago de Compostela, constitúese finalmente a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto en maio de 2013, que queda finalmente composta por 65 organizacións: Adiante, Agir, Andaina, ANOVA, Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, Asociación Cultural Deportiva e Recreativa Virxe do Carme de Camariñas, Asociación de Mulleres Dorna, Asociación Enriqueta Otero, Asociación Feminista Buserana, Asociación «Finisterrae» de Profesionais de Desenvolvemento Local (AFIPRODEL), Asociación Galega de Saúde Sexual (AGASEX), Asociación Líder, Asociación Nós Mesmas, Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega (APAIOGA), Asociación Púrpura, Asociación Teenses pola Igualdade, BNG, Briga, CC. OO. de Galicia, Comités, Compromiso por Galicia, Conas Ceives, Consello Municipal da Muller de Vigo, CIG, CUT, Espazo Ecosocialista, EU, STEG, Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR), Feministas Independentes Galegas (FIGA), Foro Feminista Falando Nós, FPG, Galiza Nova, Grupo GTB 7 Cores, Isca!, Liga Estudantil Galega, MMM na Galiza, Médicas do Mundo, Mocidade Nacionalista Galega, Mulleres en Acción do Barbanza, Mulleres Luguesas contra a Violencia de Xénero, Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG), Mulleres Progresistas Alba, Mulleres Progresistas de Poio, Nós-UP, Observatorio da Mariña pola Igualdade, Plataforma Galega para a Defensa da Sanidade Pública, Plataforma SOS Sanidade Pública, PSdeG-PSOE, Rede de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo, Rede Feminista Galega, Rede Provincial Pontevedra pola Igualdade, SLG, Sociedade Galega de Sexoloxía, UGT Galicia, Unións Agrarias-UPA Galicia, Viudas Demócratas de Vigo, Xuventude Comunista de Galiza e Xuventudes Socialistas de Galicia.
Durante o seu tempo de actividade, a PGDA articula a nivel local, comarcal e nacional asembleas, reunións, debates e palestras, roldas de prensa e máis de 50 chamamentos a participar en accións de denuncia e reivindicación no espazo público, preferentemente ao redor de rúas e edificacións habitadas polos poderes lexislativos, sanitarios e eclesiásticos galegos e estatais. Nas faixas e carteis que acompañan as súas accións pódese ler:
ABORTO DIGNO PARA TODAS AS MULLERES
ABORTO LEGAL, NUN HOSPITAL
ABORTOS TERAPÉUTICOS SEN SUFRIMENTOS
AS MULLERES DECIDIMOS, AS MOZAS TAMÉN
É A NOSA DECISIÓN, NON A VOSA IMPOSICIÓN
FÓRA ROSARIOS DOS NOSOS OVARIOS
MULLER NON É SINÓNIMO DE NAI
MULLERES ABORTANDO SEN PERSOAL SANITARIO
NA MIÑA CONA MANDO EU. EU DECIDO QUE ENTRA E QUE SAE
NO HOSPITAL DENIGRAN AS MULLERES QUE TEÑEN QUE ABORTAR
NON IMOS PERMITIR QUE NOS POÑAN A PARIR
O MEU CORPO NON É TERRITORIO DE LIORTA, EU DECIDO
OS DO PP, SAÍDE DA COVA, AS VOSAS FILLAS TAMÉN ABORTAN
PARIR NON É DA VOSA COMPETENCIA
POLO NOSO DEREITO A DECIDIR, ABORTO LIBRE E GRATUÍTO
QUEREMOS ABORTAR CON EPIDURAL
SEXUALIDADE NON É MATERNIDADE, PARIR NON É O DESTINO DA MULLER
UNHA CUÑA NON É PARITORIO
A nivel nacional, a súa primeira acción é unha concentración diante do Pazo do Hórreo en apoio á iniciativa lexislativa popular presentada polos tres grupos da oposición (PSdeG/PSOE, BNG e Alternativa Galega de Esquerda). Ten lugar o 12 de xuño de 2013, día en que se debate no Parlamento de Galicia. No mesmo ano, convoca ademais dúas manifestacións en Santiago de Compostela, o 16 de xuño e o 28 de setembro, cos seus respectivos lemas: ABORTO LIBRE E GRATUÍTO. AS MULLERES DECIDIMOS! e POR UNHA VIDA DIGNA, LIBRE E DESEXADA. NON Á CONTRARREFORMA DA LEI DO ABORTO.
A nivel local e comarcal, realízanse en 2013 varias accións simbólicas, como a do PRECINTADO POR ATACAR OS DEREITOS DAS MULLERES A DECIDIR diante da Delegación da Xunta en Vigo o 26 de maio. A denuncia das alianzas entre goberno e poder eclesiástico e as súas consecuencias no sistema sanitario levaron días despois a rodear a catedral de Ourense e a realizar concentracións: diante da concatedral en Vigo, nos xardíns do mosteiro de San Martiño Pinario en Santiago de Compostela, na praza de Santa María en Lugo, diante da Delegación do Goberno na Coruña, diante do Complexo Hospitalario de Ourense e mais do Hospital Público Virxe da Xunqueira en Cee. Cos mesmos motivos, no mes de xuño lévanse a cabo: na Coruña un pasarrúas con paradas de queima de simboloxía patriarcal diante das igrexas polas que descorre; e, en Vigo, unha concentración en defensa dos COF o día 21, e particípase noutra convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública co lema ABRAZA O HOSPITAL.
No mes seguinte ten lugar outra concentración en defensa da sanidade pública no Barbanza. En setembro, diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña iníciase unha marcha silenciosa de mulleres amordazadas que remata na praza do Obelisco. No mesmo escenario de partida, en outubro, no momento en que ten lugar a inauguración do ano xudicial coa participación do —por aquel entón— conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, e aproveitando unha concentración convocada polos sindicatos a prol dos servizos públicos, lévanse pósteres e simboloxía a prol do dereito ao aborto. Tamén en outubro, particípase no Pleno do Concello de Vigo, solicitando un minuto de silencio contra a reforma da lei do aborto. Conmemorouse o 25 de novembro co lema NEGARNOS O DEREITO A DECIDIR SOBRE OS NOSOS CORPOS É VIOLENCIA ESTRUTURAL e con mobilizacións dentro das campañas impulsadas pola MMM en Santiago de Compostela, Ferrol, Ourense e Vigo, e en Lugo pola Plataforma Feminista de Lugo. Xa en decembro, a praza do Obelisco da Coruña foi o escenario elixido para dar forma a unha performance de aborto euxenético na que o ministro Ruiz-Gallardón obriga a parir sen sedación un feto morto. Simbolízanse así os perigos dos abortos clandestinos aos que se poden enfrontar as mulleres no caso de prosperar a reforma.
No ano 2014 a actividade continúa con intensidade. Hai que destacar que a PGDA convoca a multitudinaria manifestación nacional ocorrida o día 9 de marzo en Santiago de Compostela para conmemorar o 8 de marzo. Co lema ENCHAMOS A QUINTANA POLOS NOSOS DEREITOS SEXUAIS E REPRODUTIVOS, saíu da estación de tren e rematou na praza da Quintana cun festival de música e poesía.
Como a loita tamén é festiva, gran parte das convocatorias consisten ou conflúen en divertimentos reivindicativos que inclúen exposicións fotográficas, obradoiros artesanais, teatro, proxección de audiovisuais, maribingo... Tamén cazaroladas ou eventos solidarios para recadar fondos.
Seguindo coas convocatorias nacionais de 2014, o 22 de febreiro convócase unha concentración na rúa do Hórreo, diante das sedes da Valedoría do Pobo e mais do Parlamento, ao tempo que se entregan na propia Valedoría sinaturas a prol do dereito ao aborto reclamando a retirada da proposta de modificación da Lei 2/2010 e solicitando que, no caso de se aprobar a reforma, a Xunta interpoña un recurso de inconstitucionalidade xa que afectaría os dereitos fundamentais. A resposta ou a falta dela fixo que no mes de maio se decidise en asemblea pedir unha reunión urxente co Valedor para aclarar as razóns polas que decidiu derivar ao Defensor del Pueblo as firmas e recursos entregados.
Pouco antes, entre febreiro e marzo, nas sedes dos rexistros da propiedade de Vilagarcía de Arousa, A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense e Monforte realizouse unha proposta de acción consistente en solicitar a titularidade sobre un ben: o propio corpo. No primeiro caso non foron admitidas a trámite, mais na Coruña e en Santiago de Compostela si, e as oficinas mesmo ampliaron o horario de atención ao público para poder recoller os centos de impresos das cidadás que se achegaron ata os rexistros.
No que toca ás actividades locais e comarcais, o 10 de xaneiro tivera lugar en Vigo unha acción protesta contra unha exposición que facía apoloxía do cristianismo nun edificio administrativo e con cartos públicos; o 7 de marzo, unha manifestación diante da praza do Concello do Porriño e unha concentración na Praza Maior de Lugo; no mes de abril, en Ourense, unha performance con maletas para ir abortar a Londres e, en maio, realízase unha festa solidaria en Vigo. Outro acto solidario ocorre no mes de xuño na Coruña, cando a cantante María Xosé Silvar «Sés» cede a recadación do seu concerto Desaramar á PGDA.
No que fai ás accións en Internet, no mes de xuño, tendo como referencia un reto viral espallado polas redes sociais denominado O legado do Tibu, deuse forma a O legado das parrochas: un chamamento a «mollarse» polos dereitos reprodutivos e en defensa do dereito ao aborto que se difunde na mobilización nacional de Vigo e logra certa repercusión. No mes seguinte lánzase, tamén en redes sociais, a Alerta Feminista, para divulgar que, no momento en que o Consello de Ministras e Ministros aprobe a reforma da lei do aborto, se convocarán concentracións e manifestacións de repulsa nas cabeceiras de comarca.
O mes de setembro foi portador dunha boa nova. O día 23 o Goberno de Mariano Rajoy retira o Anteproxecto de Lei orgánica de protección do concibido e os dereitos da embarazada; decisión que supuxo a dimisión do ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón. A PGDA celébrao con flashmob reivindicativos e convocatorias nas principais comarcas e nas cidades. A loita continúa e, de novo con accións en todas as comarcas, a plataforma participa nas convocatorias do 28 de setembro, Día de Acción Global polo Acceso ao Aborto Legal e Seguro. No mes seguinte articúlase unha concentración contra os recortes dos COF diante do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e o 4 de decembro de 2014 envíanse 480 cartas á presidenta do Parlamento de Galicia solicitándolles ás mulleres do PP que se posicionen sobre o recurso de inconstitucionalidade presentado polo PP contra a Lei 2/2010.
No que se refire ao ano 2015, ademais doutras dinámicas xa sinaladas, o 23 de febreiro convocáronse concentracións comarcais e en Vigo, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Santiago de Compostela para protestar contra a intención do PP de limitar os dereitos das mozas de 16 e 17 anos e das mulleres con capacidade modificada, porque, se decidisen abortar, requirirían do permiso das titoras e/ou titores legais. En abril tiveron lugar mobilizacións POLO DEREITO A DECIDIR PARA TODAS, mais neste caso diante das sedes do PP en Vigo, A Coruña, Ferrol, Lugo e Santiago de Compostela.
A última mobilización nacional convocada pola PGDA terá lugar, con motivo do 8 de marzo, o día 9 de marzo do ano 2015, en Santiago de Compostela, co lema FEMINISMO PARA AVANZAR. XUNTAS NUNHA MESMA LOITA. Neste mesmo mes e logo de anos de intensa actividade, a PGDA acorda o cesamento da súa actividade a nivel nacional na asemblea convocada a finais de mes cun só punto na orde do día: «Proposta para dar continuidade á unidade de acción», na que se baralla seguir atentas a cuestións vinculadas cos dereitos sexuais e reprodutivos ou incluír outro tipo de reivindicacións relacionadas coa saúde das mulleres, os servizos públicos, dar resposta a situacións de violencia machista e a calquera discriminación que sufran as mulleres, sexa no eido laboral, político ou social. No debate a meirande parte das entidades, grupos e colectivos prefiren deixar de formar parte da plataforma e continuar na loita centrando a actividade coas súas propias axendas feministas e/ou de xénero.
A PGDA unicamente seguirá activa na Coruña. No mes de xullo dirixe un escrito á Xerencia e ás directoras médicas e de enfermaría desta área sanitaria para denunciar a violencia obstétrica e reclamar unha atención digna, integral e de calidade en consonancia cos protocolos internacionais. Estes protocolos inciden na necesidade de que as mulleres sexan atendidas por profesionais de xinecoloxía, persoal médico ou matronas, e que teñan o período expulsivo asistido nun quirófano, non nun cuarto de ingreso, e de ser necesario con sedación. En setembro celebra o Día de Acción Global polo Acceso ao Aborto Legal e Seguro cunha cazarolada e unha performance de mulleres pedindo esmola na rúa para poder ir abortar a Madrid ou Londres. Xa en 2016, na concentración que convocan o 18 de febreiro ante o rexistro do CHUAC co lema MULLERES ABORTANDO NESTE HOSPITAL SEN PERSOAL SANITARIO. QUE CESE A TORTURA, varias mulleres realizan denuncias aos medios de comunicación e isto provoca que a asociación El Defensor del Paciente inste a Fiscalía mediante un escrito a investigar as irregularidades.
A Fiscalía decidiu arquivar o caso por falta de datos e o 11 de marzo faise un chamamento para que as mulleres que sufriron violencia obstétrica nos abortos euxenéticos se dirixan á PGDA para poder rexistrar as súas vivencias e presentalas ante a Fiscalía no mes de maio para que retome a investigación. Recolléronse testemuños de mulleres que sufriron violencia obstétrica ao seren obrigadas a ter un parto inducido sen apoio de profesionais ou daqueloutras que, tras detectarlles a inviabilidade do feto nunha revisión ordinaria no SERGAS, foron obrigadas a desprazarse polos seus medios a Madrid para practicarlles un aborto nunha clínica privada. A Fiscalía reabre o caso e o 28 de setembro varias integrantes da PGDA da Coruña son citadas para ser entrevistadas, ao tempo que se dá forma a unha mobilización diante da Audiencia Provincial esixindo atención digna nos abortos.
A presión social exercida polo feminismo xunto con varias condenas ao SERGAS por arriscar a vida de varias pacientes derivadas a Madrid para abortar fan que se adopten protocolos nos hospitais públicos galegos acordes coa normativa internacional, humanizando os chamados «abortos terapéuticos» e posibilitando que se realicen na rede pública galega. Isto provoca que a plataforma na Coruña dea por concluída a súa existencia ao entender que os obxectivos foron cumpridos.
Como citar: Corral Sánchez, Margarida : Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto. Publicado o 10/3/2026 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=36657. Recuperado o 26/04/2026
DOCUMENTACIÓN DE
Accións nacionais e locais da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto 2013-2016. Ver Documento
Documento elaborado polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega con motivo da publicación da biobibliografía da PGDA no Álbum de Galicia o 8 de marzo de 2026.
Fonte: CDIF
Texto do documento de setembro de 2016 da Coordinadora Galega da Marcha Mundial, integrante da PGDA, dirixido á Fiscalía do Tribunal Superior de Galicia . Ver Documento
Fíxose entrega do documento o día 28 de setembro de 2016 no decurso da reunión que tiveron coa Fiscalía varias representantes da Plataforma Galega Polo Dereito ao Aborto na Coruña e persoal do Centro de Orientación Familiar a fin de reactivar o caso dos abortos terapéuticos. Mentras isto sucede, na rúa, diante da Audiencia Provincial, ten lugar unha concentración (28/09/2016).
Fonte: Confederación Intersindical Galega – A Coruña
Segunda carta remitida no mes de febreiro de 2016 ao Xerente do CHUAC, á Directora Médica e a Directora de Enfermería do EOXI.. Ver Documento
Na carta denúnciase máis unha vez a violencia obstétrica materializada nos centros da área que el xestiona e reclámase unha atención digna, integral, de calidade e en consonancia cos protocolos aprobados a nivel internacional (febreiro de 2016)
Fonte: Confederación Intersindical Galega – A Coruña
Chamamento da Secretaría das Mulleres da CIG a participar nas convocatorias da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (setembro 2015). Ver Documento
Trátase dunha convocatoria nacional con acción simultáneas contra a reforma da lei do aborto e a prol dos dereitos sexuais e reprodutivos en Compostela, Ferrol, A Coruña, Lugo, Vigo, Ourense e Pontevedra o día 28 de setembro de 2015.
Fonte: Confederación Intersindical Galega – A Coruña
Convocatoria da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto na Coruña remitida ao medios de comunicación para informar das accións de carácter nacional convocadas (28/09/2015). Ver Documento
Faise un chamado a participar nas concentracións simultáneas que terán lugar para celebrar o 28 de setembro: Día de Acción Global por un Aborto Seguro (2015)
Fonte: Confederación Intersindical Galega – A Coruña
«Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto: presente e futuro. É posibel seguir camiñando xuntas? Como e para que? » (marzo 2015). Ver Documento
Proposta da PGDA na Coruña para a Asemblea nacional que ten lugar a finais de marzo de 2015 cun único punto na orde do día: «Proposta para dar continuidade á unidade de acción», e na que se acordou a disolución da PGDA a nivel galego.
Fonte: Confederación Intersindical Galega – A Coruña
Modelo de carta da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto na Coruña dirixida ao Xerente do CHUAC con data de outubro de 2014.. Ver Documento
Denúnciase a violencia obstétrica da que son obxecto as mulleres que abortan nos centros da área sanitaria que el xestiona e reclámase atención digna, integral, de calidade e en consonancia cos protocolos internacionais.
Fonte: Confederación Intersindical Galega – A Coruña
Cartel da manifestación nacional ocorrida en Compostela o día 28 de setembro de 2014 na defensa do aborto legal, seguro, gratuíto e do dereito das mulleres sobre os propios corpos. Ver Documento
Fonte: Confederación Intersindical Galega – A Coruña
Manifesto da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (28/09/2014). Ver Documento
Texto lido no remate da manifestación nacional que tivo lugar en Compostela para celebrar o Día Internacional dos Dereitos Sexuais e Reprodutivos e da Acción Global por un aborto legal, seguro e gratuíto de 2014
Fonte: Confederación Intersindical Galega – A Coruña
Letra de canción da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto datada en 28 de setembro de 2014. Ver Documento
Fonte: Confederación Intersindical Galega – A Coruña
Programa da manifestación nacional e a Romaría Lilá que tivo lugar en Vigo convocadas pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto en xuño de 2014. Ver Documento
Manifestación e Romaría fanse coincidir coa celebración do pleno extraordinario do Consello Xeral do Poder Xudicial no que se estuda o anteproxecto de reforma da lei do Partido Popular. A manifestación saíu da estación de trens e rematou na Porta do Sol. Aquí, tras ler o manifesto, deu comezo a Romaría Lilá con obras de teatro na rúa, exposicións fotográficas, zona de crianzas, obradoiros artesanais e actuacións musicais dos grupos Habelas Hainas, The Teta´s Van e Sonia Lebedynski. O acto foi conducido pola actriz Isabel Risco que fai ademais un chamamento a participar na iniciativa O legado das parrochas a partir do día seguinte. (15/06/2014)
Fonte: Confederación Intersindical Galega – A Coruña
Cartel da manifestación nacional da Plataforma Galega polo Dereito ao aborto que tivo lugar en Compostela (16/06/2013). . Ver Documento
A manifestación, co lema ABORTO LIBRE E GRATUÍTO. AS MULLERES DECIDIMOS!, saíu da estación de trens e rematou na Praza das Praterías. Contou co apoio de artistas como Mercedes Peón, Xurxo Souto e Pilar Neira, que nas semanas previas compartiran vídeos de apoio á convocatoria .
Fonte: Confederación Intersindical Galega – A Coruña
Chamamento a participar nun pasarrúas da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto en A Coruña (13/06/2013). Ver Documento
O pasarrúas comezou á 19:00 H. na Praza de María Pita. Durante o seu traxecto realizáronse paradas diante das igrexas con intervencións e queima de simboloxía patriarcal. Tivo o seu remate na praza do Obelisco.
Fonte: Confederación Intersindical Galega – A Coruña
Programa de actos da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto de xuño de 2013. Ver Documento
Recolle as actividades que tiveron lugar ao longo do mes de xuño en Vigo, Ferrol, Pontevedra, Lugo, Compostela, A Coruña e Ourense.
Fonte: Confederación Intersindical Galega – A Coruña
Manifesto ABORTO LIBRE E GRATUÍTO. AS MULLERES DECIDIMOS! (16/03/2013). Ver Documento
Voandeira editada pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto con motivo da manifestación nacional realizada en Compostela o día 16 de marzo de 2013
Fonte: Confederación Intersindical Galega – A Coruña
Ligazóns de interese
Acto de agradecemento á cantante Sés pola doazón dos beneficios obtidos no concerto Desaramar á PGDA (18/06/2014)
Isabel Risco presenta a iniciativa O legado das parrochas! (15/06/2014)
«A contrarreforma da lei de aborto III. Mantense a tensión social», Andaina 2.0 (24/02/2014)
[última consulta: 08/03/2025]
«A contrarreforma da lei de aborto II. Consignas», Andaina 2.0 (01/02/2014)
[última consulta: 08/03/2026]
Aborto. Corenta anos de mobilizacións
Crónica documental elaborada en 2014 pola Comisión de Igualdade do CCG (hoxe CDIF) en resposta á onda conservadora que en dito ano estaba a facer perigar a Ley de Interrupción Voluntaria del Embarazo aprobada en 2010.
«A contrarreforma da lei de aborto I», Andaina 2.0 (21-12-2013)
[última consulta: 08/03/2026]
O n. 1 de Donicela. Revista das mulleres de Vigo (inverno de 1996), p. 12. Contén o artigo «A loita polo dereito ao aborto», de Begoña Rodríguez Caldas e Sensi Castilla.
Videos
Tras o debate da proposición presentada polos tres grupos da oposición no Parlamento Galego, Colectivos en defensa do aborto amosan o seu desacordo ante a actitude do goberno (xuño 2013)
Pasarrúas convocado pola Plataforma Galega pola Defensa do Dereito ao Aborto na Coruña o venres 14 de xuño de 2013
Manifestación contra a lei do aborto convocada pola Plataforma Galega pola Defensa do Dereito ao Aborto en Santiago de Compostela o domingo 16 de xuño de 2013
Marcha silenciosa convocada polo Grupo de traballo da PGDA de A Coruña (23-9-2013).
Dona do meu corpo. Vídeo firmado por María somos todxs e no que trinta e unha mulleres explican o porqué de rexistrar o seu corpo no Rexistro da propiedade (Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2014)
Rolda de Prensa informativa da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto. Desenvolvida o 28 de xaneiro de 2014 en Vigo para dar conta das actividades que terán lugar para impedir que Gallardón saque adiante unha lei que priva ás mulleres do seu dereito ao aborto.
Performance da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto de Vigo durante a celebración do Marisquiño [09/08/2014]
Milleiros de mulleres polo dereito a decidir sobre os seus corpos en resposta á convocatoria da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto en Compostela con motivo do 8 de Marzo. Reportaxe de Irmandade TV (10/03/2014).
Concentración nacional da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto en Vigo [28/09/2015]
Polo dereito ao Aborto. Vídeo emitido na festa solidaria da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto celebrada o 30 de maio do 2014 no Pub Galo do Vento na zona vella da cidade de Vigo. Contén as intervencións de Vitoria Iglesias, Mariluz Maset, Blanca Fernández, Sara Iglesias e Lola Ferreiro.
O Dereito ó Aborto. Charla debate na A.c. Bou Eva, en Vigo. Contou coa participación dunha representante da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, a activista Laura Bugalho e a xinecóloga Isabel Blanco (22/02/2014)
a PGDA da Coruña presenta a iniciativa O legado das parrochas!
FlashMobe Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto na Coruña
Audios
Canción da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto para os seus flashmob reivindicativos.

















