José María Castroviejo
Santiago de Compostela, 4/ 3/1909 - Tirán, Pontevedra, 23/3/1983Autoría: Patricia Arias Chachero
Autoría: María Castroviejo Bolíbar
Escritor, xornalista e naturalista comprometido
Creceu o pequeno nun ambiente culto. Pasou longas estancias na casa dos avós, en Paizás, Vedra (A Coruña), onde coñeceu a vida rural e escoitou lendas e relatos tradicionais. No Val do Ulla iniciouse, da man do seu pai, na caza e na pesca, dúas afeccións que non abandonaría nunca. A vivencia da natureza arraiga con forza nel e, andando o tempo, converterase nun afervoado defensor da terra, da flora e da fauna. Tense visto nel a un pioneiro da ecoloxía e non sen razón; o seu compromiso pola defensa da natureza foi unha constante fundamental na súa vida. Destaca a súa loita en rexeitamento ao establecemento dunha planta de celulosa en Pontecesures na década de 1950 e o enorme interese polos Ancares galegos. A pegada da súa obra ambiental, recompilada a través das súas intervencións en medios e artigos xornalísticos, mereceu un libro de Marta Lemos Jorge, Unha paixón herdada, nunha fermosa edición da Xunta de Galicia (2007), dedicado ao tema. A súa amizade co profesor Luís Iglesias, catedrático de Ciencias Biolóxicas e fundador do Museo de Ciencias Naturais da Universidade de Santiago, traduciuse na entusiasta colaboración coa institución, á que achegou un valioso material para as súas coleccións.
Retratou literariamente moitas experiencias dos seus primeiros anos en Memorias dunha terra (Galaxia, 1973).
Destacou decontado como un gran lector e gozou con liberdade tanto da ben fornecida biblioteca paterna como da do seu avó materno, o avogado e anticuario Ricardo Blanco-Cicerón. Foi del de quen herdou, sendo inda un neno, as ideas carlistas que defenderá con coherencia ao longo da vida. Defenderá tamén o sentido do honor e da dignidade, a defensa da liberdade, a tolerancia ante as debilidades humanas, o compromiso coa palabra dada e o amor polas crenzas herdados dos devanceiros.
En 1919, a enfermidade da nai obrígao a pasar un curso interno nos Maristas de Lugo. Tralo doloroso pasamento, regresa a Compostela. A familia veranea n'A Retirosa (Cangas do Morrazo, Pontevedra), onde José María coñece o mar e se apaixona pola natureza das Rías Baixas. Din os que o trataron que era un neno inquedo, moi intelixente e enxeñoso que se converteu nun adolescente curioso, e disciplinado. Graduouse en Filosofía e Letras e Dereito, que remata con Premio Extraordinario.
Nos anos universitarios partilla actividades cos membros do Seminario de Estudos Galegos, moi especialmente con Lois Tobío e Francisco Fernández del Riego. Por aquel entón publica tamén os seus primeiros traballos na revista Nós. Ademais, xunto a Domingo García-Sabell, o seu compañeiro de estudos desde o bacharelato, ingresa na FUE (Federación Universitaria Escolar) e convértese nun coñecido activista estudantil. Colaborador na prensa republicana, trata a Federico García Lorca cando o poeta visita a cidade en 1931 e goza da amizade e da compañía de Ramón M.ª del Valle-Inclán, que mesmo chegaría a supervisar algúns dos seus primeiros traballos literarios.
En 1929 participa activamente nas protestas estudantís contra Primo de Rivera, e mostra publicamente a súa defensa do ideario carlista representado na figura de Jaime de Borbón. Foi encarcerado e na cela contigua foino Enrique Líster. Xurdiron entre eles conversas e filosofadas a cuxo recordo o escritor dedicou un artigo en ABC «El mozo de Calo», (12-08-1973).
A comezos dos anos 1930 publica os seus primeiros versos en Guión, o semanario lucense no que colaboraban Ánxel Fole, Arturo Cuadrado, Pimentel e Ricardo Carballo Calero, entre outros.
En 1933 embárcase durante tres meses nun barco pesqueiro que se dirixía a augas irlandesas. Non era esta a súa primeira experiencia, segundo contaba, pois xa gustaba embarcar cos pescadores con apenas doce anos. Durante a viaxe ao Gran Sol presenza fortes tempestades e un naufraxio. Froito da experiencia xorde o poemario Mar del Sol. Poemas de un diario a bordo, publicado en 1940 pero escrito en 1933. Volve escribir longamente sobre o mar na novela histórica que relata a vida de Benito Soto,
o último pirata da historia, titulada La burla negra (1955).
En 1929, un mozo Castroviejo forma parte do Patronato Universitrio como vogal representante de estudantes e vincúlase á vida universitaria. Empeza como profesor de Economía e Facenda Pública en 1930, e publica os seus primeiros traballos académicos na revista Las Ciencias.
En 1931 matricúlase, grazas a unha bolsa, no curso de doutoramento da Universidade de Lyon. Desde aquela coñece ben Francia, a súa cultura e a súa lingua. Completa estudos en Madrid e Alemaña. Máis adiante, a proposta do profesor Adolfo Miaja Muela (Santiago de Compostela, 1934), é profesor auxiliar da cátedra de Dereito Internacional Público. En 1935, consolida a súa praza por oposición e convértese en encargado de Economía Política e Facenda Pública na Universidade de Santiago de Compostela. É a mesma praza que ocupara o seu pai, falecido o ano anterior e, antes ca el, Alfredo Brañas. Neses anos, organiza excursións universitarias a Cangas e Vigo co alumnado de Dereito, para que coñeza de primeira man a industria pesqueira galega.
O estoupido da Guerra Civil lévao a loitar no chamado bando nacional e trunca a súa carreira académica. Embarca no cruceiro de guerra Almirante Cervera, comandado por Salvador Moreno, onde foi ferido e desembarcado en Ferrol (setembro de 1936). Volve á contenda en Infantería, designado polo comisario carlista de guerra Luis Manso, como requeté de Ávila en decembro dese ano. Ferido de novo en abril de 1937, regresa da fronte e, en xuño de 1938, casa en Bueu con María Francisca Bolíbar Sequeiros.
Desencantado, afástase da política desde o decreto de Unificación (1937). Despois da guerra foi reclamado polo diplomático militar e ministro Juan Luis Beigbeder, e trasládase a Madrid (1939) como Asesor Cultural do Ministerio de Asuntos Exteriores. Ambos foron destituídos en outubro de 1940. Un ano despois (novembro de 1941), a proposta de Juan Aparicio, sucede a Jesús Suevos na dirección de El Pueblo Gallego. Desde ese posto axudou a moitos intelectuais e galeguistas que pasaban apuros económicos a consecuencia das súas ideas e compromisos políticos. Ofreceulle colaboración pagada, entre outros, a Urbano Lugrís, Fernández del Riego, Ánxel Fole, Luis Manteiga e Otero Pedrayo. O propio Castroviejo mantería unha columna diaria neste xornal baixo o título de «Perfil», usado tamén para as súas colaboracións en Faro de Vigo, onde abordaría os máis diversos asuntos. El era, ademais, o autor dun espazo titulado «Al filo de las fechas» en Hoja del Lunes.
En 1951, cando no artigo «Quien tiene hierro…» Juan Aparicio, Director Xeral de Prensa, ataca con dureza a Ramón Piñeiro pola publicación nos cadernos Grial do ensaio titulado «Sentido metafísico da saudade», Castroviejo responde coa defensa pública a este ataque que lle parece desproporcionado con «De
Puebloa
Pueblo», artigo publicado en El Pueblo Gallego o 27 de xuño de 1951 no que defende a Piñeiro e o traballo intelectual que estaba realizando o grupo Galaxia. Este e outros escritos neste sentido, habíanlle causar non poucos desgustos como a apertura de diversos expedientes, a suspensión de soldo ou a privación de vacacións para rematar coa súa destitución como director do periódico.
José María Castroviejo amosou en non poucas ocasións o seu talante liberal e non dubidou á hora de enfrontarse cos poderes do Réxime cando se trataba de defender a liberdade de expresión, a protección da natureza, os dereitos de labregos, pescadores e a cultura galega. A consecuencia desta actitude aberta e crítica finalmente foi obrigado a deixar a dirección de El Pueblo Gallego en 1954.
No ano 1957, fundouse A Casa de América de Galicia en Vigo, o porto de maior tráfico marítimo con América. Entre os impulsores da súa fundación, destacaron os escritores José María Castroviejo e Celso Emilio Ferreiro, que serían o presidente e vicepresidente da institución. Xuntos promoveron iniciativas culturais, conferencias e aulas de formación para que os emigrantes coñecesen o lugar onde se ían instalar. Mesmo editaron a revista Carta de América e conseguiron unha emisora radiofónica propia, en La Voz de Vigo, que cada semana emitía un programa para fomentar o contacto coa emigración galega.
Colaborador habitual en ABC, La Vanguardia, Destino, La Ilustración Gráfica, Triunfo, Caza y Pesca, e outros periódicos, foi un dos xornalistas máis lidos e recoñecidos da súa época. Gran coñecedor das lendas, da historia e da xeografía de Galicia fixo que estes motivos figurasen nos principais medios de comunicación de posguerra. Froito do seu intenso traballo xornalístico, en 1956, recolleu o Premio Nacional de Periodismo e, dez años despois, o Mariano de Cavia (1966). A estes haberá que sumar en 1969 o Godó Lallana, ou o Premio Nacional de Literatura –extraordinario- Ramón María del Valle-Inclán, de 1973. As súas obras foron traducidas ao francés, inglés, romanés, alemán e italiano.
Foi un viaxeiro incansable e impartiu cursos e conferencias en América e Europa. Percorreu a pé gran parte de Galicia, que coñeceu palmo a palmo, para escribir Galicia. Guía espiritual de una tierra (1960). En 1958 publicou Teatro venatorio y coquinario gallego, asinado xunto ao seu íntimo amigo Álvaro Cunqueiro. En 1962 repetirían experiencia con Viaje por los montes y chimeneas de Galicia.
Mentres a vida llo permitiu, Castroviejo puxo a súa pluma ao servizo da terra que o vira nacer. Faleceu na súa casa de Tirán, no Morrazo, o 23 de marzo de 1983.
Poemas
(1938) Altura. Poemas de guerra. Vigo: Editorial Cartel.
(1940) Mar del Sol. Poemas de un diario a bordo. Pontevedra: Patria.
(1940) Salseiro de olas. Pontevedra: Patria.
(1964) Tempo de outono e outros poemas. Vigo: Galaxia (Colección Salnés). Primeira obra en galego.
Prosa
(1945) Los paisajes iluminados. Vigo: Manuel Roel, con ilustracións de Urbano Lugrís.
(1953) Rías Bajas de Galicia. Barcelona: Noguer.
(1954) Los gozos del año santo. Vigo: Gráficas Noroeste. Ilustracións de Prego.
(1954) La ciudad de Santiago. Barcelona: José Mª Bosch, editor.
(1955) Apariciones en Galicia. Santiago de Compostela: Porto.
(1955) La burla negra, Madrid: Prensa Española.
(1958) Teatro venatorio y coquinario gallego, con Álvaro Cunqueiro. Vigo: Monterrey.
(1960) El pálido visitante: ejemplares relatos de avisos y apariciones en el Finisterre. Santiago de Compostela: Porto y Cia. Editores.
(1960) Galicia. Guía espiritual de una tierra. Madrid: Espasa- Calpe.
(1962) Viaje por los montes y chimeneas de Galicia, con Álvaro Cunqueiro. Madrid: Austral.
(1965) Catedral de Santiago. Vigo, Castrelos; Cuadernos de Arte Gallego; 19).
(1967) El conde de Gondomar. Un azor entre ocasos, con P. Fernández de Córdoba.
(1970) Las tribulaciones del cura de Noceda. Barcelona: Taber.
(1973) Memorias dunha terra. Vigo: Galaxia.
(1981) La montaña herida. Madrid: Espasa-Calpe.
(1981-1982) «Los pueblos gallegos». En Los Pueblos más bellos de España. Selecciones Reader´s Digest.
(1982) Caza y Pesca en Galicia. Madrid: Silex. Ediciones de Arte; (Ver y conocer Galicia).
Teatro
(1947) Don Quijote,1947. Vigo: Roel.
Premios
1954: Premio excelencia turística, polo libro Rías Bajas de Galicia. Barcelona: Noguer, 1953.
1956: Premio Nacional de Periodismo.
1966; Mariano de Cavia de Prensa Española, de ABC, polo artigo «Mi Valle-Inclán, cuánta bondad, cuánta paciencia», La Vanguardia, (27-10-1966).
1969: Premio Godó Lallana de La Vanguardia. (ABC, 22-11-1969).
1969: Primeiro Premio del XIII Concurso Nacional de Artículos Periodísticos sobre el vino, Barcelona, polo artigo «Riesgo y ventura del vino» (Hoja del Lunes, 30-09-1968) .
1972: 2º Premio Lepanto por «De las alarmas del turco y Lepanto» (Ferrol Diario). Noticia publicada en Faro de Vigo, 12-04-1972.
1973: Premio Nacional de Literatura –Extraordinario- Ramón María del Valle-Inclán, polo conxunto da súa obra literaria.
1981: Medalla de Turismo del Salnés, por ser el escritor que más ha defendido las tierras del Salnés
.
Bibliografía
Balmaseda, Juan Carlos (1978): «José María Castroviejo. Le duele Galicia», El Pueblo Gallego, (1 de agosto).
Castroviejo Bolibar, María (2012): «José María Castroviejo». En Calles y plazas con historia. Periodistas en los callejeros de Bergantiños, Soneira, Fiesterra, Xallas e Muros. A Coruña, Asociación de la Prensa.
Lemos, Marta (2007): Unha paixón herdada obra ambiental de José María Castroviejo y Blanco.Cicerón (1909-1983). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible.
Vázquez, Benxamín (1982): «J. M. Castroviejo: Fui un mal estudiante, pero me cargaron con todos los petardos habidos y por haber», Outeiro, A Coruña: Caixa de Aforros de Galicia; 6:16-19.
Como citar: Arias Chachero, Patricia : Castroviejo Bolíbar, María : José María Castroviejo. Publicado o 24/6/2025 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=798. Recuperado o 17/01/2026
DOCUMENTACIÓN DE
Entrevista a José María Castroviejo por Juan Carlos Balmaseda, publicada en El Pueblo Gallego. Ver Documento. Entrevista
Balmaseda, Juan Carlos: «José María Castroviejo. Le duele Galicia», El Pueblo Gallego, (1 de agosto de 1978), 12-13.
Fonte: Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
«Os libros de Paizás», relato de José María Castroviejo publicado en Memorias dunha terra. Ver Documento. Relato
Cartroviejo, José María: «Os libros de Paizás». En Memorias dunha terra. Vigo: Galaxia, 1973; 31-35.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Introdución de José María Castroviejo ao seu libro Galicia: guía espiritual de una tierra. Ver Documento
Castroviejo, José María: «Pórtico». En Castroviejo, José María: Galicia: guía espiritual de una tierra. Madrid: Espasa-Calpe, 1970; 9-19.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Descripción literaria da provincia de Pontevedra por José María Castroviejo. Ver Documento. Libro
Castroviejo, José María: Pontevedra. Madrid: Publicaciones Españolas, 1965.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
«Un autor profético». José María Castroviejo escribe, na súa sección
Al filo de las flechaseste artigo dedicado a H.G. Wells, ao que considera un visionario e un escéptico respecto ao seu humano. Ver Documento. ArtigoCastroviejo, José María: «Al filo de las flechas: Un autor profético», Hoja oficial del lunes: al servicio de España, 1446 (13 de xaneiro de 1964), 8.
Fonte: Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Neste artigo José María Castroviejo defende a Ramón Piñeiro fronte ao ataque desproporcionado que lle fai Juan Aparicio no artigo «Quien tiene hierro...», tras a publicación de «Sentido metafísico da saudade» na revista Grial.. Ver Documento. Artigo
Castroviejo, José María: «Perfil: de
Fonte: Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola / Galiciana.PuebloaPueblo», El Pueblo Gallego, 4223 (27 de xuño de 1951) 1 e 7.
https://biblioteca.galiciana.gal
«Noroeste», poema en galego asinado por Xosé M.ª Castroviejo na revista Nós. Ver Documento. Poema
Castroviejo y Blanco-Cicerón, Xosé M.ª: «Noroeste», Nós: boletín mensual da cultura galega: órgao da Sociedade Galega de Pubricacións Nós, 91 (Día de Galicia de 1931), [7].
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Estudo de Javier Cuesta Guadaño sobre o poemario Altura. Poemas de guerra, de José María Castroviejo. Ver Documento. Artigo
Cuesta Guadaño, Javier: «En los márgenes de la poesía
Fonte: Creneida. Anuario de Literaturas Hispánicas.nacional: Altura. Poemas de guerra (1938), de José María Castroviejo», Creneida. Anuario de Literaturas Hispánicas, Creneida, 10 (2022), 668-700
www.creneida.com
Introdución de José María Castroviejo y Bolíbar ao libro Unha paixón herdada: Obra ambiental de José María Castroviejo y Blanco-Cicerón (1909-1983). Ver Documento
Cartroviejo y Bolíbar, José María: «Nota liminar». En Lemos Jorge, Marta: Unha paixón herdada: Obra ambiental de José María Castroviejo y Blanco-Cicerón (1909-1983). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2007; 7-9.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Voz «Castroviejo Blanco-Cicerón, José María» na Gran enciclopedia galega Silverio Cañada. Ver Documento. Artigo
«Castroviejo Blanco-Cicerón, José María». En Gran enciclopedia galega Silverio Cañada. Lugo: El Progreso, 2003; 84.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Prólogo de Álvaro Cunqueiro á edición de La burla negra de 1973, da Editorial Magisterio Español. Ver Documento
Cunqueiro, Álvaro: «Presentación». En Castroviejo, José María: La burla negra. Madrid: Editorial Magisterio Español (EMESA), 1973; 7-14.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
«Una biografía poética», prólogo de Juan Aparicio á 2ª edición de Altura: poemas de guerra. Ver Documento. Artigo
Aparicio, Juan: «Una biografía poética». En Castroviejo, José María: Altura: poemas de guerra. 2ª ed. Barcelona: Jeraquía, 1939; 9-12.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Artigo «Algo se lee. Libros de Galicia en 1955». Ver Documento. Artigo
Artigo escrito por Aquilino Iglesia Alvariño, apareceu a páxina completa o 6 de xaneiro de 1956 en La Noche. Vai ilustrado con oito retratos de autores galegos, a maioría fotografías, outros debuxados ou pintados.
Fonte: La Noche vía Galiciana
Ligazóns de interese
Espazo web de José María Castroviejo en Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal
José María Castroviejo no Portal de Arquivos Españoles (PARES)
Fonte: Ministerio de Cultura. Portal de Archivos Españoles (PARES)
https://pares.mcu.es
José María Castroviejo Blanco-Cicerón en Las bolsas de la March, da Fundación Juan March
Fonte: Fundación Juan March.
https://www.march.es
O xornal El Pueblo Gallego na Galipedia. José María Castroviejo foi un dos seus directores
Fonte: https://gl.wikipedia.org
José María Castroviejo na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org
Entrada de José María Castroviejo na Historia Hispánica da Real Academia de la Historia
Fonte: Real Academia de la Historia.
https://historia-hispanica.rah.es
«Un relato de José María Castroviejo: el cura de Darbo y los marineros», publicado na web Los papeles de Don Cógito.
Fonte: Los papeles de Don Cógito
(12 de xaneiro de 2017)
https://papelesdedoncogito.blogspot.com
«Castroviejo: rescate imprescindible», artigo de Rafa López publicado en La Opinión.
Fonte: La Opinión. A Coruña.
(18 de setembro de 2023)
https://www.laopinioncoruna.es
«El mar, el Parlamento y don José María Castroviejo», artigo de opinión de Uxío Labarta publicado na edición dixital de La Voz de Galicia.
Fonte: La Voz de Galicia.
(14 de setembro de 2023)
https://www.lavozdegalicia.es
«Reseña: José María Castroviejo: Los paisajes iluminados (Ediciones 98)», artigo publicado en Libros de Cíbola que fai repasa e reivindica a obra literaria de Castroviejo.
Fonte: Libros de Cíbola.
(15 de outubro de 2023)
https://librosdecibola.wordpress.com
«Mis encuentros con los genios de las Letras: José María Castroviejo y la magia gallega», artigo de Ramón Chao publicado en La sélection du Monde diplomatique en español.
Fonte: La sélection du Monde diplomatique en español / Mèmoire des luttes.
(5 de outubro de 2015)
https://www.medelu.org
«Fallece a los 98 años la viuda de José María Castroviejo», artigo de David García sobre o pasamento de María Francisca Bolívar Sequeiros.
Fonte: Faro de Vido.
(5 de novembro de 1013)
https://www.farodevigo.es
«José María Castroviejo», artigo de José Ignacio Gracia Noriega publicado en La Nueva España, (4 de marzo de 2009)
Fonte: La Nueva España.
https://www.lne.es
«José María Castroviejo fue un ecologista pionero», entrevista publicada en La Voz de Galicia de J. Santos a Marta Lemos Jorge, autora do libro Unha paixón herdada: Obra ambiental de José María Castroviejo y Blanco-Ciceron (1909-1983)
Fonte: La Voz de Galicia.
https://www.lavozdegalicia.es
Artigo necrolóxico publicado por Miguel D'Ors en El Ideal de Granada con motivo do pasamento de José María Castroviejo. Está recollido por Aquilino Duque no seu blog Villamarina
Fonte: Blog Viñamarina.
https://vinamarina.blogspot.com
Acceso á biobibliografía de Concha Castroviejo publicada no Álbum de Galicia
Fonte: Consello da Cultura Galega. Álbum de Galicia.
Videos
Un percorrido polas Rías Baixas presentado por José María Castroviejo. Serie Conozca usted España de TVE, 1960
Fonte: Maljuna / YouTube.com
Audios
Entrevista ao escritor e periodista José María Castroviejo sobre a súa obra poética, dentro do programa Tarjeta de Visita de Radio París.
Colección Devuélveme la voz
Publicacións periódicas
Ilustración Gallega (1954-) .
Revista de Galicia para España y América
Carta de Galicia (1958-) .
Boletín Informativo editado por Casa de América en Galicia
Lérez (1962-) .
Revista do Centro Pontevedrés de Buenos Aires
Airiños Aires (1964-) .
Galicia al día
























