Carmen Cornes
Ribadumia, 31/ 5/1911 - Arxentina, 5/2/1998Autoría: Beatriz López
Unha loitadora polos desaparecidos da ditadura arxentina
A súa nai, Francisca Piñeiro, criouna xunto cos outros tres irmáns, coa compaña do avó. O pai emigrara primeiro á Arxentina e despois a Cuba, dous destinos dos cales volveu sen fortuna.
Cando, ao pouco de regresar a Galicia, o pai morre abatido por unha árbore, Carmen ten que saír a empedrar estradas para axudar a pagar a débeda da casa. Mais o pagamento non era abondo. Carmen comprende que non queda outra saída que o mar e decide emprender o camiño de tantos e tantas emigrantes, con moita tristura pero coa firme vontade de axudar a súa familia.
Con apenas dezaseis anos, e xunto con outras tres rapazas da aldea tan novas ou aínda máis ca ela, Carmen sobe ao barco que a levaría á Arxentina. Era o ano 1928.
En Bos Aires traballa en casas de familia e tamén nunha fundición. Non quere casar porque os cartos que gaña son para a súa nai e para volver algún día ás súas inesquecibles Rías Baixas. Aínda así, o tempo pasa e o soño de volver parece máis e máis afastado ata que finalmente Carmen decide ficar na Arxentina e formar unha familia.
Casa con Jorge Castiglioni, descendente de emigrantes italianos, e no ano 1949 nace o seu único fillo, Miguel Ángel, con quen Carmen terá unha fermosa relación materno-filial na que primará o respecto pola personalidade do neno e o compañeirismo. A militancia de Miguel Ángel, estudante de Filosofía e Letras comprometido coa defensa das causas sociais na Arxentina dos anos setenta, marcará a vida de Carmen ata a fin: «A miña militancia foi a militancia do meu fillo... acompañalo, axudalo, non reprocharlle a súa elección de vida. Porque eu comprendía os seus ideais e estaba orgullosa del».
Cando Miguel Ángel é collido preso por primeira vez, Carmen comeza a organizarse con outras nais e familiares para reclamar polos estudantes inxustamente privados da liberdade. No ano 1973 Miguel Ángel é liberado, mais é apresado de novo no 1975 e ten que partir exiliado a Perú. Ao pouco regresa clandestinamente e desaparece en La Plata no ano 1976. Namentres, Carmen é detida na súa casa e levada ao cárcere de Devoto. Con 64 anos de idade, non se deixa dobregar pola situación e convértese na alma tutelar das súas mozas compañeiras de cadea. Carmen terá moito que lles ensinar ás rapazas, aínda que careza da súa formación política e académica, e será para elas o exemplo de nai revolucionaria que todas soñaban chegar a ser.
Despois dun ano e medio Carmen é liberada sen acusación, mais ten que partir ao exilio para salvar a vida. Axudada polo Consulado español, logra saír da Arxentina a través do Uruguai e o Brasil para chegar finalmente a Galicia.
Tamén no exilio Carmen terá sempre a palabra xusta para os máis novos. E seguirá loitando polos dereitos humanos desde Madrid, xunto ás organizacións de latinoamericanos que denuncian as ditaduras dos seus países. Ao cabo de oito anos, e xa restablecida a democracia na Arxentina, Carmen decide volver para seguir reclamando xunto coas Madres de la Plaza de Mayo polo seu fillo e por todos os desaparecidos. Esta vez afíncase na cidade de Córdoba, onde residen a súa nora, Susana, e o seu neto, Nicolás, e axuda a reorganizar a Asociación de Familiares de Desaparecidos y Detenidos por Razones Políticas de la Provincia de Córdoba, que renace coa iniciativa de Carmen.
A punto de cumprir oitenta anos e superando os medos e as inseguridades propias da anovadora tarefa, Carmen accede a relatar o testemuño da súa vida como unha forma máis de loitar pola memoria de «esa fermosa mocidade dos anos setenta», que é publicada en Galicia por Ediciós do Castro no ano 1992.
Ao mesmo tempo participa na fundación e no desenvolvemento da Comisión de Familiares de Desaparecidos Españoles sen deixar de colaborar na defensa dos dereitos humanos nos diversos ámbitos onde é necesario o reclamo dos organismos, ata que o 5 de febreiro de 1998, ao regresar dunha das habituais marchas das Madres na Plaza San Martín de Córdoba, un accidente de tránsito pon fin á súa vida.
Dotada dunha notable intelixencia natural, un agudo sentido da observación e unha inmensa capacidade de amor e comprensión, Carmen Cornes logrou desenvolverse soa na súa terra de adopción, medrando con cada experiencia de vida e sen deixarse dobregar nunca pola adversidade. Representante enxebre do máis nobre da alma galega, Carmen Cornes honra coa súa vida non só a historia da súa terra natal senón a propia historia da Arxentina.
Como citar: López, Beatriz : Carmen Cornes. Publicado o 1/1/2007 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=927. Recuperado o 07/07/2025
DOCUMENTACIÓN SOBRE
«Morre Carmen Cornes, emigrante e Nai da Praza de Maio» de Xan Carballa e «Aboa, nai e amiga» de Mundo Cal. Ver Documento
«Morre Carmen Cornes, emigrante e Nai da Praza de Maio». Artigo de Xan Carballa publicado en A Nosa Terra, o 12 de febreiro de 1998. Tamén « Aboa, nai e amiga». Artigo de Mundo Cal publicado en A Nosa Terra, o 12 de febreiro de 1998
«Carmen Cornes, o sorriso dunha nai da Praza de Maio». Artigo de Xan Carballa. Ver Documento
«Carmen Cornes, o sorriso dunha nai da Praza de Maio». Artigo de Xan Carballa publicado en A Nosa Terra, o 29 de outubro de 1992
«Carme Cornes, emigrante e nai dun desaparecido». Ver Documento
«Carme Cornes, emigrante e nai dun desaparecido». Artigo publicado en A Nosa Terra, o 25 de xaneiro de 1990.
Documento expedido polo consulado español no momento no que Carmen sae do cárcere (1977)
. Ver Documento
Cartel de presentación do libro Hasta la victoria Siempre…Testimonio de Carmen Cornes, emigrante gallega y militante de la vida.. Ver Documento. Cartel
Cartel de presentación do libro Hasta la victoria Siempre…Testimonio de Carmen Cornes, emigrante gallega y militante de la vida. Beatriz López elaborouno a partir de entrevistas con Carmen.
Epílogo de Nicolás Castiglioni Gómez ao libro de LÓPEZ, B., Hasta la Victoria Siempre… Testimonio de Carmen Cornes, emigrante gallega y militante de la vida. Ver Documento
Epílogo do neto de Carmen, Nicolás Castiglioni Gómez «Nico», ao libro: LÓPEZ, B., Hasta la Victoria Siempre… Testimonio de Carmen Cornes, emigrante gallega y militante de la vida, Córdoba (Argentina), Educando Ediciones, 2005.
Ligazóns de interese
“Homenaje a los desaparecidos españoles. Para todos y para Carmiña”
Artigo publicado no xornal Página 12 o sábado 28 de setembro de 2002
[última consulta: 07/07/2021]
Madres de la Plaza de Mayo na wikipedia
[última consulta: 07/07/2021]
Referencias bibliográficas
- BRUSCHTEIN, L., “Carmen, la gallega” . Página 12, Bos Aires, (14 de marzo de 1998)
- CAL, M., “Aboa, nai e amiga”, A Nosa Terra, Vigo, n.º 817 (12 de febreiro de 1998), p. 14.
- CARBALLA, X., “Carmen Cornes, o sorriso dunha nai da Praza de Maio”, A Nosa Terra, Vigo, n.º 541 (29 de outubro de 1992), p. 28.
- CARBALLA, X., “Morre Carmen Cornes, emigrante e Nai da Praza de Maio”, A Nosa Terra, Vigo, n.º 817 (12 de febreiro de 1998), p. 14.
- LÓPEZ, B., Hasta la Victoria Siempre… Testimonio de Carmen Cornes, emigrante gallega y militante de la vida, Sada (A Coruña), Ediciós do Castro, 1992.
- LÓPEZ, B., Hasta la Victoria Siempre… Testimonio de Carmen Cornes, emigrante gallega y militante de la vida, Córdoba (Argentina), Educando Ediciones, 2005.
- VV.AA.: “Carmen Cornes, emigrante e nai dun desaparecido”, A Nosa Terra, Vigo, n.º 417 (25 de xaneiro de 1990), p. 4.
- VV.AA.: “Para todos y para Carmiña”. Página 12, Bos Aires, 28 de setembro de 2002.