Daniel Cortezón
Ribadeo (Lugo), 6/ 2/1927 - Lugo, 4/10/2009Autoría: Ana Abad de Larriva
Ensaísta, novelista e autor dramático, moi comprometido coa historia de Galicia
O seu pai foi ferido na fronte de Teruel e trasladado ao hospital de Cofrentes en Castellón, onde se atopaba cando rematou a guerra. Dende alí foi levado a un campo de concentración en Gandía, despois a un campo de prisioneiros en Avilés e, posteriormente, á prisión El Coto de Xixón, onde foi sometido a un consello de guerra por rebelión militar, no que foi condenado a morte, unha pena que foi conmutada pola de cadea perpetua, e que logo se convertería en cinco anos de reclusión. Mentres, Daniel e a súa nai regresaron a Ribadeo. A finais dese ano, 1939, Daniel comezou a traballar nunha carpintería e en febreiro de 1940 pasou á Farmacia Sarmiento, que viña de ser inaugurada, como aprendiz de botica. Foi nese momento cando coñeceu os Diálogos de Platón e decidiu comezar a súa formación autodidacta na biblioteca municipal, da que, co paso do tempo, lería practicamente os máis de 3000 volumes que contiña o seu fondo bibliográfico, lecturas que alicerzarían a súa ampla formación autodidacta, que el sempre destacou.
Ademais de ler profusamente, Daniel axiña comezou a escribir. Iniciouse no xénero ensaístico e no ano 1945 comezou a colaborar coa revista Rumbo, de orientación anarquista. O seu primeiro artigo asinouno con pseudónimo, e os seguintes xa co seu propio nome. Entre os artigos publicados atópanse «La decadencia del sentido estético»; «Sobre la estética de Montesquieu»; «La filosofía de la historia en Víctor Cousin» e «La estética, el arte y lo bello».
Entre os anos 1949 e 1950 fixo o servizo militar, experiencia sobre a que escribiu un diario. Tamén comezou a empregar o galego como lingua de expresión literaria e a recoller na súa creación o seu fondo interese pola historia e a identidade galega, que caracterizarían unha gran parte da súa produción, mesmo na súa alternancia coa creación literaria en castelán, xa que algunhas das súas obras foron tamén premiadas en certames estatais, nas súas versións en castelán.
No ano 1952, a raíz de ter que estar na casa por unha doenza, escribiu a novela As covas do rei Cintolo, que enviou á editorial Galaxia. A editorial publicoulla no ano 1956, cun prólogo de Ramón Piñeiro, no que este relataba como o autor, descoñecido ata o de entón nos círculos literarios, sorprendera con esta primeira novela; nun volume que incluía un vocabulario de voces pouco usadas.
En 1953 o seu Decálogo del auxiliar de farmacia gañou o Premio Auxiliares de Farmacia. Nesa década obtivo tamén varios premios literarios que contribuíron a seguir a dar a coñecer o seu nome e o seu traballo dentro do campo do ensaio e da narrativa, como o Premio Manuel Cao Turnes e Olimpia Corral de Cao, do Centro Galego de Bos Aires, por Ribanzo, e o segundo premio no certame Otero Pedrayo do Lar Gallego de Caracas, co ensaio Os esprito de Galiza, ambos en 1956; o Premio Castelao de narrativa do Centro Galego de Bos Aires por O cabaleiro da lus, no ano 1958; e o Premio da Casa de Galicia en Nova York polo ensaio De la saudade y sus formas, en 1959.
Os anos sesenta do século pasado tamén foron moi fecundos no plano literario para Cortezón, e neles iniciou o seu desenvolvemento no eido da literatura dramática, polo que sería especialmente coñecido, aínda que el seguise defendendo a súa condición de novelista. No ano 1959 escribira a peza breve O cego. En 1960 obtivo un accésit no I Certame Literario do Miño por Nicolás Flamel (que foi publicada no ano 1966 na revista Grial, no seu número 12) e ese mesmo ano escribiu O renarte Ciprián. No ano 1962 levou tamén dous premios do Centro Galego de Bos Aires: o Castelao de novela por A xeva sagrada, e o Villar Ponte de teatro por Prisciliano, co que iniciou o seu achegamento á xeración dun teatro de corte histórico, con orientación política e social.
No ano 1963 volveu obter un premio do Centro Galego de Bos Aires, neste caso o Premio Padre Feijoo, polos textos ensaísticos Aspeitos históricos-sociolóxicos do ser de Europa, Consideracións en col do senso e posibilidade da crítica e Ouservacións para unha crítica en col do avidalismo da poesía galega actual. Foi tamén colaborador da revista de Auxiliares de Farmacia, da que no ano 1961 foi nomeado redactor xefe. En febreiro de 1964 trasladouse a León, para traballar nunha empresa de alí, e, posteriormente a Madrid, onde traballou e residiu ata a súa xubilación. Despois, volveu a Galicia, alternando a súa residencia entre Vigo e Ribadeo, ata rematar establecéndose en Ribadeo.
Na década de 1960 escribiu numerosas pezas en castelán e varias delas foron seleccionadas como finalistas e representadas no Festival de Teatro de Sitges: El rey de Harlem e Semáforo. No ano 1971 a versión en castelán da súa peza Os Irmandiños foi finalista no Premio Cidade de Alcoi, certame do que volveu ser finalista no ano 1973 por El mástil, e que gañaría finalmente no ano 1974 por Compañero Presidente, compañero. En 1973 Gelmírez o la gloria de Compostela, versión en castelán de Xelmírez ou a groria de Compostela, gañou o premio de teatro Cidade de Barcelona. A versión galega publicouna a editorial Nós, no ano 1974 en Bos Aires.
En 1975, Cortezón resultou elixido como finalista do Premio Lope de Vega, do concello de Madrid, por Crónica del Rey Don Pedro. Dous anos máis tarde, El mástil levou o Premio Aguilar de Teatro (e tamén o segundo premio Lebrel Blanco no ano 1979), e Os Irmandiños fíxose co Premio Santiago Rusiñol no Festival de Teatro de Sitges. Esta última peza fora publicada por Ediciós do Castro no ano 1971, cunha segunda edición en 1978, e foi posta en escena por varias compañías, entre elas Tespis, no ano 1980, no Certame de Teatro Galego do concello de Lugo.
En 1981, Ediciós do Castro publicou Pedro Madruga. Ese mesmo ano, unha obra súa en castelán, Soñando a Goethe en primavera, foi seleccionada como finalista tanto no Festival de Teatro de Sitges como no Premio Aguilar de Teatro, e a súa novela A vila sulagada obtivo o Premio Eduardo Blanco Amor de novela, na súa primeira edición, e foi publicada en Ediciós do Castro; editorial que ese mesmo ano publicou tamén outra obra dramática de Cortezón, A disáspora.
O número 45 dos Cadernos da Escola Dramática Galega recolleu o seu ensaio Teatro e nacionalismo, no ano 1984, e a súa peza Crónica de Enrique IV viu a luz grazas a Ediciós do Castro en 1985. Nesa década e na seguinte, o escritor ribadense dedicouse tamén a desenvolver unha tetraloxía titulada Castelao ou a paixón de Galicia, publicada por Ediciós do Castro, nos volumes O animador de ilusións, de 1986; As árbores e os xuncos, de 1989; Intermezzo bufo, de 1996; e O pudor e a angustia, de 1997.
No ano 1995 a editorial Sotelo Blanco publicara o seu texto para público infanto-xuvenil Ali Ben Mangato e mailo seu cabalo branco chamado Beliador, e en 1997 foi finalista do Premio Nacional de Literatura Dramática por Intermezzo Bufo. Dous anos despois o Centro Dramático Galego fixo unha montaxe de Xelmírez ou a gloria de Compostela, con dramaturxia e dirección de Roberto Vidal Bolaño. No ano 2002 a revista Casahamlet publicoulle, no seu numero 4, As escaleiras mecánicas, unha peza na que o autor aínda seguiría a traballar.
Ao longo dos anos Daniel Cortezón deixou, pois, a súa pegada, enchoupada das súas reflexións e do seu sentir, nestas e noutras moitas obras, publicadas en diversas editoriais e contextos, algunhas xa en edicións esgotadas. Tamén deixou a súa marca en numerosas publicacións que acolleron artigos seus, tanto en textos máis ensaísticos, como en recensións, críticas, lembranzas e prólogos; e fixo diferentes traducións ao galego; entre elas Os anxos cómense crús, de Jorge Díaz, publicada por editorial Galaxia, en 1973; Atlas bilingüe sobre Galicia, de Tirso Echeandía, publicado pola editorial Aguilar, no ano 1977; Asambrea xeral, de Lauro Olmo e Pilar Enciso, en Edicións Xerais, no ano 1982, nunha edición bilingüe, Paulo Iglesias, de Lauro Olmo, tamén en Ediciós do Castro, no ano 1984; ou Guernica, de Jerónimo López Mozo, no número 28 da Revista Galega de Teatro, no outono de 2001; e participou na elaboración do guión televisivo, en colaboración con Mariano Tudela, de Prisciliano, para a TVG.
Porén, ten aínda obra inédita ou pouco coñecida, e, como sinalan diferentes fontes, o seu traballo aínda non recibiu o merecido coñecemento e análise. Na súa vila natal si que foron varias as homenaxes que recibiu Daniel Cortezón, xa en vida. No ano 2002 o Concello de Ribadeo outorgoulle o seu nome a unha rúa e editou varias das súas pezas dramáticas. En 2004 o Concello de Ribadeo tamén creou e lle deu o seu nome á súa Mostra de Teatro Afeccionado, que se celebra dende entón con periodicidade anual.
Faleceu en Lugo o 4 de outubro de 2009. No ano 2011, de xeito póstumo, a editorial Lar publicou Daniel Cortezón, un volume coordinado por Matilde González Gómez e Manuel Valdín Valdés, en agarimosa lembranza e homenaxe á súa vida e á súa obra.
Bibliografía
González Gómez, Matilde e Valdín Valdés, Manuel (coords.): Daniel Cortezón. Viveiro: Lar, 2011.
Lourenzo, Manuel, e Pillado Mayor, Francisco: Dicionário do teatro galego (1671-1985). Barcelona: Sotelo Blanco, 1987.
Pascual Rodríguez, Roberto: «Daniel Cortezón. Lembranzas dunha vida autodidacta», Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, 11 (2008), 199-205.
Riobó, Pedro P.: O teatro galego contemporáneo (1936-1996). A Coruña: Biblioteca Arquivo-Teatral Francisco Pillado Mayor, 1999.
Vieites, Manuel F. (coord.): Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. Vigo: Xunta de Galicia e editorial Galaxia, 2007.
Vieites, Manuel F.: «As historias da nación galega: Daniel Cortezón na lembranza», suplemento Faro da Cultura, Faro de Vigo, (22 de outubro de 2009), VIII.
Vieites, Manuel F.: «Lembranza de Cortezón: O libro dos amigos», suplemento Faro da Cultura, Faro de Vigo, (23 de xuño de 2011), VIII.
Como citar: Abad de Larriva, Ana : Daniel Cortezón. Publicado o 18/9/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=941. Recuperado o 15/05/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Entrevista feita por Roberto Pascual Rodríguez a Daniel Cortezón no ano 2008. Ver Documento. Entrevista
Pascual Rodríguez, Roberto. «Daniel Cortezón. Lembranzas dunha vida autodidacta», Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, 11 (2008), 199-205.
Fonte: Madrigal. Revista de Estudios Gallegos
https://revistas.ucm.es/
Peza teatral Nicolás Flamel coa que Danial Cortezón obtivo, en 1960, un accésit no I Certame Literario do Miño. Ver Documento
Cortezón, Daniel: «Nicolás Flamel: peza dramática», Grial: revista galega de cultura, 12 (abril, maio, xuño de 1966), 178-205.
Fonte: Editorial Galaxia. Hemeroteca da revista Grial
https://editorialgalaxia.gal/revista-grial/
Entrevista feita por Francisco Fernández del Riego, baixo o pseudónimo de Cosme Barreiros, a Daniel Cortezón, no ano 1956.. Ver Documento. Entrevista
Barreiros, Cosme: «Conversa con un novo escritor: Daniel Cortezón», Galicia Emigrante, 24 (1956), 13 e 18.
Fonte: Consello da Cultura Galega.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de Manuel F. Vieites sobre Daniel Cortezón e a súa obra. Ver Documento. Artigo
Vieites, M.F.. «As historias da nación galega: Daniel Cortezón na lembranza». Suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo, (22 de outubro de 2009), VIII.
Fonte: Faro de Vigo
Artigo de Manuel F. Vieites sobre Daniel Cortezón a raíz da publicación por parte da editorial Lar dun libro en homenaxe ao escritor ribadense. Ver Documento. Artigo
Vieites, M.F.: «Lembranza de Cortezón: O libro dos amigos», suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo, (22 de outubro de 2009), VIII.
Fonte: Faro de Vigo
Artigo de Cristina Patiño Eirín sobre a obra de Daniel Cortezón. Ver Documento. Artigo
Patiño Eirín, Cristina. «Daniel Cortezón, un ideal caballeresco», 1616: Anuario de la Sociedad Española de Literatura General y Comparada, XII (2006), 131-138.
Fonte: Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.
https://www.cervantesvirtual.com/
Información que recolle que a obra El rey de Harlem, de Daniel Cortezón, foi seleccionada como finalista do III Premio de Teatro de Sitges e anuncia a súa estrea. Ver Documento. Artigo
«Daniel Cortezón estrena en Sitges», Chan: la revista de los gallegos, 13 (setembro de 1969), 19.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Nova que recolle a resolución do I Certame Literario do Miño, no cal Daniel Cortezón obtivo un dos tres accésits do Premio Valle Inclán de teatro pola súa obra Nicolás Flamel, no ano 1960. Ver Documento. Noticia
«Fallo del I Certamen Literario del Miño», El Correo Gallego: diario político de la mañana, 27089 (6 de outubro de 1960), 1.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
Nova que recolle o premio especial Manuel Cao Turnes e Olimpia Corral de Cao, outorgado polo Centro Galego de Bos Aires, que obtivo Daniel Cortezón pola súa novela Ribanzo, no ano 1956. Ver Documento. Artigo
«El concurso literario y musical del Centro Gallego de Buenos Aires», El Correo Gallego, 25784 (1 de setembro de 1956), 6.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Nova que recolle a resolución do Premio Ramón Otero Pedrayo do Lar Galego de Caracas, no cal Daniel Cortezón obtivo o segundo premio con O esprito de Galiza, no ano 1956. Ver Documento. Noticia
«Fallo del premio del ‘Lar Gallego’ de Caracas», El Correo Gallego, 25754 (26 de xullo de 1956), 7.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Ligazóns de interese
«Ribadenses destacados: Daniel Cortezón Álvarez», biografía de Daniel Cortezón, elaborada por Santiago Sanjurjo Díaz e publicada no blog Ribadeando.com, (1 de xuño de 2023)
Fonte: Ribadeando.com
«Lar reedita un libro sobre Rei Cintolo con obras de Cortezón y Suso Peña», artigo de Xavier Lombardero publicado na edición dixital de El Progreso, sobre a reedición da novela As covas do rei Cintolo, de Daniel Cortezón, e o cómic homónimo de Suso Peña. (30 de abril de 2017)
Fonte: El progreso
https://www.elprogreso.es
«Ribadeo rinde homenaje al escritor local Daniel Cortezón», información de Ana Balseiro publicada na edición dixital de La Voz de Galicia, sobre sobre a homenaxe celebrada polo concello de Ribadeo no ano 2002 a Daniel Cortezón. (20 de agosto de 2002)
Fonte: La Voz de Galicia.
https://www.lavozdegalicia.es
Autobiografía de Daniel Cortezón na Biblioteca Virtual de Galicia da UDC
Fonte: UDC. Biblioteca Virtugal Galega.
https://bvg.udc.es/
Biografía de Daniel Cortezón elaborada por Inmaculada López Silva para a Real Academia de la Historia
Fonte: Db-e. Real Academia de la Historia.
https://dbe.rah.es/
Ficha de Daniel Cortezón Álvarez no catálogo do Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música
Fonte: Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música.
https://www.teatro.es
Videos
Fragmento de Xelmírez ou a groria de Compostela, de Daniel Cortezón, polo Centro Dramático Galego
Fonte: Canle Iriafala / YouTube.com
https://youtu.be/
O Grupo de Teatro O Castelo, de Moeche, en Pedro Madruga de Daniel Cortezón, dirixida por Roberto Casteleiro. (7 de decembro de 2016)
Fonte: Canle Amigos de Casteleiro / YouTube.com
https://www.youtube.com/
Audios
Corte de audio que inclúe unha entrevista telefónica feita e emitida por Radio Alcoy a Daniel Cortezón no ano 1974, tras gañar este o IV Premio de teatro Ciudad de Alcoy 1974
Publicacións periódicas
Lugo (1943-) .
Órgano oficial del Centro Lucense de Buenos Aires
Publicación del Centro Lucense de Buenos Aires
Vocero del Centro Lucense de Buenos Aires
Órgano del Centro Lucense
Aturuxo (1960-1961) .
Correo de Galicia (1965-) .
El periódico para los 600.000 hogares gallegos del Río de la Plata
Bússola (1984-) .
Revista literaria e informativa.