Licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde tamén obtén o doutoramento internacional coa tese Os frades arquitectos do século XVIII en Galicia: traxectoria artística dos arquitectos regulares das Ordes de San Bieito, San Francisco e Santo Domingo (2019), cualificada con Summa Cum Laude. Recoñecida co Premio Extraordinario de Licenciatura da USC e co Premio Extraordinario de Doutoramento. Docente no Departamento de Historia da Arte da USC e, posteriormente, no Departamento de Historia da Arte da Universidade de Granada. Na actualidade é científica titular do CSIC no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Realiza diversas estadías en centros internacionais, entre eles a Università degli Studi di Roma “La Sapienza”, a Universidad Complutense de Madrid, o Centro Italiano di Studi Compostellani da Universidade de Perugia, o Kunsthistorisches Institut de Florencia ou o Bryn Mawr College (Pensilvania, EUA), onde investiga cunha bolsa Ruth Lee Kennedy do programa Fulbright.
A súa investigación céntrase na historia da arquitectura e do urbanismo barrocos, na teoría da arte española da Idade Moderna e nos estudos da paisaxe. O seu principal campo de estudo é a actividade dos arquitectos pertencentes ás ordes relixiosas en Galicia durante a época moderna. Participa en diversos proxectos de investigación nacionais dedicados á historia da arquitectura, á recuperación do patrimonio desaparecido e á análise das representacións da cidade e da arquitectura. Forma parte do Grupo de Investigación GI-1510 de Historia da Arte, Arquitectura e Urbanismo da USC e do grupo Andalucía-América: Patrimonio Cultural e Artístico (HUM-806) da Universidad de Granada. Outra das súas liñas de traballo céntrase nos estudos xacobeos e no Camiño de Santiago, ámbito en que desenvolve tarefas de investigación, docencia e coordinación académica, así como a elaboración da base de datos “Rede Xacobea”, dedicada aos recursos científicos e didácticos sobre a peregrinación compostelá.
É autora de diversos libros e traballos científicos sobre historia da arquitectura e patrimonio artístico galego, entre eles O manuscrito de Frei Bernardo Foyo e o plano de Frei Plácido Caamiña (2007), Frei Manuel dos Mártires, mestre de obras de San Domingos de Bonaval (2017) e Monxes e frades como arquitectos na Galicia barroca (2021), ademais de capítulos de libro e artigos en revistas especializadas. Participa tamén na elaboración da Enciclopedia del Románico en Galicia, para a que realiza tarefas de investigación, revisión bibliográfica e indexación en diferentes volumes dedicados ás provincias galegas. Desenvolve unha intensa actividade docente e divulgadora, colaborando con programas académicos internacionais e con institucións universitarias estranxeiras, así como con medios de divulgación cultural e programas audiovisuais dedicados ao patrimonio histórico-artístico de Galicia. Forma parte do consello editorial da revista Cuadernos de Arte da Universidad de Granada e exerce como avaliadora da Axencia Estatal de Investigación.


