Licenciada e doutora en Química pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Tras completar os seus estudos de doutoramento, realiza formación posdoutoral na University of Plymouth (Reino Unido). Inicia a súa actividade docente no ano 1980 e en 1991 obtén a cátedra de Química Analítica no Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da Facultade de Química da USC. Ao longo da súa carreira imparte docencia en diversas titulacións e centros da universidade, entre eles as facultades de Química e de Farmacia e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría, cunha prolongada traxectoria docente e investigadora no ámbito da química analítica.
A súa actividade científica céntrase principalmente no desenvolvemento de métodos analíticos aplicados ao estudo da especiación e da biodispoñibilidade de elementos traza en medios biolóxicos, clínicos e ambientais. Desde a súa creación en 1990 e ata 2024 coordina o Grupo de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación, impulsando liñas de investigación relacionadas tamén coa metalómica e a metaloproteómica. Outras áreas destacadas do seu traballo inclúen a nanometroloxía analítica e a nanotecnoloxía, tanto no uso de nanopartículas para o desenvolvemento de novos métodos analíticos como no estudo da súa presenza en alimentos, compartimentos ambientais e medios biolóxicos.
Ao longo da súa carreira publica arredor de 400 artigos científicos, 28 capítulos de libros de ámbito internacional e diversas monografías docentes sobre química analítica, ademais de dirixir 40 teses de doutoramento. Coordina numerosos proxectos de investigación nacionais e internacionais e mantén contratos de investigación con entidades públicas e privadas. É vicedecana da Facultade de Química entre 1988 e 1995, directora do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía entre 1998 e 2006 e decana da Facultade de Química da USC entre 2014 e 2022, ademais de presidenta da Conferencia Española de Decanos de Química. En 2018 ingresa como académica de número na Real Academia Galega de Ciencias, da que é secretaria (2019-2023), e exerce como vicerreitora de Política Científica da USC (2023-2026). Entre os seus recoñecementos destacan o FESTEM Award (2022) e o Premio Francisco Valiente da Applied Spectroscopy Society (2024).


