Carta de Otero Pedrayo a Cabanillas. 1945 | epístola | Consello da Cultura Galega
epístola

Carta de Otero Pedrayo a Cabanillas. 1945

Ramón Cabanillas (Destinatario/a) · Castelao (Mencionado/a) · Teresa Castelao (Mencionado/a) · Rosalía de Castro (Mencionado/a) · Xosé Filgueira Valverde (Mencionado/a) · Aquilino Iglesia Alvariño (Mencionado/a) · Frei Martín Sarmiento (Mencionado/a) · Paulino Pedret Casado (Mencionado/a) · Josefina Rodríguez Castelao (Mencionado/a) · Victoriano Taibo García (Mencionado/a) · Ramón Otero Pedrayo (Remitente) · Francisco Fernández Rei (Transcrición)
19/03/1945
O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Descargar PDF
Trasalba, San Xosé do 1945

Sr. D. Ramón Cabanillas

Pra recibire á leda primadeira
polos saudosos vieiros da Galiza
—pensando: será a miña derradeira? —
esparexín o mimo i-a priguiza
do lumioso hourizonte de Trasalba
qu'os ánemos e corpos enfeitiza
deixando o lar unha mañán ca ialba.
Debullei en Ourense boa lamprea
e pola noite a penedosa calva
descubriu diant'os ouros qu'alumea
o vougo Orión na ría de Pontevedra.
Humorista a romántica lúa chea
sobor das roínas elexíacas de hedra
era o insomne relox da Peregrina.
Mirei, gozoso, a fantasía de pedra
da trunfal Compostela vespertina
envexa dos piñeiros da Maía.
Lembradoiro, xentil, amante, fina
corda da lira da melanconía
foi Sant-Iago pra min. Pro Cabanillas
non xurdiu cand'a noite estrelecía
para falar de fúlxidas Antillas
e dos amigos idos! A Quintâ,
silente lago de brumosas illas,
embrulloume nos veos da señardá.
Baleira a catredal do sonoroso
coro, na hora solene da mañá
semellaba fadal ermo ventoso!
Fun con Pedret ás beiras do Sarela,
probei un ledo ullán, labio escumoso,
e recei diant'a raíña Berenguela.
Non hai máis puro lirio medieval
qu'isa mortiña de sorrir lonxao
a tal nena ca toca i-o brial!
Pisei de Rianxo o mariñán peirao
gostando d'arousán onda rial
para consoar ás irmás de Castelao.
Caieu sobr'as coitadas xiada lousa
co pasamento da doce naiciña.
Figura aquila casa triste chousa
sen o agarimo calmo da ceguiña
candea acesa de bondosa esperanza
hoxe unha cinza na nadal terriña!
Vagaba polos outos da Barbanza
a brétema doncel, a ría fulxía
ronseles inmorrentes da lembranza
e no Padrón o amor de Rosalía
agromando nos líricos salgueiros
ao dubidoso raiolar do día
espertoume a futuros ventureiros.
Mais na Cruña agardaba n'Academia
unha serán de tópicos loureiros.
Moito hai de raxetar nisa podremia!
Moi fermoso o discurso de Filgueira
i-a cidá, como sempre, aire de femia
i-engádego de tebra mariñeira.
Votei por ti ao xoven Alvariño
i-a Victoriano Taibo, o da senlleira
ispirazón petrucia com'o liño.
E por Vigo voltei co sentimento
de non falar contigo adispaciño.
Respeitando a grandeza de Sarmento
non son dise Instituto. Ao Seminario
gardo fieldá, e ao rexo xuramento.
Ben logo han de xurdir no tenebrario
os pábilos fumosos. Vén o abril.
Pra min vivo regosto maxinario
de fábulas antergas. Teu souril
falar, meu caro amigo, sería maio
na miña soedade. Legrías mil
pide a Deus para ti o teu tocaio

R. Otero Pedrayo

Querido Ramón: perdoa iste desafogo da semán de S. Xosé. Temos que trazar vernos iste vrau. Polo Apóstol estarei moi ben. Recibín con demora a túa carta. Espero que os teus xa estarán ben das súas doenzas. Fai moito non vexo a teu fillo maor, tan simpáteco e bo amigo. Pra min, que vivo illado é unha leda pelerinaxe unha volta por Galicia. Mais faltaches ti, e volvín tristeiro! Sempre teu

R. Otero Pedrayo
Descrición Carta en verso, en tercetos encadeados, na que Otero Pedrayo lle conta a Cabanillas a viaxe que fixo en marzo de 1945 desde Trasalba á Coruña, con paradas en Ourense, Pontevedra, Santiago, Rianxo —onde foi consolar as irmás de Castelao pola morte da nai—, Padrón e Vigo, para asistir á sesión da Real Academia Galega na que votou por delegación do poeta. Critica o ambiente da Academia, distánciase do Instituto Padre Sarmiento e reafirma a súa fidelidade ao Seminario de Estudos Galegos. Remata cunha posdata en prosa na que lamenta non ter coincidido co amigo.
Tipo de material
epístola
Data
19/03/1945
Medidas
2 páxinas
Entidades
Mención: Real Academia Galega
Mención: Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento
Mención: Seminario de Estudos Galegos
Propiedade: Concello de Cambados
Arquivo depositario: Museo Ramón Cabanillas
Localizacións
orixe: Trasalba
mención: A Coruña
mención: Padrón
mención: Pontevedra
mención: Rianxo
mención: Santiago de Compostela
mención: Vigo
mención: Ourense
Etiquetas
Ficha descritiva
[Carta manuscrita autógrafa en verso (tercetos encadeados), con posdata en prosa]
Localización física
Arquivo do Museo Ramón Cabanillas (Concello de Cambados). Legado da Familia Cabanillas
Notas
Transcrición e edición: Francisco Fernández Rei (Instituto da Lingua Galega, USC), segundo os criterios expostos no texto de presentación da edición.
Datada o día de San Xosé (19 de marzo) de 1945. Responde a unha carta de Cabanillas escrita ese mesmo mes desde Caticovas (Meis). Na transcrición mantense «A Quintâ» co circunflexo, aínda que os criterios da edición din que se substituíu por agudo: revisar.
Ficheiros orixinais recibidos (unidos neste PDF): I. 1 A_San José de 1945.Carta autógrafa de Ramón Otero Pedrayo (desde Trasalba)_1.jpg.pdf | II. 1 B_San José de 1945.Carta autógrafa de Ramón Otero Pedrayo (desde Trasalba)_2.jpg.pdf
Notas legais
Orixinal propiedade do Arquivo do Museo Ramón Cabanillas do Concello de Cambados (legado da Familia Cabanillas).