Carta de Varela Buxán a Seoane. 1975 | epístola | Consello da Cultura Galega
epístola

Carta de Varela Buxán a Seoane. 1975

Luís Seoane (Destinatario/a) · Manuel Daniel Varela Buxán (Remitente)
14/02/1975


14-II-75

Sr. Dn. Luis Seoane-A Cruña

Querido Seoane:

Escollín o día 12 dos correntes pra verche na Cruña. O fixen con tan ruín sorte que non puiden darme o pracer de abrazarche dimpois de tantos anos como aló van dende que por última vegada nos vimos; tamén quería darche as mui sentidas gracias polo incomparábel dibuxiño que me remesache pra o meu libro, que sairá niste mes se a Editorial cumpre a promesa. E pra aumento da ruín sorte que ise día me acompañou, ocurriume o que nunca nos corenta anos que levo manexando coches: xa mui perto da Cruña, por deterse onde non debía faguelo, un coche que viaxaba diante de min i estar a rúa esbarexadiza por barro i auga, derrapei e fun chocar cun ómnibus que alí estaba parado. Total: unha ferida no parietal izquerdo, sangante no parietal direito, un hematoma no pómulo direito i o coche imposibilitado pra seguir camiñando. A min reparáronme eí nunha Clínica; o coche virá pra Lalín nunha grúa, onde tamén será reparado. En canto me sexa entregado, repetirei o viaxe á Cruña pra poder verche, pero non o farei sin denantes falarche polo aramio e concertar entrevista contigo. Os domingos de carnavales falei á túa casa, pero se coñece que non había ninguén.

E ren máis, querido Luis. Remeso afeituoso saúdo pra túa distinta dona e sentida e fraterna aperta pra ti, repeténdoche gracias por tudo.

Varela Buxán
Tipo de material
epístola
Data
14/02/1975
Localizacións
orixe: Cercio
destino: A Coruña
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firma autógrafa e co membrete:] Manuel D. Varela Buxán / CERCIO-LALÍN / (Pontevedra).