Nacido en Bos Aires en 1910, nunha familia de emigrantes galegos, residiu en Galicia desde 1916, onde se formou como avogado e como artista á beira de mestres como Carlos Maside, en Compostela. Militante no galeguismo republicano, fuxiu da represión de 1936 e retornou á súa cidade natal, onde foi acollido por un grupo de intelectuais antifeixis...
Nacido en Bos Aires en 1910, nunha familia de emigrantes galegos, residiu en Galicia desde 1916, onde se formou como avogado e como artista á beira de mestres como Carlos Maside, en Compostela. Militante no galeguismo republicano, fuxiu da represión de 1936 e retornou á súa cidade natal, onde foi acollido por un grupo de intelectuais antifeixistas arxentinos (Frontini, Romero, Cóppola, Córdova) e artistas galegos como Blanco Amor ou Manuel Colmeiro. Na cidade de Bos Aires desenvolveu unha grande actividade cultural como deseñador, editor, creador literario, gravador e pintor, tanto no seo da cultura arxentina como entre a colectividade de emigrados e de exiliados republicanos. Dirixiu durante vinte anos o xornal Galicia do Centro Gallego e participou na actividade de editoras como Emecé, Nova, Losada ou Botella al Mar, sempre en estreita colaboración con amigos galegos como Lorenzo Varela, Rafael Dieste e Arturo Cuadrado, alén de moitos exiliados españois como Rafael Alberti ou Francisco Ayala.
A súa integración na cultura arxentina foi moi intensa, como mostra este epistolario. Pero tamén foi decisiva a súa contribución para manter viva a cultura galega herdada da experiencia da II República, grazas a un contacto permanente con figuras como Fernández del Riego, Paz-Andrade, García-Sabell, Carlos Maside ou Aquilino Iglesia Alvariño. Con todo, o principal enlace con Galicia foi, desde finais dos anos cincuenta, o artista plástico e empresario ceramista Isaac Díaz-Pardo, con quen fundou o Laboratorio de Formas de Galicia e un ambiciosos proxecto de renovación cultural, organizado arredor do grupo Sargadelos.
Desde os anos sesenta fixo periódicas viaxes a Galicia, sen abandonar de modo definitivo Bos Aires. Morreu na cidade da Coruña en abril de 1979 e deixou un inmenso legado que, en gran parte, foi depositado na Fundación Luís Seoane (A Coruña), que promoveu con entusiasmo a súa viúva, Maruxa Fernández, finada en 2003.
Conrado Alem é un seudónimo que Seoane utiliza en Correo Literario xunto ao de Maximino Brocos e que mantén noutras publicacións contemporáneas e posteriores.
Ver biografía completa