Material
Irmandades da Fala
«A bandeira ergueita», artigo de A. Villar Ponte
Detalle
“Fundar e soster escolas en Galicia é obra santa, patriótica. Mais axudar á vida deste boletín, é corolario obrigado daquelas iniciativas loudabres. As escolas son pra os nenos; o boletín, trala xuntanza dos enxebres, espertará o sentimento i o pensamento da mocedade que comenza a xurdir na loita. A nosa terra percisa un boletín, xa que hastra o de agora hai xornales e revistas de gallegos, mais nin un soio de Galicia, esquirto en gallego i en Galicia, pra Galicia. Hoxe bule polos nosos eidos e polas nosas vilas un sospeitoso andacio rexionalista. Hai que peneirar as intenciós, pra separar a palla do grau. Chegou a hora de definirnos. Nós, expoñemos cartos e traballo. Dámo-lo exempro. Quen non faga o pequeño sacrificio económico de axudarnos a erguer esta folla enxebre, que de chegar a ser diario resolvería moitas cousas de fondo interés patriótico, non terá dereito a chamarse bo gallego.* * *
Os rexionalistas de ocasión, rexionalistas de “feira dos discretos”, renegan da fala gallega, rinse dela. Queren un rexionalismo en castelao; queren un rexionalismo fillo do castelao, ¡do castelao que ten o orgulo de habere enxendrado, cal primoxénito, o centralismo! Esto é pedire peras ó olmo. Esto é facere un corpo sin alma, que é o mesmo que unha cousa sin vida.
Toda a nosa persoalidade está na nosa lingua. Por eso os Amigos da Fala queremos que a voz do pobo, gardadora porvidencial da nosa concencia coleitiva, veña a inxertarse na voz da xuventude vilega, pra restaurar así antre todos un sentimento, un pensamento i unha aición que dean mañán o froito proveitoso do rexionalismo enxebre, que fará progresar a Galicia esnaquizando os logreiros i os lavercos.
¿Como habemos de darlles fe ós que se amostran rexionalistas, namentras teñen postos os ollos na escada do centralismo pra rubir? ¿Cómo habemos de seguire aos rexionalistas que lle deben a súa persoalidade ó Poder Central? Estes non son dos nosos porque nunca serán Amigos da Fala. Os que se chaman gallegos, renegando da lingua, non teñen máis direito a chamarse así que os animales i as prantas que nascen nos nosos eidos. Eiquí doi, irmáns.
Sere Amigos da Fala, supón espírito de sacrificio, e todo apostolado é sacrificio. O que se diga ou esquirba en gallego, non dará fama na Meseta. Por eso renegan do gallego moitos rexionalistas de pan levar. Por eso o rexionalismo gallego, en gallego, é a nosa bandeira de redención; fronteira posta antre o mundo da farsa i o mundo da verdade. Os Amigos da Fala costituímos, pois, unha relixión de homes honrados, de homes enxebres, que quer decir, puros; de homes que comulgan a cotío co rexionalismo integral, ollando á Galicia redenta nos seus corazós a tódalas horas.
Os amigos da Fala seremos, pois, sempre, os gardadores do lume sagrado da patria gallega. Oíde ben: non hai outro rexionalismo que o que se faga en gallego, e si este non xurde, non xurdirá Galicia. Nós somos a pedra de toque onde se probará si as monedas da terra son falsas ou boas. Somos o formento dun porvir grorioso de dinidá e libertá: como a rexa do confesionario no que hai que hai que facer sempre enxamen de concencia rexional.
* * *
Galicia é unha patria natural con lingua de seu. As dúas colunas do noso idearium, que non tiveron en conta os subrimes Precursores, seguíndose de eiquí o seu fracaso. Temos unha lingua propia, feitura de Dios e da Natureza, que emprega aínda a maoría do pobo, non habendo gramáticas ni dizonarios que axudaran a fixala i a pesare de cinco sigros de centralismo: lingua armoñosa que naceu do latín, desgaxada do albre da soberanía de Roma pra parir o castelao i o portugués, pra vivire en trunfo con xeito internacional nas Cortes dos reises e nas xustas de amore; lingua viva que entenden moitos millós de homes máis alá das fronteiras; que fixo dos gallegos, lonxe da terra, lazarillos espirituales dos castelaos. I unha lingua así, -máis estensa, máis prática que a catalana-, ¿non é a nosa millor arma? ¿Poderemos esquecela? Si a lingua é o escudo da persoalidade dos pobos, máis forte que as armas, ¿que loitas ganaremos sin ela? Si a lingua, soiamente, dá a autonomía espritual, as outras autonomías separadas ¿valerán algo?
Hai, pois, unha política pra nós: a gran política da lingua. Si conseguimos intresar nesta política ós novos inteituales e ás xeneraciós que veñen, voltaremos a sere fortes. Pobo que recobra a súa lingua, recóbrase a si mesmo; pénsase como se fala, e fálase como se pensa. Cando morre un idioma morre un pobo. Porque a palabra é o elemento esencial da formación do home. O home –dixo Emerson- é a mitade de si mesmo; a outra mitade é a súa expresión. E nós non temos máis expresión que a que nos impuxo Castela, facendo posibre que Galicia poidérase chamar, xenericamente, Caciquia.
¿Non vos decatades xa do que queremos? A redención de Galcia está nestas dúas cousas: no fomento agarimoso da lingua e no estudio dos nosos probremas económicos que non terán nunca, porque non poden tela, solución no actual réximen político español. Porque Galicia é librecambista pola súa natureza, i o arancel proteitor do feudalismo de Castela será sempre o ostáculo que nos impida poñernos nas condiciós de riqueza que teñen os outros pobos de Europa semellantes ó noso.
Falade i esquirbide e pensade sempre en gallego, irmáns. Por esto fixéronse fortes os cataláns, por esto se lles calunia e combate no Centro, principalmente. Co demais transixiríase.
* * *
“A Nosa Terra” quere que se intrese a mocedade que vén nestas nousas. Quere que surxan ó mesmo tempo que poetas e músicos gallegos, prosistas da nosa lingua. ¡Creemos a forza rexionalista inicial, preparando o advenimento do Heroe gallego, todo gallego, i o noso traballo concruirá con cinguirse co loureiro do trunfo! Porque, como dixo Carlyle, “non abonda con que apareza o heroe; percísase, ademais, un mundo disposto a recibilo como cumpre; un mundo que non estea feito de serviles e domésticos”. E cando apareza ese heroe, dimpois que nós lle fagamos o ambente, a literatura gallega, a socioloxía gallega, a cencia gallega, como as hoxe groriosísimas de Portugal, feitas nunha lingua irmá da nosa, adiquirirán un valimento universal que abonde pra redimirnos. O valor universal dun idioma, faino o Xenio. Si traballamos con fe virá o Xenio, o escultor de pobos que percisamos. Non como pólipos, sinón como homes de razón crara, axudemos a facer o novo continente espiritual da nosa terra. Estrenemos unha voluntá cada día.
Fixádevos en que soio hai un rexionalismo que nos poida servire de exempro: o catalán. Predicar ideas boas non é nada: hai que predicar e dar froito. Cataluña predica e praitica. Cataluña encarnou na realidade do pobo a doitrina rexionalista. Cataluña é quen trouxo as galiñas. Por Cataluña hoxe se chaman todos rexionalistas. Cataluña alumea a nosa Iberia do porvir.
A traballar con fe. Este boletín é de tódolos gallegos. A súa dona é Galicia enteira. Non ten outra. Polo mesmo, as súas follas serán dinas de se coleicionar. Perpetuarán o pensamento dunha época”.


