Material
Irmandades da Fala
«Exemplos. Un grave pecado noso», artigo de A. Villar Ponte
Detalle
“A xenofobia é cousa ruín e serodia. Pro a xenofilia exagerada [sic] tamén ten que lle digan. Para nós quenes praitican de somellante xeito son seres mimetistas c´o azo disposto a cair na servidume.Entr´a xenofilia e a xenofobia, hai un termo meio: o sentimento da propia estimación, que cando s´esmorece nos pobos e nos individuos leva á perda de carácter e da personalidade orixinal. E o carácter é o que permite ós pobos sentiren e obraren, como nos ten demostrado Le Bon n´un dos seus libros fundamentaes.
Pobos de xenofilia esaxerada son pobos rendidos espiritoalmente. E n´este caso temos que dicir que s´atopa Galicia. En Galicia hai xenofilia de abondo. En Galicia todo o alleo que ten algún releve logra reverencias e homenaxes que van levándonos inconscientemente ó desplazamento do propio da concencia colectiva. C´o que imos camiño de ser mais que un país con alma cultivada a xeito co´as suas esencias orixinaes un territorio ou campón con habitantes que aspiran a viviren unha cultura postiza feita de fora adrento e non de drento a fora.
En ningures, como na nosa terra, hai menos entidades culturaes e artísticas que leven nome de galegos prestixiosos. En ningures como nas nosas vilas ostentan as ruas rubros de apelidos alleos. Con apelidos alleos nominalízanse parques e sociedades e barcos feitos nas nosas mariñas. É raro que unha empresa de galego que percise ser bautizada c´un nome propio reciba o d´un conterraño ilustre. E asín os nosos valores intelectuaes e artísticos dos tempos antergos e dos tempos presentes vanse esvaindo dos ouvidos da masa. Tristeiro caso de pedagoxía antipatriótica, que nos fai escepción no mundo: pois xa non aboda c´o esquecimento da fala que á e a nosa característica mais esgrevia senón que tamén chegamos ó esquecimento dos propios valores individuaes, para trocalos polos alleos e cáseque sempre pol-os alleos inferiores a moitos dos nosos.
En vano loitaron antaño para diñificaren o noso propio valimento e os nosos prestixios serios os PP. Feixóo e Sarmento, o cura de Fruime, Verea e Aguiar e tantos outros. En vano os galeguistas militantes d´agora, nin xenófobos nin xenófilos esaxerados, senón donos do nobre sentimento da propia estimación, veñen loitando con tenacidade para ergueren, facéndoa fecunda, a concencia colectiva da raza. Moitos galegos ainda, e dos que teñen fachenda de cultos, pospoñen os nombres de valores nosos por nombres de valores alleos contribuindo á perda do carácter colectivo que é o que leva ós pobos a sentiren e obraren. Asín son os galegos mesmos quenes van facendo xermolar no país de seu o sentimento abafante da propia inferioridade. Así son os galegos mesmos quenes van facendo da nosa terra unha colonia meitalizada [sic] pol-o espírito alleo. ¿Para qué logo protestas contra dos que fan da verba gallego unha expresión implicadora de rebaixamento? A nosa xenofilia esaxerada é o mais activo disolvente da nosa personalidade orixinal. E cando un pobo perde o seu espontaneísmo autóctono, perdéuno todo. Ninguén puido deprender esto nin na Francia, nin na Alemaña, nin na Inglaterra, nin en ningún outro pobo culto do mundo. Esto é un terríbel defecto dos galegos, somentes dos galegos. ¡Probes de nós, porén, si non reacionamos axiña contra d´isto!”


