«Tribuna libre. O que vai de 1916 a 1936...», artigo de A. Villar Ponte / Texto./ FONDOS DOCUMENTAIS / CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Irmandades da Fala

Material

Irmandades da Fala

«Tribuna libre. O que vai de 1916 a 1936...», artigo de A. Villar Ponte

Detalle
“Ao lér Guieiro sentín unha fonda ledicia e ata unha miga de fachenda, quizais porque os que imos para vellos perdémol-a cabeza doadamente e xa nos entregamos mais aos recordos que ás esperanzas.
¡O que vai de 1916 a 1936!
D-aquela non había mais que arqueólogos da literatura, da historia e dos moimentos galegos. Ninguén estudaba a Galicia como cousa viva a se proxeitar no futuro. Incrusive a liña dos nosos poetas oitocentistas coidábase crebada. Entón xurdíu Cabanillas e os seus colegas que enmudeceron por falla d-ambente: Antón Noriega, Gonzalo López Abente e Lugrís Freire voltaron a cantar. E Taibo comenzou a axeitarse aos novos gostos.
E xurdíu Cabanillas cando nós, antre o balbordo da gran guerra, fixemos tanxendo arrebato c-o libriño Nacionalismo Galego: a nosa afirmación rexional, a cruzada que non se tentara nunca cordialmente e con toda conscencia para recriar a patria que como unha brétema velaíña aboiaba en moitos corazóns. D-entón data o galeguismo integral; o verdadeiro galeguismo que agora xa conta -como non contara nunca- c-un partido político e c-unhas Mocedades orgaizadas e xurdías. Querse decir, que o noso soño xa se realizou. E por certo -permitídeme esta arroutada- sin superar moito as verbas acesas e bariles que A Nosa Terra recolleu nos seus primeiros tempos, o mesmo que Rexurdimento.
Ata nós non se valorizara en ningures Galicia como país de persoalidade propia capaz de vivir mellor independente que xunguido a outras terras pol-o xugo estatal. Ata nós tampouco a língua materna se fixo consustancial, inseparabel, d-unha política verdadeiramente galega. Nin en Faraldo, nin en Brañas, nin en Murguía, nin en ninguén, inda latexante xa esta arela en Lugrís, en Rivalta, en Castelao, en Banet... A defensa platónica e filolóxica do idioma e ós gramos literarios -case escrusivamente poéticos- que n-el xurdiron, sucedeu d-aquela a xeito c-o noso verbo a sua imposición como instrumento de loita e como arma imprescindibel para o conquerimento da autonomía espiritoal e d-unha cultura autóctona. E mentres os vellos prexuizos asoballaban a forza da Academia Gallega, fíxose necesario emporiso criar o Seminario d-Estudos Galegos. Esto debido a sementeira das ´Irmandades da Fala´, ás que Porteiro e Viqueira –dous malogrados egrexios- levaron, como reposta a nosa chamada, folgos, talento, cultura, vountade e fé. ¡Qué moito, pois, que hoxe nos sintamos cheios de ledicia e de fachenda ao véremos a semente da grande obra a florir n-eses pinos novos e rexos que son os mozos de Guieiro, onde o vento xurdío da mais trascendente rebeldía, fecunda pol-o patriótica, zoa e brúa, con ecos de bosco e de mareira! ¡O galeguismo, d-hoxe para sempre xa é cousa sagra e inmorredoira! A ledicia d-este feito, como Mefistófeles a Fausto, vóltame novo, inda sin vender a i-alma ao demo, mais si admirando no demo mesmo que Pondal admirou: o de sel-o anxo da primeira rebelión.
Faraldo é como unha brétema romántica na concreción de feitos da nosa historia contemporánea. Formas cambeantes no ar d-unhas vagas ilusións. Os outros, precursores teóricos sin valor praiticista ou pragmatista. Ata o fito da Frouseira divulgámolo nós máis tarde.
E eu dígolles con todo respeto aos “tradicionalistas” da galeguidade actual en movimento, que cando valorizamos Galicia para facela xurdir política e culturalmente de seu, non ollamos a nada antergo -o que non quer decir que non deba ollárese- senón á realidade “presente” con ollada virxe: vendo un país con lingua propia, viva na maioría dos seus moradores e afincada n-un esteo indestrutíbel, o da língoa portuguesa, que lle dá ás nosas arelas unha forza maor que a dos mais pobos difrenciados da Penínsua e de Europa enteira; un país de unidade geográfica, económica e moral, que só pode trocarse de territorio con habitantes, en pobo con alma e cibdadanía, en pobo relevante e útil a si mesmo e o progreso humán, esculpíndose en si mesmo para si mesmo c-o cicel do propio estilo.
O pulo noso naceu ollando o presente e o porvir. Xermolaría igoal de non termos historia nin precursores. Os que fitan agora atrás fan ben; nós non fitábamos cando ceibámol-o berro primeiro do galeguismo conscente. Sin pasado histórico daríamolo o mesmo. Concebímolo pelegrinando por Portugal. Véndolle vivir a vida moderna na nosa fala.”
Descrición
Publicado en A Nosa Terra, nº 396, Pontevedra, 27 de decembro de 1935
Metadatos
  • autoría:
  • edición para web:
  • Data: 27/12/1935
  • Tipo de material: Texto.
  • Medidas: 717 palabras
  • Ficha descriptiva:
    Transcrición de texto reproducido orixinalmente en medio impreso