Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1959 | epístola | Consello da Cultura Galega
epístola

Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1959

Valentín Paz-Andrade (Destinatario/a) · Manuel Cordo Boullosa (Mencionado/a) · Florencio Delgado Gurriarán (Remitente)
02/12/1959
O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Descargar PDF
Guadalaxara. Jal. 2 Nadal 1959


Sr. D. Valentín Paz Andrade
Vigo


Benquerido amigo:

Recibín a túa e máis tarde a visita do teu xentil e vizoso amigo Boullosa. É coma ti dis, falador e imaxinativo, mais tamén é moi simpático e fíxonos pasar unhas horas moi agradables. Tamén ten os seus pulos de «poeta». Tróuxome o teu libro, que lin e estou voltando ler pois é interesantísimo e prodúxome un forte impacto. É triste pensar en que na realidade non pasamos de ser a terra máis probe dun dos estados máis probes da Europa e tamén é abraiante o ver que ista oportunidade que apontas pra o seu porvir –a eleitrificación- poida ser desaproveitada. ¿Non é iste o intre de dirixirse á emigrazón para que financie a industralización de Galiza? Pois eu coido que ten potencialidade económica de abondo para elo. Mais sigamos co teu libro: é valente, documentado e dun forte contido galeguista. Si a realidade é cativa non por iso imos de pechar os ollos diante dela; polo contrario, compre abrilos ben, para combatila. De acordo coa túa interpretación do problema da lingua: o galego ten sesgo de lingua universal e de acordo con iso debemos prantexar as labouras para a súa limpeza, desenrolo e insino. Teño feito moitas notas do teu libro para que as aproveiten nas emisións semanaes da Radio do Padroado.
Folgame moito o que che teña gustado Vieiros. Verdadeiramente «botámola casa pola fiestra». Agora imos ver si seguimos co noso esforzo adiante, e non recuamos, pois xa sabes que unha empresa desta categoría ten moitas dificultades de traballo, económicos etc.
Gracias pola túa oferta e pola lista de enderezos que me mandache. Agardo nos envíes algún traballo para o segundo ou terceiro nº.
Lembranzas aos teus e que teñas boa viaxe a São Paulo. A ver si escribes dende alí.
Unha forte aperta



Florencio Delgado Gurriarán
Tipo de material
epístola
Data
02/12/1959
Medidas
1 páxina
Localizacións
orixe: Guadalajara [nac. México]
destino: Vigo
Etiquetas
Ficha descritiva
[Carta manuscrita:]
Localización física
Arquivo Familiar Paz Andrade