Galicia, unha tarefa por facer Valentín Paz-Andrade nace, en Pontevedra, o 23 de abril de 1898 no seo dunha familia acomodada, da que sería o primoxénito de tres irmáns. Orfo de nai aos sete anos, na formación do cativo adquirirá unha gran relevancia a figura do tío Juan Bautista Andrade, a quen lle atribuiría o mérito de ter espertado nel...
Galicia, unha tarefa por facer Valentín Paz-Andrade nace, en Pontevedra, o 23 de abril de 1898 no seo dunha familia acomodada, da que sería o primoxénito de tres irmáns. Orfo de nai aos sete anos, na formación do cativo adquirirá unha gran relevancia a figura do tío Juan Bautista Andrade, a quen lle atribuiría o mérito de ter espertado nel
o sortilexio das letras e a paixón por Galicia
. Despois de cursar a educación primaria e mais a secundaria na cidade natal, comeza a carreira de dereito, en Santiago de Compostela, en 1917. Un ano antes dérase a coñecer como publicista en
Gaceta de Galicia. Diario de Santiago e o mesmo 1917, no semanario
Alma Galaica e no xornal
La Correspondencia Gallega, ambos de Pontevedra. Alumno brillante e de espírito bulideiro, durante o período universitario iníciase no exercicio da política, angueira cara á que se sentirá inclinado toda a vida e na que chegará a representar papeis de notable entidade e liderado, durante as décadas de 1920 e 1930, dentro sempre dos vértices ideolóxicos do nacionalismo, o autonomismo e o republicanismo democrático.
En maio de 1921 remata a carreira e en xullo recrútano para ir á guerra do Rif. Desde África enviará artigos que publica en
El Noroeste, da Coruña. Eximido das obrigas militares en febreiro de 1922, aséntase en Vigo, onde será un dos principais artífices da saída ás rúas, o 25 de xullo, de
Galicia. Diario de Vigo, considerado un dos grandes fitos na historia do xornalismo galego. Como director, daría cabida nas páxinas do novo xornal a colaboracións de personalidades da cultura e da política galeguistas, así como propias, coas que pretendeu tanto difundir tal ideario entre a sociedade, como influír na súa conformación teórica e estratéxica. Desde a instauración da ditadura de Primo de Rivera en setembro de 1923, o xornal veríase sometido a un vivo proceso de acoso, que desembocaría na súa desaparición en setembro de 1926.
A partir da clausura do diario, dedicarase ao exercicio da avogacía, actividade que non abandonará ata practicamente o momento do seu pasamento. En 1927, asumirá a asesoría en asuntos fiscais e xurídicos da sociedade de armadores de Bouzas La Marítima, un feito de gran transcendencia na súa biografía, pois suporalle o ingreso nun sector estratéxico da economía e a industria de Galicia, do que acabaría sendo un gran coñecedor, ademais dun reputado especialista en certas materias, como a do dereito marítimo internacional. Tamén desta época son as súas primeiras colaboracións na revista, propiedade de José Barreras Massó,
Industrias Pesqueras. En paralelo, despregará unha actividade política que adquire especial intensidade durante os derradeiros estertores da ditadura e os esperanzadores primeiros anos da Segunda República. Dan fe da entidade que alcanza como figura política durante aquel período o feito de que, entre 1929 e 1932, vai ser actor protagonista, a carón case sempre de Afonso R. Castelao, a quen comezara a tratar en 1919, nas principais citas do republicanismo galego, pero moi especialmente do nacionalismo, como foi a fundación do Partido Galeguista en 1931, formación á que representará, en dúas convocatorias electorais, en postos de cabeza nas listas ás eleccións ás Cortes. Finalmente, vivirá un progresivo distanciamento do partido liderado por Castelao, que culminará cando se presenta, nas eleccións de febreiro de 1936, como candidato do Partido de Centro Democrático, de M. Portela Valladares.
A sublevación militar de xullo de 1936 sorpréndeo en Vigo, onde vive os primeiros días con ánimo intranquilo. Con todo, participará nas manobras de salvación dos compañeiros galeguistas R. Martínez López e X. Núñez Búa, que grazas a el conseguen eludir unha represión certa e exiliarse. En setembro recibe unha orde de desterro que cumprirá en Verín, a Serra de Queixa, Castro Caldelas e Pobra de Trives, ata que, en decembro de 1937, se lle permite regresar a Vigo. Sufrirá un novo desterro, nesta ocasión en Villanueva de la Serena, Badaxoz, desde agosto a decembro de 1939.
Obrigado a renunciar a toda forma de realización e proxección pública, vivirá a década de 1940 nun exilio interior, que racha cun prólogo, asinado co seu nome, para a edición de 1948 de
Estampas compostelanas, de Ksado; e co artigo «Castelao: el hombre y el artista» que,
a peito descuberto
, segundo propio aserto, publica, o 14 de xaneiro de 1950, no frontispicio do suplemento literario do xornal compostelán
La Noche.
A de 1950 constituirá a década da súa volta a unha actividade consonte ao seu natural espírito creativo e inquedo. En 1950 viaxa á Arxentina para participar nas Xornadas patrióticas galegas do Centro Galego de Bos Aires, viaxe na que contactará cos exiliados radicados no país. A relación con esta comunidade do alén mar intensificarase a partir do seu ingreso, en 1951, na FAO como asesor en materia de explotación de recursos pesqueiros, grazas a Bibiano F. Osorio Tafall. Esta ocupación levarao a viaxar a múltiples países, en especial de América, durante os seguintes tres lustros. Regresará a Bos Aires en 1957 ‒logo de pasar un mes no cárcere pola publicación dunha nota en
Industrias Pesqueras, do que era director desde 1942‒ para disertar nunha nova edición das Xornadas patrióticas. Os materiais daquelas conferencias serviranlle de base para a redacción de
Galicia como tarea (1959), un ensaio onde reflexiona sobre a sociedade, a economía e a cultura de Galicia desde perspectivas daquela orixinais, entre elas a apelación á condición de activo económico da lingua galega de resultas da súa pertenza á lusofonía. A este ensaio seguiríanlle outros, algúns tan aplaudidos como
La anunciación de Valle-Inclán (1967),
La marginación de Galicia (1970),
A galecidade na obra de Guimarães Rosa (1978) ‒o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega‒, ou a biografía
Castelao na luz e na sombra (1982).
Foi tamén poeta, parcela na que se deu a coñecer serodiamente coa elexía pola morte de Castelao
Pranto matricial (1955). Posteriormente, dará a lume
Sementeira do vento (1968) e
Cen chaves de sombra (1979). No entanto, en 2012, ano en que a Real Academia Galega lle dedicou o Día das Letras Galegas, exhumaríase unha copiosa obra inédita da súa autoría, entre a que sobresae a que escribira durante o confinamento na Serra de Queixa, xa que se trata do maior corpus individual coñecido ata a data de poesía en galego dese período. Dos libros de poemas rescatados en 2012 destacan tamén aqueles cuxo tema recorrente é a emigración.
A súa personalidade polifacética quedaría plasmada igualmente nos ámbitos empresarial e industrial, nos que son ben coñecidos varios emprendementos nos que participa, algúns de tanto éxito como a creación de Pescanova S.A. en 1960.
Na década de 1970 retomará a actividade política: forma parte da Xunta Democrática de Galicia, representa a Galicia na Comisión Negociadora da Oposición Democrática, é elixido senador e, cunha alocución moi aplaudida, pecha a multitudinaria manifestación celebrada, en Vigo, o 4 de decembro de 1977 baixo o slogan
Galicia pola Autonomía
.
Morre o 19 de maio de 1987. Os seus restos descansan na freguesía natal de Lérez, Pontevedra.
Bibliografía primaria
Ensaio
«A nosa definición autonomista», Nós. Boletín mensual da cultura galega, 80 (15 de agosto de 1930), 159-164. Accesible en: https://revistanos.galiciana.gal/recurso/ano-xii-número-80---15-agosto-1930/39cecb4d-dba1-4030-b82c-7e51bc18f211?pagina=11
Galicia como tarea. Buenos Aires: Ediciones Galicia del Centro Gallego de Buenos Aires, 1959. [Edición ao coidado de Luís Seoane]
A galecidade na obra de Guimarães Rosa. Sada: Ediciós do Castro, 1978. [Introdución de Paulo Rónai e epílogo de Álvaro Cunqueiro; existe edición en portugués (tradución de Paulo Rónai), São Paulo: Difel, 1983]
Libro de viaxes
Diarios de viaje. Los itinerarios inéditos de América, 1952-1955. Santiago de Compostela: Alvarellos Editora, 2013. [Edición, introdución e notas de Emilia García López; prólogo de Ramón Villares]
Epistolarios
Epistolario. Sada: Ediciós do Castro, 1997. [Edición de Charo Portela Yáñez e Isaac Díaz Pardo]
Lume de vidas. Valentín Paz-Andrade - Ramón Otero Pedrayo, un diálogo epistolar (1925-1976). Santiago de Compostela: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Universidade, 2012. [Edición de Henrique Monteagudo e Denís Vicente]
Poesía
Pranto matriarcal. Buenos Aires: Ediciones Galicia del Centro Gallego, 1955. [Existen edicións posteriores de 1968, 1975 (edición pentalingüe), 1992 e 2012 (edición facsímile e CD no que se recolle a gravación do recitado do autor realizado en 1957 nos estudios San Martín de Bos Aires)]
Sementeira do vento. Vigo: Galaxia, Colección Salnés de Poesía Galega, 1968. [Con ilustracións de Laxeiro e carta-prefacio de Guilherme de Almeida]
Cen chaves de sombra. Sada: Ediciós do Castro, 1979. [Con cuberta de L. Seoane, ilustracións de Laxeiro e mais prólogo e epílogo (poético) de Lorenzo Varela]
Poesía completa. Vigo: Xerais, 2012. [Edición, limiar e notas de Gregorio Ferreiro Fente]
Biografía secundaria
Associaçom Galega da Lingua (1997): Agália. Revista Internacional da Associaçom Galega da Língua, 51. [Monográfico dedicado a Valentín Paz-Andrade]. Accesible en: https://dialnet.unirioja.es/servlet/ejemplar?codigo=305766&info=open_link_ejemplar
Callón, C.; Filgueiras, P. (2015): Cicatrices de ferro nas palabras. A obra poética e o programa cultural de Valentín Paz-Andrade. A Coruña: Figurandorecuerdo(s)edicions.
Calvo, T. (1998): Valentín Paz-Andrade, a memoria do século. Sada: Ediciós do Castro.
Carballa, X. (2012): Biografía de Valentín Paz Andrade. Vigo: Galaxia.
Portela Yáñez, R. (2012): Valentín Paz Andrade. Vida e obra. Vigo: Xerais.
Real Academia Galega (2012): Valentín Paz-Andrade. Boleltín da Real Academia Galega, 373. [Monográfico sobre Valentín Paz-Andrade]. Accesible en: http://publicacionsperiodicas.academia.gal/index.php/BRAG/issue/view/37