Valentín Paz-Andrade e a lingua portuguesa / Texto./ FONDOS DOCUMENTAIS / CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Un embaixador da lingua portuguesa en Galicia: Valentín Paz-Andrade

Material

Un embaixador da lingua portuguesa en Galicia: Valentín Paz-Andrade

Valentín Paz-Andrade e a lingua portuguesa

Detalle
Dentro do perfil biográfico de Valentín Paz-Andrade a súa apertura ao mundo exterior fíxose patente en moitas facianas da súa vida, tarefa que desenvolveu desde o seu lugar de morada, a cidade de Vigo. En certo modo, este trazo da súa biografía constitúe unha metáfora do estilo con que medrou e se modernizou no século pasado a cidade viguesa: con “raíces na Terra”, pero sempre aberta á viaxe, preferentemente por mar. Paz-Andrade foi, desde moi cedo, un mediador social e empresarial que, por razóns de traballo, comezou a estar presente en ámbitos económicos corporativos nos que tivo que se confrontar con lobbies e grupos de intereses. O tecido empresarial da ría de Vigo, dada a súa especialización nos negocios do mar e a súa vocación cara ao comercio exterior, precisaba claramente de expertos que fosen capaces de romper os atrancos do proteccionismo económico que tanto marcou a España da primeira metade do século pasado. Como asesor da patronal La Marítima de Bouzas, Paz-Andrade tivo que estar presente con frecuencia en Madrid ou en París, dada a importancia do mercado francés para o sector da conserva e da construción naval. Esta dedicación profesional, alén do seu traballo como avogado, fixo de Paz-Andrade un viaxeiro que, na primeira posguerra, só puido desenvolverse a través das súas conexións con Portugal e, logo, con América e cos países escandinavos. Cando Otero Pedrayo viaxa en 1947 a Buenos Aires, segundo conta no seu libro Polos vieiros da saudade, fica ben patente a axuda que lle presta Paz-Andrade para arranxar a súa viaxe e para levar contactos certos en cidades como Lisboa.

A querenza de Paz-Andrade polo mundo de lingua portuguesa foi un trazo moi orixinal na súa biografía. Certamente, na tradición do galeguismo anterior á Guerra Civil, as apelacións a Portugal foron moi frecuentes no plano literario, como amosan as relacións de Risco, Villar Ponte ou Noriega Varela con figuras como Teixeira de Pascoaes, Alfredo Guisado, ou Leonardo Coimbra, sen se esquecer do amplo mundo da arqueoloxía e da etnografía, cuxas relacións mutuas se situarían nun plano máis académico. Pero a novidade que achega a biografía de Paz-Andrade é que estende esta relación portuguesa a países como Brasil e a colonias como Mozambique. Un dos seus contactos máis permanentes foi o poeta Guilherme de Almeida, a quen coñeceu no Vigo dos anos trinta cando este estaba exiliado en Portugal. O poeta brasileiro deixou un pequeno relato da súa viaxe a Galicia no texto publicado na revista Nós en 1935, «Galliza, patria da cançáo».

«Galliza, patria da cançáo». Revista Nós ano 17, nº 135 pp.46-50, 1935.
Neste texto conta que acudiu á “Semana portuguesa de Vigo” celebrada en 1933, onde fixo a descuberta de Galicia como “troncalidá” ou “patria primeira da minha raça”.

As relacións entre Valentín Paz-Andrade e Guilherme de Almeida foron de absoluta colaboración e afecto. No ano 1954 o autor brasileiro traduce ao portugués Pranto matricial que Valentín Paz-Andrade escribiu en memoria de Castelao. Dita tradución está incluída na edición pentalingüe publicada por Ediciós do Castro en 1975

Ver o libro

Ver o mecanoscrito

Posteriormente no ano 1968 Guilherme de Almeida escribe o prólogo, do máis importante poemario de Valentín Paz-Andrade, Sementeira do vento.



Aínda que Paz-Andrade non frecuentou Brasil coa intensidade coa que viaxou a outros países americanos, as súas conexións con figuras da cultura brasileira foron constantes, ata culminar no seu fecundo libro A galecidade na obra de Guimarães Rosa (1978) traducido ao portugués por Paulo Rónai e publicado na editora paulista Difel cinco anos máis tarde, obra pola que o tradutor gañou o premio Jabuti da Cámara Brasileira do Livro. Desbastar a prosa do romance O grande sertão, para identificar nela as pegadas –léxicas, etnográficas– deixadas polos inmigrantes galegos que foran traballar ao estado de Minas Gerais nos tempos do “ouro do Brasil” constituíu un reto que mesmo resulta sorprendente para estudosos e comentaristas da edición brasileira deste ensaio.

Ao longo da obra de Paz-Andrade, aparecen, ao pé dos nomes mais consagrados da literatura galega (Rosalía Castro, Eduardo Pondal, A. D. Rodríguez Castelao ou Luís Seoane), os de Camões, Eça de Queirós, Ramos Rosa, Guerra Junqueiro, Olavo Bilac, Ângelo César, Fernando Pessoa, Drummond de Andrade, Paulo Rónai, Gilberto Freire, Rodrigues Lapa, Teófilo Braga, Oliveira Martins, Guilhermino César, António Sérgio, José Joaquim Nunes, Euclides da Cunha, Damião Peres ou Jaime Cortesão e o xa citado Guilherme de Almeida.

Algúns teñen parte das súas obras reproducidas por Paz-Andrade, outros son citados como referencias lingüísticas, intelectuais ou artísticas. Este conxunto de autores lusófonos (galegos, portugueses e brasileiros) é, en calquera caso o reflexo de unha visión de Galicia que foi estratéxica na acción cultural de Paz-Andrade, e que el sintetizou así: “Galicia é fonte, Portugal, ponte, e, hoxe, o Brasil, algo que se asemella ao paraíso prometido”.

O aprecio da cultura e da lingua portuguesa tivo tamén un efecto de retorno sobre a lingua galega, para a que Paz-Andrade soñaba un porvir “transcontinental”. O autor concibía a cultura e a lingua de Galicia como un valor que debe acompañar as propostas de desenvolvemento económico que son a cerna das súas obras de carácter económico. Nelas denuncia a «marxinación» da lingua e reflexiona, en Galicia como tarea, sobre o «destino histórico» truncado da lingua galega na súa evolución histórica, que había de ser «hacia el sur y sobre el mar» e que ficou escindida, máis que frustrada, pola afirmación do reino de Portugal e a súa expansión ultramarina. Posición que reitera en La marginación de Galicia, ao aludir á propia “marginación” da lingua galega como elemento definidor dos problemas estruturais da sociedade galega, e que está presente de forma constante en conferencias, textos breves e, desde logo, no copioso epistolario que mantivo con centos de correspondentes. Como lle confesa a Guerra de Cal, “cecais estamos diante do nó máis tolledor da cultura galega”

ver epístola

A novidade da posición lingüística de Paz-Andrade é que non renuncia ao valor da lingua galega e á súa propia peculiaridade no conxunto do sistema lingüístico portugués, pero non a reduce unicamente ao territorio galego. Sendo como era unha lingua “non vernácula” –de acordo coa definición da UNESCO apuntada polo autor, segundo a que non se lle atribúe tal característica á fala popular dun país que é lingua oficial doutro–, o idioma galego forma parte dun conxunto que «se extiende a cuatro continentes», sendo o seu principal valor a capacidade de comunicación con millóns de persoas («setenta millones», na altura que estaba a escribir Galicia como tarea, que hoxe serían case 250 millóns de falantes de portugués). A lingua, máis que para «ser» un sinal de identidade –posición sostida rexamente por Ramón Piñeiro coa súa interpretación herderiana do idioma–, debía ser entendida como un instrumento para «facer» e para comunicar, como un tesouro que alongaba mundialmente o «mapa do idioma de Rosalía e de Camoens».
Descrición
A querenza de Paz-Andrade polo mundo de lingua portuguesa foi un trazo moi orixinal na súa biografía. Certamente, na tradición do galeguismo anterior á Guerra Civil, as apelacións a Portugal foron moi frecuentes no plano literario, como amosan as relacións de Risco, Villar Ponte ou Noriega Varela con figuras como Teixeira de Pascoaes, Alfredo Guisado ou Leonardo Coimbra, sen se esquecer do amplo mundo da arqueoloxía e da etnografía, cuxas relacións mutuas se situarían nun plano máis académico. Pero a novidade que achega a biografía de Paz-Andrade é que estende esta relación portuguesa a países como Brasil e a colonias como Mozambique. Un dos seus contactos máis permanentes foi o poeta Guilherme de Almeida, a quen coñeceu no Vigo dos anos trinta cando este estaba exiliado en Portugal.
Metadatos
  • autoría:
  • Obxecto de estudo:
  • Data: 05/05/2020
  • Tipo de material: Texto.
  • Medidas: 1.138 palabras, 7.978 caracteres o corpo do texto
  • Ficha descriptiva:
    Texto nativo dixital con insertos multimedia