Descrición
Rosario Sarmiento, xestora cultural e comisaria de exposicións e integrante da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega, tira do fío de Elena Colmeiro, muller homenaxeada no ciclo coa xornada Elena Colmeiro, espazos da materia, realizada en 2014. A súa navegación lévanos por referencias vitais que marcaron a obra da artista de Silleda como foron a experiencia do exilio, a súa formación en Bos Aires ou o duro traballo para se converter en artista profesional nos tempos da posguerra. É Elena Colmeiro unha pioneira, unha muller reflexiva que se fai moitas preguntas sobre o devir da súa obra, o que a converte nunha grande innovadora da linguaxe da cerámica. Neste fío descubrirás máis sobre ela, a súa busca constante do movemento e a importancia que outorgaba aos materiais.


