Especial

O fío de Penélope

O especial O fío de Penélope condúcenos do fío de Ariadna ao nobelo de Penélope. Once mulleres fan cadanseu periplo polos contidos do web do Consello da Cultura Galega a partir das mulleres homenaxeadas en xornadas organizadas dende o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG. (...)
Vídeos

O fío de Penélope (1/11) [2020]: H. González explora o universo de X. Torres no CCG [2009]

Helena González, Directora do ADHUC- Centre de Recerca Teoria, Gènere, Sexualitat da Universitat de Barcelona, foi a coordinadora, xunto con Ana Romaní da xornada inaugural do ciclo Xohana Torres, a dona dos mapas, realizada en 2009. A súa navegación lévanos por referencias vitais que marcaron a obra da escritora como foron o mar, o son do río, a radio, o feminismo, as lecturas da biblioteca da militante comunista Hortensia Landeira ou a vida no rural.

O fío de Penélope (10/11) [2020]: Xulia Feixoo explora o universo de Mercedes Goicoa no CCG [2018]

Xulia Feixoo, etnomusicóloga, historiadora da música e percusionista, adica a súa carreira profesional á investigación, compilación e divulgación das músicas de tradición oral de Galicia, é membro do Arquivo Sonoro de Galicia do CCG, e participou como relatora na xornada Mercedes Goicoa. Músicas, para vivir, realizada en 2018. A súa navegación lévanos pola vida de Mercedes Goicoa, para redescubrir a súa longuísima e rica traxectoria, facernos partícipes da súa enerxía e vitalidade, proxectada na súa dilatada experiencia e enriquecida, neste percorrido, na relación que traza coas artes visuais das novas creadoras, a fotografía de Anna Turbau, a literatura de Rosalía de Castro ou a música de Andrés Gaos. Mercedes Goicoa, figura imprescindible na historia da música galega.

O fío de Penélope (11/11) [2020]: Iolanda Fernández Casal explora o universo de Carmela Porteiro no CCG [2019]

Iolanda Casal, xornalista e integrante da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do CCG, guíanos polos mares de Carmela Porteiro Lago, a científica a quen dedicamos a xornada conmemorativa de 2019. A súa navegación lévanos por referencias que definen a traxectoria profesional de Carmela e, canda ela, a historia das científicas que se abriron camiño na investigación pesqueira alén dos laboratorios, embarcándose e dirixindo expedicións, tradicional couto de homes. O ronsel aberto por esta viguesa -tataraneta doutra muller afouta como Agustina Aboi (a primeira muller do corpo nacional de mestras por oposición de España)- permítenos lembrar o legado da oceanógrafa ferrolá Ángeles Alvariño, a viaxe pioneira de Humboldt, as cantigas mareiras, o perigo dos estragos ambientais ou a importancia dos avances tecnolóxicos e da divulgación científica.

O fío de Penélope (2/11) [2020]: E. Vázquez Cendón explora o universo de M. J. Wonenburger no CCG [2010]

Elena Vázquez Cendón, decana de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, coordinadora da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade e membro do Plenario do Consello da Cultura Galega, tira do fío de María Josefa Wonenburger Planells, a segunda muller homenaxeada no ciclo coa xornada MJWP na creación de coñecemento, realizada en 2010. A súa navegación lévanos por referencias vitais que marcaron a obra da científica coruñesa como foron o gusto pola arte, o ensino das novas xeracións, a importancia da docencia ou o inxente labor das mulleres pioneiras na ciencia. Todo isto baixo o paraugas do sorriso de María que alumea o seu legado para as novas xeracións.

O fío de Penélope (4/11) [2020]: M. X. Porteiro explora o universo de T. Navaza no CCG [2012]

María Xosé Porteiro, coordinadora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos e integrante da Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega, tira do fío de Tereixa Navaza, unha muller coa que comparte a paixón pola comunicación. Tereixa foi homenaxeada no ano 2012 no acto Tereixa Navaza, a voz da liberdade. Esta navegación lévanos polas augas do pensamento feminista, da defensa da liberdade da expresión, da presenza das mulleres nos medios de comunicación e do seu labor profesional na radio e na televisión, nos que sempre defendeu o pluralismo e o uso da lingua galega.

O fío de Penélope (5/11) [2020]: D. Vilavedra explora o universo de M. Ribera no CCG [2013]

Dolores Vilavedra, profesora titular de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela e coordinadora da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG, foi a coordinadora, xunto con Inma López Silva, da xornada Escénicas. Mabel Rivera, realizada en 2013. A súa navegación lévanos por referencias vitais e profesionais que marcaron a súa traxectoria, o recordo de Roberto Vidal Bolaño, Rosa Álvarez e Marisa Soto, a súa preocupación pola formación e os estudos e o marcado compromiso cívico e reivindicativo dunha das actrices máis galardoadas da nosa escena e audiovisual.

O fío de Penélope (6/11): R. Sarmiento explora o universo de E. Colmeiro no CCG [2014]

Rosario Sarmiento, xestora cultural e comisaria de exposicións e integrante da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega, tira do fío de Elena Colmeiro, muller homenaxeada no ciclo coa xornada Elena Colmeiro, espazos da materia, realizada en 2014. A súa navegación lévanos por referencias vitais que marcaron a obra da artista de Silleda como foron a experiencia do exilio, a súa formación en Bos Aires ou o duro traballo para se converter en artista profesional nos tempos da posguerra. É Elena Colmeiro unha pioneira, unha muller reflexiva que se fai moitas preguntas sobre o devir da súa obra, o que a converte nunha grande innovadora da linguaxe da cerámica. Neste fío descubrirás máis sobre ela, a súa busca constante do movemento e a importancia que outorgaba aos materiais.

O fío de Penélope (7/11): E. Otero explora o universo de M. Quintero no CCG [2015]

Encarna Otero, historiadora e membro da Comisión Técnica Temporal Imaxes e Voces e da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, tira do fío de Mary Quintero, muller homenaxeada no ciclo coa xornada Mary Quintero, a luz que alumea a vida, realizada en 2015. A súa navegación lévanos de Lugo a Vigo e saca das sombras do cuarto escuro unha vida marcada pola busca constante das innovacións tecnolóxicas na súa profesión, o pulo empresarial, a herdanza familiar e a vontade creativa no soporte papel, tanto na fotografía como na pintura.

O fío de Penélope (8/11): T. López Fernández explora o universo de K March no CCG [2016]

Teresa López Fernández, profesora titular da área de Filoloxías Galega e Portuguesa na Universidade da Coruña e membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, foi a coordinadora, xunto con Dolores Vilavedra, da xornada Kathleen March. Ler como feminista, realizada en 2016. A súa navegación lévanos por referencias que definen a traxectoria profesional de Kathleen March, a súa inmensa produción como tradutora, creadora e promotora da proxección da nosa literatura no ámbito internacional. Teresa López ofrece un suxestivo itinerario por fontes e referentes literarias e visuais, que nos leva a Rosalía de Castro, ás fotografías de Anna Turbau e Alberto Martí, á plástica de Seoane ou ás palabras de Carvalho Calero. Un convite polo feminismo, o galicianismo e o rosalianismo, pero tamén a docente comprometida co servizo á comunidade, a novelista e poeta, a creadora de fermosos libros de arte e a académica distinguida.

O fío de Penélope (9/11): R. Blanco Rotea explora o universo de P. Campos de Michelena no CCG [2017]

Rebeca Blanco Rotea é arqueóloga e coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega. A súa navegación lévanos por referencias que definen a traxectoria profesional de Pascuala Campos, percorre a súa cartografía e traza un suxestivo itinerario pola súa arquitectura comprometida, a historia da arquitectura contemporánea en Galicia, a súa activa implicación co movemento feminista e a súa relación coa intervención no patrimonio.
Audios

Penélope

00/00/2006 Audio. Voz. Recitado
Xohana Torres recita en Poetas e narradores nas súas voces, Vol.2, CD 1
0:00 / 0:00