Material
Historias de ida e volta
Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)
Ferdinand de Lesseps, figura pioneira dun proxecto errado
Detalle
O francés Ferdinand de Lesseps, diplomático de carreira e empresario, foi a figura pioneira que deu comezo á materialización dunha idea que viña circulando desde tempos da colonización española, tal como amosaban os estudos topográficos ordenados polo rei Carlos I de España en 1534. Foi recoñecido como “O milagre de Suez” ou “O grande enxeñeiro” desde 1869, polo traballo realizado na construción da canle de Suez (Exipto). Parecía a persoa idónea e pedíronlle que se ocupase do proxecto de construción da canle de Panamá, aínda que non era propiamente un enxeñeiro, senón un diplomático, como fora seu pai, Mathieu de Lesseps. A compañía presidida por Ferdinand, denominada Compagnie Universelle du Canal Interocéanique, fundouse o 31 de xaneiro de 1881. A persoa que en realidade se encargaría da supervisión diaria dos traballos sería o seu fillo Charles. Namentres, Lesseps intentaba conseguir financiamento para o ambicioso proxecto de construción da canle, a través da venda de accións da compañía, entre outros movementos.A despregadura de maquinaria e man de obra nun terreo pouco explorado, á falta de plans de previsión —especialmente en materia de financiamento e medios técnicos—, e a mala organización e malversación de fondos orixinaron certa desconfianza, a partir da cal se levaron a cabo exhaustivos exames do estado financeiro, os activos e as condicións técnicas, o que acabou coa empresa. Deste xeito, o 21 de outubro de 1894 créase unha nova compañía denominada Compañía Nueva del Canal de Panamá. A pesar de todo, catro anos despois a situación era insostible e as prórrogas outorgadas polo Goberno colombiano non foron suficientes, o que levou a que en 1898 se producisen as primeiras tomas de contacto con Estados Unidos.


