Material
Historias de ida e volta
A Biblioteca América: o legado cultural de Gumersindo Busto
Gumersindo Busto Villanueva, gran filántropo compostelán (Santiago de Compostela 1872 - Bos Aires 1937)
Detalle
Fillo de María Manuela Busto y Villanueva, este compostelán naceu en 1872, na parroquia de San Martiño de Laraño. Pouco se sabe sobre a súa infancia e preadolescencia en Galicia, agás que ingresou no Seminario de Santiago e cursou os tres primeiros anos de Latinidade. Como moitos galegos da época, Gumersindo non escaparía á tentación de emprender a súa propia aventura migratoria. En 1887, con tan só 15 anos, embarcou cara a Uruguai, o seu o primeiro destino migratorio e onde desempeñou varias ocupacións, como telegrafista no Ferrocarril Central de Uruguai, mestre dunha escola rural en Tacuarembó e asistente nunha notaría en Montevideo. Esta última experiencia marcou o seu ingreso na Facultade de Dereito da Universidad de Montevideo en 1892. Nese mesmo ano Gumersindo marchou para Arxentina e volveu exercer de telegrafista no Ferrocarril de Bos Aires e Rosario. Coa intención de continuar cos seus estudos, decide solicitar traballo no Rexistro da capital ata conseguir o grao de escribán público da cidade de Bos Aires, en 1898. Dende entón a súa carreira profesional consolidouse cada vez máis. O 11 de maio de 1896 contrae matrimonio coa arxentina Felisa Gallardeo e forman unha familia numerosa de oito fillos varóns, dos que o segundo, chamado Julio César, seguiu os seus pasos profesionais e rexeu con el a notaría dende 1933.O seu crecemento intelectual e profesional non fixo que emocionalmente se desligase da súa terra, senón todo o contrario. Coa mente sempre nela, Gumersindo Busto promoveu unha serie de iniciativas para estreitar lazos entre América e España, entre as que destacou o seu proxecto de creación da Universidad Libre Hispanoamericana, nado en 1904. Finalmente, só puido levar a cabo un dos elementos que complementaban ese grande ideal e que consistía na organización e fundación da Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela, froito de grandes esforzos e unha incansable persistencia e dedicación persoal, a cal foi inaugurada 22 anos despois, en 1926.


