O descanso final: noticia do regreso dos restos do filántropo Jesús García Naveira a Betanzos, 1917 | Documento | Consello da Cultura Galega
Documento

O descanso final: noticia do regreso dos restos do filántropo Jesús García Naveira a Betanzos, 1917

Jesús García Naveira (Mencionado/a)
00/00/1917
O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Descargar PDF
A noticia da morte de Jesús García Naveira acaecida de forma repentina en 1912 en Arxentina conmocionou a toda a sociedade betanceira e galega. Xa recoñecido o seu labor filantrópico e benéfico xunto co seu irmán Juan, as homenaxes e tributos aparecen en toda a prensa do momento. Con motivo do seu falecemento, as Sociedades Obreiras de Betanzos organizaron unha velada literaria na que numerosos intelectuais da comarca loaron a súa figura e obra.
No seu testamento deixa un importante legado a beneficio do padroado presidido polo seu irmán Juan, así como outras doazóns para mellorar a vida dos seus veciños e veciñas: 50 000 pesetas para construír unha escola municipal; a mesma cantidade a favor das Sociedades Obreiras de Betanzos, coa que mercaron unha casa que se converterá en Casa del Pueblo sede dos obreiros; 100 000 pesetas para repartir entre 200 familias pobres da vila, e outros legados para familiares e amigos. O total supuxo máis de 1 220 000 pesetas.
En 1917, os seus restos mortais foron trasladados a Betanzos e soterrados nun mausoleo erixido na capela do asilo que mandara construír. A noticia tivo amplo eco na prensa, como neste artigo de Vida Gallega, no que o xornalista menciona todas as súas obras benéficas e o recoñecemento dos seus paisanos «[…] De la Coruña y de todos los pueblos inmediatos acudieron millares de personas a los actos fúnebres, sobre cuya grandeza se destacaron muchos testimonios de la ingenua, fértil y hondísima gratitud de las clases más humildes, las más favorecidas por la generosidad de los hermanos García Naveira».
Tipo de material
Documento
Data
00/00/1917
Localización física
Galiciana. Biblioteca de Galicia
Notas
Fondo: Galiciana. Biblioteca de Galicia: «Los restos de un filántropo. Gratitud de un pueblo», Vida Gallega (1917), n.º 83 (marzo), 15 e 22