Material
Historias de ida e volta
Voceiros da colectividade galega na emigracion
Revista Deportiva. Centro Gallego de Montreal (1987)

Detalle
Se a comparamos coa doutros países americanos, a colectividade galega no Canadá é moito menos importante numericamente, pero aínda así nos seus principais lugares de asentamento —Montreal e Toronto— os galegos e galegas crearon as súas asociacións recreativas e culturais e deixaron a súa pegada. Os centros de ambas as dúas cidades publicaron varias revistas e boletíns para informar aos seus socios e socias das actividades e da marcha destas, sempre na defensa da súa identidade. Ademais dos voceiros sociais que se poden consultar nos fondos do AEG, destacamos, pola súa temática diferente, esta revista, que anualmente informaba e difundía as actividades deportivas desenvolvidas polos socios do Centro Galego de Montreal, ademais de recoller as noticias de interese das actividades deportivas que se organizaban nesta cidade canadense.O voceiro oficial desta asociación chamado Breogán, nome de raíces celtas e galeguistas, foi editado en 1972 pero tivo unha escasa duración. En 1974 edita Aturuxo, publicación divulgativa coa que se pretende «informar ós galegos residentes en Canadá, de novas sobre feitos e obras da terra galega, as súas xentes e as súas cousas» e que presta unha especial atención á cultura, relatos, gastronomía e biografías de intelectuais galegos.