Material
Historias de ida e volta
Voceiros da colectividade galega na emigracion
A Lareira. Voceiro da Casa de Galicia, Asociación cultural (París, 1986)

Detalle
A mediados do século XX a tendencia migratoria galega foi cambiando na elección dos países e comezou a etapa europea. Francia foi un dos destinos principais.Nos anos setenta, a Casa de Galicia de París xa publicara varios boletíns en que informaba aos socios e socias das súas actividades. En 1984 edita o primeiro número de A Voz da Lareira. Voceiro da Casa de Galicia, que a partir do seu número 4 (1985) cambia de nome e pasa a chamarse A Lareira. Esta revista ten como obxectivo informar sobre temas de interese para as e os emigrantes galegos asentados na capital francesa. Unha parte importante da publicación está dedicada a temas referidos a Galicia e á súa cultura, historia, lingua etc., asumindo un compromiso cultural e político de carácter nacionalista, tal como vemos nesta portada dedicada á celebración do Día da Identidade Galega, con referentes culturais como Rosalía de Castro, Castelao, Concepción Arenal e Alfonso X o Sabio. Tamén analiza a situación da emigración; cómpre resaltar a información específica ofrecida aos traballadores galegos sobre seguridade social, pensións e xubilacións en España e en Francia. No resto da publicación descríbense as actividades da asociación con numerosas fotografías.