A escola de Magazos, unha das moitas escolas financiadas pola sociedade habaneira Vivero y su Comarca, 2008 / Imaxe. Fotografía/ FONDOS DOCUMENTAIS / CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Historias de ida e volta: A pegada indiana na Mariña lucense:

A escola de Magazos, unha das moitas escolas financiadas pola sociedade habaneira Vivero y su Comarca, 2008

Unha sociedade de emigrantes que destaca polo elevado número de centros educativos creados na súa terra natal é a Ilustrísima Sociedad de Vivero y su Comarca na Habana. Este título de honra concedeullo o Goberno de España en 1919, ademais da Cruz de Beneficencia de primeira clase.
Esta senlleira entidade foi creada en 1910 por iniciativa dos emigrantes viveirenses Justo Taladrid Catá, Tomás Ramos Riguera, Amando Cora e Antonio Pernas entre outros, que levaron a bo porto o obxectivo prioritario da súa fundación: a creación de escolas en todas as parroquias do partido xudicial de Viveiro. Temos constancia da súa intervención económica na construción, arranxo e mantemento de 57 escolas distribuídas por toda a zona mariñá, ademais da súa contribución á compra de material docente e de doazóns para casos puntuais de necesidade tanto das escolas como dos seus veciños e veciñas.
Esta escola, na parroquia de Santa María de Magazos, é un exemplo do modelo arquitectónico que implantaron na construción de case todos os seus centros educativos. Eran edificios dunha soa planta, de forma rectangular, con escasa ornamentación e nos que primaban as numerosas fiestras, que achegaban luminosidade ás aulas, que normalmente eran dúas pois o alumnado separábase por sexos.

  • Data: 2008
  • Tipo de material: Imaxe. Fotografía
  • Etiquetas:
  • Notas:
    Fondo: Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega
  • Entidades:
    Mención:Ilma. Sociedad Vivero y su comarca. A Habana
  • Localizacións:
    orixe: Santa María de Magazos, Viveiro, Lugo;
  • Nota legal:

    Agás indicación expresa, o CCG carece dos permisos para ceder os materiais publicadas nos fondos documentais

Compartir:
Image 1