Material
Historias de ida e volta
A emigración galega nos Estados Unidos
Mulleres galegas, as protagonistas das cacheladas da Casa de Galicia de Unidad Gallega, Nova York, 1966
Detalle
As famosas «cacheladas» —organizadas polo Comité de Damas da Casa de Galicia de Unidad Gallega de Nova York— sempre formaron parte das actividades máis populares entre os socios e socias desta entidade. As filloas / freixós nunca faltaban nesta celebración. O seu fin non era puramente recreativo, senón que estaba enfocado á recadación de fondos co fin de levar a cabo os distintos proxectos para promover a defensa da cultura galega e axudar os máis necesitados.Moitas das galegas pertencentes á primeira xeración de emigrantes estaban casadas e dedicábanse, maioritariamente, aos labores domésticos e ao coidado dos fillos. Pero non sempre se cumpría este patrón, pois en numerosas ocasións incorporábanse ao mercado laboral como traballadoras domésticas, costureiras ou, cando alcanzaban unha maior formación técnica, auxiliares administrativas.
En calquera xeito, a través desta imaxe queremos ilustrar o alto nivel de participación feminina dentro das sociedades constituídas pola colectividade galega radicada na Gran Mazá. Lideraban a organización de actividades de divertimento, a conservación das tradicións gastronómicas galegas e a recadación de fondos económicos para atender as necesidades daqueles que quedaron en Galicia.


