Material
Historias de ida e volta
O galeguismo en América
As iniciativas pro-progreso de Galicia: A Residencia de Estudiantes de Santiago de Compostela, 1928
Detalle
A colectividade galega emigrada en América sempre estivo implicada nos distintos proxectos a prol do desenvolvemento da cultura e o progreso de Galicia. Tal foi o caso das numerosas sociedades de instrución fundadas para crear escolas que se foron espallando pola xeografía galega, nas que recibiron formación educativa as novas xeracións.A Universidade de Santiago de Compostela (USC) tamén se viu favorecida polo fenómeno da emigración galega. O primeiro exemplo que nos vén á mente é a Biblioteca América da USC, iniciativa do galego residente na Arxentina Gumersindo Busto. Porén, non debemos esquecer que non foi a única iniciativa a prol do desenvolvemento do ensino superior en Galicia. A contribución para a edificación da Residencia de Estudiantes no Campo do Mendo (1928) foi un dos proxectos que chegou a bo porto, grazas tamén á colaboración dos nosos emigrantes.
A idea de crear unha residencia universitaria quedou rexistrada nas actas do claustro da USC en 1919. En 1922 o corpo reitor e o propio alcalde da cidade manifestaron o seu desacordo coas partidas orzamentarias enviadas polo Goberno de Madrid. Nun contexto de grave dificultade económica, o claustro da USC considerou a proposta de crear un padroado universitario, realizada dende a outra beira do Atlántico. A colectividade galega do Río da Prata estivo bastante implicada nesta iniciativa.
En 1925 o claustro iniciou o seu traballo de procura de axuda financeira baixo a dirección do profesor Armando Castro Navajas. Finalmente, a idea do proxecto residencial viuse apoiada por decreto en 1926, o que deu pé á creación dos padroados universitarios. Comezou a campaña para recadar fondos económicos encabezada polo Comité pro-Residencia, formado por Pérez Bustamante, Arias Ramos ou Rodríguez Cadarso, entre outros. Os centros galegos de Madrid e América foron invitados a participar na campaña e a contribuír economicamente. O catedrático Roberto Nóvoa Santos aproveitou unha viaxe por América para difundir o proxecto de construción da residencia compostelá. Así, fóronse sucedendo distintos actos benéficos organizados por todos os sectores sociais, entes públicos e privados e tamén particulares. Finalmente, en xaneiro de 1928 tivo lugar a colocación da primeira pedra da nova Residencia de Estudiantes da USC.


