Material
Historias de ida e volta
A pegada educativa da emigración galega en América
Edificio do Plantel Concepción Arenal, o centro educativo das e dos galegos asentados na Habana, 2019

Detalle
Na actualidade este edificio continúa a ser un referente no sistema educativo cubano como centro de estudo de numerosas xeracións de nenos e nenas cubanas. O actual Plantel Escolar Concepción Arenal segue levando o nome que lle deran os seus creadores, os emigrantes galegos instalados na illa de Cuba. Isto debe ser un orgullo para Galicia como un símbolo das iniciativas dos nosos paisanos alén mar a prol da cultura e da educación.O 23 de novembro de 1879 un grupo de persoeiros galegos residentes na Habana fundou o Centro Galego da Habana, Sociedad de Instrucción y Recreo, unha das asociacións da emigración galega máis senlleiras. A comezos de 1880 a directiva aluga como sede social este edificio situado na rúa Prado esquina Dragones, inmoble que pasaría a ser da súa propiedade uns anos despois. Axiña instala unhas aulas no primeiro piso, nas que se imparten cursos nocturnos de alfabetización para os socios e diúrnos para os seus fillos. En 1907 o Centro Galego comeza a construír na rúa Prado un magnífico palacio —inaugurado como sede social en 1914— e, co obxecto de que todos os servizos académicos estean reunidos nun mesmo edificio, aproba reformar a súa antiga sede para instalar alí un gran centro educativo, o Plantel Concepción Arenal, denominación aprobada na asemblea de socios do 16 de decembro de 1914 como homenaxe á gran xurista e pensadora galega, autora —entre outras obras— de La instrucción del pueblo (1878).