Material
Historias de ida e volta
A pegada educativa da emigración galega en América
Aula de corte e confección do Plantel Concepción Arenal, A Habana, 1919

Detalle
Para asistir como alumno aos cursos deste centro educativo era condición necesaria ser socio do Centro Galego ou familiar dun socio. Para os varóns as clases eran gratuítas, mentres que as nenas (fillas de socios) tiñan que pagar unha pequena cantidade anual. Co tempo tamén puideron acceder os cubanos e os membros doutras colectividades.Había unha ampla oferta de estudos que se foi estendendo co paso dos anos: de primaria ata o oitavo grao, pero tamén formación profesional (taquigrafía, mecanografía, secretariado comercial, álxebra, idiomas…) e preparación para acceder ao bacharelato. As clases podían ser pola mañá, pero tamén se favorecían as nocturnas debido a que moitos dos alumnos adultos só podían acudir despois da xornada laboral. Tampouco debemos esquecer que a Sección de Belas Artes organizaba clases de pintura, música e danza, de gran sona na cidade.
A partir de 1894 permitiuse o acceso das mulleres á formación educativa do Plantel. Aínda así, os plans de estudo eran distintos para homes e mulleres: había aulas diferenciadas por sexos e as alumnas recibían clases de ensino primario, corte e confección, bordados á máquina, labores domésticos ou secretariado, tarefas que se consideraban «máis propias do seu sexo».