O 1 de outubro de 1917 uns cincocentos galegos e fillos de galegos, «con entusiasmo indescriptible», botaron os cimentos da Casa de Galicia de Montevideo, fundada polo baionés José María Barreiro e outros galegos con ideais, para un bo futuro da colectividade alí residente. A Escola Curros Enríquez foi creada pola Sección de Instrución desta sociedade de emigrantes no Uruguai, un gran labor desenvolvido co fin de poder ofrecer formación educativa aos seus socios e socias, á marxe do carácter mutualista e benéfico da entidade. Ao chamado polos asociados «Instituto Social» podían asistir tanto os pais como os fillos dos socios. Entre as materias principais que se impartían na escola constaban as seguintes: dactilografía, aritmética, cálculos mercantís, levanza de libros, taquigrafía, caligrafía e ortografía. O ensino foise ampliado co paso dos anos, coa introdución do curso de inglés. A media de alumnos e alumnas matriculadas nesta escola, co fin de recibir coñecementos para aprender habilidades certificadas que lles permitisen lograr certa mobilidade no futuro ámbito laboral superaba con creces o centenar anual.