#Rosario#
O creador de símbolos: a Naiciña
Día das Artes Galegas: Asorey e a diáspora

Francisco Asorey no seu obradoiro. Foto: Ksado
Francisco Asorey (Cambados, 1889 - Santiago, 1961) desenvolveu a súa arte nas primeiras décadas do século XX. A súa innovadora aposta escultórica combinou o costumismo do século XIX coa conexión coas novas correntes artísticas europeas, nas que o emprego do simbolismo, o novo papel da muller ou a conexión entre nacionalismo e artes constrúen unha nova referencialidade artística. Velaí van nacer as diferentes mulleres esculpidas de Asorey: mulleres aldeás de coloridos panos, que aluden á maternidade, á devoción popular ou ao coidado do campo, de caras redondas, fazulas encarnadas e ollos azuis e que se convirten en alegorías simbólicas da propia Galicia.
A obra de Asorey acadou unha importante sona no ámbito español, a través da súa participación nas Exposicións Nacionais de Belas Artes que se celebraban en Madrid e que eran a referencia sobre todo a partir das súas figuras de santos e destas mulleres. Será neste contexto cando observamos o decisivo encaixe entre Asorey e as novas correntes galeguistas. O artista presentara a obra Naiciña en 1922 a este certame en Madrid. Con ela obtivo unha bolsa de viaxe por España para coñecer o patrimonio artístico e un terceiro premio, que el rexeitou por entendelo como inxusto. O galeguismo do momento organizou en Cambados, no verán de 1922, unha xornada de desagravio ao escultor, no que participou unha plural e masiva asistencia da intelectualidade e a política galegas do momento, que entendeu ese terceiro premio como unha ofensa á propia Galicia, pero tamén como unha homenaxe a un prometedor escultor que xa se concibía como referente. No seu discurso, o poeta e compatriota Ramón Cabanillas chega a afirmar: "Despois do noso Mestre Mateo que tallou esa marabilla dos séculos que se chama o Pórtico da Gloria, viñeches ti resucitar a lenda gloriosa dos imaxineiros galegos".

Naiciña como mención textual no catálogo da Exposición Nacional de Belas Artes
O certo é que Naiciña non aparece nin sequera representada con fotografía no catálogo da Exposición Nacional de Belas Artes. Unha ollada ás outras obras presentadas e que si figuran fotografadas no catálogo permite observar a radical diferencia entre Naiciña e boa parte da mostra español presentado ese ano, cunha tendencia moi academicista.

Durante moitas décadas, o paradoiro desta emblemática escultura foi descoñecido, ata que en 2014 os familiares do escultor localizárona no Museo de Artes Decorativas Firma e Odilo Estévez, en Rosario (Arxentina).


