«Definicións», artigo de R. Villar Ponte
Contra do que sosteñen os numerosísimos enemigos do nazonalismo pódese afirmare termiñantemente que iste non é, non foi, nen será endexamáis un movimento illador, egoísta, de esquecemento do alleo pr'â imposición escrusiva do propio.
Soio cando o nazonalismo é desvirtuado por aquiles que se dín os seus mais perfectos seguidores, pode aparecer côs caracteres apuntados. I-estonces a tendenza mal chamada nazonalista deixa de sere o que debe sere pra se trocare n-algo merecedor da repulsa de todal-as concenzas sans e honradas. Estonces o nazonalismo esmorécese e no seu canto xurde o funesto imperialismo.
O nazonalismo quer denantes que nada desintegrare, desvencellare aquila armazón artificiosa, falsa, feita de costas á realidade e aos imperativos da natureza, pra erguere a verdadeira armazón que se afinca na base inconmovíbel e segura das orgaizaciós naturaes.
E n-iste senso o nazonalismo ben pode se chamare internazonalismo, xa que arrincando de aquila crasificación mundial das terras en Estados nazonaes asegún as suas coincidencias de diversos ordens, vai directamentes ao estabelecimento de unidades específicas, aquilas que por lei de natureza o son realmente. Aludimos ás nacionalidades naturaes.
Por outra parte, o nazonalismo puro, o lexítimo e non adulteirado nazonalismo fai destacar como arela fundamental, como degoiro básico o seu propósito de aportare ao patrimonio espritual da humanidade o resultado íntegro dos seus esforzos d'especificación de unha cultura resellada pol-o infruxo dos diversos factores que concurren a determiñaren, non soio a fisonomía espritual sinón tamén a física dos pobos dotados de persoalidade orixinal e inconfundíbel.
Logo o nazonalismo, tendo en conta o devandito, é aportación xenerosa, aportación desintresada e altruísta ao labor xúrdio de renacencia universal, mediante o aproveitamento de todas aquilas enerxías creadoras por cuio concurso terá de chegárese a unha humanidade enriquentada coa múltipre e ceibe actuación dos difrentes pobos que a constituien, en preno desenrolo das suas características peculiares sabiamente encamiñadas ao abranguemento de un tipo superior non soio no senso individual sinón tamén no colectivo.


