«Verbas no vieiro. Laboura a faguere», artigo de R. Villar Ponte
Non ten nada d'eistrano que haxa na Galiza tantos galegos desleigados. Contrariamentes, é moi natural qu'eisí suceda. Eles, os desleigados, dimpois de todo, non son mais que unha consecuenza lóxica do insiño que recibiron, do medio en que foron medrados e da premeditada e ben cuidada iñoranza respecto âs cousas propias, âs cousas da terra con que un Estado centralista, de ourentación e de predominio castelán termou decote de mantelos, pra eisí millor tirare en proveito propio aquela sumisión e aquel acatamento soio concebibel en cegos ou en iñorantes.
Por todos é admitido como axiomático que soio onde hai coñecimento pode haber amor. E ise amor é o que constituie a fontenla de onde se deita o intrés, a preocupación e a necesidade de coñecer aquelo que se ama e d'esforzarse decote por milloralo. Con referenza â Galiza, hai dificultade pra que nos seus fillos eisista amor a ela - e conste que as eiscepcións confirman a regra-, xa que contados, e ben contados son os galegos que da patria natural teñen un coñecimento verdadeiro, non maliciosamente desfigurado e contrafeito pola acción de un unitarismo afogador, encamiñado a que na península prevaleza somentes o patrón e o xeito da nazonalidade que monopoliza o réximen asimilista, en mal hora imposto, contra toda lei e contra todo dereito, por aquel Fernando e aquela Sabela de funesta lembranza. N-istas condicións os galegos veñen a seren xurdios eispoñentes da laboura agostadora e perniciosa que unha orgaización política, que un réximen estatal cal o da Hespaña, contrario ao que os feitos naturaes recraman, ocasiona e detemiña.
Compre, por conseguinte, que os esforzos e traballos dos galegos bos, que son os que constituien a falanxe galeguista, s'enderecen decote e sen acougo a que o coñecimento da patria, atè nos mais cativeiros detalles, chegue a todos. Folletos, confrenzas, traballos divulgadores, conversas privadas, a todo se debe reclamare pra que o que a Galiza pode sere en todol-os aspectos a ninguén se lle oculte. Con iso se contrarrestará a laboura perniciosa, malvada, qu'encol de nós fixo perante tantos séculos o centralismo abafante e cuio froito principal é a abundosidade eisistente de galegos desleigados.
Y-eisí, faguendo que o coñecimento da patria galega chegue a todol-os seus fillos, ou pol-o menos ao maior número, se irá conseguindo que paseniño se desfagan os perniciosos prexuicios e que a Galiza se amostre a eles atal e como é e como pode ser, ou sexa axeitada pra abranguere a meirande vitalidade e puxanza a pouco qu'escomece a camiñare polo peado vieiro da liberdade.


