«Curros Enríquez, o poeta da libertade», artigo de R. Villar Ponte
¡A libertade! Eis o “leit-motiv” que se perfía e destaca ao longo de toda a obra do poeta nado en Celanova. Continuamente, como unha obsesión prisada no espírito de Curros Enríquez cando aínda tiña moi poucos anos, a arela de combatir sin acougo todo o que fose ou semellase crebamento de cadeas, derrubamento de obstáculos, oposición a coutamentos que impediran a ceibe manifestación da alma individual ou colectiva, anima e dá tono e cerne á labuora que Curros desenvolve ao longo do seu vivir. Fidel ao seu tencionamento altruísta de ser soldado arriscado de toda causa liberadora, os feitos de vivir de Curros, que as súas obras reflexan de xeito condigno e relevante, son todo un programa emancipador. Como o poeta de Weimar, que esporado polo afán de vivir reclamaba, ao chegar o seu pasamento: “¡Luz, máis luz!”, asemade o poeta de Celanova non deixa de berrar, con berros saídos do máis fondo: “¡Libertade, libertade!”, xa que a través de tódalas composicións súas, esa arela acoradora se fai presente, para non deixalos até o derradeiro da súa carreira vital.
Tal apetenza, tal degoiro de ceibar cadeas, e crebar grilóns coutadores - que iso e non outra cousa é o sentimento da libertade - se manifesta en Curros cando deschoe os seus ollos á luz. Sin gran arriscamento se pode afirmar que o degaro da libertade é conxénito co poeta das tríadas fungadoras.
Na poesía titulada “Introducción”, que abre as páxinas do libro Aires da miña terra, Curros canta a lingua vernácula con aquel seu fervor e aquel seu tono vibrante con que decote soupo producirse en gran parte da súa obra. E, honorándose, Curros di da lingua que será para el instrumento axeitado co que lles falará
da Patria ós desterrados
De liberdade e redención ós servos.
Mais cando Curros escribía estes versos, tempo faguía que el adeprendera a sentir o degoiro da liberdade e que, ao seu conxuro, el escomezara a expor na súas composicións como a arela alta o anceio perenne e firme do que seu faguer na vida, era traballar arreo, co esforzo invencíbel de un predestinado, para que ela, a libertade, chegase a todos - homes e pobos - e porque ela presidira as grandes decisións a se sucederen.
Curros decatándose de que na súa frente escintilea a estrela dos predestinados e escolleitos, da que el logo falou nos seus versos, sinte a necesidade de cantar. Mais os seus cantos non son de cote, os cantos ledos do triunfador, que adoitan deixaren nos labres a dozura vivificante e gorentadora. Son, con frecuenza de abondo, os cantos tristeiros do ilota que busca o consolo na exteriorización das súas mágoas. E son ás vegadas, como laios dóridos a saíren da entraña do servo, apreixado baixo a pouta de tódalas inxustizas, que prega, increpa e berra, aos catro ventos, para espertar a ollada agarimosa dos espíritos beneméritos abranguendo deles a perentoria e humanitaria axuda que terá de faguer o miragre:
E os galegos entangarañidos
vivirán desentangarañados.
E así el nos dá en herdo, esa xoia da poesía galega, o libro titulado Aires da miña terra. Nel a través das estrofas, xa macias e doadas como salaios aloumiñadores, xa broncas e fortes como imprecacións e berros de maldición, se pescuda de cote un afán perenne. Se pescuda aquel afán de levar aos que xemen, de proporcionar aos que sofren o consolo alentador e xeneroso da protesta altiva e berrante, desinteresada e altruísta que latexa en tódolos versos seus, a que el soupo acompasar cos feitos do seu vivir, que foi como un se entregar, pleo e sin reservas, á alta empresa de liberar servos, combatindo sin acougo toda clase de tiranías xa que como el di...
.... para querer nacín, todo caído
para dar a man a todo disgraciado.
Cal sucedeu a tódolos que a través do tempo se soergueron como paladíns acesos da libertade e soldados civís das máis nobres campañas - non por incruentas menos dignas que as outras, sinón todo o contario - Curros foi deixando após de si, anacos da súa carne e frangullas do seu espírito, sin que o azo ben temperado, se esvaíse en ningures. E así rematou o seu vivir con aquela altivez e aquela sereidade con que os vellos gladiadores ollaban a morte. Cicais porque despois dela, agardáballe sorrinte a gloria. E lle agardaba asemade, a veneración e o homenaxe perpetuo de tódolos que na súa penna tiveron unha baril defensa e nas estrofas dela sortidas, algo a xeito de continuas e vibrantes chamadas, para un loitar que se non pode rematar.
E si como di o distinto escritor Armada Teixeiro, gran amigo do poeta de Celanova, a súa composición “Alborada” foi a derradeira que Curros Enríquez adicou á nai Galicia, ela é broche de ouro con que se choe aquel faguer poético de Curros que o sentimento da libertade saturou decote, e que lle fai exclamar en versos rotundos:
¡Ouh, Libertá sagrada,
Alba de groria pr'o oprimido mundo,
Dos pobos deseada,
Que escravos viven en delor profundo!
Esparexa, querida,
D'escura noite as trévoas cenicentas,
De verdugos e déspotas garida,
E fuxen medoñentas,
Seguidas do seu lurdo aparello,
¡Diante de ti, as visiós do mundo vello!


