Especial

Escolma para ver e escoitar Física por Cibrán Santamarina Ríos

Nesta pequena escolma persoal observarás contidos accesibles e moi completos, guiados pola paixón por comunicar e as indubidables capacidades didácticas dos seus autores e autoras.

O audiovisual de Alejandro Vilar, físico e persoa excepcional e ademais un orador incrible, paréceme un bo xeito de comezar. Despois de oírmos falar sobre Hawking, propóñovos dedicar un tempo ás necesidades tecnolóxicas do CERN e a conceptos relacionados co seu labor. Atoparedes achegas sobre a física de partículas e a física cuántica, de moi sinxelo seguimento, e traballos dunha calidade divulgativa enorme como os de Xurxo Mariño, Jorge Mira ou o que escollo de Estíbaliz Espinosa, unha viaxe entre a lírica e a ciencia.

Confeso tamén a miña debilidade polos vídeos de Darío Lago e Xabier Pérez Couto; non sabería cal escoller, así que convídovos a ver as series completas ás que pertencen os que aquí recollo. Cómpre destacar o esforzo de ambos en producir material audiovisual de divulgación da física en galego, todo un luxo para a lingua galega.

Como non podía ser doutro xeito, Proxector potencia a visibilidade das científicas. Neste sentido, pareceume acaído inserir na escolma un vídeo que nos resume de xeito claro a traxectoria de Antonia Ferrín, astrónoma galega. Por outra parte, seleccionei unha entrevista a Jocelyn Bell organizada pola Agrupación Astronómica Ío. Ambos os recursos ilustran moi ben a fenda de xénero na ciencia: Bell podería ter acadado o premio Nobel pola súa achega ao descubrimento dos púlsares.

Podería elaborar outras escolmas. Esta que vos propoño ofrece recursos de calidade; excelencia académica; un recoñecemento aos espazos divulgativos, como o son os centros de ensino, as asociacións e os medios de comunicación; e curiosidades que aproximan a Física a todos os públicos, estimulando as vocacións científicas.

Cibrán Santamarina Ríos
Director do Departamento de Física de Partículas
da Universidade de Santiago de Compostela

Imaxe: CSIC

Vídeos

A Hipótese Nebular

Vídeo divulgativo (4´ 48´´) no que Xabier Pérez Couto nos fala dunha das teorías máis discutidas, aínda que tamén a máis plausible, sobre a creación do sistema solar: a Teoría Nebular. A Hipótese Nebular atribúeselle na súa orixe ao filósofo francés René Descartes, pero foi realmente desenvolvida un século máis tarde por Inmanuel Kant e formulada con moito máis detalle polo matemático Pierre-Simon Laplace. Nesta peza descubrirás, de xeito resumido, as principais ideas nas que se basea esta hipótese para explicar a orixe e posterior evolución do sistema solar.

A lei de indución de Faraday

Vídeo divulgativo (5´ 18´´) , emitido no programa Ciencianosa da TVG, no que Jorge Mira explica a lei de indución de Faraday. Michael Faraday descubriu que o movemento dun imán no seo dun circuito eléctrico xeraba unha corrente eléctrica. Este experimento da indución electromagnética abriu o camiño da transformación da enerxía mecánica en enerxía eléctrica e tivo importantes aplicacións industriais no campo da xeración de electricidade.

A luz máis antiga do Universo

Vídeo divulgativo (4´ 34´´) no que Darío Lago nos explica que na aparente escuridade da noite se agocha a luz máis antiga do Universo. Entenderás en que consiste exactamente a “radiación de corpo negro” e o acoplamento de radiación e materia que caracterizou as orixes do Universo. Así mesmo, descubrirás como se produciu o desacoplamento tras o Bing Bang e o que aconteceu con aquela luz primixenia.

Esta peza foi elaborada por O Son das Ideas e mais o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías e forma parte da serie "O amencer do cosmos", realizada coa finalidade de divulgar as orixes do Universo.

Conversa con Jocelyn Bell

Vídeo divulgativo (32´ 23´´), dirixido ao alumnado galego, que contén unha conversa coa astrofísica Jocelyn Bell (Irlanda do Norte, 1943), a quen lle debemos o descubrimento dos púlsares: estrelas de neutróns en rápida rotación que emiten radiacións moi intensas a intervalos regulares. A conversa, conducida pola tamén astrofísica galega Ana Ulla, foi organizada pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en 2020, no marco do XXIV Congreso Estatal de Astronomía.

Curiosidade polo «dark»

Vídeo (35' 36'') que recolle a intervención de Estíbaliz Espinosa, escritora, filóloga e membro da Agrupación astronómica Ío, no Naukas Coruña 2017.

Nela, reflexiona sobre a curiosidade que irmanda ciencia e humanidades. A fascinación pola vida, polo Universo, polo espazo que nos rodea. Que contan a literatura ou a arte sobre iso?

E Hawking dixo: fágase a luz!

Charla divulgativa (1h 37´ 34´´) na que Alejandro Vilar López, investigador predoutoral do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) , nos fala da determinante contribución científica de Stephen Hawking, probablemente o físico teórico máis popular dos últimos 50 anos, ao estudo das orixes do Universo.

A charla tivo lugar o 14 de maio de 2020 no marco do ciclo de charlas divulgativas en liña «Universo peregrino: ciencia galega cara o mundo», organizadas polo IGFAE da Universidade de Santiago de Compostela.

Galegas na ciencia: Antonia Ferrín Moreiras

Vídeo divulgativo (2´ 14´´) no que Carmela Cela nos presenta a biografía da científica galega Antonia Ferrín Moreiras (Ourense, 1914 – Santiago de Compostela, 2009). Con estudos universitarios en diferentes áreas do coñecemento (químicas, farmacia, maxisterio e matemáticas), a nosa protagonista pasou á historia por ser a primeira astrónoma galega e a primeira muller en España en presentar unha tese doutoral na área da astronomía. Nesta peza preséntase un breve perfil biográfico desta pioneira galega.

Lei dos gases

Vídeo divulgativo (1´ 30´´) no que Rosalía Agra Otero, alumna do IES Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda, nos presenta brevemente a ecuación dos gases ideais, que condensa estas tres leis dos gases: a de Boyle-Mariotte (que ten a temperatura constante), a de Gay-Lussac (co volume constante) e a de Charles (coa presión constante). Tamén descubrirás como podes comprobar de xeito práctico a Lei de Charles metendo unha botella baleira no conxelador.

Este foi un dos traballos finalistas da primeira edición do concurso "Petiscos de ciencia" (2022), organizado pola Facultade de Ciencias e o Servizo de Normalización Lingüística da USC.

O estrambótico mundo cuántico

Vídeo (56' 47'') que recolle a cuarta charla do ciclo de divulgación científica "Achegando a ciencia", que organiza o colectivo Caladiños. Nela, o físico Cibrán Santamarina fala sobre física cuántica e o sorprendente "mundo do pequeno".

Partículas de longa vida

Vídeo didáctico (3´ 41´´) que che axudará a entender que é a física de partículas, así como algúns dos seus principais conceptos. A presentación céntrase en concreto nun tipo específico de partículas denominadas de "Longa Vida" (ou LLP, nas súas siglas en inglés) e no detector Codex-b, desenvolvido no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) en colaboración con outros centros de investigación internacionais.

Retos tecnolóxicos do CERN

María Caseiro e Juan García cóntannos neste vídeo divulgativo (4´ 39´´) cales son as necesidades tecnolóxicas do CERN (o Consello Europeo para a Investigación Nuclear), no que se refire á cantidade de datos que producen os experimentos e como iso ten que ser procesado e almacenado cos sistemas de computación dispoñibles .

Esta peza resultou gañadora do V Concurso de Comunicación Científica do IGFAE, organido en 2022 polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías.